Sábado, 7 Xuño de 2025

A Guarda pecha o programa “Semente de Igualdade” coa presentación do libro de Amelia Tiganus

0

O Concello da Guarda programou este ano diversas actividades para conmemorar o 8M baixo “Semente de Igualdade”, unha campaña na que incluiron as accións polo Día Internacional da Muller con teatro, actividades educativas nos centros escolares do municipio, un escape room, charlas, entre outras.

O mércores día 27 de abril pola mañá, terá lugar unha charla a cargo de Amelia Tiganus,    dirixida ao alumnado de Bacharelato e Ciclos de F.P do IES A Sangriña e o xoves 28 de abril, ás 19:30h o Centro Cultural acollerá unha segunda charla de Amelia Tiganus, dirixida ao público en xeral onde nos falará do seu libro” La revuelta de las Putas”.

Esta actividade no Centro Cultural da Guarda require dunha inscrición previa en https://www.eventbrite.es/e/entradas-relatorio-amelia-tiganus-324040131757?aff=ebdsoporgprofile

Amelia Tiganus é una activista feminista abolicionista , nada o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive en Euskadi, a súa xanela ao mundo desde a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ter sido explotada sexualmente durante cinco años no Estado español.

Publicou varios artigos, un comic titulado “ Amelia, historia de una lucha” coa intención de chegar á poboación máis nova e acaba de publicar ‘La revuelta de las putas’ e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da trata e a prostitución.

Das súas  aparicións nos medios de comunicación, destaca a súa intervención no programa  Salvados – Las invisibles , un programa de máxima audiencia da Sexta – onde foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole e na cadena SER no programa de Aimar Bretos “ Hora 25” entre moitas outras intervencións públicas.

Tiganus deixa claro que: «Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente».

Ten varios recoñecementos, entre eles, O Recoñecemento do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdade a persoas e institucións cuxa labor na erradicación da violencia contra as mulleres destacou especialmente. Categoría “Superación”.

Estase traballando no deseño dun roteiro e unha andaina coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas.

Os “Coidados porta a porta” chegan ao Porriño en maio

O Porriño recibirá os días 4, 5, 6 e 8 de maio, a visita da unidade móbil de “Coidados porta a porta”, a iniciativa da Xunta de Galicia para achegar aos maiores de 55 anos as consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria.

Profesionais sanitarios atenderán as consultas básicas e realizarán exploracións e valoracións nestas tres especialidades.

Cabe destacar que é un servizo gratuíto pero que require cita previa. Todas aquelas persoas que queiran facer uso deste servizo deberán solicitar cita no teléfono 622 748 283 ou a través do correo electrónico [email protected] .

A unidade móbil estacionará no aparcamento da Piscina Municipal.

O Club Ciclista Ponteareas presenta a tempada 2022

O pasado sábado día 16 de abril, dábase cita nas instalacións do campo de golf de Mondariz Balneario para presentar a nova tempada do Club Ciclista Ponteareas – Escola Borja Gómez Méndez.

Da man de Terio Carrera, como presentador desta gala, cada neno ocupaba o seu sitio no escenario, lucindo así con orgullo as cores da nova equipación para a presente tempada 2022.

A directiva, o corpo técnico do clube e o conxunto de familias que forman a escola, queren agradecer enormemente o apoio recibido de todos os patrocinadores e colaboradores, conseguindo así que o proxecto, presidido por Manuel Gregores e dirixido por Xacob Agra, siga adiante.

Nesta tempada 2022 o club conta con 64 ciclistas, nas categorías de benxamín, promesa, principiante, alevín, infantil, cadete, junior e sub-23, formada por Borja Gómez Méndez, que é o padriño da escola, ademais de todos os cicloturistas, élite e másteres que forman o Club.

[su_image_carousel source=”media: 56338,56341,56334,56333,56342,56340,56337,56335,56339,56332″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Unha vez máis, continuarase nesta tempada cos calcetíns desiguais e, como aliciente, as mozas do clube levan a cor morada de “non á violencia de xénero” na súa indumentaria (camisola, culott e calcetíns).

O Club organizará tres eventos esta tempada: mini BTT, pobra de estrada e ciclocrós.

Unha vez mais, o club quere agradecer a todos os patrocinadores (Servicios Logísticos Souto, Grupo Sestelo, Dafer, AXA LYNALFA Grupo Asegurador, LUSTAND Servicios Feriales, Lovecars, DARLIM, Rodosa) e colaboradores (Laureano Covelo Excavaciones y Construcciones, Panadería A Broa, Bicimecánica Toñi Porto, B. The travel brand Ponteareas, Construcciones Ikarsa, Aguas de Mondariz, Caravanas Juan, Neumáticos As Pombas, Aceroplus Impresión digital, Xunta de Galicia, Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, Concello de Ponteareas, Galicia Saúdade, Xacobeo 21-22, Non Violencia Xénero, Floristería A Gabeta, Carcajadas Animación de Fiestas)

O medallista finalista e mellor ‘jogo de Siriúna’ no Campionato Ibérico de Capoeira, “Bambino”, é veciño de Mos e dá clases en Torroso

0

O concelleiro de Deportes mosense, José Areal, visitou esta tarde no Centro Dotacional de Torroso, onde imparte clase, ao mosense veciño de San Antoíño, parroquia de Louredo, Arturo Seminario Wunder, máis coñecido como “Bambino”, para felicítalo como medallista no último Campionato Ibérico da escola Abadá-Capoeira, onde logrou 2 medallas.

“Bambino” é Graduado da escola Abadá-Capoeira e Profesor de Capoeira en Mos no Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso. Imparte clases todos os mércores en horario de 20.15 horas a 21.15 horas. As persoas de 13 anos de idade en diante interesadas en practicar esta arte marcial poden inscribirse nas clases de Seminario, preguntando por elas no propio Centro Dotacional. Arturo Seminario está interesado en ampliar o rango de idades o vindeiro curso e impartir clase en Torroso tamén á poboación infantil.

A cidade de Burgos acolleu en febreiro os Jogos Ibéricos da escola Abadá Capoeira, na súa XVIII edición. Capoeiristas de España e Portugal mediron as súas forzas na 2º competición de maior envergadura celebrada fóra de Brasil, o país de orixe desta arte marcial afrobrasileña, que combina loita, acrobacias e música.

Durante os días 17, 18, 19 e 20 de febreiro uns 200 capoeiristas, reuníronse na cidade de Burgos, para gozar duns días de talleres, formación, competición e intercambio de experiencias. Este ano por primeira vez, tras un parón de dous anos pola pandemia, contou coa singularidade de ser un evento híbrido, de forma presencial e en liña.

Arturo Seminario Wunder, máis coñecido no mundo da Capoeira como “Bambino” é graduado da escola Abadá-Capoeira, con 14 anos de experiencia nesta arte marcial e 5 anos dando clases para adultos, mozos e nenos na zona sur de Galicia, e é un dos pioneiros no ensino de capoeira infantil en Galicia.

“Bambino” é un capoeirista que ama o que fai e ademais gústalle competir. O pasado febreiro obtivo dúas medallas, unha de finalista e outra como mellor ‘jogo de Siriúna’; representou a España e leva o nome de Mos a todos os lugares onde dá clase e compite, é dicir, por todo o mundo, xa que é competidor a nivel internacional.

Os Jogos Ibéricos inauguráronse por primeira vez no Porto en 2004, e a súa sede vaise turnando desde entón entre cidades de España e Portugal.

Bambino, alumno de Mestrando Cascão (Mestre Carioca brasileiro residente en Braga-Portugal), chegou á final desta competición na categoría A (Categoría co nivel máis avanzado), os competidores ‘jogan’ en parellas, tendo que realizar tres ‘jogos’ en cada eliminatoria, Benguela (‘jogo’ técnico con movementos de marcación e destreza no chan), Siriúna ( ‘jogo’ onde sobresaen as acrobacias) e de São Bento de Abadá (‘jogo’ máis obxectivo, a marcialidade imponse, golpes esquivas e derribas a unha gran velocidade).

O turismo na provincia de Pontevedra outra vez récord esta Semana Santa

Esta Semana Santa a afluencia de visitantes e turistas volveu bater récords na provincia de Pontevedra, chegando a rexistrar unha ocupación media do 80% nos establecementos hoteleiros que mesmo superou os rexistros do 2019. Os espectaculares datos que recolle o Observatorio de Turismo da Deputación de Pontevedra supoñen vinte puntos máis do previsto para establecementos hoteleiros e dez puntos máis para vivendas turísticas, chegando a ser, nalgunhas localidades, un 15% superiores á Semana Santa do 2019.Nos establecementos de turismo rural a porcentaxe situouse en toda a provincia por riba do 70%, mantendo a cifra estimada antes dos festivos.

A comarca que rexistrou a maior porcentaxe de ocupación en establecementos hoteleiros foi a de Vigo, que superou o 80%. Neste comarca destacan os resultados da cidade de Vigo que se situaron entre o 85 e o 90% ou os de Baiona que chegaron ao 80%. Sigue á comarca viguesa a do Morrazo, que chegou ao 78% e a do Salnés que superou o 76%. Neste último caso, concellos como O Grove superaron o 86% de ocupación hoteleira e Sanxenxo rexistrou mesmo o 87% en hoteis de maior número de estrelas. No caso da comarca de Caldas a porcentaxe situouse no 74% e na de Pontevedra no 73, superando o 85 en cidades como Pontevedra. As comarcas do Condado e da Paradanta chegaron ao 72%, O Baixo Miño ao 70% e Deza e Terra de Montes rozou o 65%.

