10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Sergas avanza nun sistema que permitirá xestionar as altas e baixas...

    O Sergas avanza nun sistema que permitirá xestionar as altas e baixas das incapacidades temporais por COVID-19 nun mesmo acto

    A administración galega modificará o seu sistema para que no momento de imprimir e enviar o parte de baixa por covid-19, o sistema almacene a alta do mesmo para, sete días despois, envialo á Seguridade Social

    O Servizo Galego de Saúde vén de comunicar aos facultativos do Servizo Galego de Saúde as novidades que está a desenvolver para poder xestionar nun mesmo acto os partes de alta e baixa das incapacidades temporais provocadas polos contaxios da covid-19.

    Tras a reunión do último Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, o Sergas vai incorporar a posibilidade de que no momento de dar a baixa nos procesos covid-19 aos pacientes que o precisen, o persoal médico poida proporcionar a alta corresponde de forma conxunta. Neste senso, a administración galega modificará o seu sistema para que no momento de imprimir e enviar o parte de baixa por covid-19, o sistema almacene a alta do mesmo para, sete días despois, enviala á Seguridade Social.

    O departamento sanitario da Xunta xa iniciou as actuacións necesarias para que este procedemento estea dispoñible o máis axiña posible, co obxectivo alixeirar a carga de traballo do persoal facultativo do Servizo Galego de Saúde. Ademais, tamén habilitou a posibilidade de acceder desde as listas de traballo do sistema IANUS á listaxe de pacientes que contan con procesos de Incapacidade temporal abertos pola covid-19, cando estes conten cunha duración de 7 ou máis días. Cómpre destacar que, ficará sempre a expensas do criterio médico a posibilidade de emitir de forma conxunta, ou separada, os partes de alta e de baixa.

    Entre as novidades nas que traballa o Sergas, destaca tamén a dispoñibilidade de acceso e descarga dos partes de Incapacidade temporal desde o aplicativo E-Saúde (dentro do apartado ‘Historia clínica’; na opción ‘Historia de Saúde Laboral no Sergas’).

    Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde habilitará nas vindeiras datas a posibilidade de que o persoal administrativo dos seus centros saúde poida imprimir e facilitar os partes directamente aos pacientes. Así, conseguirá que aquelas persoas que non teñan a posibilidade de acceder ao aplicativo E-saúde poidan obtelos dun xeito áxil nos puntos administrativos dos centros sanitarios.

    No momento en que estean completamente operativos este cambios, a dirección xeral de Asistencia Sanitaria integraraos na vindeira actualización do “Protocolo sobre detección e manexo de casos de infección activa polo virus Sars-Cov-2 en atención primaria e na abordaxe dos contactos estreitos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.