Sábado, 7 Xuño de 2025

Pontevedra entra na ‘Spain Film Commission’, “un novo paso para consolidar o territorio como un gran plató de cinema”

A Deputación de Pontevedra consolidou esta tarde en Fitur a súa decidida aposta polo cinema e o sector audiovisual como factor cultural e de promoción turística coa formalización da adhesión de Pontevedra Provincia Film Commission á Spain Film Commission, a entidade de referencia nacional e internacional destinada a promover o traballo en rede entre institucións políticas, axentes do sector do turismo, do audiovisual e do cultural. No acto no stand Screen, a presidenta Carmela Silva oficializou co presidente da Spain Film, Carlos Rosado, o protocolo de adhesión que converte a Pontevedra na única provincia galega en entrar neste grupo de traballo que está a liderar o desenvolvemento do Hub audiovisual de España. Ao acto asistiu tamén a vicepresidenta da Spain Film Commission, Teresa Azcona.

Na súa intervención Carmela Silva destacou a importancia que ten esta adhesión para a Deputación e para o conxunto da provincia “nun momento en que o sector turístico amosou unha grande adaptación a un novo escenario no que a calidade, a sostibilidade e a dixitalización son claves, e cando temos un sector audiovisual na provincia que está a demostrar unha capacidade indiscutible e unha grande implicación nas accións de fortalecemento”. “Hoxe é un gran día. Este é un novo paso para consolidar a nosa provincia como gran plató de cinema. Temos grandes produtoras, grandes actores e actrices, grandes guionistas, un talento indiscutible no audiovisual e unha grande potencia cultural. Pero tamén temos no territorio un catálogo de recursos moi amplo e versátil, como pazos, bodegas, castelos, bosques centenarios, praias, ruínas en paisaxes únicos, cascos históricos, gastronomía
… e unha larga lista de elementos que se ven acompañados por unha luz especial e unha oferta de servizos necesarios para calquera rodaxe”.

A presidenta insistiu neste senso en que o cine e o sector audiovisual contribúen “de forma importantísima á promoción turística dos destinos e a súa capacidade de espertar emocións de viaxar, coñecer e sentir é unha poderosa ferramenta que debemos aproveitar de forma intelixente”. Tamén lembrou que a Deputación recibiu xa en dúas ocasións o premio ao mellor audiovisual turístico do mundo na categoría de mellor produto por “Fame de experiencias” e “Sigue o teu instinto”, que lograron 24 galardóns internacionais, e subliñou que a adhesión á rede da Spain Film Commission é necesaria “porque debemos participar nas estruturas de creación de sinerxías, de articulación de proxectos que atraian rodaxes ao noso territorio e de fortalecemento do noso sector mediante a formación e capacitación”. Carmela Silva amosou igualmente “a total colaboración” da nova Pontevedra Provincia Film Commission para contribuír a atraer rodaxes a España e “aportar o noso grao de area ao desenvolvemento desta industria do noso país así como no futuro Hub Audiovisual de España”.

Carlos Rosado agradeceu “enormemente compracido” a incorporación da Deputación á Spain Film Commission e “o seu decidido compromiso” de impulsar o audiovisual para que sexa un vector clave. “Ogallá, dixo, a decisión da provincia de Pontevedra sirva para que outras provincias galegas e non galegas tomen o mesmo camiño. Xa te anuncio que nos envorcaremos coa Deputación, facémolo con todos pero cos que aportan un valor especial como é o voso caso, farémolo aínda máis”.

“Unha provincia de película”

O compromiso da Deputación co sector audiovisual espállase en diversas iniciativas englobadas no programa “Pontevedra, unha provincia de película”, que resume as políticas culturais desenvolvidas na aposta polo talento creativo e pola industria cinematográfica do territorio, polo audiovisual como medio de comunicación da nosa paisaxe e do noso patrimonio material e inmaterial, por nosos festivais e pola visibilidade da muller neste sector. O programa “Pontevedra Plató de Cinema” apoia as rodaxes cinematográficas con propostas que amosan amais a preferencia polas Rías Baixas de grandes profesionais que realizan propostas premiadas nos diferentes festivais de cine do país e nos Goya como é o caso da película “Valentina”, ou “Nación” e “9 Fugas”. Tamén a creación da marca Rías Baixas Film Fest, que agrupa 9 festivais que cada ano conta con máis participación de público e máis proxección pola calidade: o Festival de Cans, FicBueu, Curtas Armadiña, Novos Cinemas, Play-Doc, Festival Primavera do Cine, Again (Festival de Cine Inclusivo), Curtas Festival do Imaxinario e Galician Freaky Film Festival.

Amais, o compromiso pola igualdade e por rachar coa “intolerable” infrarrepresentación da muller no sector levou á Deputación a crear os premios Mulleres no Foco, en colaboración con CIMA, para recoñecer o talento feminino no audiovisual galego “e intentar transformar esas cifras”. Tamén se puxeron en marcha ciclos como “Cinema e Muller”, “Fóra de plano”, ou as xornadas sobre as oportunidades do Hub Audiovisual, xa en colaboración coa Spain Film Commission. Neste 2022, entre outras actividades, están previstas ademais dúas exposicións relacionadas coa temática do cinema, “Cines de Pontevedra. Memorias dunha ilusión”, que percorrerá os concellos da provincia, e “Pequena enciclopedia de fotografía”, que se exporá na sede da Deputación en Vigo desde finais deste mes de xaneiro.

O alcalde do Porriño recolle as peticións dos veciños de Cans para amosar o compromiso coa mellora da parroquia

Representantes da Asociación de Veciños Castelo de Cans trasladaron ao goberno municipal as necesidades da súa parroquia nunha reunión na que estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Asociacións, Parroquias e Cultura, Bienvenido Estévez.

A xuntanza, incluída na rolda de reunións que o novo executivo está a manter coas asociacións culturais e veciñais do municipio, foi unha primeira toma de contacto onde os veciños trasladaron a necesidade de solucionar varias cuestións que afectan á parroquia, entre elas a limpeza, alumeado, o asfaltado de viais e varias intervencións que se requiren en vivendas e lugares puntuais.

Dous dos temas que centraron a xuntanza foron a histórica reclamación da veciñanza para o acondicionamento do local que utiliza a asociación e veciños e o arranxo da bancada e peche do torreiro.

Co compromiso de responder ás peticións da veciñanza de Cans o Alcalde afirmou que inciará “as xestións precisas para solucionar os problemas que nos trasmiten e ir valorando da man dos veciños e veciñas as que se poidan presentar”. Consciente de que moitas destas reclamacións levan anos sen ser atendidas, Lorenzo prometeu “traballar desde xa para que a veciñanza desta parroquia recupere a confianza no seu Concello” e concluíu “é unha parroquia pequena, como a miña, pero ten o mesmo peso que as outras que forman O Porriño e nesa liña traballaremos”.

A provincia de Pontevedra, mellor destino de calidade turística de toda España

A provincia de Pontevedra foi hoxe a gran protagonista na entrega dos XII Premios Nacionais SICTED ao ser escollida como o mellor destino de calidade turística de toda España, “un recoñecemento extraordinario que temos que valorar de forma moi importante”, manifestou unha emocionada Carmela Silva ao recibir o galardón, no Centro de Convenciones de Fitur, de mans do Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.

O Premio á Deputación e a Rías Baixas “polo o seu esforzo e traballo e polo seu compromiso en favor dos servizos turísticos e do destino en xeral, así como o impulso do proxecto dentro do territorio”, converte así a Pontevedra Provincia no único destino galego  en recoller un Premio, o primeiro entre os 19 que conseguiron este ano un galardón. “Sempre tivemos claro que a calidade tiña que ser un dos nosos grandes obxectivos en materia de xestión turística do destino desta provincia e estamos a ver os froitos desta firme aposta” sinalou a presidenta da Deputación. “É un feito excepcional, froito dun traballo colectivo co sector turístico e os concellos que, amais, se suma a que o pasado ano recibimos xa o galardón á mellor técnica de xestión SICTED de España”. A Deputación de Pontevedra, tal e como destacou Carmela Silva, é unha das administracións máis veteranas na xestión do SICTED, “e a nosa provincia lidera no estado o número de establecementos con este distintivo de calidade. Son xa 302 e agora estamos a traballar con 350 empresas de toda a provincia e todos os subsectores relacionados co turismo, polo que este premio é un enorme recoñecemento tamén a todos eles”.

O sistema integral de calidade está aliñado co Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, que marca entre os seus obxectivos a mellora da competitividade do destino e contempla accións encamiñadas a espallar o compromiso coa calidade en eidos como a sostibilidade e a dixitalización. Neste eido a Deputación está a impartir formación convencional específica e a sensibilizar ao sector  para prestar un servizo óptimo, de calidade, innovador e sostible.  

O Concello mellora a mobilidade e seguridade do Centro Cultural de Ribadetea cunha nova rampla peonil e o valado da terraza

O Centro Cultural de Ribadetea conta xa cun acceso renovado que mellora a mobilidade e a seguridade das instalacións. O Concello de Ponteareas levou a cabo as obras para complementar o acceso existente, traballos que consistiron na creación dunha rampla á fronte da edificación que facilitará a accesibilidade e que permitirá o acceso directo exterior á cafetería e á terraza a través dunha pasarela metálica sen necesidade de acceder ao salón de actos.

“Todas estas actuacións supoñen un gran cambio para o Centro Cultural, xa que ademais de mellorar a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida dotouse á terraza dunha maior seguridade coa instalación dunha varanda, ademais da súa pavimentación e impermeabilización”, salientou o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O proxecto contou cun investimento de máis de 35.500 euros que foron financiados ao abeiro do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra.

Apróbase o proxecto de reforma e ampliación do pavillón polideportivo da Sangriña

0

O proxecto que se presentou a este pleno incorpora melloras importantes respecto ao documento orixinal que xa conseguira a aprobación en xullo de 2021 coa oposición de parte da corporación. Dende aquela e equipo de goberno xunto co equipo redactor estiveron estudando o documento a fondo e valorando distintas suxestións que lles fixeron chegar para procurar a mellora do proxecto e a adaptación ás distintas recomendacións e normas. Cabe destacar neste sentido os esforzos que se fixeron para cumprir coas recomendacións feitas dende a Secretaría Xeral para o Deporte para mellorar a instalación deportiva.

Froito das melloras incorporadas no proxecto e do compromiso do alcalde de continuar traballando para conseguir os terreos coa cualificación urbanistica para construir no futuro un novo pavillón, o proxecto saiu adiante sen ningún voto en contra.

Neste senso alcalde declaraba á saída do pleno: “as tramitacións urbanísticas son lentas pero xa temos moito traballo adiantado. Espero que nos próximos meses poidamos levar á aprobación inicial o Plan Especial de Infraestruturas Deportivas na zona da Sangriña.”

Antonio Lomba, mostraba a súa satisfacción: “considero que se avanzou co cambio de postura dos grupos. Coa execución desta obra conseguiremos unha mellora moi sustancial nunha das dotacións deportivas mais importantes da localidade. Agora espero que a Xunta de Galicia cumpra o seu compromiso e cofinancie este proxecto que xa conta con unha aportación de 610.000 € da Deputación de Pontevedra. Tamén quero tranquilizar ao Atl Guardés e a comunidade escolar do CEIP da Sangriña porque poñeremos todo o que faga falta da nosa parte para procurar o mínimo quebranto tanto para o club como para o alumnado do colexio.”

O proxecto aprobado que terá que estar rematado en abril de 2023 ten prazo de execución de 8 meses e cun custo de 1.870.000 €. A súa execución permitirá modernizar todas as instalacións, que contemplan: unha nova fachada, unha nova cuberta, unha nova grada de fondo, a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas, unha zona de espectadores en cadeiras de rodas nesa planta superior, un elevador, a renovación dos vestiarios: catro vestiarios xerais, un vestiario accesible, un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos, tres aseos accesibles, un espazo de enfermería, un espazo para control antidopaxe, unha area de prensa, novas zonas de paso inferiores e almacéns, etc. Ademais haberá unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas.

Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña necesita desta reforma, a execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas.

