Xoves, 12 Xuño de 2025

Voltan as visitas guiadas de verán e “Xoves no camiño” a Baiona

0

O Concello de Baiona aposta por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas coas que reactivar o sector turístico tras a Covid-19.

Deste xeito, a Concellería de Turismo volva retomar a oferta de visitas guiadas durante o verán que tan boa acollida ten na Vila. A cidadanía de Baiona e as persoas visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural do municipio acompañados por unha guía oficial os martes e sábados desde o próximo 5 de xullo ata o 31 de agosto. O punto de encontro para a saída será o exterior da oficina de turismo de Baiona (entrada ao Parador).

Durante os sábados do mes de setembro tamén se ofertarán estas visitas guiadas gratuítas.

As visitas son gratuítas e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico: [email protected], ou por teléfono no 986 68 70 67.

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia, acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento Atopo Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, cun percorrido polo Centro histórico finalizando no paseo marítimo.

“Xoves non Camiño”

Tamén regresa á axenda baionesa a iniciativa “Xoves non Camiño”, o programa posto en marcha para dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa polo municipio.
O primeiro roteiro comezará o vindeiro xoves, 14 de xullo. Así, todos os xoves desde esa data e ata o 25 de agosto, baioneses e visitantes poderán gozar deste roteiro. O punto de partida será a oficina de turismo ás 10:00h. O percorrido será en dirección á Praza de Santa Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, cale Conde e O Burgo, a praza Vitoria Cadaval de Sabarís, finalizando o traxecto na Igrexa de Santa Cristina.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. Os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre. A duración aproximada do roteiro é de 2 horas e 30 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros. A dificultade do traxecto é baixa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar. As prazas son limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67).

Esta iniciativa gratuíta xorde para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa, noveno roteiro de peregrinación declarada oficial hai dous anos, ao seu paso por Baiona.

‘San Simón, a Illa’, unha ruta en kaiak para coñecer a enseada dende unha perspectiva diferente

0

A Concellería de Turismo do Concello de Redondela, que xestiona María Castro, vén de poñer en coñecemento de todos os interesados e interesadas que aínda quedan prazas baleiras para ‘San Simón, a Illa’ que propón unha visita a este emblemático lugar e á enseada na que se enclava, dende unha perspectiva diferente como é a dunha ruta en kaiak.

A actividade, para dar cabida a todas as persoas interesadas, se desenvolverá en tres quendas: 2, 16 e 30 de xullo, estando limitadas as prazas para cada unha delas a 20 participantes. Trátase, explica a alcaldesa Digna Rivas, “dunha actividade recomendada para toda a familia e que permitirá, non só coñecer a Illa de San Simón, senón tamén gozar do percorrido en kaiak ata a mesma por un dos lugares máis fermosos das rías baixas como é a enseada de San Simón”.

A saída, nas tres quendas, será ás 10 horas dende o museo Meirande e a idade mínima dos e das participantes será de 4 anos, se ben deberán ir acompañados da nai, pai ou titores; asi mesmo, os e as menores de 14 anos deberán levar a correspondente autorización.

O prezo será de 15 euros e para reservar prazas ou obter máis información, as interesadas e interesados poden dirixirse ao teléfono 986 40 17 13 ou ao enderezo de correo electrónico [email protected].

Digna Rivas subliñou o traballo que, dende a Concellería de Turismo, se está a realizar para dar a coñecer “tanto a visitantes como a propia veciñanza, aqueles enclaves de interese natural, histórico ou cultural que en Redondela, afortunadamente, son abundantes”. Dentro destas iniciativas a rexedora local puxo como exemplo a serie de rutas guiadas “que permiten percorrer distintos puntos do municipio e que poñen en valor o potencial que temos en materia turística e ambiental”.

Do venres 1 de xullo ao 4 de setembro abrirá as súas portas a piscina pública municipal de Covelo

0

O Concello de Covelo informa á cidadanía da apertura da pisicina pública municipal que a partir do venres día 1 de xullo e ata o 4 de setembro permanecerá aberta en horario continuo dende as 12 horas ata as 20 horas de luns a venres.

Para obter máis información poden premer en apertura piscina municipal.

O concello lembra que as clases de ximnasia de mantemento para adultos e as de natación para nenos, nenas e adultos serán totalmente de balde previa inscrición nas propias instalacións ou na biblioteca pública municipal.

Para as persoas amantes da natación e do baño ao aire libre no concello de Covelo tamén poden atopar a praia de Maceira que, un ano máis, obtén a calificación de excelente na súa auga. Ademais, a praia de Maceira volverá estrear tempada estival como “Praia sen fume” co obxectivo de protexer ás persoas dos prexuízos que ten para a saúde o fume do tabaco. Esta medida contribúe tamén na redución do consumo desta substancia.

O goberno de Covelo segue apostando pola promoción de hábitos de vida saudable, o respeto ao medio ambiente e a oferta de espazos públicos de calidade, de acordo cos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A praia de Maceira é un espazo de lecer de máis de catro hectáreas e media. Esta praia é un dos principais atractivos turísticos do concello sendo un dos espazos máis visitados. A praia fluvial, unha ampla zona verde para o descanso, mesas e asadores, aseos públicos, un cámping, restaurante no que gozar da boa gastronomía local, quiosco, área lúdica e deportiva e aluguer de xogos acuáticos son algúns dos servizos que se poden atopar.

O río Tea nace na serra do Suído, no concello de Covelo, e desemboca no Baixo Miño, no concello de Salvaterra de Miño. No seu camiño, pasa polos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario e Ponteareas.

No concello de Covelo, o río aínda se atopa no seu tramo medio-alto e as augas son cristalinas e ben osixenadas. O río Tea é especial porque é un dos ríos mellor conservados do sur de Galicia en canto ás súas augas, ás súas ribeiras e á súa continuidade. Como hábitat acuático, sostén unha das comunidades de peixes máis diversas de Galicia, http://www.concellodecovelo.es/integra/?sec=rio_tea.

O Porriño recupera os seus xogos olímpicos, volve Porrigalia

O Porriño volve transformarse en sede dos xogos olímpicos que reúnen ás principais civilizacións. Galos, castrexos, exipcios, romanos e gregos loitarán esta fin de semana impoñerse nos VI XOGOS OLÍMPICOS DO PORRIÑO. PORRIGALIA 22.  

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Cultura e Comercio, Bienvenido Estévez e Antía Carrera, respectivamente, o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño AHOSPOR, José Manuel Fernández e representantes de ANPAS, asociacións e clubs participantes na organización, presentaron esta mañá a programación do que sen dúbida é o evento do verán.

Porque Porrigalia vai moito máis alá duns xogos olímpicos, aunando o deporte con música, actividades infantís, gastronomía e espectáculos para todos os públicos.

“Se había unha actividade que creo merece a pena recuperar é Porrigalia, e así facíamo saber a veciñanza”, afirmou o alcalde, “Porque non só é festa, deporte e convivencia, senón tamén un verdadeiro revulsivo para a hostalería e o comercio local. Son días de divertirse, compartir e dinamizar a vila”. O alcalde quixo agradecer a implicación do tecido asociativo, hostaleiros, clubs deportivos e anpas que se volcaron nesta festa. “Sen eles non sería posible, Porrigalia é unha festa de todos e para todos”, concluíu.

Un agradecemento ao que se sumou o concelleiro de Cultura animando á xente a “divertirse,  gozar e vivir a fondo estes días no Porriño”.

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros quixo poñer en valor a iniciativa e o que supón para hostalería local. “Son 25 os locais que participarán da programación, transformándose para a ocasión”, explicou, “Recuperar Porrigalia para nós é moi importante, é o mellor evento de ocio e neste momento é moi necesario”.

Negocios e hotalería obrigados por lei a separar os seus biorresiduos

Dende mañá 30 de xuño é obrigatorio por lei e sen excepcións que calquera tipo de negocio, especialmente hostalería e produtores singulares, separen os residuos orgánicos – restos de comida e vexetais- que producen como consecuencia da súa actividade. Así o informou hoxe o vicepresidente da Deputación César Mosquera, quen anunciou que a institución provincial realizará unha campaña divulgativa para dar a coñecer todas as novas obrigas da lei 7/2022 que, ao seu entender, supoñen “unha auténtica e verdadeira revolución” na organización, xestión e tratamento dos residuos.

Segundo Mosquera hai catro cuestións xerais e novidosas que marca a nova lei e que “é preciso que se asuman canto antes”. A primeira é que toda institución, negocio, comercio ou industria que xere residuos pasa a ser responsable deles e debe acreditar documentalmente a súa correcta xestión. É dicir, que os produtores singulares, teñan ou non facilidades para tratar os seus residuos por parte dos concellos, deben encargarse eles mesmos de cumprir coas obrigas de separación e responder ante posibles inspeccións.

A segunda das novidades é que a lei prohibe expresamente que todo aquel residuo que se poida aproveitar ou reutilizar vaia a un vertedoiro ou a incinerar. Como terceiro punto está a prohibición das queimas agrarias, xa que os residuos silvícolas débense achegar como material para a terra, a compostaxe, ou a xeración de biogás.

Finalmente, o cuarto punto salientable e de consecuencias máis inmediatas é que mañá 30 de xuño de 2022 pasará a ser obrigatorio para todo tipo de negocios, comercios e industrias a separación tanto dos biorresiduos como dos aceites usados sen excepcións. A a nova lei recolle a obriga de que Xunta e concellos realicen inspeccións e sancionen con elevadas multas. “As sancións pode que non sexan rápidas, pero están aí e poden supoñer ‘puros’ monumentais”, afirmou Mosquera.

