Domingo, 16 Marzo de 2025

Redondela pon autobuses á disposición da veciñanza para acudir á manifestación “Na defensa do noso mar” en Santiago

Digna Rivas, "O mar é o medio de vida de moitas familias deste municipio ademais dun patrimonio natural que temos a obriga de defender"

O sector do mar sairá á rúa en Compostela este domingo día 21 para denunciar a grave situación que vive o sector pesqueiro e marisqueiro “e que arrastra desde hai máis dunha década” segundo os colectivos convocantes. A manifestación partirá ás doce do mediodía da Alameda e terminará na Praza do Obradoiro. Máis dun cento de colectivos do sector do mar e agrupacións ecoloxistas apoian esta mobilización baixo o lema “Na defensa do noso mar”, entre eles a Confraría de Redondela.

Demandan da Xunta de Galicia medidas encamiñadas a mellorar a situación das rías e pór freo á drástica caída de produtividade. Entre as súas demandas están un estudo integral das causas que provocan a baixada da produtividade, partidas económicas específicas para rexenerar todas as rías galegas, un protocolo de regulación dos encoros, un plan de control de verteduras tanto no mar como nos ríos, o control sanitario do marisco importado e que en caso de crise se dote aos traballadores do mar e ás confrarías de partidas económicas e axudas.

A vertedura masiva de granulado plástico que está a chegar á contribuíu ao desencadeamento da convocatoria desta manifestación do 21, e será outro dos alicerces da protesta. A falta de transparencia e a tardanza á hora de actuar preocupa ao sector.

Todas estas demandas e necesidades son compartidas pola Confraría de Redondela, e contan “co apoio total do Concello de Redondela”, como explica a alcaldesa Digna Rivas “porque o mar é o medio de vida de moitas familias deste municipio, ademais dun patrimonio natural que temos a obriga de protexer”. Por iso desde o Concello de Redondela poñen a disposición da veciñanza autobuses gratuítos para aqueles que queiran desprazarse o domingo á manifestación en Santiago. Sairán ás 10.00 desde a praza de Ribadavia (praza da Farola) con parada ás 10.15 en Cesantes á altura do CEIP Outeiro das Penas. Os interesados en inscribirse poden facelo no teléfono do Concello 986 400 300.