Os solicitantes das subvencións da bolsa Covid da Cañiza cobraron as axudas no 2021

0

Esta subvención, enmarcada nun Programa de Reactivación Económica e Social, estaba dirixida aos hostaleiros e autónomos do Concello da Cañiza para paliar os efectos da situación pandémica xerada pola Covid-19, que en moitos casos obrigou a pechar os establecementos durante a o período de declaración do Estado de Alarma.

En total solicitaron esta liña de axuda 86 establecementos, dos que 4 quedaron excluidos por non cumprir cos requisitos e 5 por non presentar en tempo e forma os documentos requeridos ou ter débedas coas administracións.

Os 51.377,33  repartíronse na súa totalidade grazas ao sistema de puntos no que se valoraba en primeiro lugar o peche do establecemento, a existencia de alquileres e ter persoas a cargo.  O Concello da Cañiza adoptou  a proposta defendida pola Federación Galega de Municipios e Provincias de repartir o 1% do Orzamento de cada Administración.

Dos 77 establecementos subvencionados  case a metade conseguiron unha axuda de 680,00 € que se corresponde coa obtención de 60 puntos no baremo de cómputo.

Os que menos cobraron obtiveron únicamente 20 puntos que se corresponde coa cobranza de 227,28 € e os que acadaron a máxima puntuación, un total de  112,50 puntos, cobraron 1.278,40 €.

Con este reparto dende a Alcaldía cúmprese o compromiso de axudar aos establecementos da Cañiza a  paliar e actuar ante as consecuencias derivadas da crise económica provocada polo COVID-19 e de impulsar a actividade económica no termo municipal de A Cañiza.

Esta axuda ten como obxectivo outorgar liquidez aos autónomos e hostaleiros do Concello para contribuír a facilitar o cumprimento das súas obrigas empresariais, mantemento da actividade e emprego, atenuar a reducción drástica de ingresos e compensar o abono das taxas municipais para todos aqueles negocios que tiveron que realizar un peche obrigatorio.

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde foron as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA e as persoas traballadoras por conta propia  que teñen o domicilio fiscal en A Cañiza, incluídos os autónomos societarios que tiveron unha alta anterior ao 30.3.2020 e que acreditaron o peche da actividade ou unha baixada de facturación nos termos establecidos nas bases.

Laura Calvo gaña o concurso “Que é para ti a OMIX de Tomiño”

0

Laura Calvo é a flamante gañadora do concurso “Que é para ti a OMIX de Tomiño”. O debuxo da alumna de 1º de Bacharelato do IES Antón Alonso Ríos alzouse co premio xunto unha frase que para ela define a Oficina Municipal de Información Xuvenil, un espazo que traballa na “procura do desenvolvemento da nosa xuventude”.

A alcaldesa, Sandra González, destaca o traballo de Laura Calvo e de todas as persoas que participaron neste concurso. “Todas e todos reflexaron moi ben a importancia da OMIX no noso concello”, lembra a alcaldesa, ao tempo que engade que agora o debuxo será serigrafiado en centos de bolsas de tea que van ser repartidas entre todo o alumnado do instituto “cunha gran sorpresa e agasallos no interior”.

O Concello acomete a mellora da rede de saneamento no camiño ‘Monte do Cuco’

0

O Concello de Redondela iniciará proximamente as obras de renovación de servizos e pavimentación da zona sur do camiño Monte do Cuco, entre as parroquias de Cesantes e Redondela. Osa traballos, que contan cun investimento de 134 231,57 euros, serán financiados con fondos propios do Concello con cargo ao Remanente de Tesourería.

Trátase de renovar a rede de saneamento de cara a optimizar o seu rendemento e mellorar a prestación deste servizo básico ás veciñas e veciños da zona. Dado que os traballos contemplan a separación de augas pluviais e saneamento, o proxecto prevé o estendido de 223 metros lineais de tubaxe de PVC-250 para recollida de pluviais, traballos que se complementan coa construción de catro arquetas, 13 pozos e 13 acometidas de pluviais amais de 41 metros lineais de sumidoiros.

Doutra banda colocaranse outros 223 metros de tubaxe de PVC-250 para o saneamento con 12 arquetas e outras tantas acometidas e 17 pozos de saneamento.

Unha vez rematados os traballos de colocación das tubaxes procederase ao estendido de 1 870 metros cadrados de pavimento de formigón.

A alcaldesa Digna Rivas destacou a importancia dunha obra “que da continuidade a un ambicioso proxecto de mellora de infraestruturas e servizos básicos das parroquias”. A alcaldesa de Redondela lembrou que a dotación destes servizos aos núcleos rurais “foi, e segue a ser, unha das nosas prioridades”.

A veciñanza de Redondela, engadiu, “ten o dereito de dispoñer duns servizos públicos de calidade independentemente do lugar no que residan e, nese sentido, as parroquias teñen sido as grandes esquecidas”.

Covelo inicia a rehabilitación exterior da antiga escola de Redondo en Barcia de Mera

0

O Concello de Covelo da un paso máis na recuperación e protección dos edificios e espazos públicos co comezo da obra de rehabilitación exterior da antiga escola San José de Redondo situada na parroquia de Barcia de Mera.

Financiada con fondos propios, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o proxecto contempla a mellora das catro fachadas e parte da cuberta cun custo total de 34.038€. Traballarase na eliminación de filtracións de auga ao interior, na limpeza e restauración das paredes e devolveranse as fachadas ao seu estado orixinal. Ademais, substituirase a carpintería de aluminio actual por unha máis acorde co edificio e coa súa contorna, rehabilitarase a porta principal e substituirase a porta traseira. Por último, procederase á rehabilitación do portal de entrada á parcela e acondicionamento básico da mesma.

O acalde de Covelo, Pablo Castillo, adianta que as obras terán unha duración de dous meses e permitirán non só protexer o patrimonio público se non tamén avanzar na mellora deste espazo polivalente que, con futuras actuacións,  poderá albergar distintas iniciativas municipais e veciñais ademais de conservar os usos xa existentes . “Grazas á boa colaboración entre as administracións podemos hoxe comezar unhas obras moi necesarias que devolverán a este fermoso edificio o seu esplendor para perdurar o seu carácter orixinario de servizo e goce da veciñanza de Covelo”.

Pablo Castillo engade que coas obras revitalizarase e darase continuidade ao legado do filántropo e empresario  Agapito Serra Fernández que no ano 1929 mandou construír na súa aldea natal esta escola con capacidade para setenta alumnos e casa habitación correspondente para o mestre.  Ao seu carón, financiou tamén a construción dunha capela dedicada ao seu santo patrón, San Xosé.

Agapito Serra Fernández

Asentado en Lisboa montou o restaurante A Estrela de Ouro e creou unha fábrica de alimentos co mesmo nome acadando un importante éxito empresarial. En 1907 encargoulle ao arquitecto Norte Júnior edificar unha barriada de casas, que levaría o nome das súas empresas. Estas casas eran alugadas por un módico prezo aos seus traballadores e hoxe constitúen un dos barrios lisboetas máis característicos. Formado por uns 120 edificios, de dous e tres andares, tiñan acceso directo ao exterior e seguían modelos arquitectónicos de carácter ecléctico. Os edificios destacaban polos paneis de azulexos e os balcóns de ferro forxado.

Foi un destacado membro da colectividade galega asentada en Portugal, directivo de varias sociedades de socorros mutuos e un dos promotores da creación no ano 1931 do Centro Galego de Lisboa. Serra Fernández en sociedade con outros lisboetas, pasou no seu Cinema Royal o primeiro filme sonoro en Portugal.

Nigrán inicia as obras de renovación da zona de rodadura do paseo de Panxón

0

O Concello de Nigrán iniciou onte as obras para acondicionar a zona de rodadura do paseo marítimo de Panxón cun investimento de 122.300 € a cargo do Plan Concellos 2020, o que revertirá nunha mellora da seguridade viaria e na propia imaxe da contorna. Os traballos, adxudicados a Construcciones Castro, terán unha duración aproximada de dous meses e consistirán básicamente na substitución do enlousado de pedra existente por outro de 15 cm de espesor (13x13x10 cm), un grosor que si o fai resistente ao tráfico rodado.

A actuación comprende toda a zona de circulación (desde o entronque do paseo marítimo coa rúa Mariñeiro á Travesía Ciudad de Vigo, no encontro con Camiño do Regueiro). “Lamentamos as molestias destes primeiros días nos que hai que levantar o firme existente e pedimos paciencia, pero despois diso as obras se realizarán de xeito que non prexudiquen a residentes ou hostaleiros”, explica o alcalde, Juan González,  quen incide en que “precisamente se optou por realizar as obras pasado o verán para causar un menor impacto posible”.

“É un tramo que se atopa nun estado calamitoso practicamente desde que se estreou hai décadas, provocando caídas contínuas de peóns e malestar veciñal, polo que tras anos e anos realizando parches optamos por dar solución definitiva a este problema mantendo unha estética acorde ao paraxe, polo que optamos por manter pedra en lugar de trocar a aglomerado. Ademais, esta zona é un dos principais escaparates de Nigrán e urxía xa revertir a imaxe negativa”, finaliza o rexedor.

Salceda, O Porriño e Mos renovan as súas infraestructuras cunha achega da Consellería de Deporte

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe os tres concellos onde a Xunta de Galicia levou a cabo obras de renovación das súas infraestruturas deportivas a tenor dos convenios de colaboración asinados cos gobernos locais. Neste sentido, as obras levadas a cabo nos concellos de Mos, Porriño e Salceda de Caselas acadaron un presuposto total de máis de 90.000 euros.

En primeiro lugar, o mandatario galego visitou, da man da alcaldesa Nidia Arévalo, o concello de Mos, onde a pista polideportiva de San Rafael foi obxecto de obras por importe de 20.000 euros (19.986,58 euros), sendo achegados o 88% pola Xunta (17.755,96 euros) e o restante 12% polo concello (2.230,62 euros). A pista multideporte multifunción para práctica de varios deportes ten unhas dimensións de 22 por 44 metros e está preparada para o xogo ao aire libre para a práctica de fútbol, baloncesto, voleibol e balonmán. Conta con portarías antivandálicas e taboleiros de baloncesto antivandálicos con aros.

Ademais, tamén no Concello de Mos, a Xunta de Galicia asinou outro convenio de cooperación para a adquisición de equipamento para diferentes instalacións municipais por importe doutros 20.000 euros (19.474,66 euros). Do total deste importe, a Xunta achegou o 88% (17.244,04 euros) e o concello o restante 12% (2.230,62 euros). Grazas á sinatura deste convenio, creáronse dúas salas de ximnasio novas no Campo de Fútbol das Baloutas e no Campo de Fútbol Coto Torrón e, ademais, aumentouse o número das máquinas de exercicio existentes no Ximnasio do Pavillón Óscar Pereiro, así como a mellora e adquisición de novos elementos para a piscina.

Visita ao Porriño
Visita a Mos

Videomarcadores para Porriño e Salceda

Acompañado polo alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Alonos, Lete Lasa visitou a continuación o Pavillón polideportivo municipal, onde Xunta e concello instalaron unha pantalla led deportiva cun orzamento de 25.000 euros, sendo achegados o 80% pola Secretaría Xeral (20.000 euros) e o restante 20% polo concello (5.000 euros). Lete Lasa destacou a importancia deste vídeo marcador para as principais entidades que utilizan o pavillón como Balonmán Porriño, Baloncesto base Porriño, Patín Porriño, Ximnasia Rítmica Porriño, Kung Fu Porriño así como as Escolas deportivas municipais que suman, en total, preto de 1.300 deportistas (1.298). Do mesmo xeito, secretario xeral e alcalde visitaron outras instalacións deportivas do concello na procura de novas vías de colaboración.

No Concello de Salceda de Caselas, onde visitou o pavillón municipal da man da alcaldesa, Verónica Tourón, o vídeo marcador instalado tivo un custo de 26.335,65 euros, achegados no seu 76% (20.000 euros) pola Xunta e o 24% restante polo concello (6.335,65 euros).  No pavillón municipal de Salceda é utilizado semanalmente por máis de medio milleiro de deportistas (515) das Escolas Deportivas Municipais de Salceda, o CB Caselas ou o BM Caselas entre outros.

