O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou este xoves a campaña turística de 2024 que Turismo Rías Baixas presentará o próximo mércores 24 ás 12.30 horas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) e que levará por lema “100% Rías Baixas”. Nun vestíbulo do Pazo provincial ambientado para a ocasión coa proxección da fervenza da Toxa na escalinata, Luis López presentou a todos os presentes –rexedores e concelleiros de toda a provincia, representantes do sector turístico e deputados provinciais– que a auga, como atractivo turístico, será a base da campaña. “Na Deputación quixemos ser os mellores aliados do sector cunha campaña rompedora, desenfadada e enérxica orientada a un dos nosos mellores atractivos: a auga. Nun intre onde este recurso está no centro do debate, a nosa abundancia ten que ser unha vantaxe. Á auga debémoslle multitude de experiencias que fan que os que nos visitan vivan experiencias 100 % Rías Baixas”, afirmou o presidente da Deputación.
A provincia de Pontevedra terá unha presencia destacada en Fitur, sinalou Luis López. O programa inclúe unha degustación de té de camelia o xoves pola mañá e as presentacións de Trazas, a ruta arqueolóxica pola provincia, e da ruta de Ignacio Taverneiro, pola tarde. Do mesmo xeito, haberá numerosos encontros para entablar vías de colaboración con outras deputacións e comunidades autónomas. Con todo, o acto central está previsto para o mércores 24 ás 12.30 horas. “A presentación regresará a onde nunca debeu marchar: o stand de Turismo de Galicia”, subliñou o mandatario provincial.
O acto comezou coa proxección dun breve trailer con imaxes dos recursos acuíferos da provincia e logo tomou a palabra a deputada de Turismo, Nava Castro, quen destacou a importancia do sector na economía da provincia. Tomou a remuda, Mar Rodríguez, presidenta da Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra para remarcar a importancia de participar neste tipo de feiras e lanzar campañas como 100 % Rías Baixas para poder competir con destinos de todo o mundo.
Despois dun segundo teaser, que se proxectará integramente na presentación de Fitur e que deixou intrigados a todos os presentes, comezou o presidente Luis López o seu discurso citando catro titulares de prensa que “contan a historia dun éxito”. Reivindicou o mandatario provincial que a cidadanía da provincia nunca vira as Rías Baixas como un “destino paradisíaco”. “Era a nosa casa, pero semellaba que o mellor sempre estaba fóra. Por iso o mérito de Rías Baixas é dobre: ao tempo que o mundo miraba cara este lugar, tamén descubrimos nós o privilexio de vivir aquí, de estar aquí e de ser de aquí”.
A sustentabilidade do destino foi outro dos aspectos que quixo destacar Luis López. “Hai moito tempo que o noso destino traballa nesa dirección. Mesmo antes de popularizarse o termo sustentable, Rías baixas xa o era. Por iso, sementar dúbidas sobre a calidade dos produtos do mar, a excelencia das nosas costas ou sobre sectores que empregan a milleiros de persoas é de todo menos responsable. O noso destino é de todos, como de todos é o deber de velar pola súa boa imaxe”, defendeu.
Tamén puxo en valor o mandatario provincial o traballo realizado polos profesionais do sector turístico ao longo dos últimos anos e o seu compromiso por potenciar todavía máis o destino. “Vexo a un sector que traballa como se o impresionante 2023 fora só un paso previo cara un 2024 aínda mellor”, recoñeceu López, quen agradeceu a todo o sector por “dar o 100 % e facer que sexamos admirados e envexados en todo o mundo”.
Rías Baixas, finalista a mellor destino gastronómico para Viajar National Geographic
Foi o bo traballo do sector turístico e das institución o que logrou que o ano que acaba de rematar fora histórico: cun mes de agosto que bateu récords de ocupación, co camiño portugués pola costa medrando un 72 %, coas visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso rachando teitos ou cun Museo de Pontevedra rexistrando o número de visitantes máis alto desde o 2010. “O turismo vai a máis e o seu empuxe fai que todos medremos con el”, exclamou o presidente da Deputación, quen revelou que as Rías Baixas están entre os cinco destinos nomeados por Viajar National Geographic para ser elixido mellor destino gastronómico de España.
Rematou Luis López o seu discurso cunha nova referencia ao lema da campaña. “Pisar a area branca da praia de Rodas, en Cíes, é 100% Rías Baixas, brindar cunha copa de albariño mentres se degustan a espectacular gastronomía da provincia é 100% Rías Baixas, quedar abraiado coa fervenza da Toxa, cun solpor en Baiona ou Sanxenxo, ou co impoñente que é o Castelo de Soutomaior é 100% Rías Baixas”, enumerou o dirixente, que quixo tamén dar as grazas a todo o sector turístico, aos rexedores da provincia, ao equipo de Turismo Rías Baixas, en especial á deputada Nava Castro e á xefa de servizo Ruth González, e ao conxunto da cidadanía da provincia por “erguer con orgullo a bandeira do que somos, porque somos 100 % Rías Baixas”, concluíu.
Un total de 27 embarcacións, de 4x e 8+, de 14 clubs galegos e portugueses participarán este sábado na XLIII Regata Miño Internacional. A proba está organizada polo Club Remo do Miño, en colaboración co Concello de Tui, co Deporte Galego da Xunta de Galicia, coa Deputación de Pontevedra e coa Federación Galega de Remo.
A casa do concello de Tui acolleu esta mañá a presentación da proba que correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, do director técnico da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, do presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, e da tesoureira, Aurea Gil.
A Regata Miño Internacional sairá este sábado, 20 de xaneiro, ás 11 h dende Currás para realizar un percorrido de 6 quilómetros até a liña de meta fronte á rúa Olímpicos Tudenses, onde está situado o Centro Municipal de Remo. Participarán un total de 27 embarcación de 14 clubs. Serán os galegos Remo do Miño, Remo Tui, Club Remo Vigo, Ría de Marín, Remo Chapela, Club Mar de Noia, Club Remo San Felipe, Cabo de Cruz, e os portugueses Clube Fluvial Vilacondense, Viana Remadores do Lima, Sporting Clube Caminhense, ADCJC Remo Cerveira, xunto ás embarcacións mixtas do Remo do Miño- Cabo Cruz- Marín-Caminha, e o Coruxo-Ría de Marín. En 4X haberá 9 embarcacións masculinas e 7 femininas. En 8+ competirán 7 barcos na categoría masculina e 2 na feminina, e tamén participarán 2 barcos 8+ veteranos masculinos. A saída farase por tandas de cinco embarcacións comezando polos 4x.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, felicitou ao Club Remo do Miño polo seu 50 aniversario, agradecéndolles o traballo realizado “para que o remo sexa unha referencia deportiva histórica neste concello”. Engadiu que “os deportes de río son unha das sinais de identidade de Tui. Tui é unha potencia en remo, e é algo do que nos sentimos orgullosos”. Tamén destacou o rexedor tudense coma a Regata Miño Internacional é unha proba histórica no amplo calendario deportivo tudense, ao tempo que agradeceu a colaboración doutras institucións, coma a Xunta e a Deputación, neste evento. Rematou a súa intervención o alcalde de Tui asumindo o compromiso de “seguir mellorando o Centro Municipal de Remo e o seu entorno”.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacou na súa intervención o agradecemento ao presidente e á directiva do Club Remo do Miño “por esta proba espectacular”, ao tempo que convidou ao público a achegarse á beira do río para presenciar esta regata.
Manuel Ángel González, o presidente do Club Remo do Miño destacou que a Regata Miño Internacional “debe ser a proba máis antiga destas características que se celebra na península ibérica”. Salientou que polo tipo de adestramento que nestes momentos realizan os clubs esta proba é moi interesante, engadindo que polas características do río Miño tamén é a máis axeitada. Amosou a súa satisfacción por “como vai transcorrendo ano a ano”. Manuel Ángel González salientou por outra parte coma con esta regata comezan a celebración do 50 aniversario do club.
A tesoureira, Aurea Gil, destacaba coma as remeiras foron gañando protagonismo nesta proba, con maior participación ano a ano, ao que o presidente do Club engadía que na actualidade no club xa teñen máis fichas de deportistas femininas que masculinos.
O director técnico da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, destacou o apoio da Federación a esta proba salientando que “a nivel deportivo é unha regata moi interesante”. Referiuse á dificultade para formar unha embarcación de 8 –coma tamén antes o fixera o presidente do Remo do Miño– polo que dicía “é de valorar o que se está conseguindo”. Tamén quixo destacar que “que o club cumpra 50 anos e organice unha regata que celebra a súa 43 edición sendo un referente nacional e internacional”. Agradeceu a colaboración do Remo do Miño tanto na organización da regata coma na colaboración para acoller en Tui concentracións da Selección Galega de Remo, coma as que tiveron lugar na primeira semana do ano. O propio Juan Zunzunegui competirá este sábado na Miño Internacional.
O Concello retoma neste novo ano os seus ‘Cafés en Igualdade’, que deixarán o núcleo do Calvario para percorrer durante os vindeiros cinco meses os barrios e desfrutar doutros locais de hostalaría rosaleiros. O Goberno municipal trasladará así ás diferentes parroquias este programa que busca converterse nun espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que conversar de xeito cómodo e distendido sobre temas de interese ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal.
“Queremos que todas e todos os rosaleiros poidan desfrutar desta iniciativa que non deixa de sorprendernos pola grande acollida que ten. O éxito de todas as sesións que levamos celebradas ata o de agora é o mellor exemplo do interese que teñen os nosos veciños e veciñas por dispoñer de tempo para o desenvolvemento persoal e de poder falar, compartir experiencias ou resolver dúbidas de moitos temas de actualidade”, recalca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A educadora social e responsable de AGA Formación Angelina Gándara será a encargada de inaugurar esta nova etapa dos ‘Cafés en Igualdade’. Tras o enorme éxito da súa charla sobre maternidade na edición de 2023, regresa o vindeiro xoves 25 de xaneiro con ‘O amor romántico. Desmontando mitos’. Ás 17.30 horas no Restaurante As Brasas, en Paradela (San Xoán de Tabagón), a educadora social abordará dende un punto de vista práctico a desmitificación do amor romántico, con exemplos que axudarán a comprender todo o que se irá falando durante o encontro. Gándara amosará ao público asistente os mitos que rodean o amor romántico, como a media laranxa, a omnipotencia, a exclusividade… para saber de onde veñen e que encorsetamentos supoñen porque, como di a educadora, “só así poderemos desmontalos e ter unha visión máis libre das relacións amorosas”.
Todas as sesións dos ‘Cafés en Igualdade’ serán de balde, os últimos xoves do mes ata maio e de 17.30 a 18.30 horas. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.
Do 26 ao 28 de abril en Arbo estará de Festa. Celebra a LIV edición da Festa dá Lamprea, declarada de Interese Turístico Internacional e para ir “abrindo boca”, durante o mes de abril están previstas unha serie de actividades dirixidas tanto aos visitantes á veciñanza do municipio de Arbo. No marco destas actividades previas enmárcase a sétima edición da tradicional Andaina da Lamprea que terá lugar o vindeiro domingo 21 de abril.
Arbo é un lugar ideal para practicar sendeirismo. Para o Concello “recomendar Arbo non é recomendar unha viaxe máis… é recomendar unha viaxe a un reencontro con sensacións inesquecibles que implican atoparse a si mesmo e ás súas orixes, e a Andaina da Lamprea e o momento perfecto para coñecerlo e desfrutar dunha actividade que ofrece deportes, paixase e gastronomía”.
