Xoves, 7 Agosto de 2025

Nigrán tramita a concesión dunha licenza para construir unha residencia de maiores en Porto do Molle

0

O Concello de Nigrán tramita oficialmente desde inicios de mes de novembro a petición de licencia da firma compostelana ‘Argenta Capital S.L.U.’ para construír unha residencia de maiores en Porto do Molle con capacidade para 90 usuarios. Esta ubicarase na futura zona de servizos e ocio recreativo do parque empresarial, entre a rúa do Xial e Barreira, nunha parcela de 4.229 metros cadrados. O orzamento total deste proxecto ascende a case 3 millóns de euros, correspondéndose 1,6 millóns a esta construción cuxa edificabilidade total ascende a 2.429 metros cadrados distribuídos en tres plantas (sótano, baixa e primeira) e 340.000 € ao terreo.

“É unha boísima nova para Nigrán porque gañaremos dentro do noso  municipio prazas asistenciais, algunhas delas concertadas, e ao mesmo tempo xerará emprego”, subliña o alcalde, Juan González, en referencia a escasez de oferta pública en toda a comunidade e á previsión de xerar mínimo 30 postos de traballo directos. “Para min é especialmente importante que as persoas maiores de Nigrán non se teñan que desvincular da súa contorna trasladándose a residencias de fora incluso do provincia como está a acontecer, esto tamén forma parte de o Nigrán para todos que estamos a construír”, sinala.

Polo que respecta á distribución, consta de soto, pranta baixa e primeiro andar. Na pranta baixa ubícase a área de dirección-administración que inclúe unha zona de recepción e outra de despacho de recepción e tamén se proxectan 15 dormitorios dobres, salas de convivencia, comedor, zona de rehabilitación, aseos, enfermería, cocina, almacén… Nesta pranta hai porche e acceso lateral ao xardín. Xa no primeiro andar sitúanse outras 30 habitacións dobres, comedor, aseos e despacho. Todos os dormitorios da futura residencia miden 17,5 metros cadrados e os seus correspondentes baños 5,05. Finalmente, no soto ubícase a lavandaría, mortuorio, vestiarios de persoal e zonas de almacén.

Centro Social para maiores

Paralelamente, mentras os servizos técnicos tramitan a licencia, o Concello está a construír un centro social para maiores nas antigas casas dos mestres de Vilameán, en pleno núcleo urbano. Os traballos, cun orzamento de 110.064 € incluídos no Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, estarán rematados a inicios de ano. Ata agora este espazo era empregado como almacén de alimentos dos Servizos Sociais, trasladándose esta función a antiga casa do conserxe do CEIP Humberto Juanes grazas ás facilidades dadas pola dirección do centro.

O goberno local tomou a decisión de cambiar o seu uso despois de que un nutrido grupo de mulleres trasladase o ano pasado ao alcalde, Juan González, a súa demanda de máis servizos destinados aos maiores no propio centro urbano. Tras manter diversos encontros co rexedor e co arquitecto redactor o proxecto contempla as súas principais peticións: dispor dun lugar adaptado e confortable destinado á convivencia e onde, ao mesmo tempo, poidan manter reunións, consultar a prensa ou internet e realizar actividades.

Os Reis Magos visitarán todas as parroquias de Ponteareas

Os Reis Magos xa están no medio da súa marcha para chegar a Ponteareas o vindeiro luns. Na vila do Tea iniciarán un percorrido, acompañados de música de agrupación ponteareáns, por todas as parroquias con 30 paradas para coñecer a toda a veciñanza de Ponteareas. Desta maneira, o Concello facilita que os e as ponteareáns poidan desfrutar da visita dos Reis sen aglomeracións e cerca da casa.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destaca que no Concello “queremos que os Reis Magos volvan desfrutar das nosas parroquias e da nosa xente sen deixar a ninguén atrás e dunha maneira segura e cómoda”. O edil pide á veciñanza que soamente acuda a ver aos Reis ao punto máis próximo ao seu domicilio e lembra que levarán agasallos e caramelos para todos e todas.

O luns día 3 o percorrido dos Reis comezará ás 11.30 horas no Centro Cultural de Cumiar, seguirá polo Teleclub das Cortellas, logo chegarán ao Torreiro de Paredes (11.50 h) para seguir polo Centro Cultural de Guillade (12.00 h), Centro Cultural de Fozara (12.20 h), Teleclub de Celeiros (12.40 h), Igrexa de Pías (13.00 h), Centro Cultural de Fontenla (13.20 h), Centro Cultural de Prado (13.30 h), Centro Cultural de Cilarga en Ribadetea (16.00 h), Centro Cultural de Arcos (16.00 h), Igrexa de Padróns (16.30 h), Campo de fútbol de Santiago Oliveira (16.45 h), Centro Cultural de Ribadetea (17.00 h), Torreiro de San Lourenzo (17.15 h) e Centro Cultural de Bugarín (17.40 h).

O martes 4 os Reis chegarán ao Centro Cultural de Couso en Guláns e ao Centro Cultural de Nogueira ás 11.30 horas, logo chegarán á estrada vella de Bouzalonga en Xinzo (12.00 h), Centro Cultural Cristiñade (12.00 h), Centro Cultural de Xinzo (12.30 h), Centro Cultural de Guláns (12.45 h), ao terreiro de Parada en Xinzo (13.15 h), Igrexa de Arnoso (13.30 h), Local Social de Canedo (16.00 h), Centro Cultural de Morreira (16.00 h), Centro Cultural de Areas (16.45 h), Igrexa de Angoares (16.45 h), parque Bouza Vella de Areas (17.30 horas) e Centro Cultural de San Mateo (17.30 h).

A Gran Cesta de Nadal do comercio de Chapela, xa ten gañador

0

José Manuel Alonso González é o gañador do sorteo da Gran Cesta de Nadal logo de mercar unha rosa para a súa dona e catro papeletas na Floristería Vidal. O número dunha desas papeletas –o 02252– foi o agraciado durante o sorteo presencial celebrado no Pavillón de Chapela no que estaba presente a concelleira Olga García Ballesteros.

Cómpre lembrar que, inicialmente, o boleto premiado sería aquel que as súas catro últimas cifras coincidisen co Sorteo de Nadal da Lotería Nacional. Ao quedar esa papeleta sen vender, as e os comerciantes decidiron, con bo criterio, facer un novo sorteo presencial.

As persoas interesadas non tiñan máis que poñer os seus datos pola traseira das papeletas mercadas e depositalas na urna situada na Farmacia Loli para, posteriormente, no sorteo celebrado no Pavillón de Chapela, sacar a que sería premiada coa Gran Cesta. Foi, finalmente a papeleta 02252 de José Manuel Alonso a gañadora e a que lle permitirá levarse a súa casa un gran número de agasallos.

O comercio de Chapela recadou, a través desta iniciativa solidaria, un total de 4.210 euros que serán entregados á Cruz Vermella que os transformará en vales compra para as familias máis necesitadas desta populosa parroquia redondelá.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, felicitou ás e aos comerciantes “pola súa solidariedade” e asegurou que “son un exemplo a seguir”. “Que un dos sectores máis golpeados pola crise da Covid sexa capaz de sobrepoñerse aos seus propios problemas e busque axudar aos máis necesitados, ten que facernos recapacitar a todos sobre a forma en que podemos contribuír a axudar as persoas que nos rodean”, afirmou.

Entran en vigor as medidas do Concello de Salceda de Caselas para paliar os efectos da subida do IBI

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas ven de aprobar por unanimidade as medidas fiscais encamiñadas a minimizar as consecuencias e corrixir as inxustizas derivadas do procedemento simplificado de valoración catastral iniciado pola Dirección Xeral de Catastro no Concello de Salceda.

En concreto o goberno municipal puxo en marcha cinco medidas durante todo o proceso:

  1. Creación da oficina de atención á veciñanza
  2.  Ampliación do prazo para a presentación de recursos
  3.  Aprazamento dos atrasos
  4.  Baixada do tipo impositivo do 0,5% ao 0,4%
  5.  Bonificacións e exencións   

Estas últimas medidas consisten na modificación da Ordenanza Fiscal nº21, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, sendo a baixada do tipo impositivo que pasa do 0,5% ao 0,4%, a exención de todos os recibos de menos de 7 euros e a bonificación do 90% que afectará a máis de 10.000 parcelas, as que teñen un impacto directo sobre a economía da veciñanza.

 As parcelas sen construción susceptibles destas bonificacións son por un lado as que teñen aplicado por catastro o coeficiente corrector “G” e contan con menos de 450 metros cadrados de superficie, e por outro lado as que teñen aplicado por Catastro o coeficiente corrector “H” por inedificabilidade temporal.

Estas bonificacións poderán solicitarse anualmente antes do 1 de xaneiro do exercicio no que deba surtir efecto, pero excepcionalmente para este primeiro ano de aplicación o prazo de solicitude amplíase ata o 1 de marzo de 2022.

Nos próximos días farase chegar á todas as vivendas as instrucións e o modelo de solicitude, que se pode atopar na páxina web do concello, e que deberá ser entregada no rexistro xeral ou a través da sede electrónica.

Estamos ante a aprobación da maior bonificación do IBI da historia do Concello de Salceda e de todos os Concellos da contorna, que dará cabida a máis de 10.000 parcelas que se atopan en situación de inedificabilidade pero dentro do núcleo, e nas que dende sempre  consideramos que se producían as situacións mais inxustas.

Estas medidas fiscais van a ter un importante impacto nas contas municipais, pero ante un procedemento desta magnitude o equipo de goberno demostra unha vez máis estar ao lado da veciñanza aportando solucións.

Un calendario para homenaxear o traballo das mulleres do Rosal

0

As mulleres traballadoras do Rosal serán as protagonistas do calendario 2022 do Concello. Unha profesión cada mes é a estrutura que elixiron na Consello de Igualdade municipal para pór en valor o traballo das rosaleiras na historia e tamén na actualidade. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, destaca que “con este calendario queremos homenaxear as nosas mulleres mentres educamos en igualdade”, ao tempo que dá “os parabéns a Angelina Gándara, Rosa Maceiras, Noemí Baz, Moncho Leal e a Sara Vicente, persoas que integran a Comisión de Igualdade, polo seu gran traballo”.

En cada mes do calendario hai unha gran fotografía que representa a unha muller ou a un grupo de mulleres do Rosal traballando. Así xaneiro está adicado ás argaceiras, febreiro ás mestras, marzo ás matronas cunha fotografía de Xulia Suárez, rosaleira que reivindicou os dereitos das mulleres durante e despois do franquismo, abril ás condutoras de autobús coa mención á Silvia, a primeira muller condutora de autobús do Baixo Miño, maio ás costureiras, xuño ás traballadoras da terra, agosto ás que traballan con maquinaria no agra, setembro ás percebeiras, outubro ás tendeiras, con especial mención a Adela Álvarez, un exemplo de muller dinamizadora da colectividade dende un ámbito rural como a parroquia de Fornelos e autora de diversas pezas poéticas en galego, novembro ás artistas, representadas na figura Rufina Domínguez, actriz declamadora do Rosal que foi represaliada polo Franquismo, e decembro ás menciñeiras.

O calendario tamén inclúe información e definicións sobre igualdade, violencia de xénero e teléfonos de interese para mulleres que sufran violencia machista. “Queremos que o almanaque sexa un lugar para educarse en igualdade e que tamén informe ás mulleres, de xeito rápido e sinxelo, dos recursos que teñen da súa man en caso de sufrir violencia por parte das súas parellas.

