Luns, 4 Agosto de 2025

A plataforma Antilindano da Louriña alerta da aparición dunha nova vertedura en Torneiros

A Plataforma Antilindano do Porriño vén de facer pública a aparición, “dunha nova vertedura de lindano en Torneiros”, en monte comunal “preto da zona da Pereira-Contrasto” lugar onde se fixeron as obras de saneamento. Segundo a plataforma, a aparición desta nova vertedura, da que tiveron constancