Novos pasos para a ampliación e reforma da nova depuradora de Ponteareas. O consello de administración de Aguas de las Cuencas del Estado, ACUAES, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, vén de sacar de novo a concurso o contrato para a redacción do proxecto, execución e posta en marcha das obras de mellora da estación depuradora da Moscadeira.
A importante subida experimentada durante o último ano nos prezos dos principais materiais que conforman a infraestrutura, especialmente o aceiro, provocou que a primeira licitación realizada en marzo resultase deserta. Para evitar a demora das obras, ACUAES axustou os prazos de licitación e contemplou un incremento no orzamento base ata os 8,3 millóns de euros, o que supón unha suba do 18% con respecto ao presuposto anterior.
O Concello de Ponteareas amosa a súa satisfacción por este novo avance nunhas obras que, como sinalou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, son “imprescindíbeis para solucionar dous grandes problemas históricos de Ponteareas: a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural”. Cun orzamento total de 14,1 millóns de euros este proxecto suporá “o maior investimento da historia da nosa vila nun equipamento municipal tras varios anos de conversas e innumerábeis xestións que remataron nun exemplo de colaboración e entendemento entre institucións polo ben de Ponteareas e da súa veciñanza”.
O prazo previsto é de 30 meses, que inclúe 5 meses para a redacción do proxecto construtivo, 19 meses de execución da obra e 6 meses de posta en marcha. As obras, que inclúen depuradora e colectores, están cofinanciadas ao 50% polo Estado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE); ao 30% polo Concello de Ponteareas e ao 20% pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.
O Goberno municipal do BNG-PSOE destaca que este proxecto suporá “un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareán, deseñado para pouco máis de 10.000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16.000 persoas, traballando por riba da súa capacidade”. Finalizadas as obras, a instalación prestará servizo a 20.000 habitantes, “un fito que permitirá rematar coas verteduras e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias”.