14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz soluciona a crise de débeda relacionada co centro de día

    Mondariz soluciona a crise de débeda relacionada co centro de día

    En dous anos e medio de xestións, preitos e negociacións, o Concello de Mondariz pode anunciar que a crise de débeda relacionada cos pagamentos pendentes que reclamaba o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar polo centro de día da localidade está solucionada. As cotas semestrais correspondentes aos anos 2019, 2020 e 2021 están pagadas, e a débeda histórica de 92.500 euros, correspondente aos anos 2017 e 2018, foi renegociada formalmente para unha devolución fraccionada en 25 meses, entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2024. “Dos 92.500 euros xa pagamos anticipadamente 16.875 euros, e os 75.000 euros restantes serán aboados de xeito fraccionado, segundo propuxemos desde o Concello”, indica José Luis Fernández, concelleiro de Facenda e de Servizos Sociais.

    Para chegar a esta conclusión favorable, no entanto, fixeron falta meses de xestións políticas e administrativas. En xullo de 2019, poucas semanas despois de que iniciase a lexislatura, o actual Goberno municipal comezou a recibir notificacións de pagamentos pendentes ao Consorcio polo centro de día de Mondariz. Esta situación, que comprometía enormemente as finanzas municipais e o propio futuro do centro de día da localidade, nunca fora visibilizada diante da Corporación Municipal e requeriu dun arduo proceso de investigación e análise para negociar o pagamento co Consorcio. Naquel momento, ademais, o Concello de Mondariz funcionaba cun orzamento obsoleto pensado para 2017 que non incluía partidas para os pagamentos relacionados co centro de día.

    En lugar de arquivar o asunto e deixar apodrecer o conflito, o Goberno municipal asumiu a responsabilidade desde o primeiro momento, solicitando reunións co Consorcio e preparando un novo orzamento municipal que incluíra as partidas necesarias. Aínda así, en xullo de 2020 foi notificado que os 92.500 euros correspondentes aos anos 2017 e 2018 serían retidos dos ingresos que debía recibir o Concello a través do Fondo de Compensación Interterritorial. Esta decisión, xa entón de dubidosa legalidade, obrigou ao Concello de Mondariz a interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do director xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda a mediados de setembro de 2020 que, en abril de 2021, o Tribunal de Xustiza de Galicia resolveu favorablemente por defectos de forma e outras irregularidades detectadas no procedemento.

    Nesta sentenza declarábase ilegal a retención da débeda histórica polo centro de día de Mondariz, polo que se abría un novo período de negociación da mesma co Consorcio. En lugar de proceder á devolución dos 92.500 euros retidos pola débeda contraída en 2017 e 2018, negociouse compensar este importe coas liquidacións correspondentes aos anos 2019 e 2020 e aboar a diferenza. Así mesmo, respecto da débeda histórica de 2017 e 2018, o Goberno municipal propúxolle ao Consorcio unha devolución fraccionada en 25 meses que finalmente foi aceptada. “Iniciar un preito cunha argumentación clara e contar cuns orzamentos municipais que incluíran esta partida foi fundamental para resolver este asunto antes de 2022 e normalizar a situación”, conclúe o concelleiro de Facenda e Servizos Sociais de Mondariz.

    O paso seguinte, en relación ao centro de día de Mondariz, será ultimar a xestión da renovación do convenio de colaboración, coa votación do mesmo na sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal prevista para finais de xaneiro de 2022.

    As orixes do conflito

    A crise de débeda do centro de día de Mondariz, malia saír á luz pública no verán de 2019, comezou anos antes, cando en 2017 se mudou o sistema de cofinanciación deste servizo. Naquel momento, déuselle aos concellos a posibilidade de manterse no sistema de cofinanciación anterior, pero o Goberno municipal que tiña Mondariz aceptou o novo sistema de cofinanciación por omisión. Así pois, xa en 2017, o Concello de Mondariz comezou a recibir as liquidacións correspondentes a este novo sistema de cofinanciación do centro de día. Cómpre ter en conta que antes de 2017, co antigo sistema de cofinanciación, tampouco se pagara nada desde que en 2010 se asinara o convenio de colaboración para poñer en marcha o centro de día, pero esta débeda anterior a 2017 foi “aparcada lexislativamente”, segundo se manifestou durante as reunións que mantivo o Goberno municipal coas autoridades do Consorcio.

    Co sistema de cofinanciación que entrou en vigor en 2017, Mondariz paga anualmente 2.500 euros por cada habitante do Concello que faga uso do centro de día a pesar de que as instalacións son de propiedade municipal, pero non pode asignar ningunha das 30 prazas entre os seus veciños e veciñas porque esta é unha competencia da Xunta de Galicia. Polas persoas usuarias do centro de día que veñen doutros concellos, é a Xunta quen asume o custo total do servizo (7.500 euros por usuario).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.