Pola súa banda, nas vivendas turísticas da provincia a ocupación foi tamén mellor do previsto, superando o 92% o que supón 12 puntos máis que o estimado antes da Semana Santa. Esta porcentaxe media provincial foi superada en localidades como Sanxenxo ou Cangas que chegou ao 100% entre o xoves e o domingo. Nestes establecementos aloxáronse principalmente persoas de Asturias, Castela e León e do Norte de Portugal.

En canto aos establecementos de turismo rural a ocupación chegou ao 70% de media na provincia de Pontevedra, sendo de case o 100% no Baixo Miño, do 73% na comarca de Caldas, do 71% no Salnés, do 70% no Morrazo, do 68% na comarca de Pontevedra, do 60% na de Vigo, do 65% no Condado e A Paradanta e do 58% en Deza e Terra de Montes.

Castelos e persoas visitantes

Durante a Semana Santa achegáronse aos castelos musealizados pola Deputación de Pontevedra na provincia 1.884 persoas. 1434, 144 máis que no 2021, fixérono a Soutomaior e 450 acudiron ao castelo de Sobroso, que estreou musealización dixital, esgotando todas as prazas para desfrutar das xornadas de portas abertas.  A fortaleza do Condado volverá a abrir as portas ás visitas nos primeiros días de maio.

En canto ás persoas que visitaron o destino Pontevedra Provincia durante a Semana Santa do 2022 proviñan principalmente do Estado e en concreto de Madrid, Vizcaya e Barcelona. En canto ás/aos turistas estranxeiros procederon de Portugal, Alemaña, Francia, Colombia, Estados Unidos e Reino Unido. Todas e todos eles tiñan maioritariamente entre 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis durante 4 e 6 días e acudían á provincia motivadas por aspectos relacionados coa cultura.

Nigrán abre hoxe o prazo para presentar ofertas aos quioscos de praia do municipio

0

O Concello de Nigrán abre desde hoxe e ata o 11 de maio o prazo para a presentación de ofertas para explotar os quioscos de praia este verán, sendo a tempada desde a resolución en maio ao 30 de setembro, igual que o ano pasado. Os prezos tamén se manteñen, oscilando desde os 2.500 € de Area Fofa ou Madorra aos 24.000 € de Praia América. A convocatoria foi publicada hoxe no BOP, abrindo así o prazo desde mañá. En total, o Concello oferta 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e un de venda de churros en Praia América. A novidade é que o espazo de ocupación se amplía lixeiramente a superficie que poden ocupar ata os 70 metros cadrados.

Os interesados poden presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello, estando as bases publicadas na sede electrónica da web municipal ou impresas na Oficina de Información Cidadá. “Hai que ser optimistas e ter en conta que este verán volveremos a estar máis preto que nunca da normalidade. Temos que ter en conta que este é un servizo de praia que dá traballo a diferentes familias e que, ao mesmo tempo, os cidadáns agradecen”, indica o alcalde Juan González.

Tomiño prepárase para cumprir coa nova Lei de Residuos

0

Tomiño leva traballando dende o 2018 no tratamento separado dos biorresiduos, a través da compostaxe in situ, tanto individual coma colectiva, no marco do Plan REVITALIZA, para adaptarse á recente norma estatal de residuos “Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular”, que obriga ás entidades locais a establecer sistemas para a xestión separada dos biorresiduos antes do 31 de xuño do 2022.

Por outra banda, o Concello está en plena realización dun “Estudo técnico de xestión e prevención de residuos municipais”, no que se integrará un estudo económico da solución ou solucións propostas que sirvan de base para futuras ordenanzas, adaptadas á nova normativa, e para o cal ten concedida unha subvención de 15.000 € por parte da Deputación de Pontevedra, en xunta de goberno do 24 de xaneiro de 2022.

“No ámbito da compostaxe, sen chegar aínda ós obxectivos marcados, os datos son alentadores”, comenta a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, pois no ano 2021 xestionáronse nos 16 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC)  de Tomiño 159 toneladas de biorresiduos e restos vexetais. Conseguiuse contactar co 30% das vivendas ás que lle corresponde o uso destes centros (1089 pisos en altura, suman os núcleos urbanos de Goián e Seixo), ás que se lles foi entregado o caldeiro (344 unidades entregadas) para separación do residuo orgánico, e dos cales estimamos que o usan un 80%.

En canto ó uso de composteiro individual para autocompostaxe, hai un total de 2200 vivendas (hai unhas 5300, pero non todas habitadas) do rural de Tomiño que o teñen instalado. Neste caso, estímanse 388 tn de biorresiduo autoxestionadas polos veciños no 2021, e que polo tanto non son depositadas no colector verde, evitando o seu transporte e xestión na planta de SOGAMA. Según a edil, “Non podemos esquecer que este importe é maior xa que moitos veciños e veciñas de Tomiño xestionan os seus residuos orgánicos de forma tradicional, mediante pila, alimentación animal e composteiros artesanais”.

Outro dato de interese é que a partir do mes de xuño do 2021, cando se puxo en marcha o sistema de préstamo de biotrituradoras, recibíronse un total de 33 solicitudes ata final do ano, e só nos dous primeiros meses do 2022, alcanzouse xa a mesma cifra.

Dende a Concellería de Medio Ambiente lembran que a Empresa SM Sistemas Medioambientais, está a realizar os seguementos dos composteiros repartidos nas vivendas unifamiliares, para axudar a resolver dúbidas sobre o seu funcionamento, ademais de seguir realizando entregas nas casas que aínda non contan con composteiro. Pódese contactar con eles no mail [email protected].

Cabe destacar ademáis, que xa se instalaron, nos últimos meses, composteiros de maior tamaño (830 L) nalgúns productores singulares, e a súa xestión está sendo todo un éxito. Actualmente hai 7 productores singulares compostando: Comunidade terapéutica Alborada, Centro de Día, restaurante Casa das do Correo, Casa Chaver, Asociación Vontade, Casa Faustino e Casa Social de Estás, cun total de 12 coins de 830 L e 1 de 300 L, nos que se estima que se xestionaron xa cerca de 6 toneladas de biorresiduos.

O Museo de Pontevedra constata a recuperación de público trala pandemia

O Museo de Pontevedra vén de constatar a súa recuperación de público e a volta á normalidade trala pandemia con preto de 4.500 visitas durante esta Semana Santa. Novamente márcanse rexistros de récord como aconteceu no primeiro trimestre, sendo as vacacións de 2022 as segundas de maior concorrencia dende 2017.

O vicepresidente César Mosquera, responsable político da institución, destacou que o crecemento sostido que está a rexistrar o Museo nas últimas datas coincide coa dinámica que se truncara coa COVID. Destacou que é positivo que o aumento sexa suave e que non haxa subidas extremas co fin de ofrecer unha experiencia de visita positiva atendendo ben a todas as persoas que se acheguen.  

As estatísticas analizadas polo departamento de Educación e Públicos da institución revelan a significativa recuperación de visitantes cunha tendencia á volta á normalidade que se consolida: 3.934 persoas en 2017, 3.873 persoas en 2018, 5.227 persoas en 2019, ningunha en 2020 polo peche, e 1.338 en 2021.

O total de visitantes nesta Semana Santa deste 2022 foi de 4.365  persoas, o segundo máis numeroso en seis anos. A nivel dos Edificios do Museo, as Ruínas de San Domingos foron as máis visitadas, con 3.299  persoas, unha cifra moi próxima á máis alta dos últimos seis anos, que foi en 2019 con 3.348 persoas.  Entraron nos edificios Sarmiento e Castelao un total de 891 persoas e participaron nalgunha das actividades programadas neles outras 175 persoas.

En canto á procedencia das visitas individuais (aquelas persoas que veñen a título particular fóra de grupos programados), o 94% é de ámbito estatal, chegando ao 74% as e os visitantes de dentro de Galicia, seguidas de Madrid, Castela e León, Andalucía e Cataluña. O 6% de persoas estranxeiras chegan principalmente de Portugal, Reino Unido, Alemaña, Italia ou Estados Unidos, entre outras. Tamén se certifica nestas últimas visitas que a recuperación de público estranxeiro é máis lenta que a de público estatal, algo que coincide cos datos de turismo no resto de España.

Vandalismo na Capela de San Benito do Porriño

A Capela de San Benito foi obxecto esta noite dun roubo con forza e destrozos no mobiliario e imaxes.

A Policía Local e a Garda Civil abriron investigación para dar cos responsables dos feitos. Os autores do roubo accederon ao interior e fixéronse co lampadario (peto con donativos a cambio de velas iluminadas), ademais de causar múltiples danos no altar e nas imaxes relixiosas.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, mostrou a súa “rotunda condena” a uns feitos que “non só supoñen un gran dano patrimonial senón tamén ao sentir de moitos porriñeses e porriñesas”.

O alcalde de Baiona agradece á Irmandade da Santa casa de Baiona o seu esforzo en facer “grande a Semana Santa”

0

A Semana Santa ha deixado un bo sabor de boca en Baiona, as rúas cheas de xente, a hostalería e os hoteis co cartel de ‘cheo’ e, tamén a “Irmandade da Confraría da nosa Señora a Nai de Deus Virxe María da Misericordia”, máis coñecida como Santa Casa de Baiona, coa sensación do traballo ben feito.

