Luns, 9 Decembro de 2024

Evangelina Vila Albores “Leo”, recibe os seus 103 anos rodeada do cariño da súa familia e das súas coidadoras

Na residencia de maiores situada en Torrón (parroquia de Sobrada, Tomiño) o día de hoxe espertou diferente. As coidadoras e a directora, Inés Solleiro, afanábanse para que todo estivera apunto para a celebración da máis lonxeva das residentes: Evangelina Vila Albores “Leo”, cumpre nada menos que 103 anos.

Muller de carácter e nun envexable estado de saúde para a súa idade, recibía onte ao mediodía a visita da concelleira de Benestar, Cristina Martínez, que quixo agasallala cun ramo de flores e unha peza de cerámica de Sargadelos. Sentada diante dun colorido mural conmemorativo cheo de mans pintadas, flores de papel e de frases simpáticas e divertidas dos seus compañeiros e compañeiras, responde, pausada, as preguntas que lle fan sobre o seu pasado e presente. “En Tomiño temos unha ducia de persoas centenarias –comenta a concelleira- e para nos é unha alegría poder velas e conversar con elas; aprender da súa experiencia”.

Nada en San Miguel de Oia traballou no campo e tiña un muiño coa súa familia. Pola tarde virán os seus dous fillos, Ramón e Clemente, a pasar con ela unhas horas, igual que os seus netos e netas e a súa nora Marina.

No centro residencial, creado no 2019 no lugar de Torrón, Leo observa o día soleado e agarda polos seus con tranquilidade, e ás persoas que se achegan para darlle os parabéns e desexarlle máis anos de vida, regálalles un “vaian con Deus” ou un “oxalá así sexa”.