O vicepresidente tamén quixo aclarar que o requirimento a negocios e hostalería non está relacionado co tamaño e poboación dos concellos: “non hai excepcións nin máis prazo para os xeradores singulares, teñen que separar xa os biorresiduos porque xa se incumpriu o prazo de 2020”, insistiu.

No caso dos domicilios, Mosquera salientou que a cidadanía tamén ten a obriga de separar nos concellos que xa dispoñan dun sistema de recollida ou separación de biorresiduos como o que marca a normativa: xa ben composteiros individuais, comunitarios ou colectores marróns. “Non podemos esixir a unha persoa que separe na súa casa se despois non ten onde depositar as fraccións que separou”, subliñou.

En calquera caso, o nacionalista salientou que a nova lei establece que mañá tamén é a data límite para que os municipios de máis de 5.000 habitantes recollan de maneira separada as fraccións actuais e tamén -e sobre todo- a fracción orgánica domiciliaria. Neste sentido instou ás institucións  locais a dar un salto adiante e a poñerse ao día, xa que a meirande parte dos municipios da provincia están moi lonxe de cumprir.

“Temos que cambiar o chip e deixar o que estamos a facer cos residuos. Hai que separar, non podemos coller todos os residuos e metelos nun lote porque iso crea grandes problemas dos que a xente non é consciente: non é un modelo sostible no tempo”, afirmou.

No caso da provincia de Pontevedra, Mosquera explicou que nos Concellos Revitaliza nos que está despregado o sistema baseado na compostaxe (Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove, Tomiño, Valga e a Illa de Arousa), este ano poderase cumprir a normativa porque teñen moito traballo avanzado e a cidadanía está a “respostar moi ben”. 

O resto de municipios deberán avanzar “a bo ritmo” para poder reconverter a situación aínda estando fóra de prazo. A Deputación, subliñou o nacionalista, tenderá a man a todos os que queiran “en serio” cumprir os obxectivos de reciclaxe e o resto da lei: haberá asistencia técnica provincial, axudas económicas e subvencións e incluso crearase un corpo provincial de inspección.

Para que todas as novidades da nova normativa cheguen á cidadanía, concellos e negocios a Deputación vén de poñer en marcha unha campaña divulgativa e de comunicación en radio, prensa, redes sociais, mobiliario urbano (mupis) e transporte público na que se explica a obrigatoriedade da separación dos biorresiduos. “Imos bastante tarde para cumprir. A campaña é unha necesidade”, finalizou o vicepresidente.

Esta fin de semana cociña en directo na Mostra de Produtos de Covelo

0

Como cada primeiro sábado de mes o concello de Covelo acolle a súa “Mostra de Produtos” na que poderanse atopar postos de artesanía, alimentación, agricultura ecolóxica, xoiería, moda, produtos de beleza, pulpeiro, voluntariado social e música entre algunhas das propostas que atraen mensualmente á veciñanza local e a multitude de persoas dos concellos veciños que optan por pasar o resto do día percorrendo algún dos diferentes roteiros de sendeirismo, visitando a rectoral de Barcia de Mera, a Casa Museo Pazo da Cruz, paseando pola praia fluvial de Maceira ou gozando das vistas do miradoiro do Castelo do Faro.

“A Mostra de Produtos de Covelo facilita un espazo no que clientes e produtores da zona poden coñecerse pero ademais promove un encontro no que socializar e gozar do tempo delecer. A maioría das persoas aproveitan para coñecer o noso concello e degustar a gastronomía local na que non faltan boas carnes e receitas tradicionais, tendo tamén ocasión de probar pratos máis novidosos na hostalaría das rectorais ou da aldea Lugar dos Devas”.

Este sábado día 2 a partir das 11 horas na praza Mestre Cerviño poderemos gozar da cociña en directo e xa a partir das 13 horas, e tamén en directo, da música durante a sesión vermú.

A Guarda reúne a empresarios para dar a coñecer o novidoso e ambicioso Plan Rehabita

0

Na xornada do martes día 28 de xuño de 2022 a Casa dos Alonso acolleu unha reunión de traballo e presentación a profesionais do novidoso e ambicioso Plan REHABITA posto en marcha dende o equipo de goberno municipal.

Nesta presentación á que asistiron profesionais e empresarios das ramas da construción, electricidade, instaladores, xestores, administradores de fincas, carpinteiros, arquitectos…. informouse do plan que se está a poñer en marcha na Guarda co obxectivo de incentivar a rehabilitación de vivendas con criterios de eficiencia enerxética e asesorados en todo momento por un equipo multidisciplinar que lle fará as cousas máis sinxelas.

Os profesionais participantes nesta reunión puideron coñecer de primeira man as liñas xerais deste proxecto transformador e vertebrador para A Guarda, valorando moi positivamente a iniciativa e comprometéndose a implicarse e traballar para que o Plan Rehabita sexa unha realidade.

O Concello de Ponteareas, satisfeito coa continuidade do comedor do CEIP Fermín Bouza Brey

O Concello de Ponteareas amosa a súa satisfacción ante a notificación da Xunta de Galicia de que asumirá a xestión do comedor escolar do colexio público CEIP Fermín Bouza Brey, único centro público ponteareá do que o goberno autonómico non asumira o servizo. Para garantir a continuidade, durante os últimos seis anos o Concello asumiu a xestión deste comedor “para que o centro deixara de perder alumnado por non poder conciliar a vida laboral e familiar e paliar unha decisión da Xunta que xeraba unha diferencia de trato entre o alumnado dos diferentes centros de ensino da nosa vila”, como explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O Concello ponteareá asumiu o servizo no ano 2016 a través dun convenio bianual asinado coa Consellaría de Educación co compromiso de facerse cargo de novo do comedor deste centro ao seu remate. Non obstante, un cambio na postura da Xunta prolongou unha situación transitoria que derivou na subscrición de dous novos convenios en 2018 e 2020 cos que “continuamos coa xestión do servizo e incluso pagando parte do custo do menú”. “Co último convenio xa finalizado, dende xaneiro deste ano solicitamos á Xunta que aclarara a situación, xa que se a Consellería de Educación non se facía cargo do comedor do CEIP Fermín Bouza Brey dende o Concello estabamos dispostos a asinar un novo acordo para garantir o servizo neste centro outros dous anos de xeito subvencionado”, asegura a rexedora.

A Xunta de Galicia comunicou ao Concello de Ponteareas que a Consellaría de Educación procederá á licitación deste servizo para o curso 2022/2023.

A Xunta acondicionará paradas de autobús na PO-400 ao seu paso por Crecente

0

A Xunta acondicionará paradas de autobús na estrada PO-400, no concello de Crecente. As obras, adxudicadas á empresa COVSA por máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas.

Trátase da construción de dúas paradas de autobús en ambas as marxes da estrada PO-400, en torno ao punto quilométrico 25+230.

O obxectivo é resolver a situación actual, pois non existe un espazo habilitado para que os autobuses paren, nin unha zona de circulación peonil segura, nin refuxio para os usuarios.

Nas zonas nas que se habilitarán as paradas de autobús será necesario aumentar a plataforma actual da estrada, con firme de aglomerado en quente.

Así, instalaranse dúas marquesiñas con banco e apoio isquiático, cada unha nunha marxe da estrada, e habilitaranse zonas de circulación peonil que permitan acceder ás novas paradas.

Ademais, para manter a continuidade da rede de drenaxe na marxe esquerda, proxéctase a colocación dun colector de PVC de diámetro 315 mm baixo a senda de formigón prevista.

A Xunta continúa traballando para mellorar os servizos de transporte público co fin de facilitar a mobilidade dos cidadáns.

Os alcaldes do Val Miñor denuncian a falta de persoal médico na comarca

Os tres alcaldes do Val Miñor reuníronse esta mañá con persoal médico e de enfermaría do Centro de Saúde do Val Miñor para apoiar aos profesionais na súa demanda de máis sanitarios durante a tempada estival. Segundo constataron, a atención na comarca resulta xa deficitaria ante o rexeitamento da Xunta a establecer o tradicional ‘Reforzo de Costa’ formado por médico, enfermera, PSX e, adicionalmente, reforzo do P.A.C.

Precisamente por esta negativa histórica da Xunta pese a ser municipios eminentemente turísticos, o persoal médico e de enfermaría dos tres concellos enviaron o 21 de Xuño un escrito á Xunta asinado por 49 profesionais da área reclamando o habitual reforzo de costa da tempada estival xa que, por vez primeira, a Consellería de Sanidade non o contempla. A isto súmase a non reposición da terceira ambulancia da que sempre dispuxo o Val Miñor, manténdose igualmente en dúas pese ao exponencial incremento da poboación.

“A correcta atención sanitaria da nosa poboación e dos visitantes que reibimos é un dereito avalado constitucionalmente e que está en serio risco. O propio persoal sanitario da comarca está alertando do caos que se aveciña de non rectificar a Xunta. Estamos a falar dun problema para a atención das Urxencias en xeral pero tamén para atender á xente desprazada de fora”, advirte Juan González, presidente de Mancomunidade do Val Miñor e alcalde de Nigrán, quen xunto a Francisco Ferreira, rexedor de Gondomar, e Carlos Gómez, rexedor de Baiona, reclama unha solución inmediata tendo en conta a gran afluencia que se agarda na comarca xa desde este primeiro fin de semana de xullo.

“Sabendo a afluencia masiva que acontece no período estival na zona do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) ao tratarse dunha ubicación cun gran interés turístico, consideramos imprescindible manter o Reforzo de Costa composto por médico/enfermeiro/PSX e refuorzo do PAC posto que, é inviable a atención da poboación desplazada cos recursos existentes, agravada polos periodos vacacionais do persoal”, denuncian os sanitarios no seu escrito. “En resumen, a demanda triplicase neste período e os profesionais que exercemos a nosa actividade laboral nestes centros non podemos asumir o volumen xerado nin nos podemos responsabilizar de ofrecer unha adecuada atención”, finaliza.

