O luns comezarán as tarefas de limpeza na praia de Cesantes, logo de que unha empresa especializada na xestión ambiental fixese unha valoración de todos os danos sufridos no areal e na súa contorna por mor dos temporais deste inverno. Ao tratarse dun espazo de especial protección dentro da Rede Natura 2000, o Concello solicitou en decembro unha autorización á Xunta de Galicia para poder actuar.
O permiso chegou en xaneiro, e as chuvias da pasada semana obrigaron a adiar a limpeza, que comezará o luns. A limpeza incluirá “a recollida de restos de madeira, lixo e plásticos que deixou o mar na praia de Cesantes nos últimos temporais” explica a concelleira de Medio Ambiente, Pilar Martínez. A actuación realizarase en todo o litoral, desde o peirao ata o final da praia “onde se acumulan toneladas de lixo procedentes das fortes marusías”, sinala a edil.
O Concello xa levou a cabo unha limpeza no areal o pasado 2 de decembro para recoller os restos que deixaran os fortes temporais do mes de novembro. Nesa ocasión, e de xeito manual, retiráronse 10 tractores de lixo, especialmente restos de madeira e plásticos arrastrados polo mar. O goberno local sinala que é habitual que os temporais do inverno arrastren a Cesantes moito lixo “xa que nos atopamos no fondo dar ría”. Sinalan que é a primeira vez que en Redondela se fan este tipo de limpezas durante o inverno, e que ata o de agora “estas actuacións comezaban sempre coa chegada do bo tempo na primavera ou no verán” apunta a Pilar Martínez.
A concelleira de Medio Ambiente lembra á veciñanza e aos grupos da oposición que está “á súa disposición todos os días no Concello e teñen o meu teléfono para que lle fagan chegar “calquera dúbida ou suxestión que desexen sobre o estado dos areais ou outros asuntos que lles preocupen”. Por iso lamenta que desde o Partido Popular utilicen as redes sociais para criticar a o estado dos areais en lugar de preguntar directamente aos responsables “porque eu sempre estou disposta a dar explicacións e dialogar, é o meu xeito de traballar en política e eles sábeno”, afirma Pilar Martínez.
A alcaldesa advirte que malia que moitas actuacións son competencia da Xunta de Galicia, “o Concello realiza estas tarefas por responsabilidade ante a inacción do goberno galego e sen axudas a nivel autonómico”, apunta a alcaldesa Digna Rivas.
Reposición dos elementos danados no paseo e eliminación de especies invasoras
A concellería de Medio Ambiente conta cun plan integral para a rexeneración da praia de Cesantes e a súa contorna e que contempla a reposición dos elementos de madeira danados polos temporais deste inverno. Unha empresa con acreditación ambiental traballa na valoración de todos os danos para repoñer as varandas e táboas do paseo que está en mal estado, así como o mobiliario urbano. Outra das preocupacións da concelleira de Medio Ambiente é a situación da zona das dunas, con presenza de especies invasoras. O Concello porá en marcha a rexeneración desta zona, e o compromiso de Pilar Martínez é o de facer o mantemento destes espazos naturais “ao longo de todo o ano para evitar a proliferación das plantas invasoras”.