Finalizou unha semana na que os baioneses, baionesas e visitantes gozaron dos actos e procesións despois de dous anos debido á pandemia.

Os pasos recolléronse cara á Capela da Misericordia entre aclamacións e aplausos.
Destacable tamén foi o paso de Jesús no Monte das Oliveiras, pois esta semana Santa foi a primeira vez que devandito paso foi portado só por mulleres.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, quere mostrar o seu agradecemento “Á Irmandade da Santa Casa e aos costaleros e costaleras polo marabilloso traballo realizado. Uns actos e procesións que saíron ao paso grazas ao labor e ao tesón das persoas que forman parte desta irmandade histórica da nosa vila cuxo esforzo conseguiu facer aínda máis grande nosa Semana Santa”.

Así mesmo, Goméz Prado “ratifica o seu compromiso e mostra todo o seu apoio a unha institución tan arraigada na localidade, poñendo en valor a extensa historia da Irmandade, a Confraría máis antiga de Galicia, o pasado 5 de abril cumpriu 448 anos, e unha das de maior traxectoria e tradición de toda España”.

Por todo iso, o rexedor comprométese “a potenciar as actividades culturais desta institución e en converter á Semana Santa de Baiona nun referente. Pois se trata de gran atractivo cultural e turístico para o noso concello do que poden gozar tanto os nosos veciños como as persoas que veñan visitarnos”. Ademais, engade que a Confraría “contribúe a manter entre a nosa sociedade unhas tradicións dos que Baiona sempre fixo gala, sendo un exemplo de colaboración, compromiso e traballo”.

Música e teatro na programación do xoves de San Telmo

0

Mañá xoves, 21 de abril, a música e o teatro serán os protagonistas na programación das festas de San Telmo.

Abre o programa a Coral San Telmo  que actuará a partir das 17 ha Residencia San Telmo.

A carpa no Paseo da Corredoira acollerá dende ás 18 h o espectáculo “Cores, Contos e Rock´n´Roll con Ramona Órbita” da man de Pakolas.  No mesmo Paco Cerdeira “Pakolas” guiará ao público coa súa voz, a súa guitarra e o seu humor por un universo musical cheo cancións, contos e historias, e tamén de cores e debuxos realizados en directo pola ilustradora Laura Romero. Cantarán e debuxarán a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega do Courel, que posúe unha horta automática con patacas cibernéticas e que ten unha máquina do tempo coa que viaxa ao pasado e ao futuro.

A música continuará polas rúas de Tui a partir das 20 h da man da Escola de Gaita e Percusión “A Insua” de Caldelas.

E pechando a programación do día prosegue no Teatro Municipal a XII Semana de Teatro Amador. Ás 21 h o grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui. Estreará “As vacacións da duquesa”. O elenco, dirixido por Miguel Ángel Pérez Blanco está formado por oito persoas. Este sainete escrito por Raimundo Francés comeza cando a duquesa plantexa a súa familia onde ir de vacacións, e os problemas que xorden xa que non ten cartos. As entradas, ao prezo de 2€, está á venda até mañá xoves ás 18 h en www.tui.gal, e mañá xoves dende ás 20 h no despacho de billetes, sen numerar, dende ás 20 h.

Xoves 21

  • 17.00h – 17.30 h Na Residencia San Telmo, actuación da Coral San Telmo.
  • 18.00h – 19.00 h Na carpa da Corredoira, actuación musical con “Cores, Contos e Rock´n´Roll con Ramona Órbita” de Pakolas.
  • 20.00h – 21.00 h Nas rúas de Tui, actuación da Escola de Gaita e Percusión “A Insua” de Caldelas.
  • 21.00h – 22:00 h No Teatro Municipal, XII Semana de Teatro Amador co grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui. Estrea de “As vacacións da Duquesa”.

Domingos de sesión vermú no Mercado para dar pulo a músicos emerxentes

0

Xa está todo listo para unha nova cita cos domingos de sesión vemú no Mercado de Tomiño, que esta fin de semana cede o escenario a un músico novo na súa aposta por artistas emerxentes e locais. Marcos del Prado será o encargado de amenizar este 24 de abril a xornada nunha actuación acústica programada ao abeiro das accións de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello co obxectivo de reactivar a actividade económica e social do municipio.

A partir das 12.30 horas, o público poderá gozar no primeiro andar do Mercado da música en directo con guitarra acústica mentres toma algunha bebida e desfruta do tempo de lecer nun espazo único. Un amplo repertorio no que Del Prado interaccionará co público e percorrerá estilos que irán dende o country ou o rock español dos 80 ata o folck, os temas sociais ou a música de Luís Emilio Batallán para facer desfrutar a todas e todos os presentes. A actividade será de balde ata completar aforo.

O programa de actividades da campaña ‘Vive!’, con concertos e música en directo nas sesións vermú e a degustación de pinchos de autor nos ‘Sábados con sabor’, está a ter unha grande acollida por parte dea veciñanza, que encheu o mercado e as rúas de vida e animación durante todas estas fins de semana.

O Consorcio Provincial axuda na extinción do incendio da nave do Porriño

O Consorcio Provincial Anti Incendios e de Salvamento adscrito á Deputación de Pontevedra está a colaborar activamente dende esta mañá na extinción do incendio declarado na nave da empresa Distribucións Pako no polígono da Granxa (O Porriño). O deputado provincial, Carlos Font, trasladouse ao lugar do suceso para seguir de primeira man os traballos e alí mantivo en todo momento contacto co responsable da empresa afectada, que almacenaba maquinaria industrial, así como co alcalde da localidade, Alejandro Lorenzo, ao que informou dos medios mobilizados.

“En canto recibimos o aviso, mobilizáronse todos os efectivos dispoñibles e ofrecemos a nosa colaboración. A coordinación co resto de efectivos funcionou perfectamente ”, manifestou o deputado, quen se solidarizou coa empresa afectada e sinalou que aproximadamente ás tres da tarde o incendio deuse por estabilizado, a falta de terminar nunhas horas as tarefas de refrixeración.

[su_image_carousel source=”media: 56300,56299,56297″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

En concreto, ao lugar do sinistro desprazouse un operativo formado por tres vehículos do parque anti incendios do Porriño (bomba urbana pesada, unha nodriza e camión con brazo articulado), dous do Morrazo (bomba urbana pesada e camión nodriza), así como a nodriza de Ribadumia, cun total de once efectivos (sete bombeiros, os tres xefes dos parques citados e o xerente do Consorcio), para axudar nas tarefas de extinción. Precisamente, o brazo articulo enviado desde O Porriño e adquirido recentemente polo Consorcio, facilitou o desenvolvemento destas labores.

A Xunta activa o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia a causa dun incendio nunha nave industrial no Porriño

A Xunta activa o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) co fin de ofrecer unha resposta coordinada ante a situación creada polo incendio dunha nave industrial no Porriño.

Así, no lugar do incendio, no Polígono da Granxa, están a traballar efectivos de extinción do parque do Baixo Miño e tamén dos máis próximos como son Vigo, Morrazo e Ribadumia, así como os membros do GES-SPEIS de Ponteareas e do GES de Mos.

Igualmente, vén de incorporarse o Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que achega unha cisterna de gran capacidade.

Ademais, por precaución, está mobilizada unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que os traballadores e traballadoras da nave afectada están localizados e localizadas e en bo estado de saúde.

Pouco antes do mediodía, o 112 Galicia obtivo información sobre este suceso mediante as chamadas de alerta de varias persoas particulares, que observaban como unha columna de fume intenso saía dunha nave destinada ao subministro de maquinaria para perforacións e sondaxes. Esta instalación atópase á beira da PO-510, ao paso pola parroquia de Atios, no Porriño.

Alí acudiron, en primeira instancia, os Bombeiros do Baixo Miño e voluntarios de Protección Civil da localidade, ademais dos axentes da Policía Local e da Garda Civil. Sen embargo, a importancia da situación levou aos técnicos da Xunta de Galicia a activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia para garantir a correcta coordinación dos distintos equipos e organismos necesarios nesta intervención.   

Ponteareas contará cun complexo ciclista

Ponteareas albergará o futuro Complexo Ciclista Sportskids, onde se crearán unhas instalacións únicas en Galicia, onde poder practicar as modalidades de Bmx, Dirt, Mtb, Skate e Roller.

A Asociación Educativa e Sociocultural  Sportskids a asinado un acordo coa Asociación de  Veciños de Moreira para a cesión do seu Campo de Fútbol en desuso e a futura creación do Complexo Ciclista.

Desde  Sportskids manifestan que é unha idea que levan un tempo dándolle forma, xa que en Galicia carécense dunhas instalacións onde practicar o  Bmx,  Dirt,  Mtb, Skate e  Roller en boas condicións e que perduren no tempo, por iso manifestan ter un proxecto que ilusionará a todos os galegos e mesmo manifestan que desde Portugal, manifestaron o seu interese por este proxecto.

O Campo de Fútbol de Moreira atopábase nun estado de abandono, xa que hai varios anos que o mesmo non tenia uso, por iso desde a Asociación de  Veciños de Moreira, cando  Sportskids a través do seu Presidente Marcos Porto Isla, mostroulles a súa idea, desde un primeiro momento mostraron interese e levárono á súa asemblea, sendo apoiado pola unanimidade de todos os veciños da parroquia de Ponteareas.

Desde a entidade esperan ter canto antes en funcionamento o Complexo, actualmente atópanse poñendo a punto as Instalacións, xa que as mesmas estaban nun estado de abandono.