Tomiño pon en valor o seu patrimonio románico con concertos líricos e de música medieval

0

Dentro da axenda de verán do Concello de Tomiño, destaca con luz propia o ciclo “Música e Románico”, organizado por primeira vez dende a Concellería de Cultura, co fin de por en valor o importante patrimonio histórico artístico que representan as igrexas de época románica situadas en catro parroquias do municipio (Santa Mª de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa Mª de Tebra e Barrantes).

Catro templos do século XII para catro grandes concertos de música lírica galego-portuguesa e cantigas medievais. Como complemento, especialistas en Historia da Arte, brindarán ao público unha breve explicación previa das principais características do templo que albergue o evento musical. “Deste xeito, combinamos historia, arquitectura e música, lembrando a riqueza patrimonial que temos en Tomiño”, explica Ani Fernández Carrera, concelleira de Cultura.

No caso das parroquias de San Salvador e Santa María de Tebra, o encargado de ofrecer a reseña histórico-artística será o párroco José Luis Blanco, estudoso da arquitectura románica. Pola súa banda, Sara Quintana, licenciada en Historia da Arte, ocuparase de introducir as igrexas de Barrantes e Santa Mª de Tomiño.

Inaugurando o ciclo “Música e Románico” e tamén o mes de xullo, Laura La Montagne & Picoamperio será a encargada de ofrecer o primeiro dos concertos (Igrexa románica de San Salvador de Tebra, venres 1 de xullo ás 20.30 horas). Cunha tradición galego-portuguesa das “cantigas de amigo”, o seu imaxinario destruirá fronteiras temporais e estilísticas, dentro dun proxecto que mestura hip-hop e folclore.

A segunda das citas virá da man de “Esperanza Mara”, soprano noiesa que traerá a Tomiño unha proposta musical baseada nas cantigas medievais e pre-renacentistas (15 de xullo. 20.30h. Igrexa Románica de San Vicente de Barrantes.

O 22 de xullo a cita será na Igrexa románica de Santa Mª de Tomiño (20.30h), con “Parbö”, dúo formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó, que nos achegarán unha proposta na que mesturan patrimonio e música. Os instrumentos que usan son a zanfona, a arpa céltica e o violín cun repertorio baseado na música tradicional.

E pechando este ciclo tan especial “Treides comigo!”, con Xoán Curiel, un dos artistas multidisciplinares da Fonsagrada, que leva participado no mundo das artes como actor, músico e cantante, acadando numerosos premios. A súa proposta está creada a partir de cantigas medievais compostas por trobadores galegos.

O Rosalinicia co Acanor Novás Valinox un novo ciclo de reunións do programa ‘A veciñanza conta’

0

Para o Concello é fundamental a participación cidadá para construír entre todos e todas O Rosal do futuro. Estes días, o Concello deu comezo a unha nova edición do programa ‘A veciñanza conta’ cun encontro coa directiva do Acanor Novás Valinox para abordar cuestións que afectan ao presente e ao futuro do club, como as próximas obras do pavillón municipal.

Trátase da “primeira reunión das que imos ter co tecido asociativo rosaleiro para tratar os proxectos en curso, actividades que se vaian a desenvolver ou mesmo como está a ser a saída da pandemia tras máis de dous anos de crise sanitaria”, como salienta a rexedora, que busca con estes encontros “escoitar a rosaleiros e rosaleiras para mellorar o noso concello e coñecer as necesidades para seguir avanzando”.

Durante a reunión, alcaldesa, equipo de goberno e directiva trataron tamén do I Torneo Internacional de balonmán junior, un preparatorio do campionato de Europa de Portugal organizado polo Acanor Novás Valinox coa colaboración do Concello do Rosal que traerá a xogar ao Rosal ás seleccións junior de España, Serbia e Montenegro. “Temos que agradecer o esforzo feito polo club para que poidamos desfrutar dun evento con balonmán de primeiro nivel durante toda a fin de semana. Animamos a todos os veciños e veciñas e a todas e todos os afeccionados a achegarse ao Rosal gozar con todos os partidos”, explica Fernández Callís. O torneo disputarase os días 2, 3 e 4 de xullo e as persoas interesadas poden xa adquirir as súas entradas a través da páxina web habilitada polo club rosaleiro.

Nas vindeiras semanas a alcaldesa e o equipo de goberno continuarán reuníndose con diferentes asociacións e entidades rosaleiras. Con todas elas abordarase ademais a súa colaboración no proceso participativo que o Concello porá en marcha ao abeiro da Axenda 2030, coa que abordar os retos sociais, ambientais, económicos, culturais ou educativos para un desenvolvemento urbano sostible.   

A alcaldesa sinalou que “dende o Concello queremos agradecer e louvar o labor de todo o tecido asociativo do Rosal, un dos motores fundamentais do dinamismo do noso municipio a nivel cultural, deportivo, educativo ou social. Para nós é un pracer traballar man a man con todas as asociacións polo interese colectivo dos rosaleiros”.

A Guarda humanizará a contorna da Igrexa para recuperar espazo público

0

En vista dos inconvenientes  que o BNG puxo á execución da humanización da contorna da Igrexa, a pregunta é obvia: ten algo que dicir Anxo Baz e o seu grupo contra a recuperación do espazo público e a protección e posta en valor do patrimonio que se consigue coa instalación do mobiliario nesta zona?

A humanización da contorna da Igrexa Parroquial de Santa María era un compromiso do Grupo Municipal Socialista e do actual equipo de goberno do concello da Guarda. Segundo manifestaba o alcalde, Antonio Lomba: “a pesar de que se levaban tentado distintas iniciativas para eliminar ou cando menos reducir os vehículos que estacionaban arredor da Igrexa, o número de coches aparcados seguía sendo moi elevado, dando unha visión moi negativa desta zona e prexudicando moi seriamente a protección e posta en valor do petróglifo que se atopa nas inmediacións”.

No ano 2020, fai agora 2 anos, o equipo de goberno anunciou a intención de acometer a humanización da contorna da Igrexa, para elo elaboráronse dúas propostas que se someteron a consideración da veciñanza nun proceso de participación cidadá. Unha vez que se fixo pública a proposta gañadora mantívose unha reunión cos comerciantes da zona para explicarlles os pormenores da futura actuación e comezou a redacción do proxecto.

Entregada a primeira versión do proxecto, a Dirección Xeral de Patrimonio emite informe favorable en xaneiro de 2021 e pon unha serie de condicións relativas a redución do mobiliario e protección e posta en valor do petróglifo. A partir desta data traballouse con patrimonio no proxecto para cumprir as condicións que se recollen no informe. Despois de meses de traballo acordouse, entre patrimonio e a técnica redactora do proxecto un documento definitivo en base ao cal se executou a humanización.

Non cabe dúbida de que os principais obxectivos do proxecto cumpríronse coa execución desta humanización, que basicamente consiste na colocación do mobiliario. Conséguese a retirada dos vehículos da contorna da igrexa recuperando espazo público para as persoas a vez que se elimina o impacto visual negativo sobre a nosa Igrexa Parroquial. Así, revalorízase toda a contorna, incluído o atrio da Igrexa e un tramo do Camiño Portugués da Costa. Tamén queda sinalizado e protexido dos vehículos o petróglifo GA-36023015, que pasa a converterse nun novo punto de interese na zona.

É difícil entender como pode haber algún grupo político da corporación municipal que se pon do lado dos que pretenden evitar a execución da obra en vez de actuar con responsabilidade institucional e apoiar melloras para A Guarda e a súa veciñanza.

O Dúo Amazonas renden homenaxe ás mulleres cun mural en Salceda

O Dúo Amazonas, formado polas muralistas Lina Castellanos e Nati Andreoli, está deixar a súa pegada no concello de Salceda de Caselas, na medianeira situada entre as rúas Brasil e Arxentina, cun mural de gran formato realizado ao abeiro do programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Na obra, que hoxe visitou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á alcaldesa, Verónica Tourón, e a concelleira de Igualdade María Dolores Castiñeira, as artistas renden homenaxe ás mulleres do ‘street art’ que na súa carreira se atopan con obstáculos para levar a cabo unha profesión masculinizada. O mural toma como inspiración unha fotografía tomada a seis compañeiras muralistas e grafiteiras de diferentes lugares do mundo. No acto, que foi seguido pola veciñanza, repartíronse as bolsas de tea deseñadas por Andrea López, Eva Fandiño e Nuria Diaz.

Carmela Silva lembrou que é precisamente o espazo público “o primeiro que nos arrebatan ás mulleres cando queren que sigamos sendo submisas”. Para a presidenta provincial, este mural é “unha mostra de que o feminismo é algo planetario e, polo tanto, todas as mulleres do mundo, hoxe máis que nunca, temos que traballar en rede”. Referiuse á recente derrogación do dereito ao aborto polo Tribunal Supremo en Estados Unidos ao lembrar que “ningún dereito está consolidado como xa advertiu Simone de Beauvoir”. Carmela Silva fixo mención ao recordar ás 1.151 mulleres asasinadas no Estado dende que se comezou a contabilizar de xeito oficial. “Paréceme intolerable que nos acostumemos a que se asasine a mulleres polo feito de selo. É unha loita constante”. A presidenta referiuse ás artistas, Lina Castellanos e Nati Andreoli: “Sodes capaces de loitar por todas as mulleres cos vosos murais e con eles construídes un mundo mellor”.