O vídeo marcador deportivo LED ten un tamaño duns 10 m2, con tecnoloxía de última xeración para uso en interiores, cunha resolución pixel pitch 4,8 mm e de tecnoloxía led SMD. Conta cun ordenador de control con software específico para procesador led e software específico para uso de marcador; superficie gráfica da pantalla led deportiva de 10 m2; consola deportiva para manexo de marcador; estrutura para fixación da pantalla; bocina; xogo de dous marcadores de posesión, homologados por FIBA e consola de posesión.

Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.

A Arribada adáptase á época Covid

0

Imaxe de arquivo da presentación da Arribada 2021 que, finalmente, non se puido celebrar

Sempre que as medidas para adoptar pola Xunta de Galicia ante a Covid durante a primeira fin de semana de marzo (4, 5 e 6 de marzo) permítano, Baiona celebrará o 529 Aniversario da Arribada da Carabela Pinta.

Esta é a decisión tomada para o Concello de Baiona, polo que a Concellería de Cultura xa traballa nos preparativos da Celebración. Hoxe mesmo, ábrese o prazo de solicitude para participar no Real Mercado Medieval.

A crise sanitaria do covid-19, fai que a Festa de Interese Turístico Internacional adáptese as circunstancias actuais, polo que esta nova edición experimentará unha serie de cambios co fin de que se cumpran coas medidas de seguridade sanitarias.

Entre os cambios que experimenta este ano a festa, os postos de artesanía se re-situarán nun emprazamento distinto ao que o viñan facendo os anos anteriores, o Centro histórico da Villa, co fin de que tránsito entre as persoas visitantes sexa máis fluído nestas rúas. Buscaranse vías máis amplas e cómodas para expoñer os produtos de venda, facilitar a circulación entre as persoas asistentes e evitar aglomeracións.

Outra das novidades da edición 2022 será a prohibición de consumir na barra dos postos de comida. As barras servirán unicamente como espazo de recollida de alimentos e bebidas. Por iso, o Concello de Baiona creará uns espazos denominados “bolsas de mesas” onde os comensais poderán gozar dos ricos manxares que ofrecen os postos, serán espazos amplos e grandes creados especificamente para tal fin.

Así mesmo, quitaranse da programación da festa os espectáculos con animais.

“O goberno local pretende unha celebración cun maior valor cultural e histórico co fin de que a celebración non perda o significado co que se creou, sempre garantindo e seguindo as medidas sanitarias establecidas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.

“A aposta pola súa celebración atenda a un desexo de manter vivo o espírito da Arribada adaptándonos aos tempos que nos tocaron vivir e sempre tendo como pano de fondo a seguridade sanitaria”, finaliza o rexedor.

A pandemia fixo que no ano 2021 non se puidese celebrar esta data marcada en vermello no calendario baionés. Así mesmo, propiciou que se suspendese por primeiro vez desde 1995, data desde a que levaba a cabo de maneira ininterrompida.

A Arribada preséntase con cambios substanciais, sobre todo na súa formulación, aínda que tanto o rexedor como a responsable de área, Miriam Costas, aposta pola súa celebración.

O prazo para presentar as solicitudes de postos de venda no Real Mercado Medieval da Festa da Arribada estará aberto desde hoxe, mércores 19 de xaneiro, ata o 11 de febreiro de 2022, ambos os incluídos.

A organización da festa pon ao dispor dos artesáns 70 postos do Concello, que serán sorteados entre todas as solicitudes.

Todas as persoas interesadas en obter autorización para a instalación dos postos de venda no Real Mercado Medieval da Arribada, deberán cubrir a solicitude oficial e a Declaración Responsable (Anexo I) e presentalas no rexistro xeral do Concello ou a través da sede electrónica http://baiona.sedelectronica.gal.

Toda a información necesaria para realizar a solicitude atópase dispoñible na páxina web: www.baiona.gal.

Comeza a transformación do núcleo urbano do Rosal

0

Comeza a reforma integral da Praza do Calvario e da súa contorna, un proxecto transformador co que o Concello do Rosal recuperará espazos públicos de calidade para a veciñanza. “Abordamos esta reforma do núcleo urbano con moitas ganas e ilusión, porque vai supoñer unha mellora moi positiva e importante para o municipio. Manterase o uso polivalente da praza, pero dándolle un marcado carácter peonil, servindo de espazo de convivencia e lecer dos rosaleiros e rosaleiras e incrementando tamén o dinamismo comercial da zona”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que salienta que “xuntas e xuntos continuamos construíndo O Rosal das persoas”.

Esta reforma integral da praza, encaixada na estratexia de desenvolvemento integral do núcleo urbano do Rosal, servirá de modelo para o resto do municipio. O Concello aprobará este xoves 20 en pleno extraordinario o financiamento da obra, que suporá un investimento de máis de 1,3 millóns de euros. A Deputación de Pontevedra, a través do ReacPon, financiará o 34% do custo da licitación da mellora da praza, ao tempo que o Concello está a facer un esforzo importante para a captación de fondos para proxectos transformadores e xa ten solicitados fondos europeos a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. A rexedora rosaleira agradece á Deputación de Pontevedra “o seu apoio a unha reforma vital para nós” e que se poderá levar adiante “grazas á boa planificación do Concello na aprobación temperá dos orzamentos, que permitirá que poidamos acometer esta obra histórica para o noso municipio”.

Os traballos comezarán este 20 de xaneiro e terán unha duración aproximada de 10 meses. Na reurbanización vanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza. Ademais, de forma paralela, realizarase unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento.

As obras suporán un esforzo colectivo que permitirá continuar mellorando o núcleo urbano do Rosal e dende o Concello poranse en marcha diferentes medidas para minimizar o posible impacto tanto en residentes como en comerciantes e público. Así, durante a duración das obras cambiará o sentido de circulación e haberá restricións nalgunha das rúas da contorna da Praza do Calvario, como a rúa Nova do Couso, que pasará a ser de sentido único dirección descendente, ou a rúa Jesús Noya, que será só para residentes e autorizados. A rúa Simón do Mazo será de sentido único dende a rúa Campo da Feira cara ao pavillón municipal, deixando un carril para circulación e outro para aparcamento e zona peonil para a veciñanza. Ademais, a poucos metros da Praza do Calvario tamén están xa habilitados os aparcadoiros de Xulio Sesto e Barbuntín.    

A alcaldesa lembra á veciñanza que a recuperación da Praza do Calvario “vai dotar de identidade o centro urbano, reforzándoo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñendo novos usos e actividades que dinamicen a zona”.

Ponteareas comeza os traballos de ampliación da rede de abastecemento de auga en Albar e Puzo

Para o Concello de Ponteareas os servizos básicos como o abastecemento de auga potable para todos os veciños e veciñas son unha prioridade. Neste camiño, esta semana comezaron as obras de ampliación da rede de abastecemento en Albar e Puzo, en San Mateo de Oliveira, que permitirá conectar á rede municipal a un grupo de vivendas que na actualidade carece deste servizo. “Un dos obxectivos que nos marcamos neste mandato é que, na medida do posible, toda a veciñanza poda gozar deste servizo básico”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Cun investimento de máis de 60.000 euros, as obras estarán rematadas nos vindeiros meses. Os traballos consistirán na instalación de dous novos tramos de rede de abastecemento cun total de 1,3 quilómetros, repartidos en 687 metros situado na zona de Albar e outros 625 metros en Puzo.

Como resposta á demanda de servizo por parte da veciñanza, “o Concello conta cun proxecto ordenado de ampliación da rede de abastecemento nas zonas rurais de Ponteareas no que se ten en conta especialmente aqueles lugares das nosas parroquias que teñen maiores dificultades ou problemáticas engadidas, como poden ser épocas de seca”, explicou a concelleira de Infraestruturas Básicas, Lola Covelo.

O Porriño amplía os horarios da sala de estudo e xestiona a súa apertura tamén durante as fins de semana

O Concello do Porriño, a través da concellería de Cultura que dirixe Bienvenido Estévez, está a xestionar a reorganización de horarios e espazos da sala de estudos para atender á demanda do colectivo de estudantes.

O departamento de cultura iniciará os trámites para a contratación de persoal que permita que as instalacións estean abertas as fins de semana e horarios especiais para épocas de exames para que os mozos e mozas do Porriño dispoñan dun lugar propicio para o estudo no seu municipio. “Tamén estamos a valorar fórmulas para reubicala e coordinar o servizo coa Biblioteca Municipal”, afirmou o edil, Bienvenido Estévez.

Mentres tanto, e atendendo á petición dos usuarios, ampliaranse os horarios da sala de estudio habilitada en el centro cívico, que permanecerá aberta de luns a venres de 8:30h a 22 h de maneira continuada.

“Os horarios deben ser acordes aos horarios lectivos dos estudantes para poder responder ás súas necesidades”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Queremos que a sala de estudo estea aberta os sete días da semana e xa iniciamos as xestións necesarias para que así sexa. Os estudantes do Porriño teñen que disponer dese servizo no seu concello”.

A Deputación “estupefacta” de que o PP pida restaurar unha ponte na Cañiza “cando hai un proxecto completo para o treito vello da EP-5002

A Deputación continúa avanzando para a recuperación de todo o tramo vello da estrada provincial EP-5002, na contorna da ponte románica das Achas, no concello da Cañiza. O tramo, de 560 metros, correspóndese co antigo percorrido, pois a Deputación inaugurou a finais de 2016 a variante que enlaza coa EP-5102 incluíndo a construción dun novo viaduto sobre o río Deva, obras que xa supuxeron un investimento de medio millón de euros.

O novo proxecto para a recuperación do tramo vello está valorado en 411.015 euros e xa está redactado, segundo avanzou o deputado da área, Gregorio Agís. O responsable provincial de Infraestruturas ironizou sobre a moción que o deputado do PP da Cañiza, Miguel Domínguez, vén de presentar ao Pleno provincial reclamando a restauración desta ponte. “Parece que reclama algo que xa se está facendo, aínda que reclama menos do que se está facendo, porque o proxecto redactado non só contempla a restauración da ponte, senón de todo o tramo vello entre os núcleos das Achas e da Ponte”. Por este motivo, anímao a preguntar e informarse antes de presentar mocións ao Pleno “e evitar así novos intentos fallidos de colgarse medallas, por non falar de estrepitosos ridículos”.

Agís destacou que o traballo da área provinciall de Infraestruturas continúa e o proxecto seguirá adiante e executarase de acordo coa planificación no mantemento, conservación e mellora da rede provincial de estradas. Ademais destacou que a interlocución da Deputación co alcalde da Cañiza, Luis Piña, está aberta permanentemente ao igual que cos 62 alcaldes e alcaldesas”, polo que a Deputación non precisa de “intermediarios” ou “axentes políticos” para sacar adiante as súas actuacións.

“Estamos a falar dunha obra que está acordada co alcalde da Cañiza, que é con quen falamos desde a Administración provincial; xa mantivemos unha reunión, o Concello xa está a traballar para a consecución dos terreos necesarios para a súa cesión, e este mesmo ano se firmará o convenio. Un proxecto, engadiu Agís, moito máis amplo que o que supostamente pide o deputado Domínguez que se refire só á ponte”.

Unha actuación integral

O proxecto elaborado pola Deputación para o acondicionamento dos 560 metros entre os núcleos das Achas e a Ponte, no concello da Cañiza, prevé unha actuación integral para a mellora da seguridade viaria entre estes dous núcleos, recuperando ademais, os valores patrimoniais da ponte das Achas, dado que pasará a contar de pavimento de lastra de granito, ademais da substitución das actuais varandas metálicas por un peitoril de pedra de 110 centímetros de altura.

Segundo o proxecto, no núcleo das Achas proxéctase unha zona de convivencia de tráfico rodado e peonil mediante unha plataforma elevada de formigón de cor gris escura, previo saneo do pavimento existente. O embelecemento da zona consistirá tamén na pavimentación con lastras graníticas dos sobreanchos da estrada. No contacto dos novos pavimentos coas vivendas disporase unha cenefa con lousas graníticas rectangulares. Ademais, enlazando coa plataforma elevada de preferencia peonil proxéctase unha senda ao longo da marxe dereita de 2,50 metros de ancho medio. Ata a zona da depuradora disporase unha cuneta de formigón practicable entre a senda e a calzada, que funcionará tamén como rega para as parcelas lindeiras. A drenaxe solucionarase en ámbolos dous treitos da senda cunha canalización soterrada de PVC de 400 mm de diámetro.

