13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaNegocios e hotalería obrigados por lei a separar os seus biorresiduos

    Negocios e hotalería obrigados por lei a separar os seus biorresiduos

    Dende mañá 30 de xuño é obrigatorio por lei e sen excepcións que calquera tipo de negocio, especialmente hostalería e produtores singulares, separen os residuos orgánicos – restos de comida e vexetais- que producen como consecuencia da súa actividade. Así o informou hoxe o vicepresidente da Deputación César Mosquera, quen anunciou que a institución provincial realizará unha campaña divulgativa para dar a coñecer todas as novas obrigas da lei 7/2022 que, ao seu entender, supoñen “unha auténtica e verdadeira revolución” na organización, xestión e tratamento dos residuos.

    Segundo Mosquera hai catro cuestións xerais e novidosas que marca a nova lei e que “é preciso que se asuman canto antes”. A primeira é que toda institución, negocio, comercio ou industria que xere residuos pasa a ser responsable deles e debe acreditar documentalmente a súa correcta xestión. É dicir, que os produtores singulares, teñan ou non facilidades para tratar os seus residuos por parte dos concellos, deben encargarse eles mesmos de cumprir coas obrigas de separación e responder ante posibles inspeccións.

    A segunda das novidades é que a lei prohibe expresamente que todo aquel residuo que se poida aproveitar ou reutilizar vaia a un vertedoiro ou a incinerar. Como terceiro punto está a prohibición das queimas agrarias, xa que os residuos silvícolas débense achegar como material para a terra, a compostaxe, ou a xeración de biogás.

    Finalmente, o cuarto punto salientable e de consecuencias máis inmediatas é que mañá 30 de xuño de 2022 pasará a ser obrigatorio para todo tipo de negocios, comercios e industrias a separación tanto dos biorresiduos como dos aceites usados sen excepcións. A a nova lei recolle a obriga de que Xunta e concellos realicen inspeccións e sancionen con elevadas multas. “As sancións pode que non sexan rápidas, pero están aí e poden supoñer ‘puros’ monumentais”, afirmou Mosquera.

    O vicepresidente tamén quixo aclarar que o requirimento a negocios e hostalería non está relacionado co tamaño e poboación dos concellos: “non hai excepcións nin máis prazo para os xeradores singulares, teñen que separar xa os biorresiduos porque xa se incumpriu o prazo de 2020”, insistiu.

    No caso dos domicilios, Mosquera salientou que a cidadanía tamén ten a obriga de separar nos concellos que xa dispoñan dun sistema de recollida ou separación de biorresiduos como o que marca a normativa: xa ben composteiros individuais, comunitarios ou colectores marróns. “Non podemos esixir a unha persoa que separe na súa casa se despois non ten onde depositar as fraccións que separou”, subliñou.

    En calquera caso, o nacionalista salientou que a nova lei establece que mañá tamén é a data límite para que os municipios de máis de 5.000 habitantes recollan de maneira separada as fraccións actuais e tamén -e sobre todo- a fracción orgánica domiciliaria. Neste sentido instou ás institucións  locais a dar un salto adiante e a poñerse ao día, xa que a meirande parte dos municipios da provincia están moi lonxe de cumprir.

    “Temos que cambiar o chip e deixar o que estamos a facer cos residuos. Hai que separar, non podemos coller todos os residuos e metelos nun lote porque iso crea grandes problemas dos que a xente non é consciente: non é un modelo sostible no tempo”, afirmou.

    No caso da provincia de Pontevedra, Mosquera explicou que nos Concellos Revitaliza nos que está despregado o sistema baseado na compostaxe (Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove, Tomiño, Valga e a Illa de Arousa), este ano poderase cumprir a normativa porque teñen moito traballo avanzado e a cidadanía está a “respostar moi ben”. 

    O resto de municipios deberán avanzar “a bo ritmo” para poder reconverter a situación aínda estando fóra de prazo. A Deputación, subliñou o nacionalista, tenderá a man a todos os que queiran “en serio” cumprir os obxectivos de reciclaxe e o resto da lei: haberá asistencia técnica provincial, axudas económicas e subvencións e incluso crearase un corpo provincial de inspección.

    Para que todas as novidades da nova normativa cheguen á cidadanía, concellos e negocios a Deputación vén de poñer en marcha unha campaña divulgativa e de comunicación en radio, prensa, redes sociais, mobiliario urbano (mupis) e transporte público na que se explica a obrigatoriedade da separación dos biorresiduos. “Imos bastante tarde para cumprir. A campaña é unha necesidade”, finalizou o vicepresidente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.