Na mesma liña interveu a alcaldesa Verónica Tourón ao desexar que “a nosa loita sirva para que as nenas do futuro sexan as mulleres que queren ser”. Agradeceu á Deputación “a súa incansable aposta pola loita a prol do feminismo, con cada vez máis repercusión” e fixo mención especial a “Violencia Zero” e a outras iniciativas provinciais e locais que son “fundamentais para manter viva a chama da loita das mulleres para acadar a liberdade mediante as creacións de mulleres artistas”. Tamén tivo palabras de agarimo para o Dúo Amazonas, quen vestiron un “espazo espido que precisaba ser dotado de contidos, ideas e a intención de reflexionar a través de mulleres creadoras”.  Pola súa banda, a concelleira de Igualdade María Dolores Castiñeira, referiuse a este mural como “unha oportunidade para embelecer Salceda dunha forma digna, reivindicando a igualdade”. E lembrou que as desigualdades están latentes especialmente no eido cultural: “A discriminación castiga con moita máis dureza ás mulleres artistas algo que é tremendamente inxusto posto que son as máis formadas e teñen un gran talento.

As artistas do Dúo Amazonas agradeceron á Deputación a oportunidade brindada e invitaron “ás nenas, mozas e a todas as mulleres que queiran a entrar nesta fermosa disciplina”. Tamén tiveron palabras de afecto para a veciñanza de Salceda, que lles axudou durante as xornadas de traballo, e gabaron a iniciativa provincial ao deixar claro que “sendo mulleres temos que sentirnos cómodas no espazo público e facer propostas para ocupalo”.

No mural, en cores ciano e maxenta, os rostros das seis artistas renden unha homenaxe a todas as mulleres do ‘street art’ que teñen que loitar contra innumerables desigualdade como a fenda salarial, o feito de que sempre se lles deixen os muros máis pequenos para traballar ou que, cando alguén ve a unha muller realizando este tipo de labores tenda a pensar que é a asistente dun muralista home. Ademais, coa súa obra o Dúo Amazonas lanza unha mensaxe de optimismo cara as novas xeracións que busca romper estereotipos e ensinarlle ás nenas que poden levar a cabo todas as tarefas que se propoñan.

La Pinta regresa a Baiona completamente renovada

0

Sobre as 16:00 horas, La Pinta entrou de novo na baía de Baiona, tras un período de reparacións na os estaleiros “Montenegro” de Vigo.

Pero nesta ocasión deuse un paso máis aló e, á varada de mantemento rutineira, programada de acordo con o protocolo do departamento de cultura (un protocolo que contempla unha varada de mantemento en dique seco cada cinco anos, a última fíxose en 2017), sumáronselle outros arranxos máis en profundidade. Así, procedeuse ao cambio de toda a cabuyería, algo que a última vez que se realizou foi en 1999, aos seis anos de chegar a réplica, que foi construída hai 29 anos, no quinto centenario da chegada a porto da embarcación.

A réplica da carabela ‘Pinta’ de Baiona volveu ao pantalán Cristobal García Sarmiento onde levaba ancorada desde 1994. Co paso dos anos a copia do navío, onde Martín Alonso Pinzón trasladou a noticia do descubrimento da Indias, hase convetido en símbolo de identidade da vila.

A visita á réplica da Carabela Pinta é un dos grandes atractivos que ofrece a Real Villa, pola cuberta da embarcación pasa un gran número de persoas a visitar as instalacións e coñecer o seu interior que alberga un museo colombino que recrea aos membros da tripulación, os indíxenas americanos e os obxectos traídos do novo mundo.

Tanto o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, como a concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, achegáronse ata o pantalán para recibir á nave e coñecer de primeira man as melloras levadas a cabo.

“A nave estivo varias semanas no estaleiro vigués e someteuse intensivas reparacións: O casco e todo o barco foi sometido a unha limpeza integral e renovouse a pintura en toda a embarcación. Assi mesmo, renováronse tanto as poleas, como as bigotas, as patecas, jarcias, máis de corenta motones novos… tamén se procedeu ao cambio de toda a cabuyería, algo que non se facía desde 1999. Utilizáronse ao redor de 2.200 metros de cable para renovar a cabuyería”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Tamén se instalaron completamente novos a verga da maior, o mauprés de proa, amantillos e aparello real igualmente completamente renovados, e renovouse a iluminación exterior de cuberta.

“Trátase dunha aposta clara pola cultura, o turismo e a conservación do noso patrimonio. Polo que ha estes traballos sumaranse a actualización da museografía da Replica da Carabela Pinta que se realizará ao longo desta semana”, sinalou o alcalde, Carlos Gómez.

Quen matizou que “estes traballos levarán a cabo con cargo ao proxecto “Exploraterra”, unha iniciativa á que o municipio baionés adheriuse o pasado mes de febreiro e que nace co obxectivo de promover e preservar o patrimonio cultural das grandes expedicións marítimas xeográficas españolas e portuguesas da historia”.

Haberá que esperar ao próximo luns, 4 de xullo, para descubrir todas a renovación da museoloxía, leste mesmo día farase unha presentación oficial da renovada nave tanto na súa cuberta como no seu interior. O propio martes, día 5 de xullo, abrirase de novo ao público.

“Tras as Ameas” e “Bailando a Terra” encherán de cultura os castelos

Os espazos patrimoniais dos castelos de Soutomaior e Sobroso e as marabillosas contornas naturais da provincia encheranse este verán de cultura coas novas actividades da Deputación dos programas “Tras as Ameas” e “Bailando a Terra”, enmarcados na programación “Con-Fiando Cultura”. No primeiro caso, os Castelos volven a ser escenario de actuacións de todas as disciplinas artísticas, mentres que a danza en espazos naturais será a gran protagonista no caso de “Bailando a Terra”. A presidenta Carmela Silva destacou a ampla oferta que está a desenvolver a institución provincial “cunha programación “sorprendente e multidisciplinar para poñer en valor a nosa cultura en espazos extraordinarios do territorio”.

“Bailando a Terra” é unha dasnovidades deste 2022, un programa de danza con 5 propostas entre o 8 de xullo e o 23 de setembro a cargo de compañías profesionais e escolas que chegarán aos singulares espazos marítimos, bosques e paseos fluviais de Caldas, A Illa, Poio, Forcarei e Tui. Como explicou Carmela Silva, “nace para poñer en valor o noso patrimonio natural a través da danza, e achegará o baile ás nosas raíces e tradicións con actuacións en espazos singulares”. Deste xeito, bosques, carballeiras, praias, cabos, espazos de patrimonio fluvial e marítimo, “contornas únicas que son a nosa tarxeta de presentación para coñecer e percorrer a nosa provincia, vanse converter nos escenarios desde os que este verán convidamos a bailar”. O programa busca amais aproveitar o paso das rutas xacobeas por estas contornas e, “deste xeito será un ciclo de danza ao vivo en perfecta simbiose coa natureza para bailar con ela, para sentila e facernos sentir en corpo e alma ese contacto directo co territorio”. A Deputación desenvolve este programa en colaboración con compañías profesionais (Nova Galega de Danza e Trébede) e escolas de danza da provincia (Maisquedanza, Galicia en Danza e Unidance). A entrada será libre ata completar aforo.

A programación arrancará o 8 de xullo na carballeira de Caldas de Reis coa actuación de Trébede (20.30 horas), cun espectáculo que mestura o estilo tradicional coa música en directo, dirixido por Miguel Sotelo. No mes de agosto, o día 5 “Bailando a Terra” chegará á Illa de Arousa, coa compañía Nova Galega de Danza, que ás 21 horas actuará no Edificio de usos naúticos para ofrecer o espectáculo “Leira no Camiño”, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, mentres que o día 6 o programa recalará en Poio, concretamente no xardín da Capela da Virxe da Renda. Alí, a escola de Baiona Galicia en Danza ofrecerá o espectáculo “As 4 estacións”, con danza contemporánea, ballet, jazz, acro e danza tradicional, ás 20.30 horas. Por outra banda, o día 13 a escola de danza lalinense Maisquedanza ofrecerá “Danzando na terra” na carballeira de Soutelo, en Forcarei, ás 20.30 horas. O espectáculo de fusión danza urbana, contemporánea e tradición, con sinerxías co teatro, está dirixido por Marta Maceira. E o 23 de setembro a programación rematará coa escola de danza Unidance en Tui, concretamente no Paseo Fluvial, co río Miño de fondo. No seu espectáculo “Os 4 elementos” unen danza urbana, contemporánea e tradición, con acrobacia e un número con lume. Está dirixido por Alejandra Teixeira.

Tras as Ameas

No caso de “Tras as ameas”, deseñado para dinamizar os espazos dos castelos de Soutomaior e Sobroso, acada a súa terceira edición e volverá levar a estes escenarios distintas disciplinas artísticas para poñer en valor o patrimonio e a musealización levada a cabo. A programación arranca este xoves 30 co concerto nocturno (22 horas) que ofrecerá o dúo de voz e oboe formado por Faia Díaz e Benxa Otero en Sobroso. Serán 14 actividades, 1 en xuño, 6 en xullo, 6 en agosto e 1 en setembro, que inclúen obradoiros, concertos nos xardíns, espectáculos escénicos de teatro, maxia, circo e contacontos, englobados nas Noite nos castelos (accións disciplinares nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar), Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita! (teatro de rúa), Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia). As inscricións para participar nestas actividades están abertas a través do formulario que se pode atopar na web da Deputación (www.depo.gal).