O roteiro, de dificultade media-alta, comezará na Praza do Concello ás 9:30 horas e conta con, aproximadamente, 12 quilómetros de percorrido. Trátase dunha actividade que levará ás e aos participantes pola contorna natural do municipio e permitirá que poidan relaxarse e evadirse contemplando “paisaxes espectaculares”, segundo explica o alcalde, Horacio Gil. Ademais, o Concello agasallará a todos e todas as participantes cunha degustación de lamprea e viño das adegas do concello de Arbo.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente, antes do 18 de abril, nas oficinas municipais ou a través do correo electrónico [email protected] o ou a través da sede electrónica. Será necesario abonar a cantidade de oito euros na conta municipal Es 44 2080 5011 8530 40005379 e presentar a copia de pago no momento da inscrición.
A dirección do IES Val do Tea de Ponteareas, centro de secundaria de referencia para o alumnado de Covelo, visitou a biblioteca pública municipal para facer entrega dun importante número de libros de lectura. A concelleira de Emprego e Formación, Lourdes Enes, recibíu esta doazón que permitirá deseñar distintas accións coas que achegar a lectura á poboación.
Dende principio do curso 23/24 o centro educativo e o Concello colaboran estreitamente no fomento do hábito da lectura e tamén en facilitar o acceso aos libros obrigatorios nas materias de lingua castelá e lingua galega na ESO e bacharalato. Os departamentos destas dúas linguas e o técnico responsable da biblioteca traballan para que o alumnado poida dispor dos títulos ampliando así o número de exemplares dispoñibles e acurtando as esperas.
Ademais, o director, Miguel Antón Rodríguez Leborán, e a xefa de estudos, M.ª Isabel Calvelo Bellón, acompañados da concelleira de Formación visitaron o CEIP Antonio Blanco Rodríguez para presentarlle ao alumnado de sexto de primaria os servizos do instituto e convidalos a visitalo nunha xornada na que estarán guiados polo alumnado de primeiro da ESO e docentes do centro.
O Concello agradece o interese da dirección do centro educativo e adianta a súa intención de traballar, dentro das súas competencias, en tecer lazos de colaboración que permitan deseñar accións didácticas conxuntas.
O Concello, a través da concellería de Seguridade que dirixe o tenente de alcalde Juan Carlos González, aumenta a capacidade de atención do GES de Ponteareas grazas a un novo convenio entre a administración local, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. O acordo permite aumentar o orzamento destinado a este servizo en 165 000 euros, situando a cifra total en 320 000 euros.
Deste xeito, o Grupo de Emerxencias Supramunicipais conta con catro efectivos máis para desempeñar o seu labor. Con estas incorporacións, son un total de 16 profesionais os que traballan en materia de prevención e extinción de incendios así como noutras tarefas relacionadas coa caída de árbores e accidentes, entre outras cuestións. Ademais, sumarase un quinto traballador durante os meses do verán para reforzar este servizo na tempada na que aumentan as posibilidades de rexistrar lumes forestais. Durante este período, o número de efectivos ascenderá a 17.
O edil de Seguridade e tenente de alcalde, Juan Carlos González, indica que “tiñamos claro que para reforza o GES era preciso aumentar os recursos para este servizo e, con esta premisa, conseguimos o novo convenio coa Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra”. Apunta que “damos resposta a unha reclamación histórica e ás necesidades dos nosos veciños e veciñas á vez que creamos postos de traballo”.
Neste sentido, o concelleiro encargado da área sinala que “conseguimos o que outros gobernos intentaron en diferentes anos, con este acordo damos a importancia que merece ao noso Grupo de Emerxencias Supramunicipais, outorgando os recursos que necesita para continuar sendo un dos servizos de referencia”.
O GES de Ponteareas atende as emerxencias que se producen na vila e tamén aquelas que se rexistran en municipios da contorna como Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e Salvaterra de Miño. Ao longo do ano, os profesionais do servizo realizan máis de 800 intervencións vencelladas a distintas situacións de emerxencia.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, presentaron hoxe a programación da entidade para o ano 2024. Dez proxectos expositivos mostraranse nos edificios Castelao e Sarmiento nos vindeiros meses, arrancando en marzo cunha retrospectiva de Berta Cáccamo e unha mostra fotográfica sobre o retorno a Galicia hai 40 anos dos restos mortais de Castelao. No verán, chegará a exposición central deste ano: ‘A Era das Fábulas’ vinculará os fondos do Museo de Pontevedra coa colección de arte María José Jove e outras coleccións privadas, con grandes nomes da arte dos séculos XX e XXI. Son só algunhas das citas destacadas dunha programación que inclúe tamén un calendario de xornadas e seminarios que cobre todo o ano e unha proposta de actividades didácticas e de acción cultural dirixida a todo tipo de públicos. A programación pódese descargar nesta ligazón.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que comezou a súa intervención enxalzando “o valioso equipo de traballo do Museo”, remarcou que “a programación deseñada para este ano nos permitirá elevar o Museo a un nivel nunca antes alcanzado”. “Cada evento, exposición e actividade están meticulosamente deseñados para entreter e enriquecer as nosas vidas”, asegurou ao tempo que subliñou que “cada elemento da programación foi elixido coa intención de estimular a curiosidade, fomentar a reflexión e alimentar o noso amor pola cultura”. Ademais, o vicepresidente destacou que se inclúen diversas perspectivas e formas artísticas co obxectivo de “abrir as portas do Museo a todas as voces, ofrecendo un espazo onde a riqueza e a complexidade do noso patrimonio se entrelazan coa modernidade cunha programación que non só celebra o noso pasado, senón que tamén abraza o presente e anticipa o futuro porque o mellor do Museo está por chegar”.
Rafa Domínguez tamén fixo fincapé no papel do Museo de Pontevedra como “reflexo da nosa identidade” e como “testamento vivo da riqueza histórica e artística que Pontevedra atesoura e lugar de aprendizaxe e inspiración para xeracións presentes e futuras”. Deste xeito, situou ao museo como “piar fundamental para o ambicioso propósito de converter Pontevedra na capital cultural por excelencia, na pedra angular que impulsará a cidade a alcanzar novas alturas no escenario cultural internacional”.
Pola súa banda, a directora do Museo, Ángeles Tilve, destacou que “o que agora presentamos é só a parte máis inmediata dunha programación coherente que abarca varios anos, porque os proxectos expositivos de certa relevancia necesitan unha maduración longa”. Tilve enumerou as liñas de traballo principais que articulan a programación, comezando por “promover a investigación, que se coñeza mellor a colección do Museo e se poña en valor”. Salientou “a colaboración con outros museos e entidades, tanto galegas como españolas e internacionais” e a importancia de que “o Museo non sexa alleo aos temas de debate do pensamento contemporáneo, polo que revisión da historia da arte desde a perspectiva feminista ou o debate sobre as novas narrativas que deben adoptar os museos son dous exemplos de como estes temas deben estar presentes na nosa programación”.
Outro aspecto que subliñou a directora foi a aposta por “difundir as coleccións do Museo, xunto coa obra de artistas da provincia e de Galicia e o apoio á produción de artistas novos”. Tamén deu moita importancia á divulgación, co obxectivo de “que o coñecemento científico que se xera no Museo chegue á sociedade” e que toda a cidadanía atope actividades axeitadas aos seus intereses.
De Berta Cáccamo a Kandinski
A programación de exposicións abre en marzo con dúas citas. Co título provisional de ‘Os arquivos iluminados de Berta Cáccamo’, o Museo presenta unha mostra comisariada por Juan de Nieves que traza un percorrido retrospectivo pola obra da artista viguesa falecida en 2018 e os seus vínculos cos seus rexistros de arquivo. O proxecto leva aparellada a doazón ao Museo de Pontevedra do arquivo da que fora profesora na Facultade de Belas Artes da cidade.
No mesmo mes abrirá as súas portas a mostra ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías’, con Xosé Enrique Acuña como comisario. Conmemora o 40º aniversario da chegada desde Arxentina dos restos mortais de Castelao, artellándose arredor da reportaxe fotográfica de Xan Carballa sobre ese momento histórico, un testemuño excepcional dentro da fotografía documental galega de finais do século XX.
En xuño chegará a exposición central do Museo para este ano, unha exposición ambiciosa que ocupará as salas de exposicións temporais ata outubro. ‘A Era das Fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’ é unha exposición en tres actos que vincula a colección de arte Fundación María José Jove cos fondos do Museo de Pontevedra, á que sumarán artistas contemporáneos doutras coleccións privadas.
Trátase dun proxecto do Museo de Pontevedra, desenvolvido co asesoramento de Chus Martínez e Susana González. A mostra constará de tres partes, cos epígrafes ‘Acto I. Imaxinación -mar’; ‘Acto II. Transformación -terra’ e ‘Acto III. Renacemento -aire’. Incluirá obras dalgúns dos artistas máis importantes dos séculos XX e XXI, como Maruja Mallo, Vasili Kandinsky, Pablo Picasso, Fernand Léger, Joan Miró, Miquel Barceló, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Ernesto Neto, Menchu Lamas, Jorge Barbi ou Noa e Lara Castro, entre outros.
Infiltracións na colección permanente
Outra das propostas novidosas deste ano leva como título ‘Infiltracións’. Trátase dun proxecto con vocación de continuidade no que cada ano dous artistas actuais serán convidados a presentar as súas obras en diálogo coa colección permanente ou noutros espazos do Museo. Iñaki Martínez Antelo é o comisario encargado de acompañar aos artistas nun proceso que ten por obxectivo fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e achegar ao Museo distintos públicos. ‘Infiltracións’ arranca en maio coa artista galega Mónica Alonso. En outubro tomará o relevo o colombiano Alberto Baraya.
Aínda no ámbito da arte contemporánea, no verán exhibirase ‘Pinturas negras’, unha mostra en colaboración coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo que dá continuidade ao proxecto ‘Campo de sementes 2’, que se esta a expoñer neste momento no Edificio Castelao. Esta nova entrega, comisariada por Ignacio Pérez-Jofre e Sandra MG, caracterizarase por explorar as posibilidades formais e simbólicas do negro, coa serie de Goya como referencia. Graduadas e docentes da facultade pontevedresa presentarán obras de diferentes disciplinas con esta cor como protagonista.
E en 2024 celebrarase unha nova edición de Novos Valores, o certame que busca impulsar a formación de artistas novos e que este ano será reformulado na procura dun impulso.
Blanco Cicerón, Acisclo e Otero Baena
Tres exposicións comisariadas por conservadoras do Museo serán as protagonistas nos últimos mes do ano, achegándose a tres figuras galegas moi diferentes. En ‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón: do coleccionismo ao museo’ exhibiranse pezas dun dos fondos máis importantes do Museo de Pontevedra, a Colección Blanco Cicerón. A mostra, comisariada por Erea Castro Alfonso, quere ser unha achega a unha figura por reivindicar, o coleccionista que sentou as bases da museoloxía galega. Trátase dunha mostra paralela á celebración do XVII Congreso Nacional de Numismática, que o Museo acolle en setembro.
A conservadora Beatriz de San Ildefonso será a comisaria de dúas mostras dedicadas a Acisclo Manzano e José Otero Baena. A mostra sobre Acisclo reunirá un conxunto de obras significativas da traxectoria do escultor ourensán, membro do grupo ‘O’Volter’; desde o expresionismo figurativo das súas primeiras tallas en madeira ao traballo con outros materiais como a cerámica. A mostra ‘José Otero Baena, un pintor sen pinceis’, achegarase á obra do pintor de Bueu, que substituíu o pincel pola espátula para reflectir a paisaxe da súa localidade, principalmente o mar e as escenas de pesca, distorsionadas conscientemente a través da luz e a cor.