O proxecto, que inclúe tamén a aplicación dunha nova capa asfáltica, prevé que a circulación do tráfico rodado no acceso ao núcleo da Ponte quede restrinxido ao sentido de Oeste a Este. Con este fin ampliarase a zona verde existente na intersección e disporase unha sebe vexetal de buxos no linde coa senda. Tamén se contempla o alumeado da senda con novas luminarias led sobre columnas de 9 metros. Ademais se soterrarán as liñas de enerxía eléctrica e telefonía. A obra complétase coa disposición ao longo da actuación de banco de granito e asento de pedra.

Un home resultou ferido nas Neves ao caerlle unha árbore enriba

0

Un home foi atendido polos servizos sanitarios de urxencia, logo de sufrir a caída dunha árbore, na localidade das Neves, no día de onte.

O 112 Galicia recibiu o aviso por parte dun particular pasados quince minutos das cinco da tarde do martes. Na chamada, indicaba que o propietario dunha finca que estaba a traballar nunha árbore precisaba de asistencia médica urxente despois de caerlle na cabeza.

Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e do GES-SPEIS Ponteareas, así como tamén foron informados os axentes da Garda Civil.  

Debido á gravidade da situación, os profesionais sanitarios optaron por mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no mesmo lugar dos feitos.

O Sergas avanza nun sistema que permitirá xestionar as altas e baixas das incapacidades temporais por COVID-19 nun mesmo acto

O Servizo Galego de Saúde vén de comunicar aos facultativos do Servizo Galego de Saúde as novidades que está a desenvolver para poder xestionar nun mesmo acto os partes de alta e baixa das incapacidades temporais provocadas polos contaxios da covid-19.

Tras a reunión do último Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, o Sergas vai incorporar a posibilidade de que no momento de dar a baixa nos procesos covid-19 aos pacientes que o precisen, o persoal médico poida proporcionar a alta corresponde de forma conxunta. Neste senso, a administración galega modificará o seu sistema para que no momento de imprimir e enviar o parte de baixa por covid-19, o sistema almacene a alta do mesmo para, sete días despois, enviala á Seguridade Social.

O departamento sanitario da Xunta xa iniciou as actuacións necesarias para que este procedemento estea dispoñible o máis axiña posible, co obxectivo alixeirar a carga de traballo do persoal facultativo do Servizo Galego de Saúde. Ademais, tamén habilitou a posibilidade de acceder desde as listas de traballo do sistema IANUS á listaxe de pacientes que contan con procesos de Incapacidade temporal abertos pola covid-19, cando estes conten cunha duración de 7 ou máis días. Cómpre destacar que, ficará sempre a expensas do criterio médico a posibilidade de emitir de forma conxunta, ou separada, os partes de alta e de baixa.

Entre as novidades nas que traballa o Sergas, destaca tamén a dispoñibilidade de acceso e descarga dos partes de Incapacidade temporal desde o aplicativo E-Saúde (dentro do apartado ‘Historia clínica’; na opción ‘Historia de Saúde Laboral no Sergas’).

Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde habilitará nas vindeiras datas a posibilidade de que o persoal administrativo dos seus centros saúde poida imprimir e facilitar os partes directamente aos pacientes. Así, conseguirá que aquelas persoas que non teñan a posibilidade de acceder ao aplicativo E-saúde poidan obtelos dun xeito áxil nos puntos administrativos dos centros sanitarios.

No momento en que estean completamente operativos este cambios, a dirección xeral de Asistencia Sanitaria integraraos na vindeira actualización do “Protocolo sobre detección e manexo de casos de infección activa polo virus Sars-Cov-2 en atención primaria e na abordaxe dos contactos estreitos”.

Ferida unha muller ao saírse da vía o coche no que circulaba en Gondomar

0

Unha muller sufriu feridas de consideración despois de que o coche no que viaxaba rematase fóra da vía en Gondomar.

O accidente produciuse na estrada que une esta localidade con Peitieros, ao fío das sete e media da pasada tarde.

Foi, a esa hora, cando o 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro a través dunha central de alertas de accidentes de tráfico.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES do Val Miñor, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Nigrán.

Segundo confirmaron ao 112 Galicia os axentes da Garda Civil de Tráfico, a muller ferida foi trasladada nunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

A prometedora agrupación «Synthése Quartet» ofrece este sábado un concerto no auditorio de Nigrán

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 22 de xaneiro ás 19:30 horas no Auditorio Municipal o concerto da prometedora agrupación camerística ‘Synthèse Quartet’, encadrado no ‘I Cliclo Novos Intérpretes’ lanzado o pasado decembro desde o consistorio. A entrada, como a todos estes concertos, é de balde ata completar o aforo. O repertorio e o dossier completo da formación está pendurado na web municipal www.nigran.es.

O cuarteto de saxofóns, que suma máis de 15 galardóns nacionais e internacionais e actuacións tamén en grandes salas dentro e fora do noso país, naceu no Conservatorio Superior de Castilla y León no 2017 e está formada por músicos de Badajoz, Zaragoza e Madrid. Inspirados pola idea de “síntese” ao pensar en diferentes elementos que, ao mesturalos obteñen un resultado único, deciden comparar este símil cos integrantes e outorgarlle ese nombe á formación. Inicialmente guiados por Ángel Soria (Sigma Project) profundizan na música de cámara da man do pianista Brenno Ambrosini. Recibiron clases de prestixiosos músicos como Marcus Weiss (Trio Accanto), Marie-Bernadette Charrier (Proxima Centauri), Fukio Ensemble, Mariano García (Solista Internacional), Ramon Lazkano (compositor), Alejandro Bustamante (violinista), Alberto Rosado (pianista), Cuarteto Artemis (cuarteto de cuerda), Tim Vogler (cuarteto Vogler) ou Angelika Merkle (pianista). Actualmente están a cursar un máster de música de cámara con Marc Oliu e Brenno Ambrosini.

‘I Ciclo de Novos Talentos’

Co afán de apoiar e protexer a excelencia musical, o Concello de Nigrán pon en marcha unha serie de concertos cunha mostra das mellores novas promesas de todas as especialidades instrumentais que marcarán o devir musical e cultural nun futuro non moi afastado. Así, Nigrán pon o seu Auditorio Municipal a disposición das agrupacións de novos músicos de todos os ámbitos, formacións camerísticas e solistas, que estean matriculados no último curso de Grao Superior de calquera conservatorio de España e sexan especialmente talentosos, así como aqueles intérpretes gañadores dalgún primeiro premio nalgún concurso nacional ou internacional.

O PSOE denuncia a negativa do PP a defender os intereses da pesca ante as propostas para eliminar as bonificacións ao combustible

A deputada socialista Patricia Otero reclamoulle á Xunta de Galicia que lidere un posicionamento “claro e contundente” en defensa dos intereses do sector pesqueiro galego co fin de reverter as iniciativas para eliminación das subvencións ao combustible. Otero alertou das graves consecuencias que tería para a actividade da flota galega que saise adiante a proposta da Organización Mundial do Comercio (OMC), así como a intención das autoridades comunitarias de gravar o uso de combustibles fósiles.

Así o expuxo na Comisión de Pesca do Parlamento, onde, con todo, o PP rexeitou unha proposición non de lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta unha “actitude máis proactiva” para facerlle ver ás institucións comunitarias a importancia do sector pesqueiro galego e a defensa dos seus intereses. Con esta actitude, Patricia Otero considera que o PP “segue a botar balóns fóra” a pesar das “negativas repercusións” que tería para o sector.

A parlamentaria socialista advertiu que, sen o combustible bonificado -agora a 45 céntimos o litro- a frota galega “podería ver ameazada a súa viabilidade porque podería custar o dobre”. No caso do gasóleo, o seu custe pode chegar a superar o 40 % dos custes de explotación na pesca. No caso dos arrastreiros pode chegar a un 50 %, e de eliminárense estas exencións, podería pasar a representar o 75 % de ditos custes.

Neste contexto, Patricia Otero sinalou que ao sector e ao propio Ministerio de Pesca preocúpalle que a OMC queira aprobar unha proposta que leva 20 anos negociando e que pretende retirar certas formas de subvención á pesca, como é a bonificación ao gasóleo. Ademais, lembrou que a proposta da OMC vai contra a pesca non regulamentada e ilegal, pero “deixa a porta aberta a que se neguen subvencións a aquelas flotas que, como a galega, realizan a súa actividade de forma sostible”.

A esta situación súmase a proposta das institucións comunitarias para gravar o uso de combustibles fósiles, que incluso pode ter consecuencias “máis importantes e perigosas” para o sector, abrindo “un panorama bastante incerto”. “Se é preocupante a proposta da OMC máis preocupante é aínda esa proposta das institucións comunitarias”, alertou.

Consciente de que esta medida persegue ir cara unha redución do efecto invernadoiro, Patricia Otero defendeu, en calquera caso, que cómpre facelo “dunha maneira ordenada e con compensacións” para os afectados. Neste senso, a deputada socialista fixo un chamamento a “facer valer tamén os criterios socioeconómicos” e analizar polo miúdo o tanto por cento que a actividade pesqueira supón para o total dos índices de contaminación.

En consecuencia, Patricia Otero incidiu en que estamos ante unha cuestión que pode resultar moi lesiva para unha actividade “vital” en Galicia e ante a que xa amosaron a súa preocupación CEPESCA ou a Federación Nacional de Confrarías. Por iso, insistiu en que o goberno da Xunta debería ter “unha actitude máis proactiva” e traballar dentro das súas competencias “para facer ver a súa importancia” do sector. “A Xunta non pode dicir que non é competencia súa e que non pode facer nada”, zanxou.

A deputada do PSdeG confrontou esta actitude coa do Ministerio de Pesca, que está a manter “un posicionamento claro e contundente” e foi quen, xunto con Francia, está a liderar a defensa dos intereses do sector pesqueiro. Seguindo este exemplo, instou á Xunta “a facer lobby entre todo o sector coa axuda das administracións” e sumarse a “unha fronte común” para facer valer os intereses da pesca galega. “Aí”, remarcou, “sempre encontrarán ao PSdeG”.

Ao fío disto, Patricia Otero lembrou que “nós sempre mantivemos o mesmo criterio e o mesmo posicionamento” con respecto a este asunto. Así, indicou que “fomos o primeiro grupo na Cámara que presentou iniciativas neste sentido” e “sempre se votou a favor das iniciativas dos outros grupos parlamentarios”, algo que lamentou que o PP non faga cando se trata de propostas do Grupo Socialista.

Redondela aproveita o escaparate de FITUR para dar a coñecer o seu potencial turístico

0

O Concello de Redondela estará presente na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2022, para dar a coñecer nesta cita –unha das de máis relevo de Europa e que mañá abre as súas portas no Ifema de Madrid– toda a súa potencialidade turística.

O Concello redondelán estará presente no stand de Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño onde contará con diverso material “que amosa claramente o enorme potencial que temos en materia turística”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas.

A presenza de Redondela en Fitur servirá para poñer en valor, nun foro no que se dan cita turoperadores e profesionais do turismo de toda Europa, “o enorme patrimonio cultural, histórico, artístico e natural que ten Redondela”.

O Cemiterio de Eidos como punto de referencia histórico-patrimonial, os lugares de interese do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, a reactivación do Museo Meirande que o ten levado a converterse nun punto de visita obrigada, a Ruta da Auga ou a recen inaugurada Senda Verde, serán algúns dos atractivos que Redondela presente neste escaparate internacional.

Digna Rivas fixo especial fincapé na necesidade de aproveitar o Camiño de Santiago como vía “permanente de entrada de visitantes”. Non se pode esquecer, subliñou a alcaldesa redondelá, “que somos o punto no que conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, dous das rutas xacobeas con maior crecemento e expansión que supoñen unha oportunidade única para dar a coñecer todo o que Redondela pode ofrecer”.