O Concello pediulle aos Reis Magos que sexan os primeiros repartidores dos calendarios no  percorrido que realizarán o vindeiro día 5 de xaneiro por todos os barrios do Rosal. Despois dese día, todas as persoas que o desexen poden visitar o Concello e solicitar un de maneira totalmente gratuíta.

Obradoiros de “teatro para a vida” no Auditorio V Centenario de Baiona

0

A aula de Teatro de Baiona oferta dous obradoiros de “teatro para a vida”. As persoas interesadas poderán participar nos mesmo en horario de mañá, os martes de 11:00 a 12:30 horas, ou de tarde, os xoves de 20:00 a 21:30 horas.

Baixo o título “teatro para a vida” traballarase a comunicación oral, a expresión corporal, a improvisación…entre outras técnicas, traballaranse ferramentas para o día a día non só para subirse ao escenario.

Os obradoiros desenvolveranse no Auditorio V Centenario. Máis información no correo electrónico [email protected] / 638 186 112

A Deputación publica ‘O fío vermello’, un libro 100 % feminino

A Deputación de Pontevedra vén de poñer a disposición do público un novo libro da Colección Cíes, ‘O fío vermello’, que recolle o traballo realizado na IX edición do Obradoiro de Tradución Poética de San Simón, unha edición moi especial por terse celebrado en liña debido á pandemia e por ser cen por cento feminina, dende a totalidade da participación, ata o deseño gráfico pasando pola coordinación.

A presentación da publicación tivo lugar no vestíbulo do Arquivo da Deputación coa presenza da deputada responsable do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega e a xefa do servizo Ana Vicente, que destacaron a satisfacción da Deputación por continuar coa edición de traballos de tanta calidade e pola divulgación das últimas prácticas poéticas a nivel internacional co galego como lingua base.

Na presentación estivo presente a coordinadora lingüística e autora do limiar do libro, Lara Pazos, quen salientou que a publicación é unha pequena mostra da obra das poetas participantes e a súa tradución ao galego, “unha sorte de dobre arquitectura na lingua orixinal e mais na nosa”.

Apuntou que por vez primeira se coñecen a través do galego poemas da poeta chinesa Zhou Zan, “que baixo unha aparente simplicidade cuestiona o xeito no que vivimos e configuramos a nosa identidade”; unha mostra da obra da italiana Laura Accerboni, “que cos seus versos esgazadora, achega o rostro máis cruel da sociedade humana, especialmente a occidental”; unha selección de pezas nos que a polaca Grazyna Wojcieszko fala de “desexo, do onírico e da nosa relación coa natureza sen renunciar á sorna”; unha escolla “descarnada” de poesía da catalá Laura Malo, “que desde unha ollada feminista atravesa a conformación da identidade, a maternidade ou o desexo”; e unha mostra do universo simbólico da eslovena Barbara Pogacnik, “que atende tamén á conformación da identidade e reflexionaa sobre as prioridades como sociedade e como individuos”.

Segundo a tradutora Dopazo, o libro foi un resultado dun proceso “no que tecemos non só palabras, senón un camiño. Tendemos un fío vermello que uniu as nosas distancias como illas prendidas no medio do mar”, dixo, para explicar que dese fío vermello tomou nome o volume, sendo unha das conversas máis interesantes do traballo conxunto como traducir ás diferentes linguas ‘o fío vermello’ para que mantivese a cor, a referencia mitolóxica ás Ariadnas e os labirintos e o significado de fío condutor.

O traballo de ‘O fío vermello’ estivo guiado, dixo Dopazo, “pola nosa barqueira particular”, Yolanda Castaño, responsable da coordinación do obradoiro e editorial. A propia Castaño subliñou a importancia da Colección Cíes para “testar a actualidade poética no mundo a través da nosa lingua, facendo do galego a lingua anfitrioa para compañeiras de Eslovenia, Polonia, China, Italia e Cataluña.

A poeta e xestora cultural subliñou “o orgullo” ver que cada edición dos obradoiros ten personalidade propia: “Esta foi especial pola complicidade sororal”, dixo, ao facer unha edición toda feminina, “mesmo aproveitando algunhas dificultades de conciliacións que tiñan algunhas poetas por ser nais ou ter traballos absorbentes. Atoparon todos os días da semana ocos para poder poñermos en común o traballo”.

Castaño subliñou tamén que se existían certas prevencións de que o obradoiro en liña podía resultar máis difícil, máis frío ou máis farragoso a través das pantallas e a videoconferencia “puidemos comprobar felizmente que a complicidade sororal funcionaba e facía fluída a colaboración a atención, xa que o respecto entre elas era máximo e exquisito e creouse unha pequena comunidade moi emocionante”.

A coordinadora subliñou, así mesmo, que cada edición “vai achegando algo e mellorando e subindo o nivel. A día de hoxe a través da Colección Cíes e dos libros froito deste obradoiro pódese asistir a unha colección de poéticas do mundo realmente magnífica”. 

O Goberno local do Porriño inicia un Plan de Mellora e Acondicionamento do Viario Municipal”

O alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo, anunciou desde Mosende que o novo goberno municipal “acometerá un Plan de Mellora e Acondicionamento do Viario Municipal”.

O rexedor que situou este plan como “un dos obxectivos prioritarios da acción de goberno” acudiu ata Devesa-Mosende en compañía dos concelleiros Ramón Porto, José Carlos González e Bienvenido Estévez e da arquitecta municipal.

Segundo Alejandro Lorenzo, “cómpre identificar os problemas e marcar prioridades para arranxar as estradas e camiños do viario municipal, con cargo ao próximo orzamento”, apuntou. O novo goberno municpal iniciou varios proxectos para a mellora de numerosos viais nas parroquias e no centro urbano”. 

Alejandro Lorenzo considera que “é moi importante que a cidadanía do Porriño que paga os seus impostos teña cubertos e axeitados os servizos básicos e esenciais. Esa é unha das nosas prioridades no goberno municipal do Porriño”, rematou o alcalde.

A Banda de Música Popular de Tui ofrece hoxe o Concerto de Fin de Ano no Teatro Municipal

A Banda de Música Popular de Tui ofrecerá hoxe xoves, 30 de decembro, ás 21.30 h o concerto de Fin de Ano no Teatro Municipal de Tui. O evento contará con todas as medidas de seguridade derivadas da actual normativa sanitaria e no acceso requirirase ás persoas asistentes o certificado covid de contar coa pauta completa de vacinación, ter superado a enfermidade ou certificado de proba negativa.

Baixo a dirección de Eloy Carrera a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá un concerto divido en dúas partes. Na primeira ofrecerán “Música y vinos” de Manuel Morales, “At’s World End” de Hans Zimmer e “The ghost ship” de Alberto Pina. A continuación xunto á cantante Livia Leal Caneiro a agrupación tudense interpretará “Lela” con arranxos de Susavila e tres temas de Frank Sinatra con arranxos de Manuel María. Rematarán xa con composicións navideñas coma “Last Christmas” e a “Marcha Radetzky”.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, enviaba unha mensaxe de tranquilidade indicando que “a cultura é segura” xa que o concerto se realiza seguindo o protocolo covid establecido e requirindo o certificado covid tanto ao público asistente coma a todos e todas os e as integrantes da Banda de Música Popular de Tui. Todos os músicos actuarán con máscara, salvo os intérpretes de instrumentos de vento, e colocaranse coa distancia entre eles establecida na normativa.

As entradas para o concerto son gratuítas e poden reservarse en www.tui.gal até 10 minutos antes do comezo.

O alcalde da Guarda recibe ao Guardés, Jochi Vicente, Ministro de Facenda da República Dominicana

0

Na xornada do xoves día 30 de decembro o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, recibiu no Concello da Guarda a Jochi Vicente, Ministro de Facenda da República Dominicana.

Este encontro, no que ámbolos dous conversaron sobre diversos temas de maneira distendida, enmárcase na visita familiar que Jochi Vicente realiza estes días en terras galegas, xa que é de descendencia guardesa.

Jochi Vicente é un destacado economista, graduado Summa Cum Laude na Pontificia Universidad Católica Madre y Maestra (PUCMM), especialista na industria de consultoría financieira e de xestión.

Vicente posúe fortes habilidades profesionais en negociación, planificación de negocios, negocios internacionais, desenrrolo corporativo e fusións e adquisicións.

Ten ocupado as posicións de director do “Consejo Nacional de la Empresa Privada (CONEP)”, presidente da “Cámara de Comercio y Producción de Santo Domingo” e da “Asociación Nacional de Jóvenes Empresarios (ANJE)” na República Dominicana, sendo Ministro de Facenda dende agosto do ano 2020.

Antonio Lomba agradeceu a súa visita e aproveitou esta oportunidade para recordar os lazos que unen á vila da Guarda coa República Dominicana, grazas a súa historia e ao irmanamento existente, entregando tamén nesta ocasión algúns agasallos vencellados á nosa vila ao Ministro. En palabras do alcalde: “é un orgullo para nós saber que os fillos da nosa vila, aínda tendo cargos de moita responsabilidade, como no caso de Jochi, non esquecen as súas raíces e aproveitan as ocasións que teñen para visitarnos”.

Redondela pon en marcha o programa ‘Maiores en Movemento’ con catro actividades

0

O Concello de Redondela poñerá en marcha, neste vindeiro ano, o programa ‘Maiores en Movemento’, unha iniciativa pioneira –aposta persoal da alcaldesa Digna Rivas–, que se desenvolverá por primeira vez en todas as parroquias do municipio e que está formada por catro actividades: Memoria Activa, Maiores en Redes, Xerontoximnasia e Tai Chi na rúa.

Maiores en Movemento non só busca a mellora da saúde física das persoas participantes (xerontoximnasia e Tai Chi na rúa), senón tamén a prevención do deterioro cognitivo a través das actividades de Memoria Activa e o aproveitamento das novas tecnoloxías “habilidades que lles permitirán realizar xestións, obter información, manterse en contacto con amigos e familiares e seguir vivindo na súa contorna”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

O programa, cunha transversalidade que busca o Goberno socialista de Redondela en todas e cada unha das actividades que realiza, promoverá en todas as súas actividades a igualdade efectiva entre mulleres e homes, eliminando roles e estereotipos que promovan a discriminación. Ao igual que se fixo co programa Mulleres en Rede, Maiores Movemento busca achegar a actividade aos núcleos parroquiais “conseguindo que as e os nosos maiores poidan realizar, por unha banda, actividades nun entorno familiar e coñecido e por outra, evitar desprazamentos”.

As actividades de Xerontoximnasia, Memoria Activa e Maiores en Redes, realizaranse en horarios pactados coas asociacións das distintas parroquias. A actividade de Tai Chi, terá lugar só en Chapela e Redondela durante os meses de xullo e agosto.

O programa está aberto á participación das persoas maiores de 55 anos ou daquelas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual o superior ao 33 % sempre que o seu estado de saúde permita a súa participación en ditas actividades. No caso houbera prazas baleiras non cubertas por estes dous grupos, abriríase á participación a persoas que se atopen en especial situación de vulnerabilidade social.