Xornadas e seminarios
Na presentación deuse a coñecer tamén un avance parcial da programación de xornadas e seminarios, xa que parte das actividades previstas neste ámbito están pendentes de pechar datas e últimos detalles. A programación ocupa todo o ano, como unha aposta decidida polo debate e a difusión da investigación, tanto propia como externa. Ángeles Tilve salientou que “os fondos do Museo e o seu estudo están no centro desta programación” e que toda ela “xira arredor de seis temas transversais: a historia do Museo e das súas coleccións; Castelao; guerra, represión, migracións e exilio; a arte galega en América; a perspectiva feminista; e novas narrativas nos museos do século XXI”.
Entre as grandes citas de 2024 atópase a celebración dun simposio arredor do 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés Antonio Palacios. Ademais, Pontevedra será en setembro a sede da 17ª edición do Congreso Nacional de Numismática. A isto súmanse a 13ª edición do Encontro de Conservación e Restauración, as Xornadas de Educación Patrimonial e a recuperación das Xornadas de Exiptoloxía, entre outras conferencias e xornadas ao longo do ano.
Tamén é salientable o conxunto de seminarios que se organizarán este ano: en febreiro, ‘Historias de mulleres: arte, canon e outras historias da arte’; en abril, ‘Legados de artistas. Ferramentas para a investigación do Museo’; e en outubro, ‘A Galería Diana de Rosita García Ascot e Bal y Gay, México, 1955-1965. Reconstrución histórica dunha galería de arte do exilio galego e español’. Ademais, haberá dous sobre a historia e as coleccións do Museo: un de arqueoloxía e etnografía en homenaxe a Alfredo García Alén e outro sobre relixiosidade popular, exvotos e outras ofrendas.
Didáctica e acción cultural
Por último, presentáronse as grandes liñas da programación didáctica e de acción cultural do Museo, que trata de que o Museo teña unha oferta enriquecedora para todo tipo de públicos. Esta programación estrutúrase en cinco grandes eixos. O primeiro son os cursos para público adulto, como ‘Tirando do fío’, sobre a historia da moda a través da arte, desde o Antigo Exipto á Revolución Francesa, que se porá en marcha a finais deste mes.
Os obradoiros para público infantil serán outra das liñas programáticas, cunha ampla oferta que inclúe os habituais en datas como Entroido, Semana Santa, Verán, Feira Franca e Nadal. A programación musical inclúe citas consolidadas, como o Ciclo de Música Antiga, e outras que se puxeron en marcha recentemente, como o ciclo Contrapuntos, de música e exilio.
O Museo conmemorará as datas sinaladas no calendario, comezando polo 8 de marzo, Día da Muller, e cunha atención especial á celebración en maio do Día Internacional dos Museos, entre outras datas. E ademais desenvolverase unha programación didáctica ao longo de todo o ano arredor das exposicións temporais.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, vén de dar conta do inicio das obras de mellora da contorna da igrexa de Santiago en Prado da Canda. Na súa aposta por unha vila máis amable o Concello avanza na remodelación de espazos públicos que son punto de encontro da veciñanza. Esta intervención ten un custo de 197 302 € que serán financiados con fondos propios a través do antigo Plan Concellos 22/23, na actualidade +Provincia da Deputación de Pontevedra.
O Concello realizará unha intervención integral con traballos no subsolo e tamén en superficie transformando o espazo público para un maior desfrute da cidadanía. O actual asfalto será substituído por pedra co obxectivo de embelecer a zona e potenciar o seu atractivo. Ademais, as obras abordarán o saneamento en dous ramais da Aldea de Abaixo e a canalización das recollidas de auga pluviais. “Traballamos para que o día a día da nosa veciñanza sexa máis doado e agradable por iso a nosa prioridade é a mellora dos espazos e servizos públicos indispensables para desenvolvernos, para relacionarnos e mesmo para recibir ás persoas que nos visitan”.
Para a execución das mesmas deberán realizarse traballos de demolición; preparación do terreo, colocación de drenaxe, tubaxes e colectores; preparación de cunetas con adoquín en granito silvestre, retiradas previamente as existentes de formigón, e apertura de cunetas onde exista arcén de terra. Ademais, instalaranse canaletas e rellas de fundición e renovarase o pavimento en todo o trazado tanto na Aldea de Abaixo como no ramal con tramos de formigón e espazos e accesos peonís con solados de granito silvestre ao igual que na contorna da igrexa de Santiago.
As obras complétanse coa instalación de novas barandas, pasamáns e rodapés. Tamén se contempla a colocación de bancos de granito silvestre e sinalización de limitación de velocidade a 30km/h.
O Concello de Salvaterra de Miño acaba de iniciar as obras de reparación dos danos ocasionados polas inundacións, traballos nos que investirá preto de 140 000 euros coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través das subvencións concedidas para que os concellos da provincia poisan facer fronte á reparación dos danos causados polas inundacións de comezos do 2023.
Despois de obter os permisos de Confederación Hidrográfica Miño Sil, que permitiron a licitación do proxecto, o Concello que preside Marta Valcárcel inicia as obras de reparación de danos no camiño do Xestal en Arantei. Ao que lles seguirán as obras no camiño Espedrigada en Porto, na Fillaboa, camiño no Muíño da Ponte en Corzáns, camiño de Serradela a Casco, Medóns e Sampríns na parroquia de Leirado.
‘A despensa de Galicia’ do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño bota a andar. Alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 13 municipios do territorio que forman parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) mantiveron un encontro este mércores en Tomiño para perfilar as primeiras accións que se porán en marcha ao abeiro deste plan que busca transformar o modelo turístico do territorio en base ao potencial da súa enogastronomía.
A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presidiu a reunión, que contou coa participación de Paco Ferreira, rexedor de Gondomar; Juan A. González, alcalde de Nigrán; Ánxela Fernández Callís, rexedora do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén; e cos concelleiros e concelleiras Fernando Reyes, da Guarda; Sheila González, de Baiona; Rocío Goberna, de Gondomar; Julia Loureiro, de Mos; e Rita Pérez, de Redondela.
Catro proxectos e tres eixos
Durante o encontro, os representantes municipais deron luz verde a catro proxectos encadrados en ‘A despensa de Galicia’ e cos que se levarán distintas accións a diferentes concellos do territorio. Así, encadrado dentro da liña de transición verde e sostible, comezarase a traballar na creación dun plan de xestión de residuos con varias medidas de economía circular nas festas gastronómicas de interese turístico.
Dentro do eixo relacionado coa transición dixital, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño comezará a dar xa os primeiros pasos en dous proxectos distintos: por un lado, a implantación de sinalización intelixente para achegar información ás persoas que visitan o Xeodestino, e, por outro, a creación de contidos dixitais vinculados coa enogastronomía local, ao abeiro do que se poderá incorporar novo material gráfico e audiovisual, actualizar a web ou deseñar un mapa interactivo e visitas virtuais 360º.
Por último, xa dentro do ámbito da competitividade, alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras aprobaron deseñar unha liña de axudas ao tecido empresarial para impulsar a enogastronomía de destino, apoiando a transformación e incorporación de innovación nos procesos e facilitando un salto cualitativo de toda a cadea de valor enogastronómica do Xeodestino.
No marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado por fondos Next GenerationEU da Unión Europea, ‘A despensa de Galicia’ contempla un investimento de 1,5 millóns de euros no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. O plan convértese así nunha oportunidade única para financiar actuacións transformadoras e de calado suficiente como para converter a Ría de Vigo e Baixo Miño nun destino sostible, innovador, competitivo e rendible co que atraer a un turismo de alto valor engadido ao tempo que se apoia á economía local e se aposta polo desenvolvemento do territorio, do patrimonio, da cultura, da profesionalidade do sector, da promoción e da dinamización conxunta.
Presentación do plan antifraude
Durante o encontro, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural presentou aos concellos o pioneiro plan antifraude posto en marcha, unha iniciativa destinada á prevención de riscos de xestión e medidas para loitar contra a fraude que permitirá establecer un sistema de control interno deseñado para previr, detectar e tomar medidas contra calquera posible actuación fraudulenta. O plan contará cunha Comisión Antifraude presidida pola concelleira de Mos, Julia Loureiro, que se reunirá de forma regular semestralmente ou de forma extraordinaria en caso de precisalo.
Por outra banda, os representantes municipais abordaron o convenio de colaboración entre Eu Rural e os concellos do territorio que permitirá artellar a xestión do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, fixando as principais liñas de colaboración, así como a coordinación para a xestión das actuacións correspondentes que se financiarán cos fondos europeos Next GenerationEU.
O Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible somete a información pública a modificación do proxecto de trazado para mellorar a seguridade viaria da estrada N-120 en Ponteareas, tras publicar hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) a aprobación provisional do documento complementario ao devandito proxecto.
Tras os cambios realizados, recollidos no documento complementario, o proxecto inclúe a construción de dúas glorietas máis, a ampliación das sendas peonís previstas ao redor das glorietas e unha nova reordenación dos accesos á vía.
Zona de actuación da mellora da N-120 ao seu paso por Ponteareas
As obras contan cun orzamento de estimado de 3,35 millóns de euros (IVE incluído) e levarán a cabo no tramo da estrada N-120 comprendido entre o núcleo urbano de Ponteareas e a intersección do Confurco (aproximadamente de 5 km de lonxitude). As principais actuacións desenvolvidas no proxecto inicial son as seguintes:
Acondicionamento de interseccións mediante a implantación de seis glorietas.
Reordenación de accesos.
Execución dunha senda peonil anexa á estrada.
Extensión dunha nova capa de rodadura en todo o tramo.
Adecuación da sinalización, o balizamento e as defensas á nova solución.
As modificacións incluídas neste documento complementario, en base ás alegacións admitidas no trámite de información pública, recollen, entre outras cousas:
O deseño de dúas novas glorietas, unha no km 645,060 e outra no km 646,670. Así, en total, construiranse oito glorietas,
Ampliación da senda peonil na contorna da glorieta do km 645,400.
Ampliación da senda peonil na contorna da glorieta do km 648,640.
Unha nova reordenación de accesos á estrada N-120.
Iluminación das novas glorietas con luminarias LED, que se complementará con reforzo lumínico nos pasos de peóns, na contorna das glorietas para dar continuidade ao itinerario peonil.
Esta actuación inclúese no programa de conservación e mantemento da Rede de Estradas do Estado, no que se investiron máis de 65 millóns de euros desde xuño de 2018 na provincia de Pontevedra.
A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, vén de participar no Castelo de Sobroso no acto de presentación do Campionato Galego de Natación Máster de Inverno 2024 que acollerá Ponteareas o vindeiro fin de semana, acto que a vicepresidenta da Deputación estivo acompañada pola alcaldesa da vila do Corpus e deputada provincial, Nava Castro.
Na presentación deste Campionato Galego de Natación Máster de Inverno, participaron tamén o coordinador do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Freire; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión e o presidente e director técnico do CN Ponteareas, Andrés Carrera.
Tapias, na súa intervención, amosou o orgullo de que “Pontevedra sexa unha vez máis a provincia anfitrioa dunha proba deportiva de primeiro nivel, na que se darán cita os mellores nadadores de Galicia”.
Fernández-Tapias aproveitou a ocasión para poñer en valor o esforzo da Federación Galega de Natación e do Club de Natación de Ponteareas, que leva xa 25 anos “apostando pola natación desde a base”, na organización desta proba na que se darán cita preto de 400 nadadores de 28 clubs. Tamén remarcou o compromiso da Deputación de Pontevedra co deporte, “eixo prioritario deste mandato”, “unha disciplina que contribúe como ningunha outra a estender hábitos saudables na sociedade, a enchela de valores positivos e é xa unha ferramenta de promoción turística fundamental para a nosa provincia”.