Ao mesmo tempo manteñen contactos con Empresas e Administracións Públicas como o  Concello de Ponteareas, Xunta de Galicia e  Deputación de Pontevedra, para lograr apoios e poder levar a cabo devandito proxecto canto antes e dar así unhas instalacións de calidade, soamente comparables a algunhas de Cataluña como A  Poma  Bikepark.

Nas devanditas Instalacións realizaranse clases a nenos e adultos, á vez que estará aberto ás socias/vos.

Para estar ao día das noticias destas Instalacións, podedes seguir as súas redes sociais en Facebook e Instagram baixo o nome de  Bikepark Sportskids.

O Concello de Nigrán protexe perimetralmente a zona dunar de Lourido onde se está a crear unha ‘micro-reserva piloto’

0

O Concello de Nigrán ven de pechar perimetralmente a zona dunar de Praia América en Lourido (uns 2.000 metros cadrados de superficie) co fin de protexela ao máximo e contribuír á creación dunha ‘micro-reserva’ piloto. Para elo investíu 5.000 € a través da empresa de inserción social Cormo Integral, que empregou a este efecto o mesmo sistema que existe desde hai décadas na área de Panxón: postes de madeira con tendido de arame lonxitudinal. A iniciativa forma parte dun novidoso proxecto concedido pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades consistente en crear aquí ‘microrreservas piloto’ co obxectivo de renaturalizalas ao tempo que se crea conciencia social ao respecto.

“O fin é manter a área libre de alteracións permitindo que especies autóctonas desprazadas pola intervención humana colonicen de novo o lugar”, resume o alcalde, Juan González. O obxectivo é acadalo a través dunha campaña de participación pública innovadora, de feito, xa funciona como ‘aula viva’ onde se impartirán obradoiros medioambientais aos centros educativos (na tempada estival será a toda a cidadanía interesada). Estas ‘clases’ se extenderán ata setembro e correrán a cargo do equipo de traballo da firma con base tecnolóxica Hydrosphere (xurdida como unha spin-off da Universidade de Vigo), a propia Universidade de Vigo (coa participación do Centro de Investigación Mariña e do grupo de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio) e o Consello Superior de Investigacións Científicas a través de dúas unidades de Cultura Científica (CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas).

“A diferencia da zona de Panxón, estas dunas non estaban siquera delimitadas e é unha oportunidade única de rexeneralas ao tempo que creamos concienciación social ao respecto”, destaca o alcalde de Nigrán, Juan González. Desde Hydrosphere sinalan Praia América como o lugar máis idóneo para este proxecto “ao mesturar por unha banda o seu alto valor ecolóxico e estar provisto de sistema dunar e, por outra, ter unha elevada afluencia de visitantes e gozar de infraestruturas destinadas ao ocio e o turismo”. Así, o fin último de todos os obradoiros é aumentar o coñecemento de conceptos básicos e acadar un cambio positivo nas actitudes e valores dos participantes que estimule o uso responsable dos espazos, buscando un equilibrio entre a explotación social e económica das praias e a súa protección.

“Este proxecto trae consigo dúas cousas fundamentais para este goberno: por unha banda protexer mellor o noso patrimonio natural e, con elo, gañar en ecoloxía, e, por outra banda, creará cidadáns máis comprometidos coa sua contorna e máis sensibilizados medioambientalmente”, conclúe o alcalde.

Cumpre 90 anos sendo a usuaria máis activa da Piscina Municipal da Guarda

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, visitaron na xornada deste mércores día 20 de abril a Piscina Municipal da Guarda para dar os parabéns a Domitila Vicente Franco polo seu 90º aniversario.

Domitila ou “Tila”, como lle chaman as súas amizades, leva 24 anos asistindo ininterrompidamente á Piscina Municipal da Guarda, sendo a usuaria máis activa dende a posta en marcha deste servizo no ano 1998.

Foi por este motivo que o persoal da Piscina e as súas compañeiras de grupo da Piscina quixeron darlle esta agarimosa recepción, na que no faltou o cumpreanos feliz, as fotos, os cantos e as risas.

Conta Tila que foi un médico o que lle recomendou asistir á piscina para levar mellor algúns problemas que padecía de mobilidade nas pernas, pero a cousa converteuse nunha afección  da que non houbo maneira de separala, indicando que moitas veces tamén ía á piscina os sábados e domingos, aínda que agora só vai de luns a venres.

Tila aproveita tamén o seu día a día para camiñar pola vila, dando un paseo dunha hora despois de asistir á piscina á mañá e outro pola tarde.

A Concelleira de Deportes quixo por de manifesto o exemplo que é Tila para moitas persoas, animando aos veciños e veciñas da Guarda a que aproveiten este servizo municipal e se apunten á piscina para facer deporte, cos importantes beneficios para a saúde que supón.

Gondomar pon en marcha unha nova edición do seu programa “Gondoverán”

0

O Concello de Gondomar abre o prazo de solicitudes para unha nova edición do seu programa de lecer activo “GONDOVERÁN”. Destinado a nenos de 3 a 12 anos de idade, este programa combina o xogo con actividades creativas, culturais e de coñecemento do entorno próximo.

Este xoves 21 de abril se abre o prazo de presentación de solicitudes que rematará o día 2 de maio.

Os beneficiarios de este programa deberán cumprir unha serie de requisitos entre os que se atopan; estar empadroado no Concello de Gondomar, ter nacido entre os anos 2009 e 2019, e que os seus dous proxenitores ou titores sexan traballadores en activo.

O rexedor local destaca que “este programa ademáis de facilitar que os nenos de Gondomar sigan en contacto cos seus amigos e compañeiros e continúen a sua formación a través do xogo na época estival, tamen e unha ferramenta moi importante para que pais e nais poidan seguir desenvolvendo a súa vida laboral con normalidade”.

Arrancan as obras de saneamento na parroquia de Cabreira

O grupo de goberno de Salvaterra vén facendo nos últimos anos un forte esforzo inversor para mellorar e ampliar a rede de  saneamento, e dentro desta liña de traballo, o Concello de Salvaterra vén de iniciar as obras de saneamento nos barrios da Poza, Arras e Monte da Bouza, na parroquia de Cabreira por un importe superior aos 43.000,00 € a través do Plan Concellos da Deputación Provincial.

As obras incluídas neste proxecto consisten na construción de varios tramos de colector de saneamento coa canalización de tuberías de PVC e todas as actuacións complementarias: escavacións, pozos e reposicións.

En total executaranse  436 metros de tubería de PVC de 250 mm de diámetro nominal. Os tramos a executar desembocarán en colectores existentes, polo que as vivendas poderanse conectar á rede de saneamento actual, unha vez rematada a obra.

Nos puntos necesarios, tales como cambios de dirección, conexións con outros colectores e conexións con acometidas domiciliarias, instalaranse pozos de rexistro, que facilitarán tamén as labores de limpeza dos colectores.

A Xunta informa ao Ministerio de Sanidade de dous posibles casos de hepatite aguda infantil

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade da detección en Galicia de dous casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida, que cumpren os criterios de inclusión determinados polo Ministerio. Unha vez remitida a información, o Centro de Coordinación de Alertas fará as probas pertinentes. Un dos casos pasou a enfermidade no mes de xaneiro e outro se está a recuperar na actualidade.

Tras recibir a alerta sanitaria por parte do Ministerio de Sanidade, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade iniciou unha búsqueda activa de casos, tamén con carácter retroactivo, de persoas ingresadas no ano en curso. Así, o sistema de vixilancia epidemiolóxica da Xunta de Galicia detectou un primeiro caso no mes de xaneiro, sendo a evolución do paciente positiva. Por outra banda, existe outro caso que se está a tratar na actualidade e que evoluciona favorablemente.

Ao respecto, a Consellería de Sanidade sinala que o sistema sanitario galego permanece alerta na detección de casos.

A Guarda remata abril con programación polo día do libro

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, realizou ao longo deste mes de abril diversas actividades polo mes do libro 2022 que continúan esta fin de semana co Día do Libro (23 de abril).

PROGRAMACIÓN MES DO LIBRO

Este ano decidiuse realizar a II Ruta do Libro, unha actividade na que participan as 4 librarías da vila e na que entregarase un agasallo na Biblioteca Municipal da Guarda a todas as persoas que consuman 30€ nestes establecementos.

Xa para rematar a programación do mes do libro 2022, o 23 de abril celebraremos o Día do Libro con descontos especiais nas librarías da Guarda e obsequiarase cunha flor(ata fin de existencias) ás persoas que realicen compras neste día. Ademais contarase de 10:30h a 13:00h cun emblema clásico dos cómics de España, “Mortadelo e Filemón”, que visitarán A Guarda para conmemorar este día facendo un percorrido pola Biblioteca Municipal, as Librarías e as principais rúas da vila.

Recorda que na Biblioteca Municipal da Guarda está habilitado un mural no que poder deixar a túa pegada con mensaxes ao longo de todo o mes de abril.

Máis actividades polo mes do libro

O venres día 22 de abril presentase ás 20:00h na Casa dos Alonso o libro sobre o Campo de Concentración de Camposancos “A Porta do inferno” de José Antonio Uris Guisantes e Víctor M. Santidrian.

O Sábado día 30 de abril ás 18:00h terá lugar na Casa dos Alonso a presentación do libro “Palabras como corpos prata” de Joaquín Cadilla. Aforo limitado e inscrición previa en [email protected].