“Buscamos con estas actividades que as e os nosos maiores poidan gozar dunha maior calidade de vida” asegurou a alcaldesa Digna Rivas quen lembrou que “posúen uns coñecementos e unha experiencia acumulada ao longo da súa vida, que é de extraordinaria utilidade para o futuro do municipio. As nosas e os nosos maiores aínda teñen moito que aportar á sociedade e, polo tanto, é a nosa obriga poñer todo canto estea nas nosas mans para garantir a súa saúde e benestar”, afirma.

Finalmente Rivas adiantou que as actividades programadas poden sufrir variacións dependendo “das disposicións de seguridade sanitaria que diten as autoridades competentes na materia”. En todo caso, insistiu, “por parte do Concello adoptaranse todas as medidas para que as e os nosos maiores poidan gozar destas actividades de xeito completamente seguro e seguindo un estrito protocolo de seguridade sanitaria”, concluíu a alcaldesa redondelá-.

Nigrán actualizará as principais estacións de bombeo de augas residuais

0

O Concello de Nigrán renovará as súas principais estacións de bombeo de augas residuais co obxectivo de acadar un aforro enerxético medio do 23% en cada unha segundo os derradeiros estudios da concesionaria Aqualia. Esta acción supón un investimento de154.063 € grazas a un convenio coa Deputación ao abeiro das convocatorias do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), cuestión que foi aprobada no pleno ordinario deste luns 20 de decembro. Concretamente, o IDAE aportará 123.251 €, a Deputación 10.000 € e o Concello 20.812 €.

Desde a Deputación iniciouse esta semana a tramitación e xestión do proxecto, que deberá estar executado antes do 31 de xullo de 2023 e que na práctica supón a substitución das 22 bombas sumerxibles das estacións de Ramallosa, Avenida Portugal, pistas de tenis de Gaifar, Madorra, Panxón, Pescadores, Canas e Camiño Golada. Ademais da instalación de equipos cun deseño innovador e con motores eficientes que proporcionan aforros evidentes no consumo de enerxía grazas ao seu alto rendemento, os novos equipos maximizarán a súa vida útil (os actuais contan con vinte anos de antigüidade) e redundarán nuns menores custos de operación e mantemento. O certo é que os novos xeitos de consumo da sociedade  non son alleos ás augas residuais, onde cada vez se poden atopar máis toalliñas hixiénicas, máscaras, compresas… cuestión pola que cada vez é máis preciso contar con equipos altamente eficientes para xestionar sen problemas estes sólidos e materiais fibrosos.

“En definitiva, trátase dunha importante acción de cara a reducir as emisións de CO2 a atmósfera nun 40% de aquí a 2030, tal e como se comprometeu o Concello a través do Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’, o que supón que se deixarán de emitir 23.271 toneladas á atmósfera”, explica o alcalde, Juan González.

Os Bombeiros rescataron á dúas mulleres do balcón da vivenda, onde permanecían refuxiadas tras declararse o incendio

0

Onte ás 18:54 produciuse un incendio nunha vivenda unifamiliar en Campo do Mouro, en Mouriscados, no concello de Mondariz, no que se atopaban dúas señoras atrapadas no balcón do primeiro andar.

Ao chegas os Bombeiros de Ponteares, atoparon a unha muller de avanzada edad no balcón da vivenda, á cal teñen que rescatala por enriba do cambión de Bombeiros debido a que, dada a súa nula movilidade, non podía baixar pola escaleira e a vivenda estaba chea de fume e lume.

A súa filla xa fora rescatada grazas á colaboración dun veciño, que levou unha escaleira para que baixara. Tanto as propietarias da vivenda como o veciño, foron trasladados ao hospital por inhalación de fume.

Unha vez evacuados procedeuse coa extinción do incendio, xunto coa colaboración dos Bombeiros do Porriño, dado por finalizado ás 23:50. Ardeu a planta baixa e a primeira da casa por completo con todos os utensilios do seu interior.

Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia para informar dunha casa ardendo e asegurando que había dúas mulleres atrapadas no balcón do inmoble e que precisaban axuda para saír.

Así, con estes datos, desde o 112 Galicia  informouse decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Baixo Miño, aos membros do GES-SPEIS Ponteareas, á Garda Civil e á Policía Local. Do mesmo xeito foron informados os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea, que tamén se desprazaron axiña ata o lugar.

O PBB móvese e xoga para os nenos de Bangui

O material humanitario recollido polo “Porriño Baloncesto Base” (PBB) no marco da campaña solidaria de Nadal saíu antonte do pavillón municipal do Porriño con destino a Bangui.

Este Nadal o PBB decidiu moverse polos nenos e nenas de Bangui, capital da República Centroafricana que, pola difícil situación que atravesa o país, enfróntanse a duras condicións de vida.

Pablo, socio do PBB e pai de dous dos seus xogadores, Xabi e Abel, está neste país por motivos laborais, participando como militar nunha misión da Unión Europea. Foi el quen lles trasladou aos seus compañeiros de club as duras condicións de vida que atravesa Bangui, e concretamente, o orfanato dun dos barrios máis deprimidos da cidade. Os máis pequenos que viven nel carecen do básico.

Durante a campaña instalouse no pavillón un punto de recollida onde todos os que quixeron contribuír deixaron as súas achegas: material escolar básico, xoguetes, roupa e calzado infantil e material deportivo.

Agora son os militares os que se encargan do transporte

Dende o club porriñés explicaron esta iniciativa solidaria nestes termos: “Como vivimos nun mundo global onde todo está conectado, non podíamos perder a chamada de Pablo. Os nenos necesitaban unha axuda que lles puidese enviar dende España e non o dubidamos, puxemos en marcha á Familia PBB”

“Todas as achegas suman por pequenas que sexan. O noso obxectivo era mellorar un pouco a vida destes nenos e que se sintan membros da familia PBB que non coñece fronteiras”, engadiu o club. Dende a directiva concluiron “agradecendo a solidariedade de todos e todas as persoas que se sumaron a esta campaña. Xuntos conseguímolo”.

Mos remata o ano coa renovación do contrato do SAF

0

O Pleno do Concello de Mos aprobou en Pleno por maioría dos seus membros (todos os votos a favor agás o de GañaMos en contra) a adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar que seguirá a prestar a mesma empresa que o facía ata o de agora.

O prezo polos 2 anos de duración inicial do contrato (con posibilidade de prórroga a outros 2 anos máis de servizo) é de 2.208.849,45 euros. O prezo/hora, IVE incluído, ascende a 17,04 euros.

O Concello mosense é punteiro no SAF, no que actualmente conta con 62 traballadoras que atenden a 116 usuarios/as, e casi 65.000 horas anuais de servizo, fronte a concellos con máis habitantes e coa metade de horas.

O obxetivo deste contrato que supera o orzamento anual de 1 millón de euros é mellorar a vida das persoas usuarias, posibilitar que sigan vivindo no seu domicilio e no seu entorno, e que sigan a ter as súas relación familiares e sociais.

Valoráronse tamén no novo prego de condicións os servizos complementarios destinados a mellorar a calidade de vida dos enfermos como por exemplo axudas técnicas tales como camas articuladas, grúas, cadeiras de rodas, de ducha, discos xiratorios… Servizos como o de podoloxía, fisioterapia, terapia ocupacional, limpeza de choque…

Con este novo contrato adxudícase un servizo para un total de 64.831 horas de servizo anual de 2 anos de servizo máis 2 de prórroga; é dicir 4 anos de prestación de servizo.

A alcaldesa de Mos e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, explicaron a este respecto que “no novo prego de condicións recolléronse todas aquelas propostas que os técnicos municipais consideraron viables e que optimizarán e implementarán o servizo; tales como máis axudas técnicas, máis EPIs, o servizo de terapia ocupacional, etc. E outras moitas suxerencias relativas a temas de máxima prioridade en persoal de este sector tales como as medidas de protección integral contra a violencia de xénero en caso de traballadoras do SAF vítimas de violencia de xénero, ou material de prevención de riscos laboráis”.

“Renovamos polo tanto o contratro do Servizo de Axuda no Fogar, un contrato acorde a un Concello como o noso”, destacaron as representantes municipais Arévalo e Cebreiro, “un Concello punteiro no SAF no que actualmente contamos con 62 traballadoras que atenden a 116 usuarios/as, casi 65.000 horas fronte a concellos con máis habitantes e coa metade de horas. Na actualidade non temos ningunha persoa de grado 3 e 2 en lista de espera”.

E é que o Concello de Mos é un dos municipios galegos con máis horas anuais de SAF, xa que outros municipios con 15.000 habitantes ao igual que Mos, contan con menos da metade de horas.

O Concello arranca a campaña “O noso comercio é parte de ti. Merca aquí, Ponteareas gaña”

O Concello de Ponteareas quere incentivar as compras no comercio local co lanzamento da campaña “O noso comercio é parte de ti. Merca aquí, Ponteareas gaña”. Durante a presentación desta iniciativa, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destacou o traballo da Federación do comercio, hostelería e servizos Banastra para axudarnos a sacar adiante “esta campaña en positivo, orixinal, pedagóxica e eficaz para promocionar o noso comercio”.

A campaña de promoción iníciase coa distribución de 5.000 dípticos e 500 carteis onde se recollen as virtudes do comercio local para animar ás persoas consumidoras a facelo en Ponteareas. Na campaña saliéntase que “no comercio local hai de todo, de calidade e confianza e co mellor servizo e a mellor atención”, ademais de poñer en valor que “todo o comercio está a man e a poucos minutos, nun entorno agradábel con áreas peonís para mercar paseando e con facilidades para estacionar de balde en aparcamentos e rúas con zona azul”.

A alcaldesa, Cristina Fernández, explicou que a campaña é o resultado “do compromiso e do acordo acadado entre o goberno e as asociacións de comerciantes nunha reunión celebrada o 2 de decembro pasado”. Nese encontro, sinala a alcaldesa, “todos estivemos dacordo en que era necesario emprender unha campaña de promoción do comercio local concienciando á poboación das súas virtudes  así como dos efectos positivos que para o comercio conlevará o novo modelo de vila e de mobilidade”. Cristina Fernández salientou a “responsabilidade e seriedade” da asociación maioritaria de comerciantes, Banastra, frente á Asociación minoritaria que se desmarcou do acordado e realizou a súa propia campaña transmitindo unha imaxe negativa de Ponteareas.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, destacou que o comercio local “atende as nosas necesidades, son persoas que coñecemos como veciños e veciñas, son os que pagan impostos aquí para ter mellores servizos, danlle vida ás nosas rúas e prazas e crean moito emprego”. Por iso, en palabras da concelleira, o lema da campaña é “mercando aquí gaña Ponteareas, non só os e as comerciantes, senón toda a poboación, a diferenza do que acontece cando concentramos os beneficios das nosas compras en poucas mans e en lugares alleos a nosa vila e ao noso país”.

Eva Gil tamén engadiu que a campaña non se vai quedar só nunha acción de Nadal. “Vai ser continua e permanente e contará con varias fases, con novos materiais e novas mensaxes dirixidas a concienciar á poboación das consecuencias que ten mercar en plataformas de multinacionais produtos que podemos atopar en Ponteareas”.

