13.5 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas homenaxea ao escultor Alfonso Quinteiro no marco da...

    O Concello de Ponteareas homenaxea ao escultor Alfonso Quinteiro no marco da celebración do centenario do seu nacemento

    O sábado 27 presentarase nun acto o libro do escritor Manrique Fernández no que se rescata a figura e o legado do artista local e durante todo o mes do ano, celebrarase actividades que contribuirán ao seu recoñecemento

    O Concello homenaxea ao artista ponteareán Alfonso Quinteiro no marco da celebración do centenario do seu nacemento. Deste xeito, o próximo 27 de xaneiro presentarase o libro Alfonso Quinteiro, un talento na sombra no que o escritor Manrique Fernández rescata a figura e a obra do escultor e, ademais, a concellería de Ensino celebrará ao longo de todo o ano diferentes actividades que contribuirán ao recoñecemento do ilustre veciño.

    Segundo explicou o concelleiro de Ensino, Ricardo González, o primeiro dos actos será o próximo sábado 27 de xaneiro no que “ademais de presentar ao público o libro no que se recupera o legado de Quinteiro, quen desempeñou o seu labor no mundo da escultura durante o século XX, haberá máis sorpresas relacionadas co artista local”.

    Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o “traballo minucioso de Manrique Fernández á hora de recoller a obra inédita de Alfonso Quinteiro” e lembrou que “era o gran artista da vila, o referente, polo que me gustaría que ese sábado esteamos todos xuntos para demostrar a nosa admiración”.

    No acto no que se presentou o evento do día 27, participou tamén a filla do escultor, Pili Quinteiro, quen agradeceu o recoñecemento que o Concello realiza ao seu pai. Ademais, destacou o talento do seu proxenitor “á hora de reproducir a alma das persoas mediante a escultura” e puxo como exemplo “o busto que elaborou a partir dunha fotografía a Reveriano Soutullo, outro dos nosos artistas nacidos no municipio”.

    Finalmente, o escritor que rescatou a figura e o legado do ilustre veciño, Manrique Fernández, apuntou que “o obxectivo é difundir a historia deste ponteareán así como afondar no seu legado, vencellado ao mundo da escultura e tamén ao da pintura”. O autor indicou que “precisamente esta última disciplina é unha das máis descoñecidas, pero os seus traballos neste eido son simplemente espectaculares”.

    Para continuar potenciando a difusión dos artistas ponteareáns, o Concello organizará para cada día 25 de cada mes, coincidindo co seu día de nacemento, diferentes actividades como concursos, conferencias ou contacontos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.