José Manuel Alonso González é o gañador do sorteo da Gran Cesta de Nadal logo de mercar unha rosa para a súa dona e catro papeletas na Floristería Vidal. O número dunha desas papeletas –o 02252– foi o agraciado durante o sorteo presencial celebrado no Pavillón de Chapela no que estaba presente a concelleira Olga García Ballesteros.
Cómpre lembrar que, inicialmente, o boleto premiado sería aquel que as súas catro últimas cifras coincidisen co Sorteo de Nadal da Lotería Nacional. Ao quedar esa papeleta sen vender, as e os comerciantes decidiron, con bo criterio, facer un novo sorteo presencial.
As persoas interesadas non tiñan máis que poñer os seus datos pola traseira das papeletas mercadas e depositalas na urna situada na Farmacia Loli para, posteriormente, no sorteo celebrado no Pavillón de Chapela, sacar a que sería premiada coa Gran Cesta. Foi, finalmente a papeleta 02252 de José Manuel Alonso a gañadora e a que lle permitirá levarse a súa casa un gran número de agasallos.
O comercio de Chapela recadou, a través desta iniciativa solidaria, un total de 4.210 euros que serán entregados á Cruz Vermella que os transformará en vales compra para as familias máis necesitadas desta populosa parroquia redondelá.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, felicitou ás e aos comerciantes “pola súa solidariedade” e asegurou que “son un exemplo a seguir”. “Que un dos sectores máis golpeados pola crise da Covid sexa capaz de sobrepoñerse aos seus propios problemas e busque axudar aos máis necesitados, ten que facernos recapacitar a todos sobre a forma en que podemos contribuír a axudar as persoas que nos rodean”, afirmou.