Un modelo de mobilidade e de vila

O concelleiro de Mobilidade, Roberte Mera, tamén destaca que a campaña dá a coñecer o modelo de vila que é Ponteareas. Os dípticos e os carteis inclúen  todos os aparcadoiros e rúas con zona azul que ofrece Ponteareas, que suman máis de 2.000 prazas de estacionamento diarias, sen contar o resto de aparcadoiros en calzadas. Ademais, tamén informa sobre a posibilidade de acceder en vehículo ás áreas peonís cando é realmente necesario, para recoller compras voluminosas ou pesadas ou para persoas con mobilidade reducida. Mera salientou que as novas áreas peonís animan a mercar paseando e lembrou que “o negocio non está nos coches pasando por diante dos comercios, senón na xente, porque os negocios se descubren camiñando e non dende un vehículo”.

A presidenta da Asociación de Comerciantes Banastra, Yolanda Carballido, amosou a súa satisfacción pola campaña en cuxo deseño tamén participou: “cremos que é un acerto, con lemas claros e directos, información obxectiva e útil e un deseño moderno e atractivo para promocionar o comercio local”. Carballido remarcou que Banastra “traballa en positivo polo comercio para que Ponteareas sexa vista por toda a comarca como o seu gran centro comercial”. Ademais advertíu do comercio online das grandes plataformas como “o gran inimigo actual do comercio local” e considerou un grave erro facer campañas negativas de Ponteareas “que só prexudican ao comercio local”.

O GDR Condado-Paradanta financiará seis proxectos da comarca

A Asociación de Desenvolvemento Rural (GDR) do Condado Paradanta aprobou os proxectos subvencionables ao abeiro do Programa Leader Galicia 2014-2020, xestionado polo propio GDR a través da Consellería do Medio Rural. Son un total de seis as iniciativas orientados ao desenvolvemento socioeconómico da contorna, que suman unha inversión de 890.325,10 euros dos cales 409.417,64 euros serán subvencionables.

Unha construción de apartamentos turísticos, a instalación dunha pista de padel en Vilasobroso, e una nova liña de produción de compost vexetal a partir da xestión circular de restos forestais son os tres proxectos produtivos propostos para recibir a axuda, a cal suporía, nos tres casos, o 50% do importe presentado, sumando un total de case 320.000 euros. Por outra banda, no apartado de proxectos non produtivos, consideráronse outras tres propostas: o cambio de uso de auditorio a sala TIC multifuncional no Centro Sociocultural de Mouriscados (Mondariz), o acondicionamentos da casa do pobo de Baldomar (Covelo) para aulas TIC e coworking, a adquisición de un vehículo para o programa Achego de Avelaiña Saúde Mental e o apio a mobilidade e persoas con diversidade funcional das Esclavas de la Virgen Dolorosa; neste caso a porcentaxe da axuda é do 90% do importe aceptado, e suman entre os tres preto de 100.000 euros.

Dende o GDR lembran que estas subvencións están destinadas, por unha banda, a proxectos produtivos (emprendedores e empresarios cunha actividade económica, xeradores de emprego, que precisan crear, modernizar ou ampliar os seus negocios) e, por outra, a proxectos non produtivos tanto para entidades privadas (comunidades de montes, asociacións de veciños ou culturais, etc) como públicas (concellos).

Nesta convocatoria 2021-2022 presentáronse un total de 26 proxectos, deles 6 serán os subvencionables, 8 quedaron en lista de agarda e a ducia restante foron desfavorables e desestimados.

A GDR Condado-Paradanta (que engloba aos municipios de ArboA Cañiza, CoveloCrecenteAs Neves, MondarizMondariz BalnearioPonteareasSalceda de Caselas e Salvaterra de Miño), continúa así traballando no seu propósito de impulsar accións que axuden á posta en valor dos recursos da comarca, que potencien os negocios do territorio e que promovan sinerxías entre persoas.

Gala do Dinamizador Rural

Por outra banda, o pasado día GDR Condado Paradanta vén de celebrar os II Premios ao recoñecemento ao dinamizador rural. A Gala de entrega de premios celebrouse na Escola de Música de Rubios, As Neves. A través destes premios o GDR quere recoñecer o traballo que, de forma altruísta, realizan entidades e/ou persoas físicas en prol da defensa e posta en valor do patrimonio do Condado Paradanta. Nesta segunda edición trece foron as candidaturas presentadas. A Asociación Lazoiro foi a recoñecida a nivel territorial, con un premio en metálico de 1000 €. Tamén houbo un recoñecemento por concello. Segundo palabras de Pablo Castillo, presidente do GDR, “a veciñanza, as entidades, sodes auténticos responsables de preservar o noso Patrimonio, que nos diferencia e que nos dá a nosa sinal de identidade, o que nos fai únicos. As Alcaldías, dentro das nosas posibilidades e competencias, o que nos corresponde é atender eses intereses e entre todos e todas, obter o obxectivo de valorizar o noso Patrimonio”

Rematadas as obras de restauración do lavadoiro de Barcela

0

Esta obra, adxudicada por importe de 12.901,37 € (IVE 21 % incluído), foi financiada polo Instituto de Estudos do Territorio da Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de acordo coa Resolución do 3 setembro de 2021. A través desta resolución, se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, e polo Concello de Arbo con cargo a fondos propios municipais, levarase a cabo por unha empresa local.

O pasado 2 de decembro o delegado territorial, Luis López, e o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, visitaron o Concello de Arbo para supervisar distintas obras acometidas pola Xunta de Galicia, entre as que estaba o lavadoiro.

O lavadoiro de Barcela, trátase dun pequeno lavadoiro situado no lugar do Cruceiro na parroquia de Barcela en Arbo. Situado nunha cota inferior dos viais cos que limita e ten o seu acceso. Consta dunha planta cadrada con vaso realizado en ladrillo, pilares e cuberta dunha placa de ladrillos. O lavadoiro é de ladrillo revestido.

As obras realizadas

As actuacións  consistiron no debroce e limpeza da parcela na entorna do lavadoiro, reparación e encintado dos muros de pedra, reparación do lavadoiro, revestido do vaso e do resto do lavadoiro, pintado da estrutura existen con cores acordes ao medio, pavimentación do chan do lavadoiro con solado de pedra, deixando canal de recollida e evacuación de auga, colocar peldaños de baixada o lavadoiro, reparación da cuberta e colocar tella cerámico e pilares e revestilos con pedra de tipo país e acondicionamento de toda a contorna.

Con esta van unha serie de actuacións de mellora e posta a punta de fontes e lavadoiros realizados durante os últimos anos deste goberno municipal – informa o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil – Entre os lavadoiros e fontes mellorados están o de Turbela, Ferral, Vieiro, Hermida, Coutada, Perneiral, A Lama, Valiñas, Estación…. entre outros, repartidos por todas as parroquias do municipio.

Outras actuacións da Xunta na zona do lavadoiro

Na mesma zona, realizouse a canalización de augas, por debaixo da estrada autonómica PO-400, para evitar a escorrentía das augas e que foi executada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a petición do Concello de Arbo.Esta actuación, executada pola administración autonómica, foi traslada polo alcalde de Arbo a demanda dos vecinos e vecinas usuarios da Poza sita na marxe dereita da P0-400, e que recolle a auga do lavadoiro de Barcela.

A Xunta aposta pola formación para preparar o sector naval ante a transformación dixital

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron unha xuntanza con diferentes entidades representativas do sector naval galego para avanzar no deseño da Axenda Galega de Capacidades.

Conde explicou que o obxectivo é sincronizar a oferta e a demanda que rexistran os sectores produtivos en materia de formación, tanto actualmente como de cara ao futuro. E, nese sentido, explicou que este encontro permite coñecer concretamente o mapa de necesidades do sector naval galego ante o novo escenario de transformación dixital e sustentable.

Segundo dixo, a dixitalización é un dos grandes retos que afronta esta industria para impulsar a súa competitividade, a diversificación e a innovación. Implica novas especialidades e unha maior demanda de profesionais cualificados. E, polo tanto, é conveniente preparar o sector a partir da formación.

A conselleira de Emprego e Igualdade, pola súa banda, lembrou que a Xunta está a intensificar as xuntanzas con interlocutores de diferentes colectivos profesionais para avanzar no deseño da Axenda Galega de Capacidades. Trátase de deseñar unha formación laboral completa e actualizada que permita aos traballadores reciclarse permanentemente ao longo de toda a súa vida profesional.

Anunciou que en xaneiro o Goberno galego convocará as primeiras mesas de traballo dun total de nove que vén de conformar a Xunta. Estarán estruturadas por sectores e contarán con representantes das asociacións sectoriais e clústeres, sindicatos, asociacións de empresarios, autónomos e empresas de economía social, centros de coñecemento e a Confederación Española de Empresas de Formación.

Son nove grupos de traballo que afondarán nas necesidades  formativas de cara ao mercado laboral  que presentan os colectivos vulnerables e os sectores da construción, da economía verde, do sector dos coidados e a dependencia, da automoción e o aeroespacial, da loxística, do turismo ou da economía dixital. “Tamén haberá unha mesa específica da Blue economy, na que estarán representados os sectores da pesca e do naval, das enerxías renovables mariñas e do metal-mecánico vencellado co mar”, anunciou Lorenzana.

Os Servizos Sociais do Concello de Salvaterra reparten máis de 15.000 quilos de alimentos

O Concello de Salvaterra de Miño, a través do departamento de Servizos Sociais e do programa de alimentos, repartiu este ano máis de 15.000 quilos de alimentos entre os usuarios do programa municipal, onde son atendidas unha media de 30 familias.

Todos os meses faise un reparto, por un lado cos alimentos procedentes de Cruz Vermella, que neste ano entregou máis de 9.000 quilos, alimentos e produtos adquiridos polo propio Concello e os dos doados por empresas locais e veciños. No mes de decembro faise unha entrega especial pola época de nadal, sobre todo naquelas familias onde hai nenos e nenas, con agasallos e produtos para as festa, co fin de que poidan disfrutar destas datas con toda a maxia e ilusión.

Tomiño mostra o seu apoio aos municipios portugueses do Alto Minho contra a posible mina de litio na Serra de Arga

0

O Concello de Tomiño, no pleno celebrado onte, mostrou o seu apoio aos municipios portugueses do Alto Minho no seu rexeitamento a posible mina de litio na Serra de Arga que o Goberno da República Portuguesa someteu a consulta pública o pasado setembro. A alcaldesa, Sandra González, destacou “a ampla oposición que existe a ambas beiras do Miño a calquera tipo de explotación na Serra de Arga que comprometa a súa conservación”, e afirmou que “Tomiño sempre estará do seu lado para conservar o medio natural da zona transfronteiriza”.

As áreas nas cales está prevista a prospección e pesquisa da mina de litio inclúen, entre outras, o territorio dos concellos de Viana do Castelo, Ponte de Lima, Paredes de Coura, Caminha e Vila Nova de Cerveira, neste último incluén zonas que confrontan co río Miño e co río Coura, principal afluente do Miño nesa marxe. Nestas prospeccións o equipo de Avaliación Ambiental da mina afirma que non extraerán máis de 100 toneladas, pero non deixan claro de onde se retirarán. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, afirma que de ser cerca dos marxes do río Miño “podería afectar de forma moi significativa á zona internacional do río”.

Por todo isto o Concello de Tomiño solicita á Xunta de Galicia e ao Goberno de España que estuden as posibles afeccións ás poboacións transfronteirizas. “Instamos a que demanden ser notificados polas autoridades portugueses para que teñan a oportunidade de pronunciarse en canto a estas actividades cerca das zonas transfronterizas”, conclúen.