A rede móbil de nova xeración chega a Oia

0

As operadoras de telefonía móbil Telefónica, Vodafone e Orange implantarán nas próximas semanas en Oia os seus servizos de telefonía móbil de nova xeración 4G e 5G (sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente). Para solucionar as posibles afeccións que estes cambios poidan ter sobre a TDT, as operadoras poñen a disposición da veciñanza o número de teléfono gratuíto 900 833 999.

As conexións de nova xeración permitirán aos veciños e veciñas de Oia contar con conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e tamén cunha maior extensión xeográfica. A prestación destes servizos móbiles nas bandas de 800 e 700 MHz poderá afectar á recepción do sinal de TDT dos usuarios, debido a que estas bandas eran anteriormente empregadas para o servizo da televisión.

No caso de producírense estas afectacións sobre a TDT, as operadoras teñen posto en marcha o servizo “llega700” para resolver calquera problema de xeito gratuíto. Para iso, tense habilitado o antedito número de teléfono, así como a páxina web  www.llega700.es. Ás persoas afectadas solucionaránselle as incidencias sen custo algún, co obxectivo de restablecer a recepción do sinal da TDT con total normalidade.

Nigrán abre o prazo de inscrición da XII edición da Travesía a nado Costa Serena

0

Nigrán abrirá mañá mércores o prazo de inscrición da XII edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrará o 3 de xullo en Praia América. A organización espera reunir a preto de 500 nadadores nacionais e estranxeiros, nenos e adultos, nos cinco percorridos que se disputarán.

As inscricións poderán realizarse ata o 27 de xuño ás 12:00 da mañá a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com), e o regulamento da proba está dispoñible na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es. A inscrición inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, balizado, cronometraxe electrónica por chip, avituallamiento, seguro, asistencia médica, premios, fotografía, xeado, aperitivo no Club Marítimo de Panxón e participación no sorteo de material deportivo.

Debido á crise provocada pola COVID-19, a travesía a nado tivo que adaptarse durante dous anos á situación sanitaria coa incorporación dunha serie de cambios para garantir a máxima seguridade dos participantes e cumprir cos protocolos sanitarios. Nesta edición, a proba volve ao formato previo á pandemia con saídas agrupadas e sen limitación de prazas nos distintos percorridos.

A organización da travesía, o Club deportivo Tumetapersonal e o Concello de Nigrán, renderán unha especial homenaxe ao comunicador baionés Pepe Costas, falecido o pasado ano, que foi o presentador da proba durante oito anos.

Percorridos

Durante a travesía disputaranse tres percorridos de 4.000, 2.700 e 800 metros e o neopreno será optativo. O percorrido longo consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada á altura do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata o faro de Cabezo de San Juan, bordealo e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal de Praia América e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrincará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Procura e Salvamento Ría de Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks do Club Marítimo de Panxón, pádel surf e motos acuáticas seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dous percorridos de curta distancia de carácter non competitivo para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá unha distancia de 50 metros (5 e 8 anos) e outra de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente.

Máis premios

Nos tres percorridos entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina, e nas distancias de 4.000 e 2.700 metros tamén aos tres primeiros/ as que naden sen neopreno. Na proba reina tamén se repartirán medallas aos tres primeiros clasificados/ as das 12 categorías por idades. Ademais entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello de Nigrán no momento da inscrición, ao máis novo e de máis idade de todas as probas. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla.

A zona de concentración dos nadadores será o domingo 3 de xullo nas instalacións deportivas de Dunas de Gaifar en Panxón, a partir das 09:00 horas, onde se entregarán as bolsas aos participantes. Tamén haberá repartición de dorsais o día anterior no mesmo punto en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

A travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Renault Rodosa, Gadis, Centro Comercial de A Ramallosa, Atunlo e Angel Leirós Motos. Tamén colaboran Powerade, Frutas Sol, Arena, Club Marítimo de Panxón, Froiz, Saphire, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’ s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Procura e Salvamento Ría de Vigo, Asociación Vodea, Clubnatacion.com, Waira, Kailúa, Talaso Atlántico, Rosquillas Cristaleiro, Tupana e Comunica.

O proxecto EcoYouth no Porriño colabora para a educación e a sustenibilidade

Os participantes no proxecto EcoYouth, coordinado polo Concello do Porriño e financiado con fondos da Unión Europea, foron recibidos onte na casa consistorial do Porriño pola alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Educación, Carolina González, e a concelleira Lourdes Moure.

Trátase dunha iniciativa na que participan o instituto porriñés Ribeira do Louro, a Universidade de Cabo Verde e asociacións de Portugal e Mozambique, que ten como obxectivo promover o empoderamento da mocidade na loita contra o cambio climático nos países participantes no proxecto.

As diferentes delegacións estarán no Porriño ata o venres desenvolvendo diferentes accións e actividades e seminarios dirixidos a empoderar á mocidade para facilitar a transición ecolóxica.

A primeira delas, tivo lugar esta mañá. Os participantes no proxecto visitaron as instalacións da Estación de Tratamento de Auga Potable dos Valos e a Estación Depuradora de Augas Residuais, en Guillarei.

O alcalde e a concelleira de Educación acompañáronos nesta primeira xornada onde profundizaron na xestión de residuos, a depuración e o ciclo integral da auga.

“Esta experiencia está a ser moi enriquecedora, non só para eles, tamén para nós”, afirmou o rexedor, “O coñecemento e os valores medioambientais son a base deste proxecto, pero tamén o é a convivencia que reforza sen dúbida a aprendizaxe”.

Charla coloquio sobre os dereitos sanitarios, a eutanasia e o testamento vital en Sabarís

0

Hoxe ás 19:00 horas no Multiusos Mercado de Sabarís celebrarase unha charla coloquio sobre os dereitos sanitarios, a eutanasia e o testamento vital.

O evento está presentado por Jesús Araujo, Médico representante da PDSP do Val Miñor. Intervirán Alexandra Sanmarful, Médica e Directiva dá DMD (Dereito a Morrer Dignamente) Galicia e Laura Fernández PSX e Directiva dá DMD dá DMD Galicia.

O acto está organizado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor, en colaboración co Concello de Baiona e a Asociación Dereito a Morrer Dignamente, e á que están convidadas todas as persoas que se acheguen ao lugar.

O Ciclo Mestre Mateo proxecta o documental “A virxe roxa” en Ponteareas e Redondela

O Ciclo Mestre Mateo que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra celebrará este próximo sábado a súa segunda sesión coa proxección nos concellos de Ponteareas, Poio, Redondela, Cambados e Forcarei do premiado documental “A virxe roxa”, a cinta gañadora do galardón nesta categoría. O ciclo, que busca dotar aos concellos da provincia dunha programación audiovisual estable de cinema en galego exhibirá ao longo do ano o resto das películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022, polo que amais de “A virxe roxa” tamén proxectaranse nos próximos meses os documentais “A poeta analfabeta”, “Welcome to ma maison” e “O gran Camiño” así como as longametraxes “Tres”, a premiada, e as finalistas “Cuñados”, “Jacinto” e “Malencolía”.

A proxección do documental “A virxe roxa” terá lugar ás 18 horas no Multiúsos de Soutelo de Montes de Forcarei; ás 19.30 horas no Multiúsos A Xunqueira de Redondela e ás 20 horas no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en Poio e na Sala Multiúsos do Auditorio Municipal de Ponteareas.

“A virxe roxa” leva á pantalla a historia dun suceso que conmocionou á España de 1933, o asasinato de Hildegart Rodríguez, de 18 anos, pola súa nai Aurora Rodríguez Carballeira, que lle asestou 4 disparos. Hildegart era unha nena prodixio da política, unha precoz intelectual e pioneira do feminismo en España. O filme, unha produción de Recrea Films, está dirixido por Marcos Nine, que tamén asina o guión xunto a Rocio González, e conta coas voces de Nerea Barros, Antonio Durán “Morris” e María Vázquez.

A nadadora do CN Ponteareas Sofía Carballo proclámase subcampioa de España Júnior en 100 braza

Nova rolda de éxitos para o Club Natación Ponteareas, que participou esta fin de semana no XXII Campionato de España Open Absoluto – XXXVIII Campionato de España Júnior celebrado na localidade malagueña de Torremolinos, onde os catro deportistas do equipo ponteareán amosaron un alto nivel de forma que promete unha interesante segunda parte da tempada.

No encontro, que congregou aos principais nadadores e nadadoras estatais, destacou o papel de Sofía Carballo, que se proclamou subcampioa de España Júnior en 100 braza, parando o crono na mellor marca galega da súa idade. Un logro que xa repetira a xornada anterior, onde marcaba a mellor marca galega nos 50 braza. Uns resultados na competición grazas aos que Carballo pasa a obter o recoñecemento e a formar parte do Grupo de Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN).

No aspecto individual, o resto de deportistas acadaron varias finais júnior que se saldaron con moitas das mellores marcas persoais dos nadadores e nadadoras en diversas probas. Ademais, o equipo de remudas femininas que participou no 4×100 estilos remataron en cuarta posición, con récord do club incluído.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere trasladar os seus parabéns a Sofía Carballo e a todas e todos os nadadores do club polo gran nivel amosado na competición e durante toda a tempada. “Os nosos mozos e mozas téñennos moi acostumados a acadar grandes éxitos e temos que recoñecerlles e apreciar todo o trabalo que hai detrás, toda a ilusión e todo o esforzo”, salientou.