Trala primeira actuación deste xoves 30 en Sobroso, “Tras as Ameas” continuará en xullo. O día 7, Migallas ofrecerá o contacontos musical “Elas pintan moito” ás 19 horas en Soutomaior, mentres que o día 12, ás 19 h, Mamá Cabra e BellónMaceiras protagonizarán “A música das buguinas”, unconcerto didáctico contado sobre a música tradicional en Sobroso. Pola súa banda, Pedras de Cartón porá en escena o día 14, ás 19 h o “Quixote” (teatro de rúa) en Soutomaior e o día 19, a partir 19 horas, o Mago Noel ofrecerá o seu espectáculo no Castelo de Sobroso. Posteriormente, Koun(t)erpoint, con María Domínguez e Laura Iturralde, aunará danza, música e proxección o día 21, ás 22 horas en Soutomaior e o día 28, ás 19 horas, Barafunda Animación ofrecerá maxia e humor co espectáculo “Do Maxín á Realidade” en Soutomaior.

En agosto continuarán as actuacións con Ollo Piollo, que ofrecerá o espectáculo “Canta contos. Sons da batea” o día 4, ás 19 horas en Soutomaior;  con Circo Chosco, que levará a Sobroso o día 11, ás 19 horas “Oh pera!” (circo cómico) e o día 16 con Pablísimo, que protagonizará “Príncipas e princesos”, unha sesión de contacontos ás 19 horas en Sobroso. Amais o día 18, ás 19 horas, actuará Cía Vaya con “Vertical Bloom” (pallasos e humor acrobático) en Soutomaior; o día 23, ás 18 horas, haberá un obradoiro con Vacío O (Alexandra Rey) de “Debuxo e acción. A gráfica en movemento como medio de creación” en  Sobroso e o día 25, ás 18 horas, outro obradoiro con Vacío O (María Gar),  “Surcos e pegadas. A natureza como ferramenta para crear” en  Soutomaior. Por último, o 1 de setembro o programa rematará en Sobroso coa actuación de Culturactiva, que porá en escena ás 19 horas “Saaabor!”(comedia, teatro de rúa) en Sobroso.

Heredeiros da Crus celebra o seu 30 aniversario cun concerto na Guarda

0

O Concello da Guarda súmase ao circuíto de música ao vivo Musigal da Deputación de Pontevedra cunha das citas musicais máis agardadas deste verán na vila, o directo dunha das bandas galegas máis recoñecidas “Heredeiros da Crus”, que se presenta coma o “Fenómeno musical do século en Galicia”. Terá lugar o sábado 9 de xullo ás 22:30h na explanada do Porto da Guarda

Heredeiros da Crus leva escribindo a historia do rock en galego desde fai exactamente 30 anos. Os mesmos que leva en activo e durante os que segue o grupo con máis poder de convocatoria do noso acervo musical. Con dez albumes no seu haber, os Heredeiros da Crus son o retorno constante á xenuidade xeracional que os converteu en autenticidade eterna e que trascende a toda evolución e a toda moda con temas que marcaron a vida de moitas persoas converténdose en auténticos himnos coma “Quero josar”, “Vaiche boa” ou “Pero que ghallo é!”.

Nesta xira do 30 aniversario de Heredeiros da Crus teremos a oportunidade de “josar” dos seus auténticos sons na Guarda en estado puro, nunha noite que, de seguro, quedará para o recordo.

Para o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, esta será unha das citas musicais máis importantes para a vila en moitos anos, un concerto que ven enmarcado no programa Musigal da Deputación de Pontevedra e co financiamento da produción técnica a cargo do Plan Concellos, co que se quere resaltar a aposta pola música feita en Galicia, para continuar pondo A Guarda na escena da cultura activa.

Rafa Álvarez quixo lembrar tamén outra das citas importantes deste verán na Guarda, como é o Festival Mar de Blues que terá lugar xa esta mesma fin de semana(1 e 2 de xullo) na Praza do Reló e que traerá á Guarda a músicos internacionais coma Will Jacobs, Remi Bankyln ou Julian Vaughn.

Sen dúbida un verán cheo de propostas musicais, culturais e deportivas na Guarda, que serán presentadas nos vindeiros días co lanzamento da Axenda de Verán 2022.

A caravana LGTBIQA+ promove o respecto á diversidade no Porriño

Unha caravana multicor aparcou hoxe no Porriño con motivo do Día do Orgullo LGTB para extender os valores do respecto, a tolerancia e a liberdade nas rúas da vila, no marco da programación impulsada pola concellería de Igualdade.

A Caravana LGTBIQA+ permanecerá na praza Arquitecto Antonio Palacios de 10 a 14 h e de 16 a 20 h para atender a toda aquela persoa que necesite resolver dúbidas en materia de sexualidade e diversidade. Unha psicóloga e unha asesora xurídica prestarán tamén atención persoalizada e privada a quen o requira.

Ademais de ofrecer información e asesoramento en materia de xénero e sexualidade distribuiranse pulseiras, cartelería e flyers co lema “Ti Decides” aos viandantes e nos establecementos do centro urbano co fin chegar ao maior número de xente esta mensaxe de tolerancia. 

“O respecto, a tolerancia e a liberdade son valores que necesitan ser reivindicados cada día”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “No Día do Orgullo , alzamos a voz para deixar ben claro que queremos un Porriño máis inclusivo, igualitario e respectuoso. A diversidade enriquece a calquera sociedade”.

A xornada reivindicativa pecharase esta noite con David Bugarín e Oliver Soto que chegan ao Porriño cos seus espectáculos “Esta es mi vida” e “Lili Marlem show”. Será na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Candeira presenta os seus “crimes” na Casa do Conde de Salvaterra

Este venres, día 1 de xullo, o historiador Francisco Candeira, “Pancho”, presenta o seu libro “Crimes antiguos na Galicia rural” na Casa do Conde da vila de Salvaterra de Miño.

A presentación contará tamén con Antón Lorenzo, “Xaque”, estudoso e gran coñecedor da historia local.

O traballo describe pormenorizadamente, durante 150 páxinas, tres actos criminais que tiveron lugar no Condado entre 1911 e 1937. O primeiro dos casos sucedeu precisamente en Salvaterra e tivo fortes implicacións sociais e políticas.

Candeira explica que a elección dos crimes non foi casual senón que foron elixidos para exemplificar as actitudes de intolerancia e crueldade producidas en diferentes contextos históricos: nun caso, na época do agrarismo e do caciquismo; noutro, na Guerra Civil tomada como excusa para o delicto, e noutro, finalmente, para amosar o dano permanente da  incultura machista.

O autor afirma a necesidade de lembrar o pasado máis incómodo para que a conciencia colectiva impida que casos así se poidan repetir.”

A Guarda celebra esta semana a diversidade e o Orgullo por terceiro ano consecutivo

0

As actividades de “A Guarda Diversa 2022” arrancaron xa na xornada deste martes día 28 coa colocación da bandeira do colectivo e coa publicación na web municipal e nas redes sociais do vídeo co Manifesto a cargo do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, onde indicou que “A Guarda é afortunadamente un municipio diverso, moderno e inclusivo. Por iso desde o Concello sentímonos moi orgullosos por poder poñer o noso pequeno gran de area para seguir apoiando, dando visibilidade e sobre todo loitando pola diversidade, porque a diversidade é unha ferramenta de futuro, un motor de cambio e evolución”.

A concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, quere resaltar que “nesta terceira edición de A Guarda Diversa celebraremos o respecto, a tolerancia e a empatía como formas de convivencia, e o amor en calquera das súas formas. O equipo de goberno seguirá traballando para desmontar estereotipos e evitar calquera tipo de acoso ou agresión por cuestións de orientación sexual ou identidade de xénero na nosa vila”.

A parte central das actividades terá lugar entre o 30 de xuño e o 1 de xullo, e terán inicio xa este vindeiro xoves día 30 ás 19:00h na Praza do Reló coa Mesa Redonda “A nosa Memoria tamén é diversa”. As persoas que participarán nesta mesa serán Eva Mejuto, escritora e activista LGTB, Daniela Ferrández, activista Trans, e Marcos López, comisario do proxecto “Memoria diversa” da Deputación da Coruña.

Durante a mesma departirán sobre a memoria das persoas Lesbianas, Gais, Bisexuais e Trans, temas que ata o momento quedaran fora dos estudos memorialísticos galegos. Destacan, neste ámbito, as investigacións de Daniela Ferrandez e o libro de entrevistas a maiores LGBT “Memoria Diversas” de Eva Mejuto, que centrarán a conversa moderada por Marcos López.

Continuando a programación, tamén na xornada deste xoves día 30 de xuño ás 21:00h, terá lugar na Praza do Reló o Espectáculo “Noite de Cabaret”, a cargo da Compañía teatral “Marinita y sus maromas”.

Neste espectáculo o elenco travístese e xoga cos xestos, a interpretación, a maquillaxe, a roupa e o xénero. Reivindicando e apoderando a palabra travesti mediante os seus espectáculos teatrais, en formato de comedia musical. Números de baile, canto, transformismo, clown. Empregan a arte escénica para reflexionar sobre o xénero, xogando coas características que o definen. Normalizando os corpos e as formas de amar disidentes. Utilizan tamén o humor para caricaturizar a nosa sociedade e visibilizar o absurdo e ridículo das normas e modelos de conduta cos que convivimos.

Xa para pechar a programación de “A Guarda Diversa 2022”, na xornada do venres día 1 de xullo, ás 12:00h terá lugar no Castelo de Santa Cruz un contacontos e un obradoiro titulado “Os Bolechas: Somos como as cores do Arco da Vella”, a cargo da Asociación Nós mesmas e dedicada a público infantil de entre 3 e 8 anos.