Tomiño expresa as súas condolencias polo falecemento de Manuel Garcés Estévez

Antes do inicio do pleno o Concello de Tomiño expresou as súas condolencias polo falecemento do veciño e profesor, Manuel Garcés Estévez. A alcaldesa destacou que “foi un mestre querido e admirado polos seus veciños e que formou a varias xeracións de tomiñeses e tomiñesas”.

Manuel Garcés foi o mestre escollido para dar nome ao Centro Rural Agrupado de Tomiño e grazas ao coidado e mimo co que tratou todo o que tiña que ver coa escola, consérvase na parroquia de Estás a Aula Museo Abdón Alonso que garda material didáctico, bibliográfico e documental dos anos 30, dende expedientes académicos de varias xeracións até libros das Misións Pedagóxicas ou mapas da época.

“Manuel Garcés foi un exemplo de Mestre Rural con máis de cincuenta anos de profesión, a súa vida foi a escola e todo o que tiña que ver coa educación. Don Manolo, como se lle coñecía popularmente, era unha boa persoa que deixou fonda pegada na vida de centos de nenos e nenas que pasaron polas súas aulas. Vaia para a súa familia o noso pesar e o noso recoñecemento e admiración pola figura de Manuel Garcés”, destacou a alcaldesa.

Porriño e Mos celebran en conxunto o desfile de rondallas o domingo

O vindeiro domingo 2 de xaneiro, se as condicións meteorolóxicas o permiten, Porriño e Mos celebrarán conxuntamente o desfile das rondallas de ambos concellos, segundo acordaron os respectivos rexedores municipais.

Alejandro Lorenzo e Nidia Arévalo informaron de que esta é a primeira mostra do novo tempo nas relacións de ambos concellos. Os dous rexedores mantiveron hoxe dúas xuntanzas. A primeira no Concello do Porriño e a segunda na rotonda das Angustias. Nesta segunda reunión acordouse organizar un único desfile das rondallas que partirá de ambos concellos e se cruzarán en dous puntos.

Esta tarde reuniranse os responsables das catro rondallas de Mos (Santa Eulalia, Herville, Santiaguiño de Guizán e Torroso) e as dúas de Porriño (Santa Eulalia de Atios e Asociación Cultural Musical de Pontellas) para resolver os detalles da posta en escena do desfile.

A idea é que tres rondallas partan da rotonda de Costilleta en Mos e as outras tres dende a avenida Domingo Bueno e da rúa Antonio Palacios, no Porriño.

Os dous rexedores indicaron que, en todo caso, a celebración do evento ao aire libre realizarase cumprindo estrictamente cos protocolos anti-Covid esixidos pola autoridade sanitaria e coa vixilancia da Policía Local de ambos concellos.

Ademais, ambos Concellos dotarán de prazas de aparcamento alternativas para os compoñentes das rondallas e o público que acuda ao desfile ao longo do percorrido. O desfile será retransmitido por “streaming”.

Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo anuncian plena colaboración

O alcalde Lorenzo manifestou que “considerando que somos dous pobos irmáns e que queremos confraternizar e compartir diversas actividades, decidimos facer un certame conxunto de rondallas na rúa para disfrute de todos”, engadiu o alcalde Lorenzo

A alcaldesa de Mos e o alcalde de Porriño mantiveron unha primeira reunión de traballo que simboliza o pleno restablecemento das relacións entre ambos concellos.

Nidia Arévalo avanzou que “tratamos de asuntos en común como o deslinde e a auga. Abrimos un novo tempo que se vai caracterizar pola total colaboración entre ambos concellos”, anunciou a rexedora de Mos. Pola súa banda Alejandro Lorenzo valorou que “temos moitas sinerxías e a cooperación necesaria entre os dous municipios permitirá tamén aforrar custes”.

O Apalpador volve a Ponteareas este xoves ás 13:00 horas

O Apalpador volverá baixar das montañas para coñecer a todos os nenos e nenas de Ponteareas mañá xoves ás 13:30 horas. O xigante carboeiro recibirá a todas as persoas que queiran compartir tempo con el na Praza Maior e estará acompañado polo seu burro Río Lor, e o acordeonista Servando Barreiro.

Dende alí percorrerá varias rúas acompañado de  músicos e títeres. O Concello anima á veciñanza a acompañar ao Apalpador na súa estancia en Ponteareas, ao tempo que destaca a importancia de por por en valor a nosa tradición entre a nosa infancia.

Esta visita forma parte do programa Nadal en galego da Deputación de Pontevedra, coa que se pretende dar a coñecer a tradición galega destas festas ás nenas e nenos.

Reactívase a cita previa para a atención nos distintos servizos municipais

0

O Concello de Tui vén de reactivar a cita previa para que a cidadanía poida ser atendida nos distintos departamentos municipais. Esta decisión tómase debido a alta incidencia que a covid está a rexistrar na cidade, e o tempo debido ao menor persoal municipal que nestes momentos traballa presencialmente na casa do concello debido a que se rexistraron algúns positivos e outras persoas están pendentes de resultado tras ser contacto estreito dunha persoa con coronavirus.

Aquelas persoas que estes días precisen realizar algunha xestión nalgún departamento municipal, dende o rexistro de entrada a outro servizo, deberán contactar por teléfono ou correo electrónico solicitando cita previa. Ao tempo recoméndase realizar todas aquelas xestións que sexan posibles a través da sede electrónica http://concellotui.sedelectronica.gal/info.0.

A cita previa pódese solicitar de luns a venres de 9 a 13 h, estando dispoñible na web municipal os correos e teléfonos dos distintos servizos. Unha vez se conte coa cita deberase acudir na data e hora indicada e acceder pola porta lateral da casa do concello, na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, e chamar ao timbre instalado no acceso.

Ponteareas reclama á Xunta solucións para a crítica situación do Centro de Saúde e o PAC da vila

O Concello de Ponteareas, a través da súa alcaldesa e concelleira de Sanidade, Cristina Fernández Davila, reclama á Xunta a solución “da situación crítica e caótica que están a sufrir no Centro de Saúde e no PAC dende fai un meses”. “A situación é cada vez máis insostible e non están a atender as necesidades básicas de saúde das nosas veciñas e veciños”, avisa.

A rexedora informa que hai 7.500 persoas sen médico de familia asignado e que son atendidos polo servizo de urxencias ou por outros facultativos ou facultativas, cada vez un diferente. Situación que empeorará a partir do día 31 cando unha nova renuncia dun médico deixará a outras 1.500 persoas sen atención estable.

A falta de persoal, que en Nadal e en verán é aínda máis grave, con só un terzo da plantilla, provoca que a veciñanza de Ponteareas teña que enfrontarse a dificultades para contactar co persoal administrativo, para conseguir citas (incluso telefónicas), para consultas presenciais e para facer un seguimento e control de enfermidades crónicas, así como o desvío de probas solicitadas por especialistas ao centro de saúde.

Único pediatra da comarca

A situación está a ser aínda máis críticas esta semana, xa que os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario, O Covelo, As Neves, Arbo e A Cañiza non dispoñen de servizo de pediatría, polo que os e as pacientes son desprazados a Ponteareas, “o que aumenta carga de traballo a unha atención que xa está no seu límite”, denuncia a alcaldesa.

Cristina Fernández tamén lle lembrou ao Goberno galego que coa entrada en vigor do novo PXOM de Ponteareas xa existe a posibilidade real de dispoñer de terreos dotacionais para construír o novo Centro de Saúde. “Puxémonos a disposición da Consellería para reunirnos cos seus técnicos e poder avanzar con axilidade”, explica a alcaldesa.

Mondariz soluciona a crise de débeda relacionada co centro de día

0

En dous anos e medio de xestións, preitos e negociacións, o Concello de Mondariz pode anunciar que a crise de débeda relacionada cos pagamentos pendentes que reclamaba o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar polo centro de día da localidade está solucionada. As cotas semestrais correspondentes aos anos 2019, 2020 e 2021 están pagadas, e a débeda histórica de 92.500 euros, correspondente aos anos 2017 e 2018, foi renegociada formalmente para unha devolución fraccionada en 25 meses, entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2024. “Dos 92.500 euros xa pagamos anticipadamente 16.875 euros, e os 75.000 euros restantes serán aboados de xeito fraccionado, segundo propuxemos desde o Concello”, indica José Luis Fernández, concelleiro de Facenda e de Servizos Sociais.

Para chegar a esta conclusión favorable, no entanto, fixeron falta meses de xestións políticas e administrativas. En xullo de 2019, poucas semanas despois de que iniciase a lexislatura, o actual Goberno municipal comezou a recibir notificacións de pagamentos pendentes ao Consorcio polo centro de día de Mondariz. Esta situación, que comprometía enormemente as finanzas municipais e o propio futuro do centro de día da localidade, nunca fora visibilizada diante da Corporación Municipal e requeriu dun arduo proceso de investigación e análise para negociar o pagamento co Consorcio. Naquel momento, ademais, o Concello de Mondariz funcionaba cun orzamento obsoleto pensado para 2017 que non incluía partidas para os pagamentos relacionados co centro de día.

En lugar de arquivar o asunto e deixar apodrecer o conflito, o Goberno municipal asumiu a responsabilidade desde o primeiro momento, solicitando reunións co Consorcio e preparando un novo orzamento municipal que incluíra as partidas necesarias. Aínda así, en xullo de 2020 foi notificado que os 92.500 euros correspondentes aos anos 2017 e 2018 serían retidos dos ingresos que debía recibir o Concello a través do Fondo de Compensación Interterritorial. Esta decisión, xa entón de dubidosa legalidade, obrigou ao Concello de Mondariz a interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do director xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda a mediados de setembro de 2020 que, en abril de 2021, o Tribunal de Xustiza de Galicia resolveu favorablemente por defectos de forma e outras irregularidades detectadas no procedemento.

Nesta sentenza declarábase ilegal a retención da débeda histórica polo centro de día de Mondariz, polo que se abría un novo período de negociación da mesma co Consorcio. En lugar de proceder á devolución dos 92.500 euros retidos pola débeda contraída en 2017 e 2018, negociouse compensar este importe coas liquidacións correspondentes aos anos 2019 e 2020 e aboar a diferenza. Así mesmo, respecto da débeda histórica de 2017 e 2018, o Goberno municipal propúxolle ao Consorcio unha devolución fraccionada en 25 meses que finalmente foi aceptada. “Iniciar un preito cunha argumentación clara e contar cuns orzamentos municipais que incluíran esta partida foi fundamental para resolver este asunto antes de 2022 e normalizar a situación”, conclúe o concelleiro de Facenda e Servizos Sociais de Mondariz.

O paso seguinte, en relación ao centro de día de Mondariz, será ultimar a xestión da renovación do convenio de colaboración, coa votación do mesmo na sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal prevista para finais de xaneiro de 2022.

As orixes do conflito

A crise de débeda do centro de día de Mondariz, malia saír á luz pública no verán de 2019, comezou anos antes, cando en 2017 se mudou o sistema de cofinanciación deste servizo. Naquel momento, déuselle aos concellos a posibilidade de manterse no sistema de cofinanciación anterior, pero o Goberno municipal que tiña Mondariz aceptou o novo sistema de cofinanciación por omisión. Así pois, xa en 2017, o Concello de Mondariz comezou a recibir as liquidacións correspondentes a este novo sistema de cofinanciación do centro de día. Cómpre ter en conta que antes de 2017, co antigo sistema de cofinanciación, tampouco se pagara nada desde que en 2010 se asinara o convenio de colaboración para poñer en marcha o centro de día, pero esta débeda anterior a 2017 foi “aparcada lexislativamente”, segundo se manifestou durante as reunións que mantivo o Goberno municipal coas autoridades do Consorcio.