Presentada a IV edición do Trofeo BTT XCO – Concello da Cañiza 2022

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, e o presidente do Clube Ciclista “Grupeta Pan de Zarko”, Tito Ramírez, acompañados  de Alberto Rodríguez, integrante da Directiva do Clube, presentaron onte pola tarde a IV edición deste evento deportivo que celebrarase o vindeiro sábado 23 de abril a partires das 16:00 no campo de fútbol de Augas Férreas e que é puntuable para a Copa Galicia BTT XCO 2022.

Os organizadores da proba corfirmaron, a día de onte, a inscrición de máis de 300 participantes.

Nesta IV BTT XCO – Concello da Cañiza disputaranse todas as categorías masculino e feminino de cadete, junior, sub-23, élite e máster 30-40-50-60.

O evento conta coa cooperación e a axuda da Policía Local.

Ademais, conta coa colaboración das Comunidades de Montes de Petán, Achas e A Cañiza e as aportacións da entidade bancaria ABANCA e das empresas da Cañiza SAEPLAST, Reciclaje de Plásticos A Cañiza, Galimetal SA y Sistemas de Carpintería para la Arquitectura, EFP BIOTEK, Transportes González e  Queixos Castro Xaneiro. O alcalde agradece a todos eles a súa desinteresada colaboración.

A Guarda organiza esta semana tres charlas informativas sobre a factura da luz

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, organiza esta semana tres charlas informativas sobre a factura da luz e consellos para o aforro enerxético en fogares e empresas do municipio.

Contarase nestas charlas cos poñentes David Portela Andura, Enxeñeiro Industrial en Electricidade e Santiago González Veiga, Avogado Especialista no sector eléctrico, que serán os encargados de trasladar aos asistentes consellos sobre aforro enerxético, enerxías renovables e informacións de interese sobre a comprensión das facturas da luz, franxas horarias de consumo, prezo da potencia contratada, reclamacións, entre outras.

A primeira charla terá lugar o mércores 20 de abril ás 19:00h no Centro Social de Salcidos, a segunda terá lugar o xoves 21 de abril ás 19:00h na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos e a última o mesmo xoves ás 20:30h no Local da Asociación de Veciños O Percamino da Gándara .

En palabras de Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, “sabemos que o prezo da enerxía, en concreto da electricidade, está afectando moito á economía das familias e queremos que os veciños e veciñas coñezan mellor o funcionamento da factura eléctrica e as posibilidades de abaratar o recibo da luz.” O Concello está a poñer en marcha estas charlas informativas encamiñadas a minimizar o impacto do custo da enerxía na economía, tanto municipal doma doméstica, así, en breves, lanzará o “Plan Rehabita” de rehabilitación de vivendas particulares e as comunidades enerxéticas, que teñen coma obxectivo o aproveitamento das enerxías renovables no ámbito doméstico ou no ámbito particular.

O CEIP Ramiro Sabell e o CPR La Inmaculada, gañadores do Campionato Zonal Escolar de Bádminton de Ponteareas

Grande éxito do Campionato Zonal Escolar sub-13 de bádminton, unha competición na que colabora o Concello de Ponteareas e que supón o colofón final a unha nova edición das xornadas deportivas escolares 2022 postas en marcha entre o Club Bádminton Ponteareas e a Asociación de Profesores de Educación Física da Zona Condado-Paradanta, Adecompar.

Tras dous anos de parón pola situación sanitaria, máis de 70 deportistas de 10 centros educativos competiron en case 250 partidos que encheron de bádminton o pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino. O CEIP Ramiro Sabell proclamouse como centro escolar campión na categoría feminina, mentres que o CPR La Inmaculada fíxoo na masculina. En competición individual, na categoría feminina Vera Rodríguez rematou no primeiro posto, seguida de Alba Fernández (prata) e Marta Castillo e Xulia Lorenzo (bronce). Pola súa banda, na masculina o ouro foi para Yoel Diz, mentres que Nicolás Otero quedou segundo e Álex Martínez e Diego Martínez remataron en terceiro posto. 

O Concello quere transmitir os seus parabéns a todas e todos os participantes “nesta festa do bádminton escolar con tantos partidos en xogo” e louvar a grande actitude de todos os nenos e nenas do torneo, “que fixeron unha grande exhibición de deportividade, compañeirismo, traballo en equipo, esforzo e xenerosidade”, como recalca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. Tamén quixo agradecer a todas as persoas que acompañaron aos nenos e nenas e que estiveron case cinco horas de competición animando e amosando o seu apoio, así como ao Club Bádminton Ponteareas polo traballo realizado para levar a cabo este proxecto.

Nas xornadas e na competición participou alumnado de primaria do CEIP Feliciano Barrera, CEIP Santiago Apóstol, CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Ramiro Sabell, CEIP Antonio Blanco, CPI de Mondariz, CEIP Infante Felipe, CPR La Inmaculada, CEIP Santiago de Oliveira e CEIP de Leirado.

O Concello de Nigrán suma no seu núcleo urbano un local social para os maiores

0

O Concello de Nigrán dispón xa do primeiro local destinado ao ocio dos maiores no corazón do núcleo urbano, ao carón do Consistorio, tal e como demandaban na zona. Este novo espazo xurde tras investir o Concello 110.064 € (a través do Plan Concellos 2020 da Deputación) na transformación das antigas casas dos mestres de Vilameán nun lugar para a convivencia comunitaria. O goberno local cumpre así co comprometido no 2019 cun nutrido grupo de veciñas que botaban en falta nesta zona un espazo público autoxestionado onde poder socializar.

“Estamos moi satisfeitos do resultado porque, ademais, contribúe a completar a humanización da contorna da Casa do Concello atendendo ás necesidades especiais dos nosos maiores”, sinala o alcalde, Juan González. Así, o propio proxecto foi redactado tras manter o arquitecto e o rexedor diversos encontros con este grupo de mulleres. “O requerimento fundamental era dispor dun lugar adaptado e confortable destinado á convivencia e onde, ao mesmo tempo, se poidan manter reunións, consultar a prensa ou internet e realizar actividades”, resume González, quen destaca a “boísima impresión” que lle causou o resultado da reforma ás futuras usuarias.

Paralelamente, este novo lugar de convivencia avanza substancialmente cara a humanización completa de toda a contorna da Casa Consistorial, onde anteriormente o goberno local creou un itinerario peonil seguro pensando especialmente nos alumnos do CEIP Humberto Juanes. “Queremos que todo o centro de Nigrán sexa un lugar de encontro da veciñanza e camiñamos neste sentido, neste núcleo dispomos da Praza do Concello como lugar público de convivencia e agora sumamos este local que, ademais, está ao carón dun centro educativo, sendo dous usos que nos gusta especialmente que convivan”, sinala González, quen incide en que estará “autoxestionado polos propios usuarios”. “Se desexan que organicemos desde o Concello algún curso ou obradoiro por suposto que o faremos, pero o que nos trasladaron é que principalmente desexan ter un lugar onde sentarse a conversar, entretese con xogos de mesa ou compartir coñecementos”

O volume orixinal do edificio non se modificou, tan só se melloraron os acabados renovando a cuberta e limpando as fachadas, polo que a súa relación coa contorna se mantén exactamente igual. O obxectivo paralelo foi por en valor a pranta orixinal, moi desvirtuada por sucesivas reformas e que agora volver a responder á tipoloxía de ‘Casas dos mestres’ dispersas por toda a comarca do Val Miñor. Isto último implicou demoler a totalidade da tabiquería interior para crear espazos diáfanos (o esquema que sempre se repite nestas construcións é un único volume de pranta baixa con aulario adosado á vivenda e, usualmente e como é o caso, articulado por un patio de acceso). A nova tabiquería conta con acabados en madeira, carpinterías e mobiliario facilmente desmontable.

A parte norte do edificio dispón de aseos adaptados e unha sala de reunións, mantendo os ocos na fachada para conservar esa iluminación natural que. A parte sur sirve para un uso máis polivalente, cun espazo visualmente aberto que ten mesas redondas, zona de consulta de prensa ou internet e/ou de descanso informal con sofás. Adicionalmente, recuperouse o patio interior cuberto como zona de acceso e comunicación entre ambos lados e, ademais, pon en valor a estrutura de vigas de formigón orixinal ao limparse os seus revestimentos para deixalas á vista no interior (o resto dos acabados son en branco agás os servizos, que se revisten con panelados en madeira de roble).

SmartPeme imparte esta semana cinco obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións tratarán temas como as ventas e posicionamento web, a creación de un blog turísitco, os infoprodutos e a ciberseguiridade.

Este martes 19 será Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais quen imparta un obradoiro sobre “CRO: Como mellorar as ventas da túa web”, un taller para coñecer o CRO e analizalo para transformar as visitas da nosa web en clientes. Pola tarde María Aller, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas amosará como manexar cada unha das ferramentas de Search Console para optimizar  unha páxina web no curso “Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console”.

O mércores 20, SmartPeme ofrecerá dous novos  talleres: o primeiro será “Como crear o teu blog turístico” da man de Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo pola USC, no que ensinará como impulsar un negocio turístico gracias á creación dun blog dentro da web. O segundo “Infoprodutos II: Deseña un lead magnet para aumentar os teus subscitores”. Fátima Faílde, con posgrao en Comunicación e Industrias Creativas, complementará o curso da semana anterior explicando como aumentar os contactos dunha base de datos a través dos “lead magnet”. Finalmente, o xoves 21 o Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, Manuel Freire, impartirá “Ciberseguiridade, contramedidas básicas I” un taller co que se pretende concienciar ós usuarios dos posibles riscos de internet e amosar unha serie de medidas de protección para navegar pola rede de forma máis segura.