Para asistir ás actividades non é necesaria inscrición previa e a entrada é de balde, ata completar aforo. Rógase a asistencia 10 minutos antes do inicio de cada acto.

Máis información no CIM da Guarda, no teléfono 986 61 4648, na web municipal www.aguarda.es ou no correo electrónico [email protected].

“Poluentes emergentes e microplásticos” é o tema das Férias de Verão do Aquamuseu do rio Minho

Com o fim do ano letivo a chegar, o Aquamuseu do rio Minho, em Vila Nova de Cerveira, preparou um programa lúdico-pedagógico direcionado para as crianças entre os 7 e os 13 anos. As “Férias de Verão do Aquamuseu do rio Minho” realizam-se de 12 a 15 de julho e vão ter como temática os “Poluentes emergentes e microplásticos”. As atividades são dinamizadas entre as 14h00 e as 17h00.

Ao longo desses dias vão ser desenvolvidas atividades que vão permitir ao mais novos ficar a saber o que são poluentes emergentes, qual a sua origem, como chegam ao rio Minho, como detetar a sua presença no meio aquático, quais os seus impactos negativos, assim como possíveis soluções para resolver este flagelo ambiental. Também será tratado o problema dos microplásticos no meio ambiente e sensibilizados os participantes para a redução do consumo de plásticos descartáveis.

A participação nas Férias de Verão do Aquamuseu está sujeita a inscrição (pelo telefone 251708026 ou via email para [email protected] ), com um valor de 15 euros e é limitada a um grupo de 15 participantes.

O Arealonga FS entrega os premios do seu torneo

0

O XVII Torneo de Fútbol sala de Chapela, organizado polo Arealonga FS, viviu o acto de entrega dos trofeos e medallas aos participantes.

Daniel Benavides (a esquerda na imaxe) e Nacho González na entrega de premios

Daniel Benavides, xefe provincial de Deportes de Pontevedra–Vigo da Xunta de Galicia e Nacho González, concelleiro de Deportes do Concello de Redondela, foron os encargados de entregar os premios deste torneo no que participaron 40 equipos.

Os gañadores foron o Aguias (sénior masculino), Golden Warriors (sénior feminino), Redondela FS (cadete masculino), Escola Futsal Morrazo (cadete feminino), Redondela FS (infantil), Secundino Basalo (alevín), CD A Paz (benjamín), CD A Paz (prebenjamín) e SD Pazos de Borbén (biberón).

A organización quixo transmitir o seu agradecemento a todas as empresas colaboradoras, aos seus patrocinadores e a toda a afección que conseguiu encher de novo o ‘Manuel González Soto’, así como a todos os voluntarios e voluntarias que fixeron posible a celebración desta décimo sétima edición do torneo.

Evangelina Vila Albores “Leo”, recibe os seus 103 anos rodeada do cariño da súa familia e das súas coidadoras

0

Na residencia de maiores situada en Torrón (parroquia de Sobrada, Tomiño) o día de hoxe espertou diferente. As coidadoras e a directora, Inés Solleiro, afanábanse para que todo estivera apunto para a celebración da máis lonxeva das residentes: Evangelina Vila Albores “Leo”, cumpre nada menos que 103 anos.

Muller de carácter e nun envexable estado de saúde para a súa idade, recibía onte ao mediodía a visita da concelleira de Benestar, Cristina Martínez, que quixo agasallala cun ramo de flores e unha peza de cerámica de Sargadelos. Sentada diante dun colorido mural conmemorativo cheo de mans pintadas, flores de papel e de frases simpáticas e divertidas dos seus compañeiros e compañeiras, responde, pausada, as preguntas que lle fan sobre o seu pasado e presente. “En Tomiño temos unha ducia de persoas centenarias –comenta a concelleira- e para nos é unha alegría poder velas e conversar con elas; aprender da súa experiencia”.

Nada en San Miguel de Oia traballou no campo e tiña un muiño coa súa familia. Pola tarde virán os seus dous fillos, Ramón e Clemente, a pasar con ela unhas horas, igual que os seus netos e netas e a súa nora Marina.

No centro residencial, creado no 2019 no lugar de Torrón, Leo observa o día soleado e agarda polos seus con tranquilidade, e ás persoas que se achegan para darlle os parabéns e desexarlle máis anos de vida, regálalles un “vaian con Deus” ou un “oxalá así sexa”.

Covelo inviste na mellora da pista deportiva de Pazos

0

O goberno de Covelo sigue apostando polos espazos públicos de calidade e executará o proxecto de mellora da pista deportiva de Pazos que contará na súa contorna cun parque infantil e cunha zona biosaludable.

O proxecto contempla actuar nunha superficie total de  650 m² na que se procederá á mellora da superficie da pista eliminando os resaltos existentes, á reparación dos bordos, limpeza e pintado da pista ademais de dotala dos equipamentos deportivos como canastas e porterías multideportes. Tamén se colocará unha rede protectora nas cabeceiras da pista para evitar a perda de balóns e dotarase a zona dun espazo de lecer para cativos e cativas cun parque infantil. Este espazo para o xogo infantil terá xogos diversos e estará perimetrado por un valo de madeira que substituirá á actual varanda de tubo de aceiro.

Co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudable e ofrecer á veciñanza espazos agradables para a convivencia, instalarase tamén tres elementos biosaludables para que os maiores poidan exercitar o seu corpo. O orzamento total será de 44,969.76 € que afrontará o Concello con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A humanización da Avenida de Portugal de Tui suporá unha mellora na entrada en Galicia dende Portugal

0

A humanización da Avenida de Portugal suporá un investimento superior aos 600 mil euros. Trátase dunha obra “prioritaria e moi necesaria que contribuirá á transformar esta vía” segundo explicaba o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. O rexedor tudense lembra que a execución desta humanización é unha vella reivindicación que está máis próxima de facerse realidade.

Onte mesmo, no Boletín Oficial do Estado, publicouse o anuncio de licitación da Dirección General de Carreteras de “Adecuación y mejora de seguridad vial. Carretera N-551 P.K. 1+400 a 1+850. Término municipal de Tui”. As empresas interesadas teñen até ás 19 h do 20 de xullo para presentar as súas ofertas.

A actuación prevista, cun importe de 604.916 euros executarase nun tramo de 400 metros dende a intersección entre a N-551 e a N-550 no cruce do Parador Nacional de Turismo, e a vella Ponte Internacional.

Con esta actuación mellorarase tanto a seguridade vial coma estética deste tramo que é a entrada a España dende Portugal, e que é a porta de entrada do Camiño de Portugués de Santiago a Galicia.  Contémplase o ensanchado da beirarrúas, e a colocación de arborado.

Ante a licitación desta obra o alcalde de Tui sinala que é “tan importante coma esperada toda vez que é un proxecto no que levamos traballando e loitando por el dende hai moito tempo”. Lembraba así a moción aprobada en pleno en 2011 instando ao Estado a adecuar esta vía, e coma en 2015 cando accedeu ao goberno foi a primeira memoria de actuación urbana realizada.

Engade Enrique Cabaleiro que é “unha obra importante para Tui pero importante tamén para Galicia e para España. Non podemos esquecer que esa é a principal porta de entrada de Portugal no noso país, Camiño de Santiago, e polo tanto era unha obra prioritaria, moi necesaria e que dalgunha forma contribuirá a transformar esa vía e tamén a percepción que poidan ter aquelas persoas que dende Portugal entran en Galicia pola mesma”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que “se todo vai ben as obras poderían comezar a executarse no último trimestre deste ano ou comezos de 2023” confiando que a este proxecto non afecte o sobrecusto que se está a rexistrar nas obras dende que se proxectan até que se executan.

‘Contos a pé de rúa’ para unha tarde de descubrimentos en lingua galega co programa Apego

Ponteareas acolle esta semana unha nova sesión do programa Apego, que desembarca na vila cun espectáculo co que nenos e nenas de 3 a 6 anos gozarán dunha tarde de lecer e descubrimentos en lingua galega. Este xoves 30 de xuño a sala multiúsos do auditorio municipal será o escenario no que transcorrerán os ‘Contos a pé de rúa’, unha sesión de contacontos coa que o narrador Felipe Díaz, Caxoto, animará á lectura aos máis cativos e cativas.

Neste espectáculo, un barrendeiro fai unha entrada inesperada e, ante un público expectante, decídese a contar algún dos contos que le mentres limpa nas bibliotecas e nos colexios municipais. Algunhas veces son contos de medo, outras historias cheas de fantasía ou contos tradicionais, sempre todo mesturado con xogos e cantigas cos que facer as delicias do público.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a todas as familias a participar nesta actividade do programa Apego, un proxecto colectivo “pensado para fomentar e facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos rapaces e rapazas de entre 0 e 6 anos no noso idioma”.

A actividade, de balde, terá lugar ás 18.30 horas. Para poder asistir é necesarias reserva previa de praza a través do teléfono 986 640 000, extensión 1010, ou a través do correo electrónico [email protected].

O Concello reordena o tráfico na contorna da igrexa e da Casa Cultural de Areas

O Concello de Ponteareas, a petición dos colectivos sociais de Areas, vén de reordenar o tráfico rodado na contorna da igrexa parroquial e da Casa Cultural para reducir o tráfico innecesario e recuperar espazo público para as persoas.

Até agora a estrada que discorre por diante da Casa Cultural víñase empregando a modo de atallo por moitos vehículos malia dispoñer doutra alternativa máis segura e axeitada pola estrada provincial. A concellaría de Mobilidade e a Policía Local analizaron a solicitude da veciñanza para reducir ao mínimo o tráfico rodado a carón da Casa Cultural e conducir ese tráfico de paso pola estrada provincial, gañando así en seguridade para as persoas.