Co sistema de cofinanciación que entrou en vigor en 2017, Mondariz paga anualmente 2.500 euros por cada habitante do Concello que faga uso do centro de día a pesar de que as instalacións son de propiedade municipal, pero non pode asignar ningunha das 30 prazas entre os seus veciños e veciñas porque esta é unha competencia da Xunta de Galicia. Polas persoas usuarias do centro de día que veñen doutros concellos, é a Xunta quen asume o custo total do servizo (7.500 euros por usuario).

O novo goberno do Porriño potenciará a atención cidadá e a transparencia

O alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo, fixo público o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

Tamén é novidade subliñable a creación da área de Terceira Idade, que desenvolverá Ascensión Rosario Costa. Trátase dunha Concellería específica para dar resposta ás necesidades dos maiores e garantir que a vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

A distribución de áreas e delegacións é a seguinte.

  • O propio alcalde, levará as áreas de Economía e Persoal.
  • Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde levará Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.
  • Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.
  • Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos
  • Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.
  • José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.
  • Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.
  • Por último, Ascensión Rosario Costa asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

Equipo por e para Porriño

“As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo, como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo, e citou como proba diso “o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

O Concello de Nigrán recibe 50 cestas da empresa PreZero para repartir entre as familias usuarias dos servizos sociais

0

O Concello de Nigrán vén de recibir unha doazón da compañía PreZero, empresa concesionaria do servizo de limpieza que, ata agora, estaba representada a través de Cespa-Ferrovial, de cincuenta cestas de Nadal para repartir entre as familias usuarias dos servizos sociais do Concello.

Cada caixa contén doces típicos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…) e alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes…), ademais de produtos de limpeza do fogar e de hixiene persoal. O Concello repartirá as cestas a longo desta semana e antes de fin de ano.

“Agredecemos a PreZero o seu xesto solidario, que se renova cada Nadal, e o seu compromiso con Nigrán o coas familias máis vulnerables”, destacou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen tamén aproveita para dar a benvenida a PreZero, compañía do Grupo Schwarz, que recentemente adquiriu o negocio de Medio Ambiente en España e Portugal do Grupo Cespa- Ferrovial Servicios.

O Concello mantén os repartos habituais cada mes e recomplilou entre a Asociación de escolas de surf de Patos e os colexios do municipio máis dunha tonelada de alimentos non perecedoiros de todo tipo. Ante a redución da programación de grandes eventos deportivos ou certames de corais debido ao protocolo sanitario, o Concello de Nigrán desenvolveu este ano a recollida de alimentos nos centros educativos e escolas deportivas para que cumpra unha función educativa e de concienciación entre os pequenos. Así, nesta campaña participaron as Escolas de Surf, ED Val Miñor, CEIP A Cruz, CPI Arquitecto Palacios, CEIP Carlos Casares, CEIP Humberto Juanes e E.I. A Galiña Azul.

“O Concello de Nigrán ten un Banco de Alimentos Municipal que cubre as necesidades dos máis vulnerables e funciona todo o ano, pero  estas iniciativas solidarias son de gran axuda encadrándose nunha función de concienciación social moi necesaria”, explica o alcalde.

Tomiño e O Rosal crean Agroemprega, un programa formativo para sumar a persoas desempregadas no sector agrícola

O Concello de Tomiño e o do Rosal, en colaboración coa Xunta de Galicia, organizan Agroemprega, un programa que formará a 100 persoas desempregadas en traballos relacionados co rural. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a do Rosal, Ánxela Fernández, explican que con este proxecto “queremos especializar aos veciños e veciñas para que poidan traballar nun sector puxante da comarca”, así como, “darlles unha oportunidade, a través dunha formación gratuíta, para mellorar as súas habilidades para acceder ao mercado laboral”.

As persoas interesadas poden inscribirse a través das web dos dous Concellos ou na Oficina do Servizo de Emprego de Tui. As rexedoras animan a participar nun programa que ofrecerá durante un ano información, orientación e asesoramento sobre o sector e formación en operacións xerais de xardinería, abonos e fertilizantes, técnicas de rega e poda, produción integrada en froiteiras e hortalizas, condución de carretillas elevadoras, prevención de riscos laborais, alfabetización informática… Así como técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

Agroemprega será un programa moi práctico e que tamén atenderá ao fomento da capacidade emprendedora, á prospección empresarial e que tratará de emparellar ás persoas participantes con ofertas de traballo activas. Ademais, destacan Ánxela Fernández e Sandra González, a formación potenciarase con prácticas non laborais en distintas empresas da comarca.

“O agro é un nicho de creación de emprego e de fixación de poboación no rural que debemos potenciar ao máximo”, inciden as alcaldesas, xa que ambas o consideran un sector estratéxico e de futuro para Tomiño e O Rosal.

Hoxe preséntase o novo número da revista Castellum Tyde do Instituto de Estudos Tudenses

0

Hoxe mércores, 29 de decembro, o Salón de Plenos da casa do concello de Tui acollerá ás 19.30 h a presentación do novo número da revista “Castellum Tyde” que edita o Instituto de Estudios Tudenses e que patrocina o Concello de Tui. Trátase da sétima entrega desta publicación periódica dedicada á investigación sobre a cidade de Tui e o seu territorio histórico.

O acto contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, acompañado do presidente do Instituto de Estudos Tudenses, Xavier Añoveros y Trias de Bés. No decurso deste acto intervirá Xabier Gobra González do grupo Espeleolóxico “Maúxo, un dos autores que publican nesta nova entrega de “Castellum Tyde”, que fará un breve achegamento ao seu traballo “Patrimonio natural e cultural das Covas da Trapa, Ribadelouro – Tui”.

Con este tomo a revista de estudios acada o seu sétimo número, motivo de gran satisfacción para o presidente do Instituto pois testemuña unha continuidade no traballo que ven desenvolvendo esta entidade que agrupa a preto dunha trintena de estudosos e investigadores. Ao tempo agradece a sensibilidade do Concello de Tui e do seu alcalde, Enrique Cabaleiro, por manter o patrocinio desta publicación que enriquece o coñecemento da nosa cidade, da súa historia e o seu patrimonio.

Para asistir é preciso inscrición previa no correo electrónico: [email protected] sendo a asistencia libre ata completar o aforo.

Arévalo califica as declaracións de Caballero de “burla cara aos ususarios e os concellos”

0

Ante unha nova saída de tono de Caballero a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, califica as súas declaracións de “burla cara aos usuarios e os concellos” e defende a renovación da Xunta de Galicia do Plan de Transporte Metropolitano cos concellos da área de Vigo adheridos. Plan ao que a Xunta inxecta unha nova dotación económica de 2,7 millóns de euros para os vindeiros 2 anos e que o alcalde da cidade olívica define como “un convenio para quitarle dinero a los ayuntamientos”.

Neste sentido a rexedora local mosense acláralle ao seu homólogo vigués que “a Xunta vai investir 2,7 millóns de euros máis para manter activo durante os vindeiros 2 anos o Plan de Transporte da Área de Vigo. É un Plan social con bonificacións para os usuarios que permite aforros de ata 600 euros anuais por usuario. Dá servizo, non lle quita diñeiro a ninguén. É Vigo o que quita beneficios aos usuarios por non querer adherirse”.

No caso de Mos, ao igual que o resto de municipios adheridos, o Concello asume o 15% do custe e a Xunta o 85%.

“Vigo no le va a pagar nada a la Xunta. Vigo paga el transporte de los de Vigo en Vigo”. “Vigo nunca va a aceptar un convenio para pagar el transporte metropolitano a los de fuera de Vigo”, insiste o alcalde de Vigo, ante o que Arévalo lamenta que “unha vez máis Caballero alardee de promover medidas anti constitucionais e de discriminar por motivo de empadroamento. Ponse en evidencia”.

O transporte metropolitano leva activo 7 anos e bonificou máis de 17 millóns de viaxes na comarca. Un transporte que está incompleto ante a negativa a sumarse a el do Concello de Vigo, o que implica que as viaxes no Vitrasa non son bonificadas para cidadáns de fóra da cidade.

Desde o 2017, 630 mozos e mozas de Mos benefícianse destas subvencións no transporte público. Neste último ano 2021, 110 mozos mosenses fixeron a denominada Tarxeta Xente Nova coa que poden viaxar gratuitamente: tanto no bus urbano de Mos, como no metropolitano da Xunta, puidendo desprazarse libremente e de balde por toda Galicia nas 3.300 liñas de autobús autonómicas.

Pola súa banda, para un adulto maior de 21 anos o importe é de 0,88 €, sen ter que aboar un novo billete se fai trasvase do transporte metropolitano ao municipal de Mos, e viceversa. Agás para viaxar a Vigo.

O Concello de Mos foi o primeiro de Galicia no que funcionou a Tarxeta Xente Nova nos seus buses urbanos, facilitando os desprazamentos gratuítos aos menores de 21 anos.

O plan de transporte metropolitano de Galicia inclúe cinco áreas metropolitanas: a de Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo. En todos os casos a urbe de referencia forma parte do plan e está adherida ao convenio, permitindo o pago dun billete único con gratuidade dos trasbordos, agás no caso de Vigo.

Por exemplo, se un veciño de Louredo colle o bus urbano de Mos aboará 0,88 € ao subirse, pero ao chegar a Peinador para coller o Vitrasa terá que volver a pagar 1,35 €, e o viaxe sairalle por un importe total de 2,23 €, case o triple do que lle custaría se Vigo formase parte do plan de transporte metropolitano de Galicia.

O Consello Veciñal de Salceda comeza a súa andaina con 44 colectivos

Na última sesión plenaria do ano aprobouse por unanimidade a creación de cinco consellos sectoriais, despois de acordalo na sesión constitutiva do consello veciñal do pasado 16 de decembro. Estes consellos permitirán maior operatividade, xa que 44 entidades solicitaron a participación no Consello Veciñal, deste xeito axilízase o traballo e facilita a participación.

Os consellos sectoriais representados polas 44 entidades organizadas por áreas e obxectivos: educativas, sociais, deportivas, veciñais, etc. do municipio deste xeito constituíronse cinco:

  1. Consello de Educación, Mocidade, Infancia e Saúde.
  2. Consello da Cultura.
  3. Consello de Medio Ambiente e Medio Rural.
  4. Consello do Deporte.
  5. Consello de colectivos Veciñais, Muller e Persoas Maiores.

Do mesmo xeito que o Consello Veciñal, as funcións dos Consellos Sectoriais serán consultar, informar e propoñer sobre as cuestións que lles afecten no seu ámbito, informando ao concello sobre os problemas específicos do seu sector, propoñendo solucións e alternativas aos problemas da súa área de actuación, definindo as prioridades de inversión que proporán ao Consello Veciñal para o  seu debate e traslado ao concello, e facer seguimento dos acordos adoptados sobre as súas propostas.