O Museo aumenta o tirón de público e rexistra a mellor cifra de visitantes nos últimos sete anos

O Museo de Pontevedra segue a aumentar o seu tirón e continúa a mellorar as cifras de visitantes de anos anteriores. As últimas estatísticas revelan que a institución vén de rexistrar neste 2022 o mellor dato de público no primeiro trimestre de entre os últimos sete exercicios: preto de 16.000 persoas coñeceron algún dos edificios abertos á cidadanía entre xaneiro e marzo.

O número de visitas vai ‘in crescendo’ tanto nas visitas individuais como colectivas. No apartado de visitas non concertadas e realizadas por familias, parellas ou de maneira singular, rexistráronse 7.009 persoas que pasaron polas instalacións expositivas (Edificio Castelao e Sarmiento), de investigación e administrativas, ou patrimoniais (Ruínas de San Domingos –só dende o 15 de marzo). Cabe destacar a boa cifra rexistrada no mes de xaneiro deste 2022, que superou amplamente as 4.000 persoas, situándose en datos de record que igualan cifras de 2013. No mes de marzo recibíronse 1.637 persoas e en febreiro 1.299.

O dato xeral, incluíndo os grupos, é o máis destacable dos bos números do primeiro trimestre, xa que as cifras son exponenciais con respecto a 2021, cando o Museo tivo que estar pechado por mor da pandemia. Entón apenas rexistrara 3.565 visitas (750 en xaneiro, 197 en febreiro e 2.618 en marzo), se ben entre xaneiro e marzo deste ano pasou polas instalacións case cinco veces máis público, 15.498 persoas (5.180 en xaneiro, 2.932 en febreiro e 7.386 en marzo).

Segundo explica o director Xosé Manuel Rey, as visitas volveron “renacer” pola reactivación das excursións escolares para coñecer as salas do Museo, tanto a súa colección permanente como as coleccións temporais, e tamén a participación en actividades organizadas polo departamento de Educación. Esta afluencia segue, posto que xa fóra do cómputo do primeiro trimestre, na primeira semana de abril, máis de 400 estudantes de Educación Primaria, ESO e Bacharelato de Ferrol, Salcedo, Pontevedra, Redondela ou  Nigrán participaron nas visitas didácticas incluídas no programa educativo co que se busca que a rapazada aprenda e valore a historia, a arte e a cultura. De seguir con estes números o peche do ano será histórico para o Museo: se o exercicio pasado se acadaran máis de 126.000 visitas aínda sen as visitas escolares en todo o ano, neste 2022 poderán acadarse os 150.000 das mellores épocas, sobre todo ante unha expectativa moi alta para os meses de verán.

Catro estreas na XII Semana do Teatro Amador, un clásico nas festas de San Telmo

0

Os grupos de teatro San Fins de Rebordáns, Aloia de Pazos de Reis, Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui, e Chirlomirlo de Randufe serán este ano os protagonistas da XII Semana do Teatro Amador que se vai celebrar do martes 19 ao venres 22 de abril no Teatro Municipal de Tui.

Tras dous anos do parón, debido á pandemia, este ano volve esta actividade que pon en valor o traballo dos grupos de teatro afeccionado que hai no municipio e faino con catro estreas. As entradas poden mercarse xa en www.tui.gal ao prezo de 2€, tamén cada xornada ás 20 h no despacho de billetes, poranse á venda 100 entradas para a función do día.

Na presentación desta actividade o alcalde, Enrique Cabaleiro, amosouse “inmensamente feliz por poder volver presentar esta Semana de Teatro Amador” destacando coma esta proposta de teatro amador forma parte da axenda cultural tudense e é “unha icona da programación das propias festas, que dificilmente se entenderían sen este elemento, que é un expoñente da nosa cultura, da cultura que se fai no rural, e que ten moitísimo valor non so no ámbito cultural senón tamén no social”.

Enrique Cabaleiro transmitiu ao grupos participantes “a gratitude desta institución porque se noutras circunstancias é difícil facer teatro, e facer cultura no mundo rural, o é moito máis nestes momentos”. Engadía que é “moi meritorio que despois de dous anos tremendamente complicados tiverades a valentía de sacar adiante unha obra, e trasladala agora para que todos poidamos disfrutar dela”. E conclúa indicando que esta é “unha magnífica oportunidade para achegarse ao teatro”.

Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicaba que “é un pracer volver a ter ao teatro amador dentro das festas de San Telmo” xa que a programación non se entendería sen este evento que representan tanto estes festexos como “as orquestras, as bandas de música e a nosa cultura e a nosa tradición”, recoñecemento “inmenso traballo que fan estes centros culturais”. Engadía que “para nós é un orgullo nas nosas festas telos no Teatro Municipal e que poidamos disfrutar desa aficción inmensa que teñen polo teatro”

Na presentación participaban Juana Dávila e Conchi Pereira do grupos de teatro San Fins de Rebordáns; Yeray Vergara e Secundino Domíguez de Aloia de Pazos de Reis; Maximino Fernández e Miguez Pérez de Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui; e Carlos Alfaya e Alberto Sánchez de Chirlomirlo de Randufe.

Os encargados de abrir esta programación teatral, o martes 19 ás 21 h, serán os integrantes do grupo de teatro San Fins da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns coa estrea de “Milagre no convento de Santa María Juana” de Jean Pierre Martínez. Baixo a dirección de Laura Villaverde dez actores e actrices porán en escena esta comedia que transcorre “nun convento orixinal” no que “ocorren cousas raras e divertidas” coma explicaban hoxe.

O mércores 20, tamén ás 21 h, será a quenda do grupo de teatro Aloia da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis que estreará “Spot”, unha comedia que recolle unha serie de sketches cómicos e satíricos sobre a influencia da publicidade nas nosas vidas. Once actores e actrices dan a vida a esta obra de Carles Alberola e Roberto García dirixida por Bego Míguez.

“As vacacións da duquesa” é o título da obra que estreará o xoves 21, ás 21 h, o grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui. O elenco, dirixido por Miguel Ángel Pérez Blanco está formado por oito persoas. Este sainete escrito por Raimundo Francés comeza cando a duquesa plantexa a súa familia onde ir de vacacións, e os problemas que xorden xa que non ten cartos.

Os encargados de pechar esta XII Semana de Teatro Afeccionado será o grupo de teatro Chrilomirlo da Asociación Cultural Xuntanza o venres, 22 de abril, ás 21 h. Baixo a dirección de Areta Bolado van estrear “O enfermo imaxinario” de Moliere. Doces actores e actrices darán vida a esta comedia “levada ao noso terreo” coma indicaban esta mañá dende o grupo de teatro Chirlomirlo que destacaban coma levan 65 anos facendo teatro en Randufe.

Todos os grupos presentes recoñecían as dificultades derivadas da pandemia para seguir coa actividade do grupo de teatro e poder montar as obras que agora estrearan con toda ilusión.   

A Coral O Son dos Cantares organiza o seu XIII Concerto de Corais

0

O Centro Dotacional de Torrosoacollerá o vindeiro domingo,  24 de abril ás 17.00 horas do serán, o XIII Concerto de Corais O Son dos Cantares.

Ademáis da anfitriona coral mosense, O Son dos Cantares, actuarán: o Coro Vales Mahía de  (Silleda – Pontevedra), a Coral Polifónica de Campo Lameiro (Campo Lameiro – Pontevedra), a Coral Santa Eulalia de Donas (Gondomar – Pontevedra) e a  Coral Amigos da Música (Verín – Ourense).

A entrada será libre e de balde ata completar o aforo. O concerto será unha gran oportunidade para todos amantes do canto coral, que poderán gozar dunha agradable tarde amenizada musicalmente por grandes agrupacións corais galegas.

A Xunta convoca para maio e xuño aos propietarios das parcelas afectadas polas obras da PO-403

A Xunta investirá preto de 600.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria para intervir no treito de concentración de accidentes da estrada PO-403, no concello de Ponteareas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución pola que se convoca para maio e xuño os propietarios dos terreos necesarios para executar esta actuación.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 12 de maio, das 10:00 ás 10:10 horas, no salón de plenos do Concello de Ponteareas. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 23 de xuño, á mesma hora e no mesmo lugar. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3rn6FrA .

Intervirase nun tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.

Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación dos treitos  de concentración de accidentes na rede viaria autonómica e as obras xa foron adxudicadas. O obxectivo é desenvolver esta actuación durante este ano, xa que contan cun prazo de execución de 8 meses.

As obras consistirán na mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Na intervención prevese a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente en condicións de visibilidade.

Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas proximidades ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Nos traballos se inclúe a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

Nesta actuación incorporáronse as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúen a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. A intervención atende, ademais, a solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

Tamén se actuará na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.

A unidade móbil de “Coidados porta a porta” estará en Oia do 25 ao 28 de abril

0

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” que a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha visitará Oia este mes de abril, ofrecendo consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación de memoria. O vehículo situarase na explanada do campo de fútbol de Oia os días 25, 26, 27 e 28 deste mes.