Con esta reordenación:

  1. Dende a N-120 unicamente poderá accederse até a igrexa e o torreiro, quedando prohibido circular por diante da Casa Cultural.
  2. Dende a estrada provincial poderase acceder e circular pola pista a carón da Casa Cultural pero a unha velocidade de 10 km/h e dando prioridade ás persoas.

Con este tipo de medidas mellórase a calidade de vida da veciñanza, a seguridade dos peóns e recupéranse espazos para o uso das persoas, reducindo ou erradicando o tráfico de paso que emprega pistas parroquiais como atallos en lugar de utilizar vías provinciais, autonómicas ou estatais máis seguras e axeitadas.

Nigrán volve a ofrecer o programa ‘Música nas parroquias’

0

O Concello de Nigrán organiza a través do seu programa ‘Música nas Parroquias’, e ante a non constitución de comisión, a celebración da festa patronal de San Pedro da Ramallosa este martes con verbena e o mércores, festivo local, cun concerto ao mediodía. Así, mañá día 28 terá lugar no Torreiro a gran verbena desde as 21:30 horas co concerto do Trío Azar e da  Orquesta Saudade. O propio mércores 29, festivo local en Nigrán, terá lugar un pararrúas por San Pedro da Banda de Música do Val Miñor desde as 10:00 horas e posterior concerto no Torreiro ás 13:00 horas.

O Concello inviste a través de ‘Música nas Parroquias’ máis de 60.000 €, destes cartos, a Deputación de Pontevedra achegará 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos. A seguinte cita será en Santiago de Parada o 25 de xullo, O Carme de Lourido o 31 de xullo, San Fiz de Nigrán o 1 de agosto, Virxe das Angustias de Nigrán o 21 de agosto, San Roque de Camos o 24 de agosto e, finalmente, Bo Xesús de Priegue o 4 de setembro.

“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as festas pese a ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.

A Cañiza acolle unha charla informativa sobre a nova etapa do GDR

0

O grupo de desenvolvemento rural GDR “Condado-Paradanta” inicia un novo proceso de inclusión de socios para desenvolver o Programa Leader 2023-2027.

O Concello da Cañiza acolle, este martes 28 de xuño, unha reunión informativa para todas as formacións, asociacións, clubes, sociedades ou comunidades de montes da Cañiza que desexen formar parte desta nova etapa do GDR “Condado-Paradanta”.

Está dirixida a todas as formacións e asociacións da Cañiza que desexen participar e ter representación e decisión nesta nova estratexia de desenvolvemento local e da comarca. Na charla, que se celebrará ás 21:00 horas, no salón de plenos do Concello, informarase sobre as vantaxes de pertencer a este Grupo Comarcal.

«PENSA, ACTÚA E CONSTRÚE TERRITORIO». Ésta é a lenda elexida polo Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta para buscar e incluir novas asociacións e formacións como socios do Grupo.

O GDR é unha asociación sen fins de lucro, cuxos asociados son entidades públicas e privadas do noso territorio de actuación: A Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, O Covelo, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Como Grupo de Desenvolvemento Rural, ten asinado un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, para a xestión Fondos Europeos, a través do Programa LEADER, para que as empresas e entidades públicas e privadas poidan por ser beneficiarios de axudas económicas para por en marcha os seus proxectos.

No momento actual atópase nun período de transición entre períodos de programación; remata o Programa LEADER 2014 – 2020 e dará comezo o Programa Leader 2023 – 2027.

De cara a ese novo período de programación o GDR ten que elaborar a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP), que será o documento base para a execución do programa no territorio.

A metodoloxía LEADER fundaméntase no concepto do traballo de “abaixo cara arriba”, de modo que é a propia veciñanza, a través das diferentes asociacións, quen define as necesidades e as oportunidades do territorio como punto de partida para construír o noso futuro.

Esta EDLP definirá, entre outras cuestións, qué tipo de proxectos poderán ser beneficiarios dos fondos económicos no seguinte período 23–27, en función das necesidades que identifique a veciñanza.

Por todo isto e para que todas as formacións e asociacións do Concello poidan decidir sobre o noso futuro, é importante ter un representante por cada mesa sectorial (asociación veciñais, culturais, de mulleres rurais, de empresarios e comerciantes, cinexéticas, deportivas de acción social, comunidades de montes, xubilados e pensionistas entre outras).

5 motivos polos que asociarte ao GDR Condado Paradanta:

  1. Axuda a levar a cabo o teu proxecto de desenvolvemento
  2. Escoita as túas propostas de mellora e decrecemento comarcal
  3. Promove o traballo en equipo a través das mesas sectoriais
  4. Favorece as sinerxías entre as persoas. Disporás de espazos nos que compartir  experiencias e crear oportunidades de cooperación
  5. Facilita a participación activa no desenvolvemento local. Serás parte protagonista do desenvolvemento territorial

A sede da Deputación acolle a presentación da Copa de España da Kayak de Mar

As augas da Ría de Vigo serán escenario dun gran acontecemento deportivo esta fin de semana coa celebración da III Copa de España de Kayak de Mar, na que participarán máis de 400 palistas nas distintas categorías en liza. O deputado de Deportes, Gorka Gómez, destacou esta mañá na presentación da competición, celebrada na sede da Deputación en Vigo, que “é un evento moi importante pola altísima participación e por nivel”, e animou “a todas as galegas e galegos a vir e desfrutar deste auténtico espectáculo”. O deputado lembrou que a provincia de Pontevedra “é un referente no piragüismo a nivel internacional” e celebrou a cooperación entre administracións para acoller o acontecemento, que se desenvolverá entre Vigo e Baiona.

Gorka Gómez agradeceu o seu traballo ao Clube Kayak Vigo, promotor deste acontecemento, así como á Federación Galega de Piragüismo e ás empresas colaboradoras. O deputado destacou tamén os beneficios que a Copa de España reportará ao turismo. “Somos un referente a nivel turístico e estes eventos sempre representan unha boa nova”, explicou, nun acto no que estivo tamén presente a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias; o presidente do Kayak Vigo, Emilio López; a vicepresidenta da Federación Galega de Piragüismo, Araceli Menduíña, e o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

A Copa de España é, ademais, clasificatoria para o campionato europeo que se celebra en Italia en setembro. O presidente do Kayak Vigo sinalou que a organización prevé superar os 400 palistas, “entre eles as figuras máis representativas deste deporte”. As probas desenvólvense o sábado día 2 e o domingo 3, sendo a proba estrela a regata “downwind”, un percorrido 17 kilómetros entre Vigo e Baiona ou viceversa (en función da dirección do vento). “É moitísima á xente que se desprazará a Vigo para esta Copa. Esperamos que saia todo ben e repetir nos próximos anos”, apuntou Emilio López, quen lembrou que é a primeira vez en máis dunha década que as augas do norte da península acollen esta competición. As probas desenvolverase nas categorías infantil, cadete, xuvenil, sub-23, veteranos e sénior.

Unha unidade móbil de doazón de sangue estará no Rosal o vindeiro 4 de xullo

0

O Rosal recibe este mes de xullo unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 4 para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. O autobús estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte á sucursal de Abanca, e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos…

O Porriño acometerá a renovación da cuberta do Centro Cultural

O Concello do Porriño anunciou que acometerá a renovación da cuberta do Centro Cultural Municipal, xa que presenta deficiencias na impermeabilización.  

 “O Centro Cultural é un edificio de uso intenso para a vida social e cultural do municipio. Acolle a Biblioteca Municipal, a Oficina de Información Xuvenil (OMIX), unha sala de exposicións ademais de outras actividades que se desenvolven no auditorio, polo que a el acuden a diario decenas de persoas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O seu estado de conservación en xeral é bo excepto no que atinxe á cuberta, que presenta deficiencias que están a afectar xa a impermeabilización e co tempo afectarían á seguridade tamén. De aí que se trate dunha intervención necesaria e urxente”.

A cuberta do edificio está composta por un recubrimento exterior de tella cerámica sobre unha base de placas onduladas de fibrocemento. Os ganchos metálicos que suxeitan estas tellas na placa están fortemente corroídos, rotos e nalgunhas zonas xa caíron, polo que hai algunas soltas e expostas ás inclemencias do tempo.

“O illamento do tellado está cada día máis comprometido e aumenta ademais o risco de que alguna tella poida caír á vía pública”, apuntou o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, “Cabe destacar que o risco de que caída de tellas neste momento é moi baixo, salvo condicións meteorolóxicas extremas, e en calquera caso non na zona de entrada do edificio. Precisamente ese risco é o que queremos evitar”.  

O proxecto de reparación do tellado do edificio ascende a 48.065 euros, 33.645 dos cales se financiarán con cargo unha achega da Xunta de Galicia (ao abeiro da liña de axudas para mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servicios municipais da Vicepresidencia segunda) e os restantes con fondos municipais.

Asociación Folclórica Vila de Baiona celebra este sábadoo seu 6º “Festival Vila de Baiona”

0

Este sábado 22 de xuño ás 21:00 horas a praza do Concello acole ou 6º “Festival Vila de Baiona” organizado pola Asociación Folclórica Vila de Baiona.

As e vos asistentes poderán gozar do mellor baile e música folclórica tradicional. Entre vos grupos participantes atópanse ou Grupo Folclórico Raíces Urdeñas (Urda.Toledo), a propia A.F. Vila de Baiona, as Pandereteiras de Monte Boi e A Seneira.

Desde a A.F. Vila de Baiona queren preséntarnos nesta edición un cartel dá actuación do 6º Festival cunha gran novidade: Incorporaron un código QR para discapacitados visuais. Ao activalo, enlaza ao youtube dá asociación onde pódese escoitar a información do cartel. Unha cartelería moi especial e inclusiva.