Por isto, a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, indicou que “a pesar da época de pandemia que estamos a vivir queremos impulsar un concello aberto e democrático, fomentando a participación da veciñanza e coa creación dos consellos sectoriais facilítase esta participación. Contar na constitución coa maioría das asociacións do noso concello é  sen dúbida a proba do interese e a garantía de que de que os consellos serán órganos no que haxa un debate transparente e construtivo para mellorar Salceda”.

O regulamento de Participación Cidadá, que inclúe a constitución do Consello Veciñal, aprobárase por acordo do Pleno Municipal o 27/08/2020 e foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o 7 de setembro de 2020.  A pandemia impediu poñer en funcionamento este novo órgano municipal ata este mes de decembro, pero o equipo de goberno considera moi positivo que comece a súa andaina cos consellos sectoriais e cunha composición de 44 entidades.

Por outra banda, o rexistro de asociacións segue aberto e tamén segue aberta a opción de participar no Consello, a través da solicitude e nomeamento da persoa representante.

A participación veciñal é un compromiso do goberno, considerando indispensable que os elementos dinamizadores da vida social teñan unha participación activa na vida política do Concello e actúen como complemento enriquecedor da democracia representativa.

Baiona inaugura a pista de xeo gratuíta da Praza do Concello, “icona do Nadal na localidade”

0

Baiona suma desde esta mañá unha nova atracción do Nadal coa inauguración e apertura ao público da pista de xeo da praza do concello “icona do Nadal na localidade”.

O Primeiro Tenente de Alcalde de Baiona, Óscar Martínez Álvarez, foi o encargado de inaugurar a instalación: “Nestes tempo duros marcados pola crise sanitaria do COVID19 desde este Concello seguimos apostando pola maxia do Nadal e por iso animamos aos baioneses e baionesas a gozar do encanto destas datas e desta nova atracción do Nadal que xunto á iluminación, contribuirán a dinamizar a economía local, sempre de forma responsable e cumprindo coas restricións para conter o virus”.

A pista cuberta ha quedado dispoñible para todo o público maior de seis anos e permanecerá aberta ata o próximo 9 de xaneiro en horario de mañá de 12:00 a 14:00 h e de tarde de 16:00 a 21:00 h. Será obrigatorio o uso de máscara no recinto, existirá un aforo máximo e a carpa terá unha ventilación constante.

A pista de patinaxe sobre xeo é totalmente gratuíta e é unha das grandes novidades do “ Bainadal”, a programación do Nadal deseñada pola Concellería de Cultura de Baiona que ha programada un completo calendario de actividades para o goce da veciñanza nestas datas tan especiais e tamén co fin de dinamizar o comercio e a economía local.

A pista de xeo únese así ao resto de instalacións do Nadal xa en marcha desde o pasado venres 3 de decembro cando se produciu o aceso da iluminación como o poboado do Nadal, a novidade desta edición, e gran bóla 3D de luz na Alameda Carabela Pinta, ou o gran boneco do Nadal instalado na Praza Vitoria Cadabal en Sabarís así como a bolboreta instalada no parque de “A Palma”, entre outros.

Ademais das tradicionais luces e cadenetas que iluminan as rúas e os espazos públicos, o Concello de Baiona tamén decorou con motivos do Nadal a carpa da Praza do Concello que alberga a pista.

Así mesmo, as glorietas do municipio locen diferentes figuras que amenizan estes días tan especiais.

A Xunta abre por primeira vez o proceso para a adquisición directa de 38 parcelas da Plisan

Imaxe de arquivo dunha reunión da Plisan nas Neves

A Xunta de Galicia abre por primeira vez o proceso para a adquisición directa de solo empresarial na Plataforma loxística e industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan). Deste xeito, as persoas e empresas interesadas xa poden adquirir superficie de xeito directo, en réxime de compravenda ou en dereito de superficie.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo publica hoxe na súa páxina web a resolución pola que se inicia a comercialización directa, en total, de 38 parcelas, que suman algo máis de 276.000 m2 nesta área empresarial no sur de Galicia.

Este proceso dá continuidade ao concurso público de venda, convocado o pasado mes de xuño, das parcelas da zona loxística empresarial, polo que se manteñen as mesmas condicións ofertadas.

Así, o prezo base do solo oscila entre os 53,21 €/m2 das parcelas de máis de 20.000 m2 e os 71,71 €/m2 do resto. No caso de optar polo acceso en dereito de superficie —unha modalidade de adxudicación a cambio dun canon anual moi reducido e con opción de compra—, o prezo mínimo fixado na poxa deste ano é de 0,79 €/m2. A vixencia da taxación das parcelas estará vixente ata o 30 de abril de 2022.

Cómpre sinalar que estas cifras son similares aos prezos bonificados do resto de solo empresarial da Xunta de Galicia, unha nova mostra do traballo intenso para comercializar a superficie dispoñible na Plisan a importes competitivos.

Na web do IGVS, ademais de poder consultar a relación de 38 parcelas coa superficie e o prezo de venda, tamén se pode acceder ao modelo de solicitude e as obrigas que deben cumprir os adxudicatarios.

Terceira comercialización, primeira venda directa

En xuño de 2021, a Xunta convocou a segunda poxa pública para a adquisición de solo na área loxística empresarial da Plisan, o que permitiu a adxudicación dunha parcela de máis de 2.600 m2. Esta foi a segunda vez que se comercializou despois da convocatoria do ano 2019, a cal se pechara coa adxudicación de 5 parcelas.

O desenvolvemento, e equipamento, desta plataforma loxística conta cun investimento superior aos 231 millóns de euros. Un terzo dese orzamento —uns 97 millóns— investiuse nos traballos técnicos, adquisición de terreos e obras de movementos de terra e da primeira fase dos sistemas xerais; outros 20,6 millóns destináronse ás infraestruturas de saneamento e depuración das augas (ETAP e EDAR) e á urbanización da Zona LE da primeira fase. O importe restante, 88,6 millóns, son para actuacións previstas como a urbanización completa e as vías interiores.

Por último, cómpre lembrar que a Xunta tamén mobilizou directamente un investimento de case 25 millóns na conexión da Plisan coa AG-51.

A Xunta apoia ao sector do taxi cunha nova liña de axudas para comprar vehículos adaptados e de baixas emisións

A Xunta apoia ao sector do taxi cunha nova convocatoria de incentivos por importe de 500.000 euros para a adquisición de vehículos adaptados, de emisións cero ou de baixas emisións, o que eleva as axudas concedidas polo Goberno galego a este colectivo a máis de 4 M€ desde o ano 2016.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, informou desta nova convocatoria de incentivos que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia no encontro que mantivo esta mañá co presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Quindimil, e cos membros da xunta directiva.

Segundo remarcou Vázquez Mourelle, o obxectivo da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados para cubrir a demanda de desprazamentos das persoas con diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi tamén ao compromiso activo na loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes e máis respectuosos co medio.

A titular de Infraestruturas explicou que a liña para a compra de taxis adaptados, os chamados eurotaxis, está dotada con 300.000 euros; á adquisición de taxis de baixas emisións resérvase unha partida de 140.000 euros; e os 60.000 euros ata completar o importe desta convocatoria irá destinada a financiar taxis de cero emisións.

As axudas, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de eurotaxis; a 6.000 euros para vehículos de emisións cero; e a 4.000 euros para a compra de taxis de baixas emisións.

Ethel Vázquez destacou que con esta nova orde de incentivos a Xunta quere axudar, recoñecer e agradecer o labor dos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias e que, pese ás dificultades derivadas da pandemia, fai un esforzo de adaptación continuo.

O Goberno galego continúa así a liña de apoio ininterrompida que vén prestando desde o ano 2016, cando convocou por vez primeira axudas para a adquisición de taxis adaptados, ampliándoa no ano 2020 tamén aos vehículos de baixas emisións ou de emisións cero.

A conselleira subliñou que desde 2016 a Xunta leva concedidos incentivos a este colectivo por 3,6 millóns de euros que facilitaron a compra de preto de 230 vehículos adaptados; de 316 taxis de baixas emisións; e de 15 vehículos de emisións cero. A nova convocatoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, por importe de 500.000 euros, eleva ata máis de 4 millóns de euros os incentivos concedidos pola Xunta a estes profesionais.

Os novos incentivos da Xunta subvencionarán os vehículos adquiridos entre o 1 de outubro de 2021 e a data establecida para xustificar a axuda, ata o 31 de outubro de 2022.

Ethel Vázquez remarcou, como novidades, que serán subvencionables tamén os vehículos adquiridos a través dun contrato de arrendamento financeiro ou ‘leasing’, ademais de ampliarse os medios admitidos para xustificar o pagamento (aceptándose métodos electrónicos, transferencias, cheque bancario nominativo ou tarxeta) para ofrecer aínda máis facilidades aos profesionais do taxi.

A titular de Infraestruturas referiuse á aposta do sector por modernizarse e adaptarse aos novos tempos, a pesar do forte impacto sufrido polas restricións da covid-19, e recoñeceu o seu traballo a prol dunha mobilidade segura no taxi, cumprindo estritamente as medias de prevención establecidas e ofrecendo confianza aos usuarios. Lembrou, neste sentido, as campañas informativas para fomentar a mobilidade segura no taxi desenvolvidas pola Xunta, xunto coas axudas concedidas para instalación de elementos protección fronte á Covid.

Autarca Rui Teixeira entrega prémios a alunos cerveirenses vencedores do concurso “Eu sou Europeu”

Quatro estudantes do concelho de Vila Nova de Cerveira foram recebidos, esta manhã, no Salão Nobre dos Paços do Concelho, pelo Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, para receberem o prémio de vencedores do concurso “Eu sou Europeu”, enquadrado no projeto EFOF – European Future is Our Future. Um concurso que contou com a participação de dezenas de crianças e jovens dos países parceiros do projeto: Bulgária, Itália, Eslovénia, para além de Portugal (Vila Nova de Cerveira).

 A aluna da ETAP – Escola Profissional de Cerveira, Letícia Fernandes, que foi distinguida neste concurso internacional com o 1º prémio na categoria de fotografia, a 12 de outubro de 2021, em Nova Gorica, na Eslovénia, recebeu das mãos do Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira uma trotinete elétrica. Com a mensagem “Apesar de não sermos perfeitos, estamos sempre unidos. Somos europeus!”, a jovem estudante apresentou uma fotografia, na qual cinco jovens estão a pintar várias bandeiras de países europeus, enfatizando a bandeira da União Europeia.

Já as crianças Eva Pereira e Enzo Soares, do ATL de Lovelhe, e Daniel Álvarez do ATL de Centro Social e Paroquial de Campos, seriadas a nível nacional na área de desenho, receberam da autarquia um kit de Artes. No total, em representação do Município de Vila Nova de Cerveira, foram a concurso 28 trabalhos de crianças e jovens, nas diferentes categorias – Escrita, Desenho, Fotografia e Clip de vídeo – e escalões etários.

Durante a cerimónia de entrega, o Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, realçou a importância da participação das crianças e jovens neste concurso internacional como forma de fomentar a inclusão e a cidadania europeia, de melhorar a compreensão dos benefícios da União Europeia e de fomentar o diálogo intercultural, a compreensão mútua e a reflexão sobre o futuro da Europa. Participação esta que o autarca considera fundamental em todos os domínios, porque “a participação ativa dos mais jovens, o seu interesse e envolvimento são de uma grande importância para o futuro de Vila Nova de Cerveira. Por isso, conto com eles para construirmos futuro. E eles poderão contar comigo nesse caminho”.  

