12.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesA Xunta abre por primeira vez o proceso para a adquisición directa...

    A Xunta abre por primeira vez o proceso para a adquisición directa de 38 parcelas da Plisan

    Imaxe de arquivo dunha reunión da Plisan nas Neves

    A Xunta de Galicia abre por primeira vez o proceso para a adquisición directa de solo empresarial na Plataforma loxística e industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan). Deste xeito, as persoas e empresas interesadas xa poden adquirir superficie de xeito directo, en réxime de compravenda ou en dereito de superficie.

    O Instituto Galego da Vivenda e Solo publica hoxe na súa páxina web a resolución pola que se inicia a comercialización directa, en total, de 38 parcelas, que suman algo máis de 276.000 m2 nesta área empresarial no sur de Galicia.

    Este proceso dá continuidade ao concurso público de venda, convocado o pasado mes de xuño, das parcelas da zona loxística empresarial, polo que se manteñen as mesmas condicións ofertadas.

    Así, o prezo base do solo oscila entre os 53,21 €/m2 das parcelas de máis de 20.000 m2 e os 71,71 €/m2 do resto. No caso de optar polo acceso en dereito de superficie —unha modalidade de adxudicación a cambio dun canon anual moi reducido e con opción de compra—, o prezo mínimo fixado na poxa deste ano é de 0,79 €/m2. A vixencia da taxación das parcelas estará vixente ata o 30 de abril de 2022.

    Cómpre sinalar que estas cifras son similares aos prezos bonificados do resto de solo empresarial da Xunta de Galicia, unha nova mostra do traballo intenso para comercializar a superficie dispoñible na Plisan a importes competitivos.

    Na web do IGVS, ademais de poder consultar a relación de 38 parcelas coa superficie e o prezo de venda, tamén se pode acceder ao modelo de solicitude e as obrigas que deben cumprir os adxudicatarios.

    Terceira comercialización, primeira venda directa

    En xuño de 2021, a Xunta convocou a segunda poxa pública para a adquisición de solo na área loxística empresarial da Plisan, o que permitiu a adxudicación dunha parcela de máis de 2.600 m2. Esta foi a segunda vez que se comercializou despois da convocatoria do ano 2019, a cal se pechara coa adxudicación de 5 parcelas.

    O desenvolvemento, e equipamento, desta plataforma loxística conta cun investimento superior aos 231 millóns de euros. Un terzo dese orzamento —uns 97 millóns— investiuse nos traballos técnicos, adquisición de terreos e obras de movementos de terra e da primeira fase dos sistemas xerais; outros 20,6 millóns destináronse ás infraestruturas de saneamento e depuración das augas (ETAP e EDAR) e á urbanización da Zona LE da primeira fase. O importe restante, 88,6 millóns, son para actuacións previstas como a urbanización completa e as vías interiores.

    Por último, cómpre lembrar que a Xunta tamén mobilizou directamente un investimento de case 25 millóns na conexión da Plisan coa AG-51.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.