Este servizo gratuíto está dirixido a persoas maiores de 55 anos. Funciona con cita previa, que pode solicitarse chamando ao teléfono 622.748.283 ou ben a través do correo electrónico [email protected]. A inscrición previa tamén pode facerse no teléfono do Concello de Oia: 986 36 21 25.

Ademais, o día 25 ás 12.30 horas haberá unha charla na Casa Consistorial na que se explicará en que consiste a iniciativa e se poderán consultar dúbidas.

O programa “Coidados porta a porta” inclúe tres tipos diferentes de servizos: podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Cada sesión concertada pode ter unha duración de ata 45 minutos. Segundo a especializade, as actuacións serán as seguintes:

-Servizo de podoloxía con consulta básica, onde se fará unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas e se procederá a eliminación de durezas, calos e helomas.

-Servizo de audioloxía, no que se fará unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.

-Servizo de estimulación da memoria, cun profesional que realizará una valoración cognitiva e proporcionará pautas para previr e minorar posibles deterioros.

Este programa sociosanitario achega servizos asistenciais a maiores que viven no rural co obxectivo de previr a dependencia e percorre os distintos concellos de Galicia para que as persoas usuarias poidan permanecer coidadas na súa contorna. En total, 8 autobuses visitarán máis de 300 localidades e permanecerán entre 3 e 4 días en cada municipio, atendendo con cita previa.

Mos repite programa de andainas medioambientais duplicando saídas

0

Tras o medio milleiro de participantes que fixeron as andainas medioambientais do Concello de Mos o ano pasado, a concellería de Medio Ambiente Sostible que dirixe o edil Leo Costas organiza un novo programa de andainas co que se prevé superar os 500 camiñantes da pasada edición.

O ano pasado organizáronse un total de 5 andainas, cifra que se duplica nesta ocasión, na que se realizarán un total de 10, unha por parroquia; de xeito que se farán camiñatas por Cela, Dornelas, Guizán, Louredo, Mos, Pereiras, Petelos, Tameiga, Torroso e Sanguiñeda.

O concelleiro Costas informou de que desde a administración local estase deseñando o percorrido das andainas en colaboración con diferentes colectivos parroquiais e xa se atopan definidas as características comúns que compartirán as 10 andainas.

Todas terán un percorrido cunha lonxitude mínima de 6 quilómetros e máxima de 9 quilómetros. Ningunha delas poderá ter máis dun 20% do traxecto que transcorra por asfalto. Fomentarase o paso por zonas máis descoñecidas para a veciñanza como poden ser sendeiros de regadío, carreiros, pistas, etc. Toda aportación e idea dos diferentes colectivos colaboradores será benvida.

A novidade deste ano é que ao inscribirse (a inscrición atópase xa aberta), os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa das andainas 2022 coa listaxe das 10 camiñatas coas 10 parroquias polas que transcorren. Xunto coa inscrición, que as persoas interesadas deben formalizar a través da Sede Electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral Municipal, teñen que indicar a súa talla para a camiseta. A participación neste programa é totalmente libre e de balde, e poden acudir membros de toda a familia, tamén cans se son sociables.

Todas as persoas inscritas entrarán ademais a formar parte dun sorteo dun premio a consumir na hostalería local, nun negocio hostaleiro mosense.

As andainas celebraranse durante os meses de maio a outubro, os domingos en horario de 10 a 13 horas da mañá.

Os asistentes contarán con auga para beber durante o traxecto e vixianza e acompañamento por parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos.

Este programa de andainas trátase dunha iniciativa que persegue o obxectivo de promover un lecer de goce do patrimonio natural local mosense, así como de concienciación medioambiental. Ocio pro medio ambiente.

O Concello da Cañiza recorda a obriga de mantes as parcelas limpas

0

Cumprindo co disposto no Convenio de Adhesión en materia de prevención de incendios forestais, durante este último mes dende o Concello se enviaron máis de 550 dilixencias de notificacións aos titulares de propiedades nas parroquias de Petán, Couto, Luneda, Franqueira e A Cañiza para recordar esta obriga. Os titulares das parcelas afectadas nas parroquias de Achas, Parada, Oroso e Valeixe (consideradas priorizadas) xa foron informados nunha primeira fase.

Ademáis o pasado 29 de marzo de 2022 publicouse o Anuncio de notificación aos titulares descoñecidos do requerimiento para lembrar esta obriga. Un total de 1831 parcelas. A documentación permanece nas Oficinas Xerais do Concello para consultar os expedientes.

As notificacións a descoñecidos realízanse de conformidade co disposto no artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ao non poder determinarse a identidade da persoa titular, ou se ignora o lugar de notificación. A través deste anuncio comunícaselles ás persoas responsables a súa obriga legal de xestión da biomasa e de retirada das especies arbóreas prohibidas nas parcelas que se describen, imposta polo artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Con carácter xeral, os titulares das parcelas deberán limpar voluntariamente e xestionar os restos vexetais. En caso de non facelo o Concello pode proceder á execución subsidiaria repercutindo os costes ao propietario ademáis de poder instruir un procedemento de sanción. Ademáis, as persoas titulares dos terreos ou dos dereitos de aproveitamento terán a obriga legal de facilitar o acceso necesario para a realización dos traballos de xestión de biomasa e de retirada das especies arbóreas.

Estas condicións están establecidas no artigo 22.2 da precitada Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Arranca o III Ciclo Aida Fernández Ríos da Deputación

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias poñen en marcha a terceira edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que ten por obxectivo achegarao gran público a importancia da ciencia con charlas dirixidas a todos os públicos sobre temas de actualidade nos que o coñecemento xoga un papel fundamental.

O ciclo xurdiu no ano 2020 en homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015, co propósito xeral de difundir a ciencia e a tecnoloxía. O presidente da RAGC, Juan Lema, manifestou o seu “agradecemento á Deputación de Pontevedra, en particular á súa presidenta, Carmela Silva, pola súa implicación persoal a prol da divulgación científica, colaborando coa Academia como axentes activos. “Iniciamos este terceiro ano con moita ilusión, buscando temas con impacto social e seleccionando aos mellores expertos e expertas en cada un dos temas, moi satisfeitos ademais polo impacto e a participación da cidadanía no ciclo”. Pola súa banda, a presidenta provincial subliñou “a importancia que cada día máis temos que darlle á ciencia” e agradeceu a colaboración da Real Academia “nun Ciclo que só nos está a dar satisfaccións, tanto polos temas que se están a abordar como pola repercusión que estamos a encontrar na opinión pública”.

Este 2022 serán oito os relatorios incluídos no ciclo entre o 3 de maio e o 9 de xuño, que protagonizarán cinco recoñecidas expertas e tres expertos da investigación e da universidade, que afondarán en temas diversos, como as investigacións sobre a enfermidade de alzhéimer, a tecnoloxía farmacéutica, a intelixencia artificial ou os movementos sísmicos en Galicia entre outros.

As charlas, que se complementarán nos vindeiros meses con outras a desenvolver en institutos de secundaria da provincia, terán todas formato webinario a excepción da inaugural, que será telemática e presencial no salón de plenos do Pazo Provincial (todas ás 19 horas)  e as persoas interesadas poderán inscribirse desde este martes 12 de abril a través do formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal).

O programa

O ciclo ábrese o 3 de maio cunha dobre sesión, na que Carlos Spuch, investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur abordará “A enfermidade de alzhéimer. Estamos preto de tratar esta enfermidade?”. De seguido, a investigadora do Programa Beatriz Galindo, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña, Vanessa Valdiglesias, falará sobre os “Biomarcadores para a identificación precoz da fraxilidade asociada ao envellecemento”.

“A tecnoloxía farmacéutica na era da medicina personalizada” centrará a segunda das charlas, que terá lugar o 5 de maio e estará impartida por Carmen Álvarez, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e académica electa da RAGC.  

Posteriormente, o 12 de maio será a quenda da catedrática de Análise Económica da Universidade de Santiago e académica electa da RAGC María Loureiro quepronunciará unha charla sobre “A cidadanía ante o cambio climático: aspectos socioeconómicos”, e o día 19 o catedrático emérito da Área de Xeodinámica Externa da Universidade da Coruña e académico da RAGC Juan Ramón Vidal abordará “Os movementos sísmicos en Galicia: por que se producen e cal é o maior perigo que podemos esperar deles”.

No mes de xuño celebraranse outra sesión dobre o día 2, na que María José Carreira, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago falará sobre “Intelixencia artificial e imaxe médica”. A continuación, José Pazos Arias, catedrático no Departamento de Enxeñería Telemática da Universidade de Vigo e académico da RAGC , o fará sobre “Os sistemas recomendadores, combatendo a saturación de información”.

O ciclo finalizará o 9 de xuño coa intervención de Herminia Domínguez, catedrática de Enxeñería Química da Universidade de Vigo, que pronunciará unha conferencia sobre “Antioxidantes naturais: obtención e aplicacións tecnolóxicas”. Ás persoas que asistan ao ciclo entregaráselles un certificado de participación.

O ciclo tamén fomenta as vocacións científicas nos centros de ensino

O ciclo consta dun segundo bloque de actividades no que se celebrarán cinco conferencias en institutos de Secundaria e Bacharelato, entre os meses de setembro e decembro deste ano. Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, que abordarán temas moi atractivos para os rapaces como o papel do ADN na resolución de problemas xudiciais, o valor das Matemáticas na sociedade actual, a transformación da auga residual nun recurso, a ciberseguridade e a importancia dos hackers, así como a relevancia das microalgas.