Neste sentido, e em nome do Município cerveirense, o autarca felicitou os jovens premiados, bem como todas as crianças, jovens e instituições pela participação e envolvimento em prol dos princípios da inclusão e cidadania europeia.

O projeto “EFOF – European Future Is Our Future” resulta de um consórcio de parceiros, nomeadamente, Vila Nova de Cerveira (Portugal), o Município de Dalgopol (Bulgária) – na qualidade de coordenador -, o Município de Aksakovo (Bulgária), o Município de Osilo (Itália), o Município de Nova Gorica (Eslóvenia) e uma organização da Sociedade Civil Bio Network (Bulgária), no âmbito do programa “Europa para os Cidadãos – Rede de Cidades.”

O Concello de Oia alegará contra o parque eólico Merendón

0

O Concello de Oia presentará alegacións contra o parque eólico do Merendón, para o que xa contratou a unha empresa especializada, a cal xa a está a traballar na análise da documentación sometida a información pública desde o pasado 23 de decembro. O prazo para a presentación de alegacións conclúe o próximo 14 de xaneiro.

O DOG do 23 decembro anunciou o procedemento de información pública para o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública das instalacións do parque eólico Merendón. Este parque prevé un total de 5 aeroxeradores, dous deles en Oia e tres no Rosal.

Na información pública inclúese a seguinte documentación: proxecto de execución, estudo de impacto ambiental, proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e relación de bens e dereitos afectados. Pódese consultar na seguinte ligazón da web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica, na epígrafe de instalacións de xeración.

Pola súa banda, o Concello de Oia ten creado un apartado específico na web municipal onde vai actualizando a información dispoñible sobre os parques eólicos que afectan ao municipio. A documentación relativa ao Merendón está dispoñible para a súa consulta na seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-do-merendon/.

Reunión veciñal

Ao igual que no seu momento se fixo co parque eólico Albariño I, contra o que a Administración local tamén presentou alegacións, o Concello de Oia convoca unha reunión informativa para abordar, ante a veciñanza, o caso do parque do Merendón.

Esta xuntanza informativa celebrarase o martes 11 de xaneiro ás 18.30 horas nas Escolas de Loureza.

Características técnicas do parque do Merendón

Segundo consta no DOG do pasado 23 de decembro, as características técnicas do proxecto do parque eólico do Merendón son as seguintes:

  • Cinco aeroxeradores de 4.200 kW de potencia nominal unitaria, de 112 m de altura de buxa e 136 m de diámetro de rotor.
  • Cinco centros de transformación de potencia aparente 4.700 kVA e tensión 0,72/30 kV, localizados no interior dos aeroxeradores.
  • Rede de media tensión de 30 kV soterrada, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación de manobra.
  • Subestación de manobra e centro de mando e control do parque.
  • Rede de media tensión de 30 kV soterrada, de interconexión entre a subestación de manobra e a subestación de transformación 30/132 kV. – Subestación de transformación 30/132 kV. Así mesmo, para realizar as funcións de control, mando e protección da instalación montaranse os seguintes cadros: servizos auxiliares, baterías de corrente continua 48 Vcc, proteccións eléctricas e sistema de control e SCADA. En 132 kV o transformador está directamente conectado á posición de 132 kV da subestación O Rosal mediante barras.

A Deputación mellorará o sistema de xestión de auga en Ponteareas, Nigrán e A Cañiza

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar 770.390 euros que servirán para que os concellos de Pontecesures, O Grove, Meis, Barro, Marín, Nigrán, Ponteareas e A Cañiza implanten sistemas sostibles de xestión da auga. Os novos mecanismos permitirán un aforro enerxético do 28 % e teñen un custo de 865.380 euros que será subvencionado polo IDAE (80 %), a Deputación (9 %) e os distintos concellos (11%). Neste senso, a Xunta de Goberno deu luz verde á achega de 692.300 euros concedida polo IDAE e xestionada pola institución provincial así como aos 78.090 euros que aportará directamente a Deputación.

Deste xeito, foron aprobados para o concello de Pontecesures 89.660 euros (79.701 € do IDAE e 9.960 € da Deputación), para O Grove 88.320 euros (78.505 € do IDAE e 9.815 € da Deputación), para Meis 89.820 euros (79.840 € do IDAE e 9.980 € da Deputación) e para Barro 76.320 euros (67.840 € do IDAE e 8.480 € da Deputación). A Xunta de Goberno tamén concedeu a Nigrán 133.250 euros (123.250 € do IDAE e 10.000 € da Deputación), a Ponteareas 89.720 euros (79.750 € do IDAE e 9.970 € da Deputación) e á Cañiza 114.330 euros (140.330 € do IDAE e 10.000 € da Deputación).

Estes fondos servirán aos concellos para realizar actuacións como o cambio de bombas de impulsión de auga ou a instalación de variadores de frecuencia nas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAL) e Estacións de Bombeo de Augas Residuais (EBAR).

Este ano a Deputación xestionou axudas do IDAE para 33 concellos da provincia e unha entidade local por 7,4 millóns de euros. Deles 2,3 millóns están a servir para a mellora das estradas provinciais con modelos de mobilidade integral que reducen a pegada de carbono, 4 millóns teñen como destino a eficiencia enerxética e a iluminación exterior sostible e preto de 390.000 euros están destinados para o uso térmico en infraestruturas e instalacións municipais. A estas achegas súmanse agora os case 700.000 euros aprobados na última sesión da Xunta de Goberno para implantar sistemas sostibles de xestión da auga.

Galicia adoptará novas medidas fronte a esta nova onda

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá en rolda de prensa das novas medidas acordadas polo comité clínico, e entre as que destaca a decisión de limitar a apertura dos locais de hostalería e restauración ás 00,00 da madrugada, e do ocio nocturno ás 2,00.

No caso da hostalería e a restauración, os venres e os sábados poderán ampliar os seus horarios de apertura até as 1:00h.

Entre as novas medidas, que entrarán en vigor ás 00,00 horas do día 31 de decembro, e que estarán vixentes ata o día 18 de xaneiro, destacan a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día, e tamén a volta da prohibición de consumir nas barras dos locais.

Sanidade tamén remitirá ao Tribunal Superior de Xustiza unha solicitude para establecer a limitación de xuntanzas de persoas non convivintesen espazos públicos entre ás 2,00 e ás 6,00 horas, polo que, de ser ratificado, durante esas horas só poderán transitar pola rúa persoas soas, ou membros dunha mesma unidade familiar.

O responsable de Sanidade, recomendou evitar a asistencia a eventos masivos que , en todo caso, serán con público sentado, tanto en interior como en exterior.

Medidas específicas para Noitevella e o Día de Reis

No que atinxe dun xeito específico á festividade deNoitevella, os locais de hostalería e restauración deberán pechar os seus locais a 1,00h da madrugada, mais, co ánimo de evitar que se retomen as xuntanzas, non poderán voltar a abrir os seus locais antes das 10,00 da mañá do día 1 de xaneiro.

No caso dos establecementos de ocio nocturno, as autoridades sanitarias manterán esta mesma tarde unha reunión cos representantes do sector nocturno para acordar os horarios do día de Noitevella. Unha xuntanza da que tamén se desprendería un posible horario para limitar xuntanzas de persoas non convivintesen espazos públicos para esa data.

Respecto das ceas e comidas do último día do ano, Sanidade recomenda xuntanzas cun máximo de dúas unidades familiares e, preferiblemente, que sexan as mesmas do día de Nadal. No caso de levarse a cabo en lugares públicos, establécese o límite de 8 persoas na mesma mesa, en interior, e un máximo de 10 no exterior.

En canto ás cabalgatas do Día de Reis, García Comesaña precisou que é necesario minimizar as posibles aglomeracións, ademais de recomendar que esta sexan estáticas.

Importante incremento de casos positivos

No transcurso da súa interveción, o conselleiro de Sanidade salientou que o importante aumento de novos casos positivos nas últimas datas, así como a alta positividade das probas diagnósticas realizadas no conxunto da comunidade obrigou ao Comité clínico a adoptar novas medidas para a atallar a expansión do coronavirus.

Neste senso, o responsable de Sanidade informou que desde o inicio do mes de decembro as incidencias acumuladas -tanto a 7 como a 14 días-,  incrementáronse dos 137 casos por 100.000 habitantes aos 621; e dos 221 aos 953, respectivamente.

Ademais o número de casos activos, pasou dos 5.973 que se rexistraban o 1 de decembro, até os 28.334 da xornada de hoxe e, a taxa de positividade, sitúase arredor do 15%.

A motivación da toma destas medidas, a pesares de que a meirande parte dos novos casos sexan leves grazas ao avance na vacinación, débese a que a explosión de casos está a xerar unha intensa presión asistencial na atención primaria e corre o risco de xerala nos hospitais, pois no caso de que esa pequena porcentaxe de ingresos se produza sobre un número de contaxios moi elevado xeraría a entrada nas plantas e nas unidades de críticos dun importante volume de pacientes que podería levar a ter que paralizar ou suspender actividade ordinaria, preduxicando a pacientes tanto covid como non covid.

A Xunta está a tomar medidas organizativas para automatizar a declaración como positivos das persoas que realicen un test de antíxenos, sen necesidade de que os profesionais de atención primaria soliciten unha PCR de confirmación. Nese mesmo sentido estase a traballar nunha solución centralizada para descargar noutros profesionais sanitarios a xestión da tramitación das incapacidades temporais que agora mesmo debe realizar cada médico de familia sobre os seus pacientes.

Galicia segue a ser unha das comunidades autónomas con maior porcentaxe de poboación vacinada, ocupando o primeiro lugar en porcentaxe de poboación con dobres doses, e tamén na porcentaxe de menores vacinados.

Nigrán instala paneis solares na Casa do Concello e no pavillón municipal

0

O Concello de Nigrán dá un paso máis no seu compromiso de rebaixar nun 40% as súas emisións de CO2 de aquí a 2030 instalando placas solares na Casa Consistorial e no Pavillón Municipal. Así, investíu 16.536 € que estarán amortizados no prazo de 6 anos grazas ao importante aforro enerxético que permite o emprego de renovables. En total, instaláronse 12 placas e un inversor no Pavillón cunha produción fotovoltaica estimada de 7.886,21 kWh e, no Consistorio, 17 unidades e un inversor cunha produción estimada de 11.215,69 kWh.

O Concello de Nigrán está adherido ao plan de acción do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ co obxectivo marcado de deixar  de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera tomando como referencia as cifras do ano 2017. Neste sentido, un dos obxectivos de cara a 2030 é que polo menos o 27% da enerxía empregada polo Concello proveña de fontes renovables.

“Daremos todos os pasos posibles para redubir a emisión en 1,32 toneladas per cápita só a través de iniciativas de competencia municipal, como tamén o é o cambio a iluminación LED no alumeado público”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a este pacto ao que Nigrán se subscribíu oficialmente o 5 de agosto de 2019. O Plan de Acción ten como liña maestra o troco a iluminación LED como a fórmula estrela para acadar ese aforro do 40% de emisións e a substitución por renovables. Como proba irrefutable, a través do troco que ven levando a cabo o Concello en diferentes rúas nos derradeiros catro anos, o consumo pasou de 4,8 millóns de Kw/hora/ano a 3,6 millóns, cuantificándose o aforro en 61.839 €.