O Porriño recupera e acondiciona un dos seus tesouros naturais, o Paseo do Louro

O Goberno Municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, vén de poñer en marcha un plan de recuperación e acondicionamento do paseo do río Louro a fin de recuperar este espazo como a alternativa verde de lecer saudable. A tal fin, o rexedor anunciou hoxe que xa se traballa na licitación do mantemento e limpeza da senda fluvial.

“O paseo do Louro é un lugar moi frecuentado polos veciños e veciñas para facer deporte ou pasear ao carón do río e é esencial que estea en boas condicións para poder disfrutar da contorna natural que ofrece”, explicou Lorenzo, “É o pequeno pulmón verde do centro urbano e neste momento atópase en moi malas condicións, por falta de mantemento, limpeza e iluminación”.

[su_image_carousel source=”media: 52140,52139,52137″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

No marco deste plan de recuperación, iniciase tamén o acondicionamento funcional e estético da senda que discorre ao carón do río e das súas pontes. Unha labor que levarán a cabo os 10 alumnos/as traballadores/as da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Porriño Labora, promovido polo Concello do Porriño a través dunha subvención da Xunta de Galicia.

O rexedor, acompañado pola concelleira de Emprego, Rosario Costas, persoal do Obradoiro de Emprego e técnicos municipais, visitou hoxe a zona para valorar sobre o terreo as accións que se van a acometer.

“Realizaranse reparacións no valado de madeira do paseo, repararemos os tramos das pontes que se atopan en mal estado e recuperaranse os bancos que hai na senda que están deteriorados”, apuntou o Alcalde, “Tamén se ampliarán tramos con pavimento de madeira para poder pasear con comodidade, en definitiva, arranxaranse todos os elementos que se atopan na senda respectando a contorna natural”.

Pola súa banda, Rosario Costas, quixo destacar que estes obradoiros de emprego son “unha moi boa oportunidade para as persoas que carecen de formación xa que, se obteñen por un lado formación certificada con Certificados de Profesionalidade válidos en todo o país e á vez perciben un soldo”.

A Cañiza entrega os premios do terceiro sorteo da campaña “A confianza de sempre, agasállate este Nadal 2021”

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, entregou no mediodía de hoxe os terceiros premios da campaña de reactivación e fidelización do comercio local “A confianza de sempre, agasállate este Nadal 2021”, inciativa que comezou o pasado mes de decembro e que xa suma 3.000 € en vales de compra.

Os portadores dos números premiados no sorteo do pasado 15 de xaneiro, recolleron os seus vales –5 boletos de 10 euros cada un– que a partires de hoxe poderán canxear nos mesmos establecementos da Cañiza.

O vindeiro e último sorteo celebrarase o 31 de xaneiro de 2.022

Carlos Font denuncia “o veto” da Xunta á presenza da Deputación na inauguración da Biblioteca de Salvaterra financiada co Plan Concellos

O deputado Carlos Font denunciou hoxe o veto da Xunta de Galicia á administración provincial nunha actuación que cualificou de “intolerable” ao “negar á participación da Deputación de Pontevedra na inauguración onte da nova Biblioteca de Salvaterra de Miño, cando é unha actuación que foi cofinanciada co Plan Concellos”. López Font culpa directamente ao presidente da Xunta quen, afirma, “vén de manifestar unha vez máis o seu sectarismo partidario”.

Carlos López Font subliño que se trata dun “feito moi grave” xa que as propias bases do Plan obrigan a que “se faga público o investimento aportado pola institución provincial e a participación da mesma en actos como visitas ou inauguracións das actuacións subvencionadas”.

O deputado, que avanzou que “esta orde de Feijóo terá as consecuencias legais oportunas”, manifestou “a nosa fartura coa actitude do presidente da Xunta. Só financia actuacións en concellos gobernados na súa maioría por alcaldesas o alcaldes do PP impedindo con elo que a veciñanza doutros concellos vexa protexidos os seus dereitos a ter investimentos que garanten a súa calidade de vida vivan onde vivan”. “E agora, por enriba, obriga aos concellos a invisibilizar a financiación da Deputación de Pontevedra en toda canta obra realiza”.

Font recordou que a orde de Feijoo ao Concello de vetar á Deputación pode ter consecuencias. “A base 8.1.10 reguladora do Plan de Obras e Servizos (Plan Concellos) 2020 establece claramente que os concellos beneficiarios “comunicarán á Deputación de Pontevedra a data e a hora nas que terá lugar, ao remate das obras, o acto de recepción destas, ao que asistirá de consideralo procedente, a Presidencia ou unha persoa representante ou facultativa desta”. Así, o deputado advirte que dita actuación non ten acomodo coas regras do bo goberno e cun principio básico como o de lealdade institucional, que rexen as relacións entre Administración Públicas, como dispoñen o artigo 10 da Lei de Bases de Réxime Local 7/1985, de 2 de abril, o artigo 40 da Lei 40/2015 de 1 de outubro do réxime xurídico do Sector Público, e o art. 26 da Lei 19/2013, de 9 de decembro de Transparencia e Bo Goberno. Cómpre ter presente que en todas as subvencións media un deber de difusión activa de cara á cidadanía, e por iso todos os entes que financian un investimento, aínda que sexa a financiación conxunta, deben facer visible ao público a súa participación. “Este incumprimento si que pode orixinar unha responsabilidade por falta de transparencia”.

EU Son O Porriño presenta unha moción para incrementar as prazas de estacionamento para a veciñanza da Fase I de Torneiros

EU SON do Porriño vén de rexistar unha moción para ser tratada na vindeira sesión plenaria e na que se someterá á consideración do Pleno a posibilidade de abrir negociacións cos titulares das fincas situadas arredor da Fase I de Torneiros “para unha posible compra, cesión ou arrendamento de terreo” coa finalidade de destinalo a aumentar as prazas de aparcamento para os veciños e veciñas.

[su_image_carousel source=”media: 52127,52126,52125″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

EU Son chama a atención sobre a “evidente a escaseza de prazas de aparcamento nas distintas fases de vivendas pero, especialmente na Fase I”, feito que obriga á veciñanza a estacionar os seus vehículos “do mellor xeito posible” pero, as veces, “vense na obriga de facelo en zonas non habilitadas e son multados”.

En moitas ocasións, afirma EU, teñen que deixar os coches “bastante lonxe dos seus portais e desprazarse de noite e moitas veces con choiva”. A formación asemblearia subliña que “hai espazos en fincas contiguas, tanto propiedade da Comunidade de Montes como de particulares. Debe abrirse esta vía para tratar de solucionar un problema que afecta a moitas familias”.

Mos e Deputación asinan o convenio para a reforma integral da Biblioteca Municipal que levará o nome de «María Magdalena»

0

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron na mañá de hoxe no Pazo Provincial o convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións para a acometida da reforma integral da Biblioteca Municipal que levará o nome de ‘María Magdalena’.

Ata o de agora prevíase unha reforma cun orzamento de 481 375,53 € do que se financiaría con cargo ao Reacpon da Deputación de Pontevedra 361 031,65 €, o 75 % do total, e os 120 343,88 € restantes (o 25 %) asumiríaos o Concello con fondos propios municipais.

Porén, tras unha recente reunión en Santiago de Compostela da rexedora municipal co Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, este avanzoulle a Arévalo que o proxecto contará con financiación autonómica de 250 000 euros repartidos en dúas anualidades. Polo que o orzamento total da obra ascenderá, dos 481 375,53 € previstos inicialmente, a máis de 600 000 euros.

Coa achega económica da Xunta aportaranse os máis de 120 000 euros de achega municipal e ampliarase o proxecto de mellora incluíndo a maiores o acondicionamento dun novo espazo de biblioteca para uso exclusivo infantil, co fin de fomentar a lectura na primeira infancia. Espazo para contacontos, esparexemento, lecer e lectura. Un recuncho exclusivo evitando os ruídos nas outras zonas da biblioteca.

Durante o acto de sinatura do convenio con Carmela Silva a alcaldesa mosense destacaba a importancia da “reforma integral da Biblioteca Municipal e especialmente que será bautizada co nome da Poeta María Magdalena, emblema das letras mosenses, falecida o pasado agosto. Foi a gran poeta da Louriña, Medalla ao Mérito do Concello de Mos, cunha longa traxectoria persoal e literaria que se prolongou durante case un século. Toda unha vida de entrega, traballo e creación artística. Naceu en Mos e desde moi novo foi moi afeccionada á lectura, especialmente de poesía e sempre tivo unha gran inquietude por aprender. Aprendeu a ler e escribir grazas á súa nai, ata que empezou a ir á escola. Empezou a escribir poesía e, durante anos, ninguén da súa contorna o sabía. Muller exemplar que foi unha pioneira da literatura, da reivindicación do papel da muller no rural, tanto no ámbito doméstico como profesional, intelectual, cultural e artístico. A poeta de Mos, da miña mesma parroquia, foi unha traballadora e loitadora incansable. Exemplo para min e para tantas mulleres do municipio e da comarca, referente e estela a seguir. O camiño por ela percorrido abriunos portas ás mulleres de xeracións posteriores”.

E tamén salientou Nidia Arévalo que “desde o Concello de Mos tamén estamos moi orgullosos de que o proxecto da mellora da Biblioteca e Xulgado de Paz de Mos, sexa autoría doutra muller mosense de gran talento, da arquitecta local Estefanía Grandal, xunto con Ludmila Castro, que a acompaña neste proxecto. Grandal é unha arquitecta en pleno despunte profesional, por ter recibido dous premios autonómicos pola Escola Infantil a Galiña Azul da Veigadaña (premio COAG 2019 e Premio de Arquitectura de Galicia 2020) e por atoparse tamén inmersa noutro proxecto de reforma integral xusto ao carón do da Biblioteca: o da Escola Infantil da Porteliña”.

Detalles do proxecto

A actuación que pretende conseguir un edificio caracterizado polo uso de materiais espidos, destacando a expresión natural dos mesmos. A da Porteliña trátase dunha edificación de planta baixa e planta primeira cunha superficie construída total de 317,81
m2, con forma rectangular e materializada con cuberta a catro augas e fachada de pedra rosa Porriño con canto de forxado vistos.

Para a mellora integral programada pártese do cerramento de pedra existente e dos elementos estruturais en formigón visto. Con iso de base, introdúcense os metais en zinc e aluminio anodizando natural que apoian a rehabilitación para conseguir un resultado interior de maior confort: carpinterías exteriores e cuberta. O interior da biblioteca manterá a mesma esencia que o exterior. Neste caso, será a madeira, na súa expresión natural, a principal protagonista.

Con ela búscase achega a calidez necesaria neste tipo de uso. Xeráronse mobles a media altura que van moldeando un único espazo para conseguir ambientes máis reducidos e íntimos. Búscase non romper o contacto visual do espazo na súa totalidade; dispoñendo de espazos polivalentes e zonificados para xerar unha maior sensación de confort.

Ademáis propóñense unha serie de mellorías para garantir o confort térmico e visual: mellora do illamento térmico da envolvente do edificio, instalación de novos equipos de produción de calor ou frío, mellora das instalacións de iluminación, implantación de equipos de contabilización, e monitoraxe de datos. E agora, grazas a aportación económica da Xunta de Galicia, anúnciase que o proxecto de mellora incluirá a maiores o acondicionamento dun novo espazo de biblioteca para uso exclusivo infantil.

‘Biblioteca Municipal María Magdalena’, así se chamará o edificio sito na Porteliña, parroquia de Petelos, que alberga tamén o Xulgado de Paz de Mos, e que o Concello reformará mediante este proxecto de mellora integral. O procedemento de contratación da obra iniciarase nas vindeiras semanas.

O alcalde da Cañiza reúnese co conselleiro de Sanidade para tratar a situación sanitaria do municipio

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña e o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, mantiveron unha reunión no departamento territorial de Sanidade de Vigo para tratar temas relativos á situación sanitaria do municipio. Na xuntanza, na que también estiveron presentes o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente e a directora de Atención Primaria, Reyes Díaz, o alcalde da Cañiza reivindicou novamente a necesidade de cubrir a praza de facultativo en Valeixe durante os cinco días da semana e a dotación cun cuarto médico para o centro de saúde da Cañiza que, segundo o alcalde, “podería ser o mesmo profesional”.

