Mércores, 11 Decembro de 2024

Un calendario para homenaxear o traballo das mulleres do Rosal

O Concello deseñou un almanaque que pón en valor ás rosaleiras e educa en igualdade

As mulleres traballadoras do Rosal serán as protagonistas do calendario 2022 do Concello. Unha profesión cada mes é a estrutura que elixiron na Consello de Igualdade municipal para pór en valor o traballo das rosaleiras na historia e tamén na actualidade. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, destaca que “con este calendario queremos homenaxear as nosas mulleres mentres educamos en igualdade”, ao tempo que dá “os parabéns a Angelina Gándara, Rosa Maceiras, Noemí Baz, Moncho Leal e a Sara Vicente, persoas que integran a Comisión de Igualdade, polo seu gran traballo”.

En cada mes do calendario hai unha gran fotografía que representa a unha muller ou a un grupo de mulleres do Rosal traballando. Así xaneiro está adicado ás argaceiras, febreiro ás mestras, marzo ás matronas cunha fotografía de Xulia Suárez, rosaleira que reivindicou os dereitos das mulleres durante e despois do franquismo, abril ás condutoras de autobús coa mención á Silvia, a primeira muller condutora de autobús do Baixo Miño, maio ás costureiras, xuño ás traballadoras da terra, agosto ás que traballan con maquinaria no agra, setembro ás percebeiras, outubro ás tendeiras, con especial mención a Adela Álvarez, un exemplo de muller dinamizadora da colectividade dende un ámbito rural como a parroquia de Fornelos e autora de diversas pezas poéticas en galego, novembro ás artistas, representadas na figura Rufina Domínguez, actriz declamadora do Rosal que foi represaliada polo Franquismo, e decembro ás menciñeiras.

O calendario tamén inclúe información e definicións sobre igualdade, violencia de xénero e teléfonos de interese para mulleres que sufran violencia machista. “Queremos que o almanaque sexa un lugar para educarse en igualdade e que tamén informe ás mulleres, de xeito rápido e sinxelo, dos recursos que teñen da súa man en caso de sufrir violencia por parte das súas parellas.

O Concello pediulle aos Reis Magos que sexan os primeiros repartidores dos calendarios no  percorrido que realizarán o vindeiro día 5 de xaneiro por todos os barrios do Rosal. Despois dese día, todas as persoas que o desexen poden visitar o Concello e solicitar un de maneira totalmente gratuíta.