O XVII Torneo de Fútbol sala de Chapela, organizado polo Arealonga FS, viviu o acto de entrega dos trofeos e medallas aos participantes.
Daniel Benavides, xefe provincial de Deportes de Pontevedra–Vigo da Xunta de Galicia e Nacho González, concelleiro de Deportes do Concello de Redondela, foron os encargados de entregar os premios deste torneo no que participaron 40 equipos.
Os gañadores foron o Aguias (sénior masculino), Golden Warriors (sénior feminino), Redondela FS (cadete masculino), Escola Futsal Morrazo (cadete feminino), Redondela FS (infantil), Secundino Basalo (alevín), CD A Paz (benjamín), CD A Paz (prebenjamín) e SD Pazos de Borbén (biberón).
A organización quixo transmitir o seu agradecemento a todas as empresas colaboradoras, aos seus patrocinadores e a toda a afección que conseguiu encher de novo o ‘Manuel González Soto’, así como a todos os voluntarios e voluntarias que fixeron posible a celebración desta décimo sétima edición do torneo.