O grupo de desenvolvemento rural GDR “Condado-Paradanta” inicia un novo proceso de inclusión de socios para desenvolver o Programa Leader 2023-2027.
O Concello da Cañiza acolle, este martes 28 de xuño, unha reunión informativa para todas as formacións, asociacións, clubes, sociedades ou comunidades de montes da Cañiza que desexen formar parte desta nova etapa do GDR “Condado-Paradanta”.
Está dirixida a todas as formacións e asociacións da Cañiza que desexen participar e ter representación e decisión nesta nova estratexia de desenvolvemento local e da comarca. Na charla, que se celebrará ás 21:00 horas, no salón de plenos do Concello, informarase sobre as vantaxes de pertencer a este Grupo Comarcal.
«PENSA, ACTÚA E CONSTRÚE TERRITORIO». Ésta é a lenda elexida polo Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta para buscar e incluir novas asociacións e formacións como socios do Grupo.
O GDR é unha asociación sen fins de lucro, cuxos asociados son entidades públicas e privadas do noso territorio de actuación: A Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, O Covelo, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.
Como Grupo de Desenvolvemento Rural, ten asinado un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, para a xestión Fondos Europeos, a través do Programa LEADER, para que as empresas e entidades públicas e privadas poidan por ser beneficiarios de axudas económicas para por en marcha os seus proxectos.
No momento actual atópase nun período de transición entre períodos de programación; remata o Programa LEADER 2014 – 2020 e dará comezo o Programa Leader 2023 – 2027.
De cara a ese novo período de programación o GDR ten que elaborar a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP), que será o documento base para a execución do programa no territorio.
A metodoloxía LEADER fundaméntase no concepto do traballo de “abaixo cara arriba”, de modo que é a propia veciñanza, a través das diferentes asociacións, quen define as necesidades e as oportunidades do territorio como punto de partida para construír o noso futuro.
Esta EDLP definirá, entre outras cuestións, qué tipo de proxectos poderán ser beneficiarios dos fondos económicos no seguinte período 23–27, en función das necesidades que identifique a veciñanza.
Por todo isto e para que todas as formacións e asociacións do Concello poidan decidir sobre o noso futuro, é importante ter un representante por cada mesa sectorial (asociación veciñais, culturais, de mulleres rurais, de empresarios e comerciantes, cinexéticas, deportivas de acción social, comunidades de montes, xubilados e pensionistas entre outras).
5 motivos polos que asociarte ao GDR Condado Paradanta:
- Axuda a levar a cabo o teu proxecto de desenvolvemento
- Escoita as túas propostas de mellora e decrecemento comarcal
- Promove o traballo en equipo a través das mesas sectoriais
- Favorece as sinerxías entre as persoas. Disporás de espazos nos que compartir experiencias e crear oportunidades de cooperación
- Facilita a participación activa no desenvolvemento local. Serás parte protagonista do desenvolvemento territorial