O sector do mar sairá á rúa en Compostela este domingo día 21 para denunciar a grave situación que vive o sector pesqueiro e marisqueiro “e que arrastra desde hai máis dunha década” segundo os colectivos convocantes. A manifestación partirá ás doce do mediodía da Alameda e terminará na Praza do Obradoiro. Máis dun cento de colectivos do sector do mar e agrupacións ecoloxistas apoian esta mobilización baixo o lema “Na defensa do noso mar”, entre eles a Confraría de Redondela.
Demandan da Xunta de Galicia medidas encamiñadas a mellorar a situación das rías e pór freo á drástica caída de produtividade. Entre as súas demandas están un estudo integral das causas que provocan a baixada da produtividade, partidas económicas específicas para rexenerar todas as rías galegas, un protocolo de regulación dos encoros, un plan de control de verteduras tanto no mar como nos ríos, o control sanitario do marisco importado e que en caso de crise se dote aos traballadores do mar e ás confrarías de partidas económicas e axudas.
A vertedura masiva de granulado plástico que está a chegar á contribuíu ao desencadeamento da convocatoria desta manifestación do 21, e será outro dos alicerces da protesta. A falta de transparencia e a tardanza á hora de actuar preocupa ao sector.
Todas estas demandas e necesidades son compartidas pola Confraría de Redondela, e contan “co apoio total do Concello de Redondela”, como explica a alcaldesa Digna Rivas “porque o mar é o medio de vida de moitas familias deste municipio, ademais dun patrimonio natural que temos a obriga de protexer”. Por iso desde o Concello de Redondela poñen a disposición da veciñanza autobuses gratuítos para aqueles que queiran desprazarse o domingo á manifestación en Santiago. Sairán ás 10.00 desde a praza de Ribadavia (praza da Farola) con parada ás 10.15 en Cesantes á altura do CEIP Outeiro das Penas. Os interesados en inscribirse poden facelo no teléfono do Concello 986 400 300.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Padrón na homenaxe impulsada pola Xunta de Galicia polo 22º aniversario do falecemento de Camilo José Cela. Estes actos para divulgar a súa figura e legado comezaron cunha ofrenda floral no cemiterio de Santa María de Adina por parte das autoridades e os escolares da Colexiata de Santa María de Adina.
Tras isto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades trasladouse ao Museo da Fundación Camilo José Cela, onde se representou a obra de teatro O inventor de palabras a cargo de Suso Martínez e Iñaqui Rosado, que conta a historia do encontro entre dúas das personaxes icónicas de Cela no que lembran territorios literarios.
O Concello homenaxea ao artista ponteareán Alfonso Quinteiro no marco da celebración do centenario do seu nacemento. Deste xeito, o próximo 27 de xaneiro presentarase o libro Alfonso Quinteiro, un talento na sombra no que o escritor Manrique Fernández rescata a figura e a obra do escultor e, ademais, a concellería de Ensino celebrará ao longo de todo o ano diferentes actividades que contribuirán ao recoñecemento do ilustre veciño.
Segundo explicou o concelleiro de Ensino, Ricardo González, o primeiro dos actos será o próximo sábado 27 de xaneiro no que “ademais de presentar ao público o libro no que se recupera o legado de Quinteiro, quen desempeñou o seu labor no mundo da escultura durante o século XX, haberá máis sorpresas relacionadas co artista local”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o “traballo minucioso de Manrique Fernández á hora de recoller a obra inédita de Alfonso Quinteiro” e lembrou que “era o gran artista da vila, o referente, polo que me gustaría que ese sábado esteamos todos xuntos para demostrar a nosa admiración”.
No acto no que se presentou o evento do día 27, participou tamén a filla do escultor, Pili Quinteiro, quen agradeceu o recoñecemento que o Concello realiza ao seu pai. Ademais, destacou o talento do seu proxenitor “á hora de reproducir a alma das persoas mediante a escultura” e puxo como exemplo “o busto que elaborou a partir dunha fotografía a Reveriano Soutullo, outro dos nosos artistas nacidos no municipio”.
Finalmente, o escritor que rescatou a figura e o legado do ilustre veciño, Manrique Fernández, apuntou que “o obxectivo é difundir a historia deste ponteareán así como afondar no seu legado, vencellado ao mundo da escultura e tamén ao da pintura”. O autor indicou que “precisamente esta última disciplina é unha das máis descoñecidas, pero os seus traballos neste eido son simplemente espectaculares”.
Para continuar potenciando a difusión dos artistas ponteareáns, o Concello organizará para cada día 25 de cada mes, coincidindo co seu día de nacemento, diferentes actividades como concursos, conferencias ou contacontos.
O martes 16 de xaneiro, o salón de actos do CEIP Porto Cabeiro acollerá 17:30 horas a presentación do libro “O alumnado de Porto Cabeiro escribe sobre as súas parroquias”. Un libro editado polo Concello de Redondela e preparado dende o Servizo de Normalización Lingüística municipal coa colaboración do equipo de normalización do colexio.
O libro reproduce traballos que o alumnado fixo ao longo de moitos anos sobre toponimia local, lendas e costumes da zona, patrimonio das parroquias e outras tradicións. O volume, que recolle traballos feitos desde os anos 80, achega unha ampla descrición do patrimonio material e inmaterial das parroquias ás que pertence o alumnado do centro, e que son Negros, Cabeiro e Vilar. A escolma pretendeu ser o máis representativa posible, dando entrada a todo tipo de manifestacións culturais como son o entroido ou os oficios tradicionais.
O acto de presentación está aberto á participación de todo o público pero, en especial, á comunidade educativa e familias das parroquias de Vilar e Cabeiro. O libro pódese levar de agasallo e serve para conmemorar os 50 anos de historia do CEIP Porto Cabeiro.
No acto participarán a directora do centro, Sonia Montenegro; a mestra Susana Crespo; o responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Xurxo Martínez González e a alcaldesa, Digna Rivas.
A deputada e concelleira ponteareá, Cristina Fernández, ocupará o número 6 na candidatura do BNG ás vindeiras eleccións galegas. Así o aprobou nesta fin de semana a formación liderada por Ana Pontón.
Fernández Davila amosou a súa satisfacción por seguir formando parte do equipo de Ana Pontón nun posto de saída. “É unha gran responsabilidade e unha inmensa honra ser a voz das veciñas e veciños de Ponteareas e da nosa comarca, e traballar día a día para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, asegurou.
A candidata do BNG declarou que “o 18 de febreiro temos unha oportunidade histórica de abrir un tempo novo en Galiza con Ana Pontón e o BNG. Chegou o momento de gañar un futuro mellor, ofrecendo solucións aos problemas dos galegos e galegas, cun proxecto no que Ponteareas conte, gobernando para a maioría e pondo as persoas no centro da nosa acción política”.
“
Cristina Fernández, “É unha gran responsabilidade e unha inmensa honra ser a voz das veciñas e veciños de Ponteareas e da nosa comarca, e traballar día a día para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”
O BNG destacou a “experiencia da actual deputada, o coñecemento da realidade local e comarcal e a súa capacidade, honestidade e honradez como garantía de que Ponteareas teña peso político no vindeiro goberno galego”. Ademais, o Bloque pon en valor “o traballo de Cristina Fernández nestes meses no Parlamento Galego, onde defendeu diversas iniciativas entre as que destacan as destinadas a mellorar a situación da sanidade e do ensino público en Ponteareas e na nosa comarca, que se atoparon en múltiples ocasións coa negativa do Partido Popular”.
Cristina Fernández Davila é Técnica Especialista en Informática de Xestión. Dende 1993 é funcionaria do IES Val do Tea. Ten asumido diversas responsabilidades nas asociacións de nais e pais do alumnado e foi presidenta da Federación de Anpas do Condado FANPO. Dende 2012 é concelleira do BNG, asumindo no 2015 a segunda tenencia de alcaldía e a concellaría de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior. Dende as eleccións de maio de 2019, Fernández Davila asumiu a primeira tenencia de alcaldía, así como as concellarías de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo. Entre 2021 e 2023 foi alcaldesa de Ponteareas, e nos últimos 6 meses foi deputada no Parlamento Galego.
O Concello de Nigrán colabora coa iniciativa do Centro de Saúde Val Miñor para ofrecer mañá martes 16 de Xaneiro a charla ‘Alimentación saudable e planificación de menús’ ás 17:30 horas no Auditorio Municipal e a cargo da dietista-nutricionista Marta Losada.
Igualmente, ofrecerán o mércores 31 de Xaneiro outra xornada adicada á alimentación en pacientes diabéticos e sobre a importancia de tela controlada (11:30, Auditorio Municipal). A entrada é de balde e aberta a toda aquela persoa interesada no tema.
O BNG da Cañiza está a impulsar unha iniciativa que permita converter as antigas instalacións do GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) nun lugar no que a xente nova poida dispor dun espazo público onde desenvolver actividades, de xeito tranquilo e en condicións axeitadas, no seu tempo de lecer “sobre todo nos períodos do ano no que as condicións meteorolóxicas son máis adversas con chuvia, frio, vento e días con poucas horas de luz” sinala responsable local Trini Labaca.
Lembra a formación nacionalista que antes da pandemia da Covid19 había un espazo no edificio multiusos que non volveu retomar a actividade.
Trala construcción do parque de pumptrack e a súa boa acollida pola mocidade do propio municipio e, en xeral de toda a Comarca, consideran que o edificio idóneo para este uso é o edificio do Centro Comarcal A Paradanta. Ademais complementaría a actividade xuvenil e cubriría a necesidade demandada de aseos públicos.
Esta proposta sería compatible con outros usos actuais ou futuros de dito espazo, ademáis saben que o GDR mudou a sede a outro edificio de titularidade municipal. Na Asemblea Local do BNG A Caniza, teñen debatido este tema e tamén a mocidade ten trasladado a súa inquedanza ao respecto.
Dotar este espazo dunha actividade destas características, “non suporía un grande gasto para as arcas municipais mais alá do acondicionamento axeitado, e dun empregado municipal que garanta a apertura/peche e o bon uso das instalacións”, conclúe o BNG da Cañiza.
Balneario de Mondariz dá un paso adiante na comunicación de vangarda coa creación dun podcast, inicialmente de cinco capítulos, para dar a coñecer ás novas xeracións a historia de tres séculos termais que o converteron nun referente europeo. Un proxecto das xornalistas Roser Carrera e Ana J. Pastor, creadoras do podcast “Conversas ás toas”, que se basea as vivencias dunha escritora, Otilia Casanova, que, na época dos felices anos 20, trasládase á vila termal onde deixou oculto un misterio.
Se a principios do Século XX, Balneario de Mondariz innovou coa publicación do seu xornal e revista propios e posteriormente, en 2005 baseou todo o seu proxecto de recuperación na comunicación tradicional e dixital, agora aposta por esta nova ferramenta que establece conexións efectivas coa audiencia grazas á hiperpersonalización baseada nas preferencias de contidos e contextos que se converten nunha oportunidade de compromiso e lealdade cos oíntes.
“Conversas e ás toas” creou unha mensaxe moi creativa, personalizado e eficaz neste proxecto ao que denominaron “A flor da auga”.
Este medio, tras tres meses de traballo, permitiu a Balneario de Mondariz contar historias de forma orixinal e atractiva, xerando unha conexión emocional cos oíntes. Para iso, coidouse o formato, o ton, o estilo e a mensaxe, adaptándoo á audiencia máis nova.