Fin de semana case sin incidencias para a Policía Local de Redondela

0

Axentes da Policía Local de Redondela realizaron diversos dispositivos nesta ponte. Nun dispositivo estático de control de vehículos e persoas, realizado xunto cun indicativo da Policía Nacional, procederon a sancionar administrativamente a un condutor, o cal circulaba co permiso de conducir caducado e non o habería renovado ao término da súa vixencia.

Así mesmo, tamén se instruirían dilixencias ao Xulgado de Garda de Redondela, por un delito contra a seguridade viaria, logo de darlle o alto a un condutor e, realizadas as probas de alcoholemia, arroxar un resultado de 0,88 e 0,84 mg/l de aire aspirado.

A primeira hora da noite do venres, tras recibir numerosas chamadas, tamén se regularía o tráfico pola caída ducha árbore que cortaría un carril da estrada N-550 á altura de Saxamonde, ata que foi retirado por unha unidade de conservación de estradas.

En total, durante a festividade de San Xoán e a fin de semana, a Policía Local realizou máis de 120 probas de alcoholemia en diferentes puntos de verificación realizados en puntos do municipio, cun resultado de 7 positivos.

O Concello de Nigrán ofrece unha excursión ao parque acuático de Amarante

0

O Concello de Nigrán ofrece o sábado 2 de xullo unha excursión ao parque acuático de Amarante (Portugal). Os interesados teñen de prazo ata o 1 de xullo para inscribirse na Oficina de Turismo de Panxón (de 9:00 a 14:00 horas) abonando nese momento 13 euros por adulto e 7 euros por neno, sendo gratis os menores de 5 anos.

O prezo inclúe viaxe en autobús e entrada no aquapark (non está incluído o xantar, no recinto hai zona de picnic e restaurantes). A saída é ás 9:30 desde o Concello e a chegada está prevista ás 22:00 horas aproximadamente.

O parque, situado a 60 km de Oporto e con marabillosas vistas ao río Tamega, conta con tres impresionantes tobogáns, varias piscinas de diferente tipo, caracois, pistas rápidas, zona de solarium… A diversión está garantida para toda a familia.

Volve a Festa da Lamprea Seca con galardón de Festa de Interese Turístico

0

Os días 12, 13 e 14 de agosto Arbo converterase na Capital Mundial da Lamprea, produto que cativou ao longo da historia padais tan selectos como os de Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Castro Vello.

O Consello da Xunta, celebrado o  21 de abril de 2022, aprobou declarar de interese turístico de Galicia a Festa da Lamprea Seca de Arbo, que recoñece a singularidade, o arraigo, a tradición e a repercusión que para Arbo ten a Lamprea. Con esta nova distinción recoñecese a vinculación tan importante que a Lamprea ten con Arbo, e que e o sinal de identidade, xunto cos nosos viños de este municipio.

“Nun primeiro momento xurdiu como un acto máis da programación das festas patronais de Arbo, pero co paso do tempo a festa foi adquirindo entidade propia. A singularidade do evento hai que atopala, fundamentalmente, no mantemento da tradición do secado da  lamprea para a súa conservación todo o ano” informa o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

A Festa da Lamprea, tanto a celebrada en abril con recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional, coma a Festa da Lamprea Seca, que ten lugar a primeira quincena de agosto, eleva a degustación desta exclusiva exquisitez “A Lamprea” ao estatus de culto. Xa os emperadores romanos facían que lles levaran lampreas das nosas “pesqueiras” a Roma,  e durante os días de Festas  serán milleiros de persoas as que se acerquen a Arbo para cumprir coa súa peregrinaxe anual ao templo da lamprea.

Durante estes tres días na Carballeira de Turbela, pódense degustar nos postos habilitados a Lamprea Seca, nas súas diferentes variedades (asada, rebozada, rechea, con  fideos) acompañada dos mellores viños da D.Ou. Rías Baixas, mentres se goza das diversas actividades que propiciarán un ambiente festivo apto para todos os públicos.

Entre as actividades que teñen lugar durante a xornada destes tres días, esta a Festa da bicicleta, a Feira de artesanía e antigüidades, a Andaina Popular,  a actuación dos nosos reputados grupos folclóricos, charangas, concertos…  e por suposto non pode faltar a visita obrigada ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea, “Arabo”, situado fronte ao recinto, que permitirá, a locais e foráneos, coñecer mellor nosos principais signos de identificación.

O Concello de Arbo, esta xa preparando a programación para estes tres días, donde se poderá degustar a  lamprea e os viños das adegas con Denominación de Orixe Rías Baixas, e ao mesmo tempo gozarase  dunha ampla e variada programación deportiva e  cultural, anoten os días 12, 13 e 14 de agosto no calendario para visitar Arbo.

“Ademais, a nosa oferta de turismo rural, as nosas adegas, os ríos, as montañas, a natureza, o noso clima que permite practicar diferentes actividades de turismo activo o longo de Arbo, contando Arbo con empresas especializadas en deportes de aventura como kayak ou rafting, cinco rutas de senderismo para disfrutar da tranquilidade e beleza do noso patrimonio e como non  a lamprea e o viño, fan de Arbo unha referencia de turismo enogastronomico”, remataba o rexedor, Horacio Gil.

SmartPeme imparte catro novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como promocionar a túa empresa con Pinterest, copywriting en web e redes sociais, venda de produtos en Facebook e Instagram e fabricación dixital con escaner 3D.

O martes 28 de xuño, na quenda da mañá, Esther Garcinuño diplomada en Ciencias Empresariais impartirá o taller “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest”. Nel dará a coñecer en profundidade esta rede social baseada en taboleiros de fotografías que se poden gardar e compartir e como implementala na estratexia de social media. Na da tarde, Fátima Faílde,  licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, versará sobre “Copywriting aplicado a web e redes sociais”. Un curso que explicará que é o copywriting, os seus tipos, como escribir un bo copy e como usalo nas nosas páxinas web e redes sociais. Ambas accións instruiranse a través de Zoom.

O mércores 29 as 12.ooh ofrécese o obradoiro “Vende os teus produtos en Facebook e Instagram“. O “social selling” é unha das finalidades das redes sociais, por iso neste taller, amosarase como utilizar estas aplicacións como ferramentas de venda directa, como crear unha tenda en Facebook ou Instagram e varios exemplos de éxito. A encargada de conducilo será Laura Carrera, que conta cunha ampla experiencia asesorando a empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e o marketing dixital. Finalmente, o xoves 30 terá lugar o derradeiro dos obradoiros do mes. O experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, Manuel Freire, impartirá “Fabricación dixital. Escáner 3D”. O obxectivo é dar a coñecer e familiarizarse coas tecnoloxías implicadas no proceso de produción dixital. Este é un curso de formato mixto no que se combinan clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro.

Salvaterra organiza unha excursión a un parque acuático

O Concello de Salvaterra de Miño organiza unha excursión ao Natur waterpark de Portugal, o vindeiro 23 de xullo.

Logo destes últimos anos estragados pola pandemia, a recente saída ao Parque Warner de Madrid foi un absoluto éxito, polo que o Concello quere volver a saír coas persoas que o desexen, pero esta vez a un parque acuático máis propio do verán.

É unha oportunidade para viaxar en familia e/ou con amigos, na que a diversión e as risas “fresquiñas” están aseguradas.

O prezo da actividade vai dende 35 aos 40 euros, sendo de balde para os menores de dous anos, no que se inclúe:

  • Autobús
  • Entrada ao parque
  • Seguro de viaxe
  • Guía acompañante

A comida non está inlcuída, pero se pode levar picnic (non están permitidos os envases de cristal).

Para anotarse, pódese facer na dirección de correo [email protected] ou no teléfono 661 046 592 (vía WhatsApp). As inscricións estarán abertas ata o vindeiro 15 de xullo.

A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 8 e sábado 9 de xullo

0

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o venres 8 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30 h a 21:00 h e o sábado 9 de 10:15 h ás 15:00 h.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.

Aberta a matrícula para as clases gratuítas de Tai Chi en Redondela e Chapela

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Servizos Sociais que xestiona Iria Vilaboa, vén de poñer en coñecemento das persoas interesadas que, ata o vindeiro 1 de xullo, estará aberto o prazo para inscribirse nas clases gratuítas de taichi. A inscrición pode formalizarse nos dous Rexistros do Concello –Redondela e Chapela– ou ben a través da sede electrónica na páxina web do Concello. Cómpre subliñar que a adxudicación de prazas se fará seguindo a orde de inscrición.

As clases comezarán o día 4 de xullo e alongaranse ata finais do mes de agosto e, como é habitual, serán impartidas na Alameda Castelao e no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela.

“Que as persoas maiores do municipio teñan a mellor calidade de vida posible, foi e segue a ser unha das prioridades deste Goberno”, afirma a alcaldesa Digna Rivas quen considera de enorme importancia “ofrecer actividades gratuítas, como o caso do taichi, que contribúan a reforzar o seu estado de saúde”.

Está comprobado que a práctica do Tai Chi, a pesar de ser de movementos lentos e pausados, axudan a mellorar a forza muscular ademais de mellorar o andar e aliviar as dores de persoas que padezan doenzas crónicas como a artrite.

A práctica do Tai Chi realizase de pe. Os brazos úsanse para realizar movementos que van dende simples a complexos e nos que se traballan as articulacións, o que as fortalece, osixena e tonifica. Amais os seus movementos melloran e fortalecen os sistemas cardiovascular e respiratorio. Axudan a diminuír a frecuencia cardíaca pero, ao mesmo tempo, melloran a circulación.