Luis Piña lembrou ao longo da reunión de traballo –que fora solicitada dende a Alcaldía da Cañiza o pasado 2 de novembro do 2021– que “se a Xunta non mantén o médico en Valeixe, tampouco ten sentido que manteña unha praza de auxiliar administrativo adscrita ao facultativo e que paga o Concello cun custo superior aos 15 000 euros”.

As reinvindicacións que o alcalde da Cañiza lavaba á reunión non é nova xa que o Goberno de Luis Piña leva dous anos e medio insistindo sobre a urxencia de ámbolos dous temas. Piña lembrou que a necesidade dun cuarto profesional no Centro de Saúde da Cañiza vén derivada da decisión do sergas de “vaciar e repartir as máis de 845 cartillas da parroquia de Valeixe entre os tres médicos do Centro de Saúde da Cañiza”. “Cada un destes profesionais atenden na actualidade unha media de 1457 pacientes”, afirmou o rexedor local cañicense.

O conselleiro explicou ao alcalde da Cañiza que Sanidade está cambiando o modelo de atención sanitaria e “probando un proxecto piloto nos municipios de A Cañiza e Covelo coa dotación dun enfermeiro socio comunitario que é o que atende aos pacientes e que é o que sustituirá ao actual enfermeiro a piques de xubilarse”.

Para Luis Piña “a Administración pública, neste caso a Xunta de Galicia, qué é a que ten as competencias en materia de sanidade, ten o deber de esforzarse no mantemento dos servizos sanitarios no rural, sen recortes innecesarios porque non existe a necesidade de facer axustes coa Sanidade Pública nin de crear unha atención sanitaria deficiente”. “Logo de máis de dous anos e medio, xa é tempo de que esta situación se resolva satisfactoriamente para todos os veciños e veciñas da Cañiza”, asegura o alcalde.

Anulación da praza de facultativo de Valeixe

O pasado 28 de outubro de 2021, a Alcaldía tivo coñecemento de que a praza de facultativo do Centro Médico de Valeixe quedaba eliminada definitivamente e polo tanto os pacientes/cartillas eran reasignados e distribuidos entre os tres médicos que atenden no Centro de Saúde da Cañiza.

Os argumentos do Servizo Galego de Saúde apoiábanse en que “polo volumen de cartillas asignadas a cada médico, non era necesario un cuarto facultativo”. Porén dos datos extraídos do SIGAP do Sergas, as tres consultas médicas do Centro de Saúde da Cañiza e o consultorio de Valeixe suman case 4500 cartillas, unha  circunstancia que, considerando o crecemento do Padrón de Habitantes, desbordará, saturará e colapsará en pouco tempo a atención sanitaria nesta localidade.

“é unha carga de traballo que no caso da Cañiza se complica e duplica por contar cunha poboación altamente envellecida”, lembra Luis Piña.

O Museo expon unha nova edición da mostra «Camiños» cunha selección de máis de trinta artistas de Galicia e Portugal

‘Camiños. O Camiño e as Artes’ é a nova proposta expositiva que, comisariada por Tino Lores, o Museo abrirá ao público este venres. Trátase dunha mostra colectiva e multidisciplinar que reúne as manifestacións culturais do Camiño Portugués a Santiago a través das obras de máis de trinta artistas e persoas creadoras de Galicia e Portugal.

Trátase da décimoprimeira edición da iniciativa, só anulada pola pandemia en 2021, que se caracteriza por unha concepción “ampla e participativa da cultura, na que as xentes do Camiño poidan realizar e participar en manifestación culturais como axentes activos, contando con artistas profesionais e afeccionados abarcando labores de distintos ámbitos creativos que se realizan ao pé do Camiño Portugués”.

Nesta ocasión haberá obras de representantes da pintura luso-galaica como Agustín Pousseu, Álex Vázquez, Amelia Palacios, Ana Corzo, Antón Sobral, Carmen Hermo, Eduardo Dios, José María Barreiro, Kuqui Pazos, Luz Lafuente, Mario Rocha, Puri del Palacio, Xaime Falcón, Gerhard Mader, ou Rafael Úbeda, pintor e músico. Tamén haberá unha parte de escultura a cargo de Enrique Velasco Viéitez, Francisco Pazos, Paulo Neves, e Suso Balado; outro apartado de artesanía no que haberá pezas anónimas de Barcelos (Portugal), creacións da zoqueira Elena Ferro ou do artesá Joaquim Esteves.

A creación musical terá o seu apartado con iniciativas da cantante Begoña Lorenzo, o luthier César Loureiro Sobral, o músico Edelmiro Luis Mateo García, a vocalista Noelia Solleiro, e tamén da danza a través de Glau Fonseca. A escrita será outra das artes incluídas na mostra, a cargo da escritora e docente Carmen Quinteiro, a poeta e artista Minerva e o escritor Xaime Toxo. Seguirá outro apartado visual cos fotógrafos Aquilino Valiño, Enrique Ruis, e Xulio Gil, acompañados polo tamén fotógrafo e blogueiro Xoán Arco da Vella.

A exposición está comisariada por Celestino Lores, responsable da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, entidade que dende a súa creación en 1993 pretende traballar en pro da revitalización impulsión e recuperación e promoción dos Camiños Portugueses a Santiago. Dende 2010 a asociación leva a cabo a exposición internacional ‘Camiños’ co obxecto de espallar os distintos aspectos paisaxísticos, culturais, turísticos e gastronómicos por diferentes lugares de Galicia e Portugal no Camiño Portugués a Santiago.

A inauguración da mostra, que estará aberta no Edificio Sarmiento aproveitando a conmemoración do Ano Santo 21-22, será este venres día 21 de xaneiro e manterase a disposición do público ata o 21 de marzo.

Nigrán estreará en FITUR unha nova guía turística

0

O Concello de Nigrán presentará esta semana en FITUR unha nova guía turística do municipio que releva definitivamente a todo o material promocional anterior ao ofrecer un contido actualizado e acorde ao lema estreado no ano 2021 ‘Nigrán, Equilibrio Natural’. A través dun deseño innovador a cargo da artista local Anubis Muñoz e cunha información recompilada e elaborada polos servizos técnicos do Concello, os visitantes poderán descubrir nun único libro editado en papel reciclado o patrimonio natural e cultural de cada unha das sete parroquias e a súa Historia, roteiros, eventos, curiosidades e mesmo receitas típicas achegadas por recoñecidos veciños e veciñas. Ademais, a edición é trilingüe (galego, castelá e inglés) e cada exemplar (en formato pequeno de medio folio para resultar máis manexable) está contido nunha carpeta xunto con mapas parroquiais cos puntos de interese.

“Ata agora no Concello dispuñamos de moito material promocional de diferentes épocas, contidos e deseños, así que o obxectivo foi reunir nun só exemplar, e cun formato atractivo, todo tipo de información práctica ou de interese e que sintetice o noso lema: Nigrán, equilibrio natural”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que “se presta atención ás sete parroquias sen primar unhas por riba doutras porque todas teñen a mesma importancia”.

Tal e como explica a técnica de Turismo do Concello, Merce Pedrosa, “non é unha guía ao uso na que o municipio se presenta case exclusivamente con imaxes bonitas das nosas praias, se non un libro onde o máis curioso pode afondar en cada unha das parroquias descubrindo polo miúdo aspectos que raramente se mencionan en webs turísticas”. Por iso apenas hai imaxes, optándose por ilustracións de monumentos ou que interpretan máis libremente as paisaxes. “Queremos que o visitante acuda aos lugares atraído pola propia información que ofrecemos, as fotografías xa inundan as redes e Internet, o noso cometido é ofrecer información de calidade e actualizada”, incide.

Así, esta recente edición permite incorporar novidades como o mural da artista Lula Goce en Panxón, a nova Biblioteca Municipal, o Bosque da Memoria ou o monumento a Milladoiro en Chandebrito, o miradoiro do ‘Pericoto do Vilar’ en Camos, a cervexa ‘Nigrán, Equilibrio Natural’, a posibilidade de seguir roteiros de senderismo a través da aplicación Wikiloc ou mediante códigos QR, etc. Ademais, a guía ofrece desde a típica información relativa a hospedaxes e restaurantes, transportes ou principais eventos a outra máis curiosa como un ‘metrominuto’ de distancias en tempo a pé aos puntos de interese do municipio ou apartados específicos de surf, praias e do Camiño Portugués pola Costa.

“En definitiva, a guía deixa patente que en Nigrán temos unha riqueza natural inmensa, onde non hai que elixir entre mar e montaña, cidade ou vila, soidade ou xentío, porque o reunimos todo nas nosas 7 parroquias”, insiste o rexedor.

Como aspecto máis singular destacan sete receitas facilitadas por recoñecidas cociñeiras e cociñeiros de cadansúa parroquia. Desde a famosa rosca de Camos da familia Copena ao ‘kiko’ de Parada ou xurelos asados de Panxón. “Este apartado dá conta do carácter amable e entrañable da nosa veciñanza e, por suposto, da nosa gran riqueza gastronómica”, resume González. Así, cada unha das receitas aparece asinada co nome do autor/a e cunha ilustración posando con prato en cuestión.

A alcaldesa do Rosal reúnese co conselleiro de Sanidade dada a precarización da atención primaria no municipio

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández relatou a precaria situación da atención sanitaria no municipio nunha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantida onte pola mañá. A rexedora reclamou solucións urxentes a unha situación que foi especialmente crítica durante o Nadal, xa que houbo días nos que o municipio non contaba con ningún médico para consultas, o que provocou que a veciñanza teña as axendas pechadas e non exista un seguimento dos pacientes “cos riscos que implica”.  Esta situación aínda non ten solución, xa que hoxe, hai unha soa médica que atende cifras insostibles de arredor de 90 pacientes (cando a media axeitada son 35).

Ánxela Fernández reclamou a volta do servizo de pediatría ao Rosal, o incremento do persoal sanitario e a ampliación das dotacións en termos de infraestrutura. “Non podemos esquecer que a precariedade xa existía antes da pandemia e que agora se acentuou”, explicou a alcaldesa, “polo que reclamamos solucións a curto, a medio e a longo prazo”. O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal reclaman que deberían contar cun mínimo 4 médicos e 4 enfermeiras, pediatría e matrona. Así mesmo, a alcaldesa tamén criticou o peche da consulta de San Miguel.

O conselleiro tamén informou á alcaldesa de que durante os vindeiros meses O Rosal contará cunha médica, a actual, que ten unha xornada ampliada, unha médica xubilada que atenderá telemáticamente, ao que se lle sumará a prolongación do horario de persoal médico e farmaceútico doutros Centros de Saúde. Ánxela Fernández afirma que esta situación, aínda que mellor ca de Nadal, “non é suficiente para ofrecer unha atención sanitaria de calidade”.

En canto ás dotacións a rexedora trasladou ao conselleiro que “precisamos melloras nas infraestrutura con incrementos dotacionais como por exemplo unha sala de urxencias, unha sala de xuntas máis grande, unha sala de técnicas e novas salas para cumprir coas necesidades do persoal sanitario”. “Agora mesmo só hai 3 despachos para medicina-pediatría e 3 de enfermería no Centro de Saúde. Claramente insuficiente para cubrir as ratios de persoal precisas entre pacientes por persoal sanitario de xeito adecuado”, denuncia.

Tanto alcaldesa como o conselleiro acordaron que durante os vindeiras datas un equipo técnico da Xunta trasladarase ao Rosal para estudar sobre terreo unha posible ampliación das dotación. A alcaldesa afirmou que o Concello “ofrece a súa total colaboración para dotar deste incremento das infraestrutras sempre e cando se adapte ao Plan Xeral”. Ánxela Fernández tamén quere agradecer a boa disposición e a escoita do conselleiro e agarda que “a situación mellore o antes posible”.

O Concello do Porriño acondicionará a aula de xogo da Escola Unitaria de Mosende

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, iniciou onte a súa ronda de visitas aos centros educativos do municipio e o fixo na Escola de Educación Infantil de Mosende.

Son oito os cativos que están escolarizados nesta unitaria que da servizo ás parroquias de Mosende, Pontellas e Chenlo, e para o alcalde “é prioritario que o fagan en boas condicións”.

Trátase dun edificio que, aínda que depende da Xunta, é de titularidade municipal, e a falta de mantemento dos últimos anos fai que as condicións non sexan as adecuadas, máis se cabe cando falamos de nenos pequenos, de 3 a 6 anos.

“O edificio necesita melloras e reparacións que me comprometo a acometer”, explicou Alejandro Lorenzo, “Esta escola ten que manterse, é parte da nosa historia e un servizo que se presta ás familias destas parroquias. O edificio ten un especial encanto e dispón das instalacións precisas para impartir esta etapa educativa, pero ten que ser acondicionado”.

A escola necesita que se arranxen os aseos, o tendido eléctrico, a calefacción e a instalación dunha canaleta que evite os charcos que se forman á entrada. Esta mesma semana operarios municipais repararon a cuberta que estaba a provocar filtracións de auga e humidades e a continuación procederase ao pintado do centro.

Tras visitar a sala de xogos, que conta con piso de lousa, Lorenzo comprometeuse a cámbialo por tarima flotante, que garantirá que os alumnos e alumnas poidan xogar con máis comodidade e en mellores condicións.

O Club Natación Ponteareas, gañador na clasificación conxunta e feminina no Campionato Galego Máster de Inverno

Grande éxito do Club Natación Ponteareas na primeira cita autonómica deste ano 2022. O complexo deportivo Álvaro Pino acolleu a pasada fin de semana o Campionato Galego Máster de Inverno, que reunía na vila a case 320 nadadores e nadadoras de 27 equipo de toda Galicia que rematou con salientables resultados para o club ponteareán. Así, tras dous días de probas para seguir o protocolo de seguridade necesario ante a COVID, o equipo conseguía a vitoria na clasificación conxunta e na feminina, sendo o equipo olívico Vigo Rías Baixas o campión na categoría masculina.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que fixo entrega dos trofeos ao final do campionato, quere trasladar os parabéns do Concello ao club de natación “non só pola boa organización do campionato e os incribles éxitos que acada competición tras competición, senón tamén polo seu traballo día a día para seguir crecendo no ámbito deportivo, pero tamén para continuar construíndo o futuro de Ponteareas”.

A primeira xornada, a do sábado, estivo dedicada aos 170 nadadores e nadadoras menores de 45 anos inscritos na proba. Mentres, o domingo as e os protagonistas foron os 149 participantes maiores de 45 anos inscritos, entre eles Ramón Folch, do CN Arteixo, e Isabel Moral, do CN Traviesas, que con 85 e 80 anos foron os deportistas máis veteranos da competición.

Para garantir a saúde de todos, o campionato celebrouse a porta pechada, sen público nas gradas, polo que o CN Ponteareas habilitou unha pantalla xigante no pavillón 1 do Complexo Deportivo para que tanto as e os deportistas como o público xeral puidera seguir en directo a competición coa sinal do streaming do club do Condado.

A natación máster volverá a Ponteareas o vindeiro mes de xuño coa disputa do campionato galego de verán. Mentres, en marzo Pontevedra será a sede do Campionato de España da categoría.

Máis de 200 nenos recibiron formación en igualdade durante o 2021 nunha iniciativa de Érguete e o Redondela

0

Imaxe de arquivo da reunión mantida pola alcaldesa Digna Rivas, e as concelleiras Iria Vilaboa e Olga García, con responsables de Érguete para coordinar o desenvolvemento dos obradoiros

O Concello de Redondela e a Asociación Érguete formaron a máis de 200 nenos e nenas e as súas familias en igualdade durante o ano pasado nos talleres desenvolvidos nos nove centros de educación do municipio e impartidos por profesionais do Equipo de Prevención da entidade.

A iniciativa, cualificada de “éxito” tanto pola asociación como polo Concello de Redondela, buscaba inculcarlles aos máis pequenos a importancia de vivir nun mundo non que non importe nin o xénero nin a identidade sexual.

A coordinadora da Oficina Técnica de Prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, asegurou que na entidade “estamos moi contentas cos resultados”, xa nos obradoiros puidéronse combater determinados estereotipos. “Moitos nenos seguen pensando que as nenas non poden xogar ao fútbol ou que limpar e cociñar é algo de nais e non de pais”, explica Durán.

Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas, que subliñou “magnífico resultado” dos obradoiros, destacou o feito que, tanto os nenos e nenas coma as súas familias “puntuaron a formación con máis dun nove de media”.

Rivas lembrou que é “absolutamente imprescindible” que os nenos e nenas “que son o futuro de Redondela crezan libre de prexuízos machistas, defendendo a igualdade e apostando por ela”. Nese sentido, a alcaldesa redondelá lembrou que, dende a chegada ao Concello do actual goberno socialistas, “a loita a prol da igualdade e da diversidade foi unha das nosas prioridades e, en todas e cada una das actividades que desenvolve o concello, búscase unha transversalidade que permita afondar sobre a súa importancia”.

A Asociación Érguete agradeceu, finalmente, “a firme aposta do Concello de Redondela pola igualdade”, e están seguros que traballar con nenos e nenas “é o mellor camiño para facer un mundo futuro mellor.

A Deputación e Galaxia arrancan a terceira edición da Escola de Letras

A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, a primeira posta en marcha en Galicia e unha das escasas que existen a nivel estatal, comezará a escribir a súa terceira edición a partir do vindeiro 8 de febreiro. Neste 2022 serán de novo 6 obradoiros (3 en Vigo e 3 en Pontevedra), cun total de 90 prazas e cun claustro formado por tres autoras, Inma López Silva, Elvira Ribeiro e Anna Figueiredo, e dous autores, Diego Giráldez e Antonio García Teijeiro, baixo a dirección de Francisco Castro. A presidenta Carmela Silva participou na sede provincial en Vigo na presentación das novidades desta terceira edición xunto ao director e ao escritor García Teijeiro, e subliñou que este proxecto estrela “xa pode falar dunha historia de éxito” pois a pesar de ter nacido nun escenario de pandemia, foi quen de “poñer en valor a literatura, as letras, as persoas que se dedican a ela, os lectores e lectoras e os escritores e escritoras que van nacer da Escola”. De feito, nas dúas anteriores edicións foron 355 os e as participantes nos 12 obradoiros desenvolvidos e nas 4 máster class.

Carmela Silva asegurou que a Escola de Letras “foi unha das mellores ideas que puxemos en marcha” recollendo a proposta de Galaxia, para o que tamén aludiu a unha recente declaración do ministro francés de Economía, Bruno de Maire, “que subliñou que a literatura é unha arma de liberdade”. “Porque do éxito desa participación nas actividades de mulleres e homes de todas as idades que escriben, nacen libros –subliñou-. E farán que moita xente poida atopar unha forma de ser feliz. Por iso, máis Escola de Letras, máis literatura, máis escritoras e escritores, máis lectoras e lectores e máis compra de libros, fundamentais para manter as editoriais e eses espazos divinos que son as librerías”.

O director de Galaxia e da Escola, Francisco Castro, que destacou que esta iniciativa existe “porque un día decidimos conxugar o verbo amar” e pola “complicidade” da presidenta e da Deputación, avanzou as novidades desta terceira edición, que este ano se desenvolverá entre os meses de febreiro e novembro. Arrancará o 8 de febreiro co primeiro dos obradoiros de Inma López Silva en Vigo, e amais dos seus obradoiros programados, incluirá de novo máster class con autores e autoras de prestixio, abertas á cidadanía e que se espera que este ano sexan tamén presenciais. No caso dos cursos, será novidade o que ofrecerá Anna Figueiredo, titulado “Escribir. Xéneros, técnicas, temáticas”, que responde a unha demanda do alumnado e que “será máis aberto, para falar de cuestións como tratar cunha editorial ou os premios literarios”.

Ademais, anunciou a publicación do segundo volume con textos dos e das participantes da II edición da Escola, “Tes cinco minutos #2”, co gallo do Día do Libro, e avanzou que tamén neste 2022 se editará a primeira obra, de corte fantástica, dunha alumna da Escola de Letras. “O libro dos textos do alumnado non é un libro institucional, é un libro que se pode comprar en todas as librerías de Galicia e en liña, o que é un estímulo brutal para eles e elas como autores e autoras –indicou Castro-. Esta Escola é unha iniciativa de éxito, debemos dicilo con claridade. Saen escritoras e escritores e comezámolo a ver”. Outra das probas son as listas de agarda que se rexistran cada vez que se abre a inscrición  dos obradoiros.

Pola súa banda, Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e un dos docentes da Escola, subliñou que a súa experiencia nestes dous anos ten sido “magnífica”. “Cheguei á conclusión enorme de que a xente ten necesidade de escribir –afirmou-. A xente que asistiu a estas sesións viu cunha enorme ilusión por escribir, e fixo cousas realmente fermosas. Houbo unha comuñón entre as propostas e o traballo  porque había unha paixón real por escribir e iso hai que canalizalo. Síntome satisfeito e coa idea de que hai que seguir por ese camiño”. Engadiu que “a poesía sen emoción non é poesía e, no fondo, todas e todos somos poetas, levamos dentro unha esencia poética que ás veces agroma e outras non, pero que está aí. Con esa idea, agardo esta terceira edición”.

Outra das novidades estará no sistema de inscrición que se abrirá para cada un dos cursos (todos eles de 15 prazas “para unha atención máis individualizada”) un mes antes do inicio. Deste xeito, a partir de mañá martes 18, ás 8 horas, abrirase o prazo para asistir aos dous primeiros cursos, de Inma López Silva, que se desenvolverán entre febreiro e abril. As persoas interesadas deberán inscribirse en [email protected].

Programación

Os obradoiros literarios deste 2022 arrancarán cos que ofrecerá Inma López Silva en Vigo (8, 15 e 22 de febreiro; 8, 15, 22 de marzo e 5 e 19 de abril) e Pontevedra (10, 17 e 24 de febreiro; 3, 10, 17, 24 e 31 de  marzo), e continuarán co de poesía de García Teijeiro en Vigo os días 26 e 27 de abril. Retomaranse en setembro, cando iniciarán os seus obradoiros Anna Figueiredo en Pontevedra (19 e 26 dese mes; 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro) e Diego Giráldez en Vigo (13, 20 e 27 de setembro; 4 e 11 de outubro). En outubro arrancará o obradoiro de poesía que impartirá Elvira Ribeiro, en Pontevedra (18 e 25 dese mes). Todos serán de 18 a 20 horas agás o de Anna Figueiredo, de 19 a 21 horas.

O “Quiosco de Mucha” do Porriño trasnformarase en biblioteca escolar

O coñecido “Quiosco de Mucha” do Porriño iniciará unha nova etapa este curso transformado en Biblioteca de Patio do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios.

O que foi un dos elementos máis representativos da Praza Arquitecto Antonio Palacios instalouse alí na década dos 90 e varias xeracións de porriñeses e porriñesas compraron nel prensa e lambetadas. Tras varios anos en desuso e atopándose nunhas pésimas condicións, o Concello decidiu retiralo no ano 2016 e desde entón permanecía tirado nas instalacións municipais de Torneiros.

Foi alí onde Tatiana Pérez, responsable de Biblioteca deste centro escolar de Torneiros e impulsora da iniciativa, o vía cada mañá ao acudir ao cole.

“O quiosco de Mucha é algo especial para todos os porriñeses e pareceume que sería interesante reutilizalo”, explica Tatiana, “Desde hai anos levamos a cabo un plan de mellora do patio e tamén pretendemos levar a lectura a máis espazos do centro. O quiosco é perfecto para axuntar ambas as cousas reconverténdoo nunha biblioteca de patio onde os nenos e nenas poidan coller libros para ler e tamén xogos de mesa no recreo”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou o colexio para interesarse polo proxecto e comprometeuse a colaborar no que sexa necesario para a súa posta en marcha. Así, o  Concello levará a cabo a restauración e posta a punto do quiosco, que inclúe o cambio de xanelas, reparación do interior e instalación de chan.

