Comeza a reforma integral da Praza do Calvario e da súa contorna, un proxecto transformador co que o Concello do Rosal recuperará espazos públicos de calidade para a veciñanza. “Abordamos esta reforma do núcleo urbano con moitas ganas e ilusión, porque vai supoñer unha mellora moi positiva e importante para o municipio. Manterase o uso polivalente da praza, pero dándolle un marcado carácter peonil, servindo de espazo de convivencia e lecer dos rosaleiros e rosaleiras e incrementando tamén o dinamismo comercial da zona”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que salienta que “xuntas e xuntos continuamos construíndo O Rosal das persoas”.
Esta reforma integral da praza, encaixada na estratexia de desenvolvemento integral do núcleo urbano do Rosal, servirá de modelo para o resto do municipio. O Concello aprobará este xoves 20 en pleno extraordinario o financiamento da obra, que suporá un investimento de máis de 1,3 millóns de euros. A Deputación de Pontevedra, a través do ReacPon, financiará o 34% do custo da licitación da mellora da praza, ao tempo que o Concello está a facer un esforzo importante para a captación de fondos para proxectos transformadores e xa ten solicitados fondos europeos a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. A rexedora rosaleira agradece á Deputación de Pontevedra “o seu apoio a unha reforma vital para nós” e que se poderá levar adiante “grazas á boa planificación do Concello na aprobación temperá dos orzamentos, que permitirá que poidamos acometer esta obra histórica para o noso municipio”.
Os traballos comezarán este 20 de xaneiro e terán unha duración aproximada de 10 meses. Na reurbanización vanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza. Ademais, de forma paralela, realizarase unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento.
As obras suporán un esforzo colectivo que permitirá continuar mellorando o núcleo urbano do Rosal e dende o Concello poranse en marcha diferentes medidas para minimizar o posible impacto tanto en residentes como en comerciantes e público. Así, durante a duración das obras cambiará o sentido de circulación e haberá restricións nalgunha das rúas da contorna da Praza do Calvario, como a rúa Nova do Couso, que pasará a ser de sentido único dirección descendente, ou a rúa Jesús Noya, que será só para residentes e autorizados. A rúa Simón do Mazo será de sentido único dende a rúa Campo da Feira cara ao pavillón municipal, deixando un carril para circulación e outro para aparcamento e zona peonil para a veciñanza. Ademais, a poucos metros da Praza do Calvario tamén están xa habilitados os aparcadoiros de Xulio Sesto e Barbuntín.
A alcaldesa lembra á veciñanza que a recuperación da Praza do Calvario “vai dotar de identidade o centro urbano, reforzándoo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñendo novos usos e actividades que dinamicen a zona”.