Click para ampliar
Cunha periodicidade cada tres semanas, imaxe gráfica de Alfonso Marcet, e unha difusión nas principais plataformas e agregadores (Spotify, Ivoox, Google Pódcast, Amazon Music…), “Conversas e ás toas” conseguiu destacar no panorama dixital a partir dunha campaña de difusión a través de redes sociais e grazas ao interese que a historia de Mondariz esperta en todos os colectivos.
Cada capítulo, duns 30 minutos, achega ao oínte a un momento histórico e á importancia dos personaxes que visitaron a vila termal, poñendo en valor o papel da muller, finalizando cunha entrevista a directivos de Balneario de Mondariz que explican a importancia do aspecto termal ou histórico que se tratou no episodio.
Así, comézase co “A secreto da auga”, para continuar con “Os amores secretos”, “A beleza dunha burbulla” e “Xogo de pelotas”. Catro capítulos gravados nos estudos de “Conversas e ás toas” e un final realizado en directo no Balneario de Mondariz con presenza de público e convidados.
“A Flor da auga” ten como sintonía o tema “Eppur se muove” e refachos extraídos do tema “Planetesimal”, ambos os do álbum “Mãe”, de Quico Comesaña, Premio Martín Codax dá Música 2023. Ademais, incorpora o tema “Ausencia”, de Eugenia Osterberger, interpretado por Ana Pastor e Lucas Villar e transformado en son de caixa de música, que se converten en momentos musicais moi característicos. Ademais, os sons de auga e natureza gravados no Balneario de Mondariz tamén nos trasladan á Galicia de principios do Século XX.
Unha historia máxica Pero que nos descobren Roser Carrera e Ana J. Pastor? Todo comeza cando as xornalistas atopan uns obxectos dunha antiga visitante do Balneario de Mondariz: un chapeu, unha guía de viaxes escrita da súa propia man e unha caixa de música cun caixón secreto pechado con chave. Terán que viaxar á Vila Termal e percorrer o espazo, axudadas pola guía de viaxe, para desentrañar as claves que permitan coñecer o paradoiro da chave e resolver o misterio que encerra a caixa de música.
Unha formulación que trata de servir de guía aos oíntes para que poidan realizar o mesmo percorrido, ao mesmo tempo que se mostran os atractivos actuais do complexo termal, a través dunha historia ficticia e en clave feminista, pero con elementos históricos veraces, que convide a gozar dunha nova experiencia de lecer e cultura no Balneario de Mondariz. Todo en clave de humor e cun contido evergreen, con episodios atemporales onde se identifique os valores de marca de Balneario de Mondariz para apoiar as accións do 150 aniversario do Balneario de Mondariz.
Esta nova formulación de comunicación baséase no informe Dixital News Report España 2023 da Universidade de Navarra, que asegura que o mercado español converteuse no líder de escóitas de podcasts en Europa –cun 45 % dos usuarios que os escoitan polo menos unha vez ao mes e un 28 % que o fan semanalmente–.
O Concello opta a recibir unha subvención europea destinada á instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos no municipio. A administración local xa presentou a documentación necesaria no Instituto Enerxético de Galicia, da Xunta, que concede estas axudas a través dos fondos de recuperación da Unión Europea.
Co obxectivo de incentivar a mobilidade eléctrica na vila, o Concello contempla instalar catro puntos de carga na contorna da casa consistorial. Dous deles na rúa Concha Brey e outros dous na rúa Rogelio Groba. Deste xeito, tanto os veciños e as veciñas como as persoas visitantes dispoñerán de estacións de recarga de iniciativa pública no centro da vila.
“
Francisco Represas: “Como capital de comarca, temos que ser un dos Concellos que lidere esta aposta pola transición en materia de mobilidade”
O concelleiro encargado da área, Francisco Represas, indica que “como capital de comarca, temos que ser un dos Concellos que lidere esta aposta pola transición en materia de mobilidade. Ademais, os cargadores para vehículos eléctricos servirán tamén para sumar atractivos ao municipio posto que serán un reclamo para os usuarios e as usuarias destes servizos”. O edil apuntou que “ao actual equipo de goberno preocúpalle este tipo de cuestións que teñen que ver coa sustentabilidade e é por iso polo que decidimos presentarnos como administración pública a esta liña de axudas”.
Estas subvencións forman parte do Programa MOVES III da Unión Europea e teñen como obxectivo incentivar a mobilidade eléctrica. Trátase dunha liña de axudas de concorrencia non competitiva, que xestiona a Xunta de Galicia, cuxo prazo mantense aberto ata xullo deste ano.
O luns comezarán as tarefas de limpeza na praia de Cesantes, logo de que unha empresa especializada na xestión ambiental fixese unha valoración de todos os danos sufridos no areal e na súa contorna por mor dos temporais deste inverno. Ao tratarse dun espazo de especial protección dentro da Rede Natura 2000, o Concello solicitou en decembro unha autorización á Xunta de Galicia para poder actuar.
O permiso chegou en xaneiro, e as chuvias da pasada semana obrigaron a adiar a limpeza, que comezará o luns. A limpeza incluirá “a recollida de restos de madeira, lixo e plásticos que deixou o mar na praia de Cesantes nos últimos temporais” explica a concelleira de Medio Ambiente, Pilar Martínez. A actuación realizarase en todo o litoral, desde o peirao ata o final da praia “onde se acumulan toneladas de lixo procedentes das fortes marusías”, sinala a edil.
O Concello xa levou a cabo unha limpeza no areal o pasado 2 de decembro para recoller os restos que deixaran os fortes temporais do mes de novembro. Nesa ocasión, e de xeito manual, retiráronse 10 tractores de lixo, especialmente restos de madeira e plásticos arrastrados polo mar. O goberno local sinala que é habitual que os temporais do inverno arrastren a Cesantes moito lixo “xa que nos atopamos no fondo dar ría”. Sinalan que é a primeira vez que en Redondela se fan este tipo de limpezas durante o inverno, e que ata o de agora “estas actuacións comezaban sempre coa chegada do bo tempo na primavera ou no verán” apunta a Pilar Martínez.
A concelleira de Medio Ambiente lembra á veciñanza e aos grupos da oposición que está “á súa disposición todos os días no Concello e teñen o meu teléfono para que lle fagan chegar “calquera dúbida ou suxestión que desexen sobre o estado dos areais ou outros asuntos que lles preocupen”. Por iso lamenta que desde o Partido Popular utilicen as redes sociais para criticar a o estado dos areais en lugar de preguntar directamente aos responsables “porque eu sempre estou disposta a dar explicacións e dialogar, é o meu xeito de traballar en política e eles sábeno”, afirma Pilar Martínez.
A alcaldesa advirte que malia que moitas actuacións son competencia da Xunta de Galicia, “o Concello realiza estas tarefas por responsabilidade ante a inacción do goberno galego e sen axudas a nivel autonómico”, apunta a alcaldesa Digna Rivas.
Reposición dos elementos danados no paseo e eliminación de especies invasoras
A concellería de Medio Ambiente conta cun plan integral para a rexeneración da praia de Cesantes e a súa contorna e que contempla a reposición dos elementos de madeira danados polos temporais deste inverno. Unha empresa con acreditación ambiental traballa na valoración de todos os danos para repoñer as varandas e táboas do paseo que está en mal estado, así como o mobiliario urbano. Outra das preocupacións da concelleira de Medio Ambiente é a situación da zona das dunas, con presenza de especies invasoras. O Concello porá en marcha a rexeneración desta zona, e o compromiso de Pilar Martínez é o de facer o mantemento destes espazos naturais “ao longo de todo o ano para evitar a proliferación das plantas invasoras”.
Os responsables locais do BNG en Mos e no Porriño, Óscar Rodríguez e Marcelo Rodríguez, quixeron contestar á comparecencia da Alcaldesa de Mos xunto co Alcalde do Porriño, o Presidente da Deputación de Pontevedra e outros cargos do PP. Nesta, os dirixentes populares pretenderon responsabilizar o BNG da suba das peaxes. “Escoitándoos parece que o PP non tivese gobernado nunca en Madrid.
“As mentiras do PP sobre as peaxes son inadmisibles”, asegura a formación nacionalista. “Se seguimos pagando é porque o PP prorrogou a concesión a AUDASA ata o ano 2048”. “Vendo o malestar de Nidia Arévalo ou Alejandro Lorenzo pola suba das peaxes, imaxinamos que pedirán a expulsión de Aznar, Rajoy ou Ana Pastor do seu partido, como responsables dos gobernos que prorrogaron a concesión da autoestrada e asinaron o convenio que lles permite unha subida superior ao IPC, unha hipoteca que aínda hoxe estamos a pagar”, ironizaron os responsables do Bloque.
Lembran as e os nacionalistas do Porriño e Mos que o traballo do único deputado do BNG en Madrid, Néstor Rego, “conseguiu rebaixas e bonificacións nas peaxes, algo que nunca antes, con ningún goberno nin de PP nin de PSOE, se dera. Na pasada lexislatura, grazas ao acordo asinado polo BNG co goberno do estado, conseguise que as viaxes de volta na AP-9 sexan gratuítas con telepeaxe. Na lexislatura que vén de comezar, o goberno do estado ten o compromiso de aplicar novos descontos de acordo co pacto de investidura subscrito co BNG”.
“Se o PSOE cumpre a súa parte do trato, estes descontos chegarán cos próximos orzamentos. Se os galegos e galegas pagamos peaxes é por culpa do PP e se pagamos menos é grazas ao BNG. O PP está nervioso e pretende confundir a opinión pública. Quen con razón se queixe da suba que pense o distintas que poderían ser as cousas de contar cun BNG máis forte en Madrid. Desde o Bloque seguiremos a traballar por unha autoestrada galega e libre de peaxes”, sinalaron Pedro Pereira e Gustavo Barcia, portavoces municipais do Porriño e Mos.
Para o BNG “o nerviosismo co que o PP afronta as eleccións galegas quedou reflectido tamén no oficio remitido ao BNG desde o goberno local de Mos, ordenando a retirada das pancartas nas que se reivindica a rebaixa das peaxes acordada co goberno do estado. As mesmas que están colocadas en espazos públicos de toda Galiza son inaceptables para o goberno de Nidia Arévalo”. En opinión do portavoz municipal nacionalista, “esta é unha mostra máis do autoritarismo do PP, que utiliza as institucións para tratar de amordazar o BNG”.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e das Axudas Básicas de Emerxencia para 2024. Ambas liñas de subvencións están destinadas aos 51 concellos de menos de 20 000 habitantes da provincia, que contan cun investimento total de 3,7 millóns de euros.
En concreto, no relativo á primeira delas, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación pon a disposición dos concellos preto de 3,1 millóns de euros. Destes recursos, 1,2 millóns estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e 1,9 millóns estarán destinados a cubrir os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios municipais. Cada un dos 51 concellos da provincia de menos de 20 000 habitantes terá á súa disposición unha achega máxima que vai desde os 24 000 aos 120 000 euros.
A través deste plan, a institución provincial pretende mellorar a calidade de vida das persoas; posibilitar a súa permanencia no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; retardar ou evitar a institucionalización, e reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
No que respecta ás Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o goberno provincial mobiliza 600.000 euros para que os concellos poidan atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Destes recursos, 393 000 euros van destinados a gasto corrente e os 207 000 restantes serán para investimentos.
A través desta liña de axudas a Deputación contribúe a sufragar gastos de alimentación, vivenda, subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, produtos farmacéuticos, a adquisición de electrodomésticos básicos, o pagamento de desprazamentos ou de reparación e mantemento de vehículos, así como de lentes, lentes de contacto e audiófonos, gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio, atencións de carácter complementario, roupa, calzado, ou gastos relacionados co estudo e apoio á infancia. Neste caso, a contía máxima para cada concello vai desde os 7800 aos 14 050 euros, en función da súa poboación, índice de dependencia global, taxa de desemprego e renda dispoñible bruta.
Tomiño volverá converterse na capital galega da educación durante unha semana o vindeiro mes de febreiro. Será coa celebración da novena edición da Semana da Educación, que cada ano converte a Tomiño nun referente no eido educativo coa participación de catro recoñecidos expertos e expertas que abordarán co público cuestións relevantes como a educación afectivo-sexual, a importancia do pensamento crítico na infancia, a humanización da educación ou a relevancia da música no ensino.
Nesta nova edición, o Auditorio de Goián acollerá do 5 ao 8 de febreiro ás 19.00 horas unhas xornadas que baixo o lema ‘Educación ON’ están dirixidas tanto a persoal docente e educador como a pais e nais que busquen informarse ou formarse en aspectos relacionados co mundo educativo a diferentes niveis.
“Cada ano poñemos o corazón e a alma na organización destas xornadas porque cremos que a educación é a chave para transformar a nosa sociedade e abrir portas a un futuro máis prometedor para todas e todos. A Semana da Educación é xa un referente por un coidado programa que non só fomenta a aprendizaxe, senón que tamén promove a participación activa de toda a comunidade”, salienta a alcaldesa, Sandra González.
O encargado de inaugurar a IX Semana da Educación de Tomiño será o mestre e escritor César Bona, que formou parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias e recibou os premios Magister de Honra pola Plataforma da Escola Pública, o Crearte do Ministerio de Cultura e a Cruz José de Calasanz, máxima distinción na educación en Aragón. O luns 5 de febreiro Bona falará sobre ‘Humanizar a Educación’, na que proporá facer as preguntas correctas para avanzar no ensino e na que transmitirá o compromiso social e coa natureza que defende como parte da educación integral do ser humano.
Click para ampliar
O martes 6 de febreiro tomará o relevo Javier Jurado, docente e investigador, catedrático da Historia da Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo e director do Mestrado en Creación, Interpretación e Investigación Musical. O musicólogo abordará na súa charla a importancia de ‘Educar na globalidade: contribución da música á formación integral do alumnado’, na que defenderá esta materia como ferramenta de fomento da aprendizaxe e o rendemento, desenvolvendo o pensamento transversal e construíndo persoas máis afectivas, ledas e prudentes.
Click para ampliar
O mércores 7 de febreiro subirase ao escenario Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, xornalista, publicista e divulgadora científica a través da súa canle de Youtube, na que conta con case 700.000 persoas subscritas. A súa charla versará sobre ‘A importancia de educar no pensamento crítico dende a infancia’, seguindo a liña do seu traballo de divulgación do pensamento analítico, no que tamén desmonta crenzas con vídeos entretidos, educativos e cun toque de humor. Presentadora de programas de temática científica e colaboradora de diferentes medios de comunicación, Rocío Vidal é autora tamén dos libros ‘Que lle dean á ciencia’ e ‘Eureka’.
Click para ampliar
A novena edición da Semana da Educación 2024 baixará o pano o xoves 8 de febreiro da man de Mamen Jiménez, La Psicomami, e a súa charla ‘E de onde veñen os bebés? A educación afectivo-sexual na casa, sen medos… e ata con risas’. Psicóloga, sexóloga, terapeuta de parella, ilustradora e divulgadora, no 2015 decidiu unir a súa experiencia profesional e maternal nun blog no que con ilustracións cargadas de humor e cotidianeidade fala de esas cousas que lles suceden aos pais e nais. Foi galardoada co Premio Madresfera ao Mellor Blog de Humor 2015 e as súas ilustracións e textos teñen miles de seguidores e seguidoras nas redes sociais.
O Concello autoriza o inicio das obras que permitirán que os veciños e as veciñas dispoñan dunha nova área comercial no municipio, localizada no parque da Curuxeira. Para a construción do edificio que albergará un supermercado da firma Mercadona, a empresa solicitou á administración local os permisos necesarios para instalar varias casetas na contorna. Trátase de infraestruturas indispensables para que, por unha banda, os traballadores e as traballadoras poidan desempeñar o seu labor e, por outra banda, para garantir o correcto desenvolvemento das actuacións.
O espazo que na actualidade ocupan estas casetas será restituído ao seu estado inicial toda vez que a construtora finalice as obras. Deste xeito, o parque da Curuxeira recuperará a parte do terreo no que agora se atopan estas infraestruturas antes de que teña lugar a inauguración da nova superficie comercial. Segundo as previsións, os traballos remataranse durante os últimos meses do ano.
A súa historia remóntase a principios do século XX cando no ano 1933 naceu María Guimaré Diz ninguén lle ía dicir que compartiría practicamente unha vida enteira ao carón de seu primo David López Diz, fillo de Preciosa e cinco anos maior ca ela. Todo comezou cando con nove anos María deixou a casa da súa avoa e marchou a Vigo a vivir coa súa nai, Palmira.
A familia Carballeira, da parroquia covelense de Maceira, está esta fin de semana de celebración. Onte sábado día 13 foi o aniversario de voda de María e David. Sopraron unhas candeas especiais, as dos seus 75 anos xuntos. A súa foi unha carreira de fondo e de superación, sendo aínda adolescentes tiveron ao seu primeiro fillo, Ignacio, e xa anos despois a María del Pilar. A voda destes dous inseparables chegou seis meses despois do seu casamento xa que tiveron que pedir permiso ao bispado adiantándose aos trámites un pequeno e primando a bioloxía sobre a burocracia.
Na cidade iniciaron unha vida de parella que chega aos nosos días. Dous fillos; tres netos, Fátima, David en Roberto e 6 bisnetos, Eva, Carlos, Noa, Iria e Marta. Viven sós e ata hai apenas uns anos David conducía moi a cotío para pasar uns días na súa parroquia natal en Covelo. Aínda que teñen boa saúde para a súa idade a súa filla visítaos a diario e o resto da familia con moita frecuencia cada semana. Agora agardan a chegada da axuda domiciliaria para dar apoio nas tarefas dos coidados e do fogar das que María sabe moito ao coidar dende nena dos seus maiores e logo ben pronto de seus fillos. Xuntos viviron a dureza das aldeas de principos do século pasado, o traballo no campo e o coidado do gando e non tiveron medo en cambiar a súa terra para ir á cidade traballar e emprender, moito antes do que agardaban, a aventura de sacar adiante a súa propia familia.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, quere achegarlle os seus parabéns e deséxalle un día a día no que non falten os bos recordos e o cariño dos seus.
O Partido Popular ten un problema de violencia no mundo local. Así o afirma o secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra, David Regades, despois de coñecer a sentencia pola que se condena ao representante do PP na Entidade Local Menor de Morgadáns por agredir a un funcionario do Concello de Gondomar durante a precampaña das últimas Eleccións Xerais.
Regades reclama ao presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, o cese fulminante do agresor, Juan Carlos Alonso Esmerode, pois “a violencia, en calquera das súas expresións, e a política son absolutamente incompatibles”. Máis aínda neste caso no que falamos de violencia física do membro do PP a un funcionario do Concello de Gondomar.
O secretario xeral socialista recorda que aínda está fresca a agresión no propio pleno de Cangas do concelleiro Gestido á voceira socialista Iria Malvido, “un asunto vergoñento e sobre o que o PP segue tratando de botar terra” cando chega esta sentencia firme do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo. “Son feitos intolerables, inxustificables e que acaban manchando a quen os tolera, os ampara e os desculpa, polo que Rueda non pode seguir de perfil”, recalca Regades.
O fallo condena a Juan Carlos Alonso Esmerode como autor responsable dun delito leve de lesións á pena de multa dun mes, a razón de 5 euros ao día, o que fai un total de 150 euros. En caso de impago, Alonso deberá cumprir pena de privación de liberdade dun día por cada dúas cotas non satisfeitas.
A sentenza declara como feitos probados que o 24 de xuño de 2023 Alonso Esmerode propinou un golpe no costado dereito ao denunciante na rúa Manuel Losada de Gondomar, cando este estaba a punto de subirse á súa motocicleta. O agredido sufriu unha contusión costal para o que necesitou unha primeira asistencia médica.
A sentencia explica, ademais, que o agresor insultou previamente ao agredido “nunha situación de tensión que pode encontrarse en razóns políticas”. Ademais, a xuíza puxo en valor que o agredido renunciou a calquera indemnización que puidera corresponderlle e tan só reclamou que se xulgaran os feitos aos efectos da posible responsabilidade penal do vocal do PP na Entidade Local Menor.
O colexio público Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas leva meses denunciando o mal estado no que se atopan os muros que separan o centro das antigas casas dos mestres, muros que ameaza con derrubarse sobre o patio de recreo. Trátase dunha situación de grave risco para a seguridade dos alumnos e as alumnas, que poderían sufrir un accidente en calquera momento.
A concelleira Vanesa Fernández, o concelleiro Rubén Pérez e o secretario xeral dos socialistas ponteareáns, Delfín Domínguez Cerdeira, que visitaron o centro para coñecer in situ o problema, lamentan que a pesar das reiteradas peticións da dirección do centro e das familias “o Concello non fixo nada máis para solucionar o problema que colocar unhas ridiculas e ineficaces vallas de obra e cintas plásticas, .
Esta falta de acción do Concello demostra, ao entender do PSOE de Ponteareas “o seu desinterese pola educación pública e polo benestar dos nenos e as nenas. É inadmisible que se poña en perigo a vida das persoas por unha cuestión de diñeiro ou de prioridades políticas”.
“O concello ten a obrigación de garantir unhas condicións dignas e seguras para o desenvolvemento da actividade educativa, e non pode mirar cara a outro lado ante unha situación tan grave como esta”, engaden as e os socialistas.
O PSOE xa rexistrou para o seguinte pleno unha serie de preguntas “para que o goberno saia da inacción e se poña de inmediato a resolver o problema de seguridade que existe para as nenas e nenos do colexio antes de que teñamos que lamentar unha desgraza”, conclúen.
O voceiro do PP rectificou as súas acusacións contra Digna Rivas sobre a solicitude dunha subvención logo da denuncia presentada pola alcaldesa por un presunto delito de calumnias. Bas Corugeira, que acusara á alcaldesa de “firmar e enviar documentación falsa para obter unha subvención”, declarou ante a xuíza que a súa intención “non era dicir que Rivas elaborase ningún documento falso”.
A alcaldesa redondelá dáse por satisfeita con esta rectificación en sede xudicial, pero lamenta que o voceiro do PP siga mentindo ante os medios de comunicación “vertendo sospeitas infundadas sobre un expediente dos técnicos do Concello que é a miña obriga tramitar, porque de non facelo estaría prevaricando, e o señor Bas debería sabelo”.
Rivas lembra que desde o Concello abriuse unha investigación interna sobre este expediente da que o grupo popular é coñecedor. As conclusión preliminares desta investigación exclúen totalmente de calquera responsabilidade nesa presunta falsificación tanto a Digna Rivas como ao resto dos integrantes do actual Goberno. O propio técnico, autor do documento presuntamente alterado, negou ante os responsables da investigación interna que existise falsificación algunha.
En calquera caso, se desde o PP de Redondela seguen a considerar que na tramitación dese expediente houbo algunha ilegalidade, a rexedora local convídaos “a denuncialo no lugar que corresponde, que é o xulgado, e non seguir difamando a este Concello e aos seus traballadores nos medios de comunicación, porque non o merecen”. A alcaldesa lamenta que única preocupación do grupo municipal popular sexa “prexudicar e entorpecer o traballo deste goberno”.
O auto do Xulgado de Redondela do pasado 15 de decembro, no que se arquiva a denuncia de Digna Rivas contra Javier Bas por calumnias, non entra a valorar en ningún momento a tramitación da subvención por parte do Concello de Redondela, tan só determina que prevalece o dereito á liberdade de expresión do líder da oposición sobre o dereito á honra da alcaldesa. Ante esta decisión xudicial a alcaldesa lamenta que “os políticos teñan maior liberdade de expresión que os cantantes ou outros artistas aos que se lles coarta ese dereito”.
As obras de posta en valor do Carreiro do Rollo, en Salceda de Caselas, enfrontan xa a súa última fase, aproveitando o bo tempo para a colocación do adoquín que cubrirá todo o espazo. O Concello quere deste xeito poñer en valor un espazo que alberga unha parte da historia de Salceda, pois con toda probabilidade o nome do “Rollo” proveña da existencia nesa zona dun “rolo xurisdicional”.
O “rolo” era unha columna de pedra rematada por unha bola ou unha cruz, e que só se instalaba nos señoríos con plena xurisdicción. Servía de ameaza coercitiva aos vasalos ou forasteiros, e nalgúns lugares tamén cumpría as funcións de axustizamentos para ser expostos os “delincuentes” a pública vergoña. O Decreto das Cortes de Cádiz de 26 de maio de 1813 mandou destruír todos eses rolos por consideralos signos de vasalaxe e “un recordo contínuo de humillación”. Sen embargo en Salceda houbo outro rolo que non foi derruído incumprindo ese decreto, e que aínda hoxe en día se conserva no alto da Casa Grande da Picoña.
O proxecto de urbanización do Camiño do Rollo permitirá, segundo a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira “pasar dun espazo gris a un espazo de luz para o orgullo e desfrute da nosa veciñanza, e facémolo ademais poñendo en valor a nosa historia coa instalación de paneis explicativos na zona”.
Os traballos permitirán recuperar para as persoas un espazo ata o de agora degradado, en pleno casco urbano de Salceda, e que aínda no seu estado era empregado por multitude de veciñanza como sendeiro peonil para acceder dende a rúa do Rollo ata Victoriano Pérez Vidal. O espazo seguirá a ser de uso peonil, e incluirá a creación dunha pequena praza central para uso e desfrute da veciñanza. O proxecto suporá ademais acabar con posibles problemas de salubridade na contorna, ademais de incluír a recollida de pluviais que tamén xeraba inconvintes na zona. A financiación está incluída dentro do Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra con 121 115,19 €.
“A recuperación deste espazo –explica o concelleiro de Mobilidade, Marcos Alonso–, ademais de incorporar unha nova área de lecer e esparcemento na vila, servirá para dar solución aos problemas se saneamento e abastecemento na zona, ao mesmo tempo que se reforza a iluminación no carreiro coa colocación de balizas e farolas led orientables”.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios comezou hoxe en Lugo á súa nova programación semestral, no marco da que, ata o vindeiro mes de xuño, terán lugar 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.
En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Os espectáculos teatrais conforman unha gran parte desta programación, con máis de 270 funcións en cartel e unha ampla oferta para o público familiar, que concentra 92 destas actuacións.
Pola súa banda, a danza e o novo circo confirman o progresivo aumento da súa presenza nesta carteleira, con 34 e 14 funcións respectivamente, mentres que a maxia suma 8 actuacións. No relativo á música, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ten programados 23 concertos ata o vindeiro xuño.
Sete estreas galegas
Ademais, o circuíto da Xunta acollerá este semestre algunhas das agardadas novidades da temporada escénica galega, con sete estreas, dúas delas esta mesma semana: a proposta multidisciplinar Eu, fraude!, primeiro espectáculo de creación propia de Paula Pier, este venres 12 no Teatro Rosalía Castro da Coruña, e Donas, de Cali Danza, o domingo 14 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.
Seguiranlles, xa a partir de febreiro, as estreas doutras cinco novas montaxes, todas elas producidas co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das convocatorias de subvencións á creación escénica e á coprodución de espectáculos de danza. Así, o mes que vén Manekineko presentará Cancións amarelas, flores tristes o día 15 no Auditorio Municipal de Vigo; Sarabela Teatro, O dragón de ouro o día 23 no Teatro Principal de Ourense, e Producións Teatrais Excéntricas, Monstros o día 24 no Fórum Metropolitano da Coruña.
Tamén na Coruña terá lugar a primeira función pública de Anoa, de Elvi Balboa, o 19 de abril no Teatro Rosalía Castro como arranque das celebracións do Día Mundial da Danza, mentres que Boiro acollerá a estrea de Desexo, o novo de Talía Teatro, o 3 de maio na Casa da Cultura Ramón Martínez López.
Carteleira da semana
A programación semestral do circuíto autonómico arranca mañá mesmo cunha función de Hasta que la muerte nos separe, da compañía madrileña Inconstantes Teatro, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Ademais das devanditas estreas de Paula Pier e Cali Danza, a carteleira desta semana inclúe a representación de Crisálida, de Caramuxo Teatro, o venres 12 no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo.
O sábado 13 Contraproducións representará Apaga o candil en Muros, De Vacas levará ao Teatro Rosalía coruñés o seu Rebovina Divas Live, que repasa as mellores voces femininas do pop dos últimos tempos desde a súa ollada humorística e irreverente, e Unahoramenos Producciones chegará ao Pazo da Cultura de Narón co espectáculo Protocolo del Quebranto, que tamén poderá verse no Principal de Ourense o domingo 14.
Tamén o domingo terán lugar as primeiras funcións para público familiar do semestre na Rede Galega de Teatros e Auditorios con dous pases matinais de Que animaliño é?, de Trémola Teatro, na Sala Bahía de Foz.
O Concello de Salvaterra de Miño vén de dar a coñecer ás interesadas e interesados que, dende este luns 15 de xaneiro e ata o 31 de xaneiro, ábre o prazo para todos aqueles que queiran participar como comparsa ou carroza no Enterro da Lamprea 2024 que se celebrará o 17 de febreiro. As inscricións deberán realizarse no Concello de Salvaterra de Miño a través de Sede Electrónica –as Asociacións– ou do Rexistro ou sede electrónica –as agrupacións–.
Neste desfile poderán inscribirse todas aquelas Comparsas e Carrozas, que cumpran os requisitos. Só se poderá inscribir unha comparsa ou carroza por asociación ou persoa. As modalidades son categoría de Carroza aquelas carrozas que teñan como mínimo 25 participantes e unhas dimensións mínimas de 5 m de largo e categoría de Comparsa as que teñan un mínimo de 20 membros.
As comparsas ou carrozas deberán gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario coma na súa actuación. Non se considerarán como comparsas ou carrozas con dereito a inscrición e participación aquelas que en anos anteriores repetiran, no sustancial, o seu disfrace.
Os premios a participación oscilarán entre os 100 euros e os 600 euros, dependendo da categoría e da cantidade de participantes.
Dende o Concello queren recordar que todas aquelas persoas que queiran participar no enterro de forma persoal e non a través dunha carroza ou comparsa poden facelo dentro da propia comitiva da defunta lamprea, formando parte do grupo de Choronas que acompañan a lamprea; eso si, de loito riguroso.
Un ano máis, o desfile que percorrerá as principais rúas de Salvaterra de Miño sairá ás 17:00 horas dende a rúa Rosalía de Castro para rematar na Praza do Concello.
As bases e información relacionada pode consultarse xa na web do Concello.
A usuaria das Bibliotecas de Redondela, Argentina Rodríguez, resultou gañadora do sorteo do ‘Reto lector 2023’, unha iniciativa de fomento da lectura para o público adulto posta en marcha polas Bibliotecas Municipais de Redondela a proposta da Asociación de Amigos das Bibliotecas de Redondela.
‘Reto lector 2023’ Consistía na lectura de 12 libros ao longo de 2023, que debían axustarse a unha serie de características indicadas previamente nun calendario de lectura. Un desafío a modo de xogo no que o aliciente era enfrontarse a lecturas en diferentes xéneros, formatos e estilos.
O sorteo realizouse entre aqueles participantes do Reto que foron quen de completar as 12 lecturas dese calendario: un total de 17 persoas de entre as 37 que participaron. O premio, como non podía ser doutro xeito, foi un grande e variado lote de libros. Ademáis, todos/as os/as que remataron o reto recibirán un agasallo.
Co sorteo e a entrega do premio as Bibliotecas Municipais de Redondela únense á conmemoración do Día do Usuario/a das Bibliotecas, data destacada no Calendario do Libro e a Lectura de Galicia como o 11 de xaneiro. As bibliotecas renden así homenaxe aos usuarios e usuarias “por seren eles unha parte fundamental e imprescindible do seu servizo”.
O Concello lembra aos veciños e as veciñas da primeira fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do municipio que xa poden solicitar as axudas de ata 30.000 euros para levar a cabo as obras de mellora de eficiencia enerxética e de renovación de edificacións. O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases reguladoras.
Deste xeito, os propietarios e as propietarias das rúas Real e dos Ferreiros así como da Baixada de San Gregorio teñen de prazo ata o mes de xuño para acollerse a estas axudas que ofrece a Xunta de Galicia a través dos fondos de recuperación da Unión Europea. As accións subvencionables están relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética e coa renovación de edificios residenciais e vivendas unifamiliares. Contemplan tamén as destinadas á instalación de ascensores.
Para facilitar os trámites á veciñanza que desexe acollerse a estas axudas, o Concello puxo a súa disposición unha oficina permanente no segundo andar da casa consistorial cun traballador técnico especializado. Ademais, a alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira da área, Silvia Fernández, resolveron as dúbidas sobre a Área de Rehabilitación Integral nunha xuntanza que congregou a un cento de propietarios e de propietarias.
Neste sentido, a edil Fernández indica que “a gran acollida que tivo a reunión informativa demostra que é necesaria esta ARI polo que animamos a veciñanza a que soliciten estas axudas. Con estas actuacións contribúese, por unha banda, á renovación da zona vella da nosa vila e, por outra, a reverter a situación de estado de deterioro que presentan certas edificacións”.
Tras finalizar co período de solicitudes desta primeira fase da Área de Rehabilitación Integral, será a queda dos veciños e das veciñas da contorna da Praza Maior e das rúas Esperanza e Oriente. Continuarase, despois, coa avenida Constitución, a rúa Rogelio Groba e a Praza Bugallal.
Un total de 41 nenos e nenas de Redondela dos cursos de Infantil e Primaria contan con bolsa de comedor municipal neste curso 2023/24. Estas axudas da concellería de Servizos Sociais están destinadas a familias con problemática socio-económica, e cobren a totalidade dos gastos do comedor escolar.
A concelleira Iria Vilaboa explica que esta bolsa está dirixida ao alumnado con praza no comedor escolar dalgún dos centros de ensino público que contan con este servizo, e que faga uso do comedor de maneira continuada un mínimo de 3 veces por semana. Nas bases desta axuda establécense criterios económicos (máximo 10 puntos) e de situación socio-familiar cos informes do departamento de Servizos Sociais do Concello (máximo 20 puntos).
Para o presente curso houbo un total de 95 solicitudes, dos que 38 xa foron excluídas da convocatoria por non cumprir cos requisitos, por renuncia das familias , por traslado de domicilio… Finalmente son 41 os nenos e nenas que contan coa bolsa, e Vilaboa sinala que “todo o alumnado usuario do departamento de Servizos Sociais conta coa axuda de comedor, e os que quedaron fóra tras esgotarse o crédito tiñan unha puntuación que oscilaba entre os 11 e os 4 puntos , e non tiñan informe dos Servizos Sociais municipais”.
Vilaboa engade que, malia o encarecemento do prezo do comedor, que pasou dunha media mensual de 100 euros do ano pasado aos 140 euros deste curso “o Concello segue a axudar a un gran número de familias que o necesitan”. A partida para esta subvención é de 40.000 euros, logo de incrementarse o orzamento para o presente curso con 10.000 euros máis. O compromiso da concellería de Servizos Sociais e da alcaldesa, Digna Rivas, é “volver incrementar esta partida de cara ao vindeiro curso escolar para atender ao maior número de familias posible”.
O Concello de Nigrán ven de editar 1000 almanaques de mesa cunha ducia de mulleres do municipio como as grandes protagonistas de cada mes no 2024. O obxectivo desta iniciativa que naceu xa no ano 2023 con moito éxito, é visibilizar entre toda a veciñanza o papel da muller no desenvolvemento económico, cultural e social da localidade e contribuír desde a administración local a rachar coa fenda de xénero e os seus estereotipos. Estes almanaques serán entregados gratuítamente á veciñanza a través da Oficina de Información Cidadá (planta baixa da Casa Consistorial) de luns a venres de 9:00 h a 14:00 horas ata esgotarse os exemplares.
As doce mulleres posaron ante a cámara da recoñecida fotógrafa nigranesa Ani Pérez para ilustrar cada mes facendo referencia ao seu oficio e o resultado xa está a vista. Así, xaneiro abre con Esther Nande, única campaneira de todo o Val Miñor na igrexa de Santiago de Parada; febreiro con María Fernández, presidenta do Club de Fútbol Racing de Vilariño; marzo con María del Pilar Rouco, primeira muller taxista na provincia de Pontevedra; abril con Marta Anta, Premio Mestre Mateo 2003 e 2015 por mellor deseño de vestiario e xerente dunha mercería; maio coas irmás Beatriz e Mayte Gil, da librería Paraísos de Papel; xuño coa gaiteira Emma Santos; xullo coa catedrática de Inmunoloxía África González; agosto coa directora deportiva e presidenta do Club Baloncesto Nigrán, Nuria Gómez; setembro coa xerente do club hípico ‘Llamas de Cea’ Judith García; outubro coas catro creadoras do chorizo de cabaza ‘calabizo’, Keila, Edurne, Carmen e María; novembro coa condutora de autobús Julia Iglesias; e para pechar o ano a mariscadora Celeste González. “O conxunto desta ducia de mulleres con dedicacións moi diversas representa a todas as mulleres de Nigrán. Elas, co seu traballo e o seu coñecemento, contribúen a normalizar o que sempre debeu de ser normal, por iso é importante visibilizado e recoñecelo públicamente”, sinala o alcalde, Juan González.
“Os estereotipos de xénero siguen moi vixentes na sociedade e esta ducia de mulleres, co seu papel, contribúe a que tomemos conciencia desta realidade e a que tomemos conciencia do esforzo extra que deben superar cada día ás mulleres para acadar as súas metas”, explica a concelleira de Igualdade, Patricia Diego, quen sitúa nesta liña a exposición e catálogo ‘Mulleres de Nigrán -1970’ elaborado polo Concello e dirixido precisamente a visibilizar o papel da muller na historia do municipio grazas a imaxes nas que elas son as protagonistas.
No día de onte, o Delegado da Xunta Agustín Reguera xunto co xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, realizaron unha visita ao centro de día de Tomiño, onde estiveron acompañados pola alcaldesa, Sandra González, así como polos concelleiros Cristina Martínez e Rubén García. Durante a visita, a alcaldesa expresou a preocupación do Concello en relación ao pago desproporcionado que Tomiño realiza polos servizos de competencia non municipal xestionados a través do Consorcio Galego. Situación que afecta particularmente ao centro de día e as dúas escolas infantís da localidade.
A obriga que a Xunta de Galicia lle impón ao Concello de Tomiño de asumir o coste destes servizos, resulta nunha carga financeira que ascende a preto de 250.000 euros, segundo os orzamentos para o ano 2024. Sandra González subliñou que, mentres que a Xunta esixe o cofinancimento por parte do concello (2500 €/ano por usuario no centro de día e 900 €/ano máis os gastos de mantemento nas escolas infantís), non se concede ningún tipo de decisión consorciada, limitando a capacidade do Concello para influir na xestión destes recursos tan esenciais.
A situación resulta especialmente gravosa para Tomiño, xa que este vese na obriga de asumir o coste das prazas daqueles usuarios que son veciños da localidade, mentras que, pola contra, os demais concellos da contorna que teñen veciños dos seus municipios como usuarios deste mesmo centro de día, non están obrigados ao cofinanciamento das súas prazas só polo feito de non contar coa devandita infraestructura.
Respecto as escolas infantís, a inxustiza tamén se reflicte no mantemento do copago aos concellos, a pesar da implantación da universalización da educación infantil 0-3 anos desde setembro de 2022, incluindo as escolas privadas, o Concello de Tomiño, que conta con dúas escolas infantís públicas consorciadas, sofre o copago imposto pola Xunta.
A Alcaldesa instou ao Delegado a abordar todas estas cuestións para solucionar a inequidade orixinada e recalcou a importancia de que a Xunta asuma a totalidade dos costes daqueles servizos que son da súa exclusiva competencia.
Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.
Carlos Labraña: «Mambrú volveu da guerra»
Carlos Labraña leva tempo sendo un dos grandes referentes do teatro galego e, nomeadamente, do teatro infantil, no que sempre lle gustou xogar coa tradición oral e escrita. Nos últimos anos é doado detectar un pequeno xiro cara a temáticas un pouco máis comprometidas, nas que os enfrontamentos bélicos e as súas devastadoras consecuencias aparecen de maneira reiterada, a cotío na pel de menores. Tal é o caso de «Mambrú volveu da guerra», a obra dramática coa que acadou o premio SGAE de teatro infantil en 2022 e que agora vén de ver a luz.
Esta peza relata a historia de Noa, unha nena pequena que visita un parque infantil ubicado nunha pasaxe solitaria ás aforas da vila. Por azar, Noa descobre un boneco de porcelana enterrado no chan que resulta ser un soldado que, tal e como el lle asegura, viviu na zona moitos anos atrás, pero non garda lembranzas nin do seu nome nin das razóns pola que rematou soterrado no parque. A nena asumirá a tarefa de tratar de axudar ao boneco a recompoñer o seu pasado.
Destaca nesta peza a fluidez dos diálogos así como o aproveitamento do espazo escénico, mesmo a existencia de escenas sen diálogo ou con mínimas aportacións textuais, o que desvela o oficio de quen leva unha amplísima bagaxe de obra publicada e representada. En consecuencia, amais dunha peza divertida e ben escrita, estamos perante unha obra que tamén induce á reflexión, o que sempre é de agradecer.
Carlos Labraña
Mambrú volveu da guerra
Ilustracións: Raquel Lagartos
Xerais
80 páxinas
Paula Señarís: «Hermilindo esbirra poemas»
Segunda proposta literaria de Paula Señarís, dirixida de novo ao público infantil, na que nos traslada a un mundo máxico: o mundo mecánico. Alí vive un reloxo que padece un serio problema: cada vez que esbirra, escápanselle da boca palabras que non pode controlar, palabras fermosas que están prohibidas no seu estrito e ordenado mundo mecánico, no que só se permitan as onomatopeas «tic» e «tac». Cando o seu problema se descontrola e comeza a esbirrar versos, mesmo poemas completos, Hermilindo, o protagonista, é desterrado e expulsado a través dun tobogán a un novo mundo, o mundo ao revés. Nesta andaina atopará unha serie de personaxes ben peculiares que lle axudarán a buscar unha explicación ao seu problema e mesmo a asumilo como algo positivo.
Quizais non fose intención da autora, pero é inevitable que un lector adulto vexa un inequívoco compromiso social neste texto, que se presenta moi en consonancia cos tempos que nos tocou vivir. Deste xeito, o relato vai tomando tal forma que ben poderiamos consideralo unha revisión actualizada do clásico «O parrulo feo». Mais o que resulta innegable é o despregue de imaxinación do que Paula Señarís fai gala nesta proposta, ao imaxinar mundos e personaxes que escapan de calquera convención previa. A historia de Hermilindo é un puro divertimento que fará gozar a pequenos e maiores espelindo a nosa fantasía.
O último pleno ordinario do Concello de Covelo deu luz verde ao orzamento para o ano 2024 que ascende a 2 035 902,71 €, sendo un 5,63 % superior ao do 2023. O orzamento para o presente ano vén marcado polo seu carácter social no que se mantén e, nalgúns casos, aumenta o apoio a colectivos sociais, axudas e coidados das persoas con dependencia.
O Concello incrementa nun 9,12 % a área de protección e promoción social destinada ao servizo de axuda no fogar (SAF) co obxectivo de ofrecer unha mellor atención, chegar a máis persoas dependentes e contribuír na mellora da prestación tanto para as profesionais como para os receptores de axuda. Tamén mantén a dotación de 4 000 € para a subvención de fomento da natalidade. Nesta área o Concello de Covelo da un paso máis e suma aos seus orzamentos o apoio en firme á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
O goberno de Covelo volve apostar pola mellora das oportunidades laborais da veciñanza e afianza a partida destinada a formación. Ante o éxito de participación no Plan de Emprego e Formación do Concello de Covelo deseñarase un oitavo plan atendendo á demanda non só do mercado laboral tamén da cidadanía. O Concello destinará 10 000€ a ofertar cursos que melloren o curriculum das persoas empadroadas e contribúan á empregabilidade. Os cursos volverán ser organizados de xeito participativo e consensuado avaliando os criterios das empresas de formación, plataformas de emprego e necesidades recollidas entre as veciñas e veciños.
Outras das partidas que ascende significativamente é a da área de gasto de producción de bens públicos que sube un 53,09 % coa contratación dunha empresa de limpeza externa que atenda ao colexio, centro de saúde e instalacións deportivas, entre outros espazos públicos, ao non ter o Concello persoal suficiente para desenvolver estes traballos.
Co propósito de apoiar a iniciativa das asociacións e clubs, o orzamento contempla unha subida na partida para a Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Antonio Rodríguez Blanco para a realización de actividades socio-educativas; tamén incrementa o apoio ao Ciclo de Música de Barcia de Mera que atrae a milleiros de persoas cada ano dando a coñecer a riqueza cultural e histórica da vila. Neste senso, contémplase un maior apoio económico ao Club Covelo Patinaxe Artística e ao Covelo Club de Fútbol cunha aportación total de 6220 €. As subvencións directas nominativas que respaldan as inquedanzas dos colectivos locais acadan a cifra de 20 200 €
Neste ano manteranse as axudas para adquisición de libros así como a partida para actividades culturais e festexos e increméntanse as cantidades destinadas ao programa de sumidoiros, recollida e tratamento de lixo.
A regulación dos postos de traballo (RPT) supón unha subida do 15 % nos números para o 2024, adaptando os salarios e liquidando os incrementos previstos nos salarios. O orzamento deste ano ten en palabras do alcalde, Pablo Castillo, un carácter “social que quere atender ás necesidades fundamentais como os coidados, a formación axeitada para atopar un emprego, espazos públicos máis agradables nos que socializar e desenvolverse a diario, inquedanzas culturais, fomento da práctica deportiva e apoio aos colectivos que traballan dun xeito desinteresado por un ben común”.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.