“Pareceume unha idea marabillosa e faime unha especial ilusión que este quiosco tan emblemático da nosa vila se convirta nun lugar que albergue libros e reivindique o hábito de ler entre os máis pequenos como unha alternativa de lecer”, afirmou Lorenzo, “Os nenos e nenas do Porriño de entón crecemos acudindo ao quiosco de Mucha e alégrame enormemente que os nenos  e nenas do Porriño de agora poidan seguir facéndoo”.

O rexedor anunciou que esta semana comezará unha ronda de visitas aos centros escolares para coñecer da man dos seus equipos directivos as necesidades que presentan.

A Deputación transformará a Praza do Campo de Oia ao abiero do Plan ReacPon

0

O plan ReacPon da Deputación de Pontevedra suporá a radical transformación da Praza do Campo en Burgueira-Oia cun proxecto de recuperación do espazo público que se traducirá nun novo punto de encontro e de esparexemento para a cidadanía. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, asinou hoxe coa alcaldesa Cristina Correa o convenio para esta actuación, que suporá un investimento total de 267.867,45 € dos que a Deputación achega 241.080,71 €, e que cambiará por completo esta zona de Burgueira. “Participar neste plan da Deputación é unha importante oportunidade para converter este espazo, que a día de hoxe está morto e non ten atractivo, nunha grande praza”, manifestou a alcaldesa.

A presidenta Carmela Silva lembrou que co plan ReacPon “os nosos obxectivos son facer unha política económica expansiva, poñendo recursos económicos públicos á disposición de crear actividade económica e emprego e apoiar así a saída da crise económica derivada da pandemia, pero sobre todo facer fincapé en que os concellos, particularmente os de menos de 20.000 habitantes, teñen escasos recursos para facer fronte a todos os proxectos relevantes que teñen configurados, polo que precisan do apoio doutras administracións”. 

A responsable provincial recordou que o Plan está a converter as vilas e municipios en lugares máis atractivos, “máis desexables para vivir e que nos veñan visitar” e onde as persoas son “a prioridade”. Así subliñou que o proxecto de Oia supón contribuír á construción de “vilas amables nas que a xente sexa protagonista e dando cumprimento aos obxectivos da Axenda 2030 e dos fondos Next Generation, apostando pola sostibilidade e eficiencia enerxética”

Pola súa banda, a alcaldesa de Oia, Cristina Correa agradeceu á Deputación “esta oportunidade de transformación da vila que se unirá, tamén con recursos do Plan Concellos da Deputación, á adquisición dunha parcela “para unir esta nova praza coa Igrexa de San Pedro de Burgueira e avanzar máis na mobilidade peonil dando protagonismo ás persoas”.

A actuación na Praza do Campo, un lugar estratéxico a carón da Igrexa de San Pedro, construirá un espazo de reunión para a veciñanza totalmente accesible, definindo e separando os seus límites da estrada e do camiño que o rodean. Será unha gran praza pública para a que se mellorará o acceso peonil e contará con aparcadoiro, pérgola, banco perimetral, miradoiro cara ao val de Burgueira, área de sombra e superficie libre para actos e festexos.  Será unha actuación moi respectuosa e, amais, porase en valor un elemento patrimonial tan importante como o cruceiro existente no lugar. O acondicionamento e embelecemento da praza do Campo inclúe tamén nova iluminación, máis eficiente, e novo pavimento.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficia 47 concellos de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e aos obxectivos da Axenda 2030 e dos fondos europeos. O programa suporá a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio e oito novas infraestruturas deportivas.

Mos sumérxese na patinaxe artística internacional de alto nivel

0

Esta pasada fin de semana, o sábado 15 e onte domingo, 16 de xaneiro, en horario de 09.00 horas da mañá a 21.00 horas da tarde, o Pavillón Óscar Pereiro acolleu o I Campus de Patinaxe Artística “Concello de Mos” organizado polo mosense Club de Patinaxe Rosaleira. O curso de técnica libre foi impartido polo adestrador internacional Pierluca Tocco.

A presidenta, Andrea Conde Rodríguez, e a adestradora do Club Rosaleira, Beatriz Fernández Bahamonde, informaron hoxe de que participaron no curso un total de 60 patinadores e patinadoras de diferentes niveis e clubes, desde o nivel 4 ata Amateur, Rexional e Nacional. Por clubes participaron 18 patinadores do mosense Rosaleira, 11 do Berenguela de Santiago, 15 do Ánfora do Morrazo, 7 do Luar de Ponteareas e 9 do Vagalume de Vigo.

Andrea Conde declarábase esta mañá “moi satisfeita cos resultados do taller de tecnificación que impartimos cun adestrador de primeira, o italiano Pierluca Tocco”.

Tocco é un patinador profesional cunha ampla traxectoria deportiva. Foi Sub Campión do Mundo de Patinaxe Artística nos anos 2007 e 2009 e Campión de Europa en 2007. Actualmente ten o título de adestrador internacional.

O devandito título permitiulle a Pierluca impartir esta fin de semana en Mos un curso de tecnificación cen por cen ocupacional que incluiu desde danza ata pista, flexibilidade, expresión corporal, etc. Un curso polo que os participantes recibiron a súa correspondente certificación oficial.

A disciplina docente deste patinador baséase, segundo informan desde a directiva de Rosaleira, en entender a patinaxe desde outro punto de vista. Un punto de vista divertido pero obtendo resultados de máxima efectividade, deixando a un lado o estrés e a presión.

Club Rosaleira e Concello de Mos xa están a estudar a posibilidade de organizar un novo campus, máis longo e ambicioso, durante o vindeiro verán. Un campus de maiores dimensións para o que se contaría novamente coa presenza de Pierluca Tocco e con outros adestradores doutros niveis pero coa súa mesma forma de entender a patinaxe artística.

O curso impartido a pasada fin de semana foi posible grazas ao empeño e dedicación do Club Rosaleira, que vendeu rifas de Nadal para sufragar ao 100% o pago do adestrador e cobrar únicamente aos participantes na súa inscrición o importe correspondente á manutención dos dous días de taller.

Mos sumérxese na patinaxe artística internacional de alto nivel

O Concello de Tui presente en Fitur 2022

0

Tui estará presente esta semana en Fitur, a Feira Internacional de Turismo, que dende este mércores 19 até o domingo 23 se celebra en Madrid. Esta é unha das principais citas do sector turístico a nivel internacional.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, desprazarase este mércores e xoves a Madrid para participar nas distintas actividades nas que Tui estará presente con protagonismo propio. Enrique Cabaleiro, valora moi positivamente esta presenza tudense no principal escaparate do turismo a nivel nacional e internacional o que reflicte o importante traballo que neste sector realiza o municipio tudense.

Por unha parte no stand de Turismo de Galicia o Concello de Tui participará nas seguintes actividade:

  • Mércores 19 ás 15.00 horas presentación de “Río Miño, un destino navegable” organizado polos concellos de Tui e Salvaterra de Miño en colaboración con Turismo de Galicia, para presentar este novidoso e ilusionante proxecto de creación dun produto turístico que poña en valor o río Miño e a súa dimensión transfronteiriza.
  • Mércores 19 ás 15,30 horas presentación de “Descubriendo las juderías galllegas: Monforte de Lemos, Ribadavia y Tui” na que participarán os rexedores das tres cidades galegas xunto á Directora de Turismo de Galicia e a xerente da Red de Juderías de España -Caminos de Sefarad, e servirá para presentar as guías do patrimonio xudeu destas tres cidades galegas.
  • Xoves 20 ás 10.30 horas presentación do proxecto “Mulleres do Camiño Portugués” organizado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e que presentará un vídeo promocional sobre esta ruta xacobea

Amais o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, no stand da Red de Juderias de España – Camiño de Sefarad, o xoves ás 12.30 h na presentación do proxecto do libro “Destinos de Sefarad”, segundo da colección da Red de Juderías. Por cuarto ano a Red de Juderías participa cun stand propio en Fitur, neste ano cun tapiz virtual que ocupará a totalidade da superficie do stand no que se proxectará un mapa coas cidades integradas na asociación e mediante un  código QR os visitantes terán acceso a unha viaxe virtual, dun minuto, na que se achegarán ao legado xudeu de cada municipio.

A deste ano 2022 é a primeira ocasión na que Tui está presente en ata catro eventos nesta feira de singular transcendencia para o sector turístico. A importante aposta que realiza o Concello de Tui pola divulgación e promoción dos recursos turísticos da nosa cidade contribuirá certamente á dinamización do sector turístico tudense, ofrecendo novas oportunidades de emprego e negocio para os nosos cidadáns.

O Plan ReacPon da Deputación actuará sobre a Plaza de Rosalía de Castro en Gondomar

0

“Gondomar está facendo grandes cousas grazas á Deputación”. Con esta rotunda frase, o alcalde Francisco Ferreira mostrou hoxe a súa satisfacción na sinatura do convenio coa presidenta provincial Carmela Silva  para a próxima adecuación urbana e sostible da Praza de Rosalía de Castro. Esta nova actuación de recuperación do espazo público na vila será posible co Plan ReacPon da institución provincial, que se traducirá nun equipamento transformador e pensado para as persoas que mobilizará un total de 833.544,36 € dos cales a Deputación achega 666.835,49 €. “Non poderíamos facer este tipo de transformacións nos concellos sen os recursos da Deputación, sería impensable”, destacou o alcalde.

A presidenta provincial, Carmela Silva, cualificou o proxecto de “modélico e exemplo a seguir”, que, amais, dá continuidade á transformación que tivo a Praza da Paradela, executada tamén con fondos da Deputación. A presidenta eloxiou o “compromiso de Gondomar coa reconstrución da trama urbana dun concello que agora, tan só seis anos despois, non hai quen o recoñeza”. Nese sentido, recordou que “o mundo local está amosando que é o que ten máis capacidade para facer fronte ás demandas reais da veciñanza, que é eficaz e eficiente e capaz de executar grandes proxectos”, polo que “hai que esixir ás outras administracións, á Xunta e ao Goberno do Estado que dediquen recursos aos concellos, que son os que mellor responden ás transformacións do século XXI”.

Tamén amosou o seu pesar coa Xunta, “que nestes últimos 15 días está a asinar convenios con concellos do PP como non fai con concellos doutras formacións políticas. É intolerable. Este ReacPon é un plan ao que se poden presentar todos os concellos, con criterios obxectivos, con equidade. Esixo que sexa todo así, que se siga este modelo”. Os alcaldes e as alcaldesas –remarcou– téñense comprometido moi seriamente con  impulsar iniciativas que non sexan soamente melloras, senón transformacións. Estamos transformando a provincia con estas actuacións”.

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, subliñou que “temos moi claras as ideas respecto á transformación do modelo de Gondomar, centrado nas persoas, pero sería inviable poñelas en marcha sen contar co apoio da Deputación”. Ao respecto, recordou que amais do Plan ReacPon están en marcha na vila con achegas provinciais unha serie de transformacións de vías e da contorna urbana. Tamén puxo en valor o modelo de criterios obxectivos dos plans da institución destacando que “todos os concellos somos iguais, independentemente da cor política, o que di moito da institución e da súa presidenta. Hai algo que se chama altura de miras. Grazas a iso Gondomar, que antes era unha vía pensada unicamente para os coches, agora ten a xente como protagonista. Iso é unha realidade pola implicación da Deputación”. O alcalde dirixiuse a Carmela Silva dicindo que “cando deixes a presidencia, a transformación da provincia vai ser total, vai haber un antes e un despois. O modelo xa está implantado e está sendo un exemplo, imitado desde moitos lugares”.

A actuación na Praza Rosalía de Castro impulsará a mobilidade, accesibilidade e seguridade neste espazo, recuperándoo para as persoas. Así transformarase unha superficie de máis de 2.500 metros cadrados creando unha gran praza con plataforma única e zonas verdes, iluminación sostible, zonas de descanso, aparcadoiros para bicicletas, mesados e asentos. Amais, contará con gravados da obra de Rosalía de Castro na zona dos xardíns para render homenaxe á grande escritora.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado de 26,3 millóns de euros, beneficia 47 concellos de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e aos obxectivos da Axenda 2030 e dos fondos europeos. O programa suporá a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio e oito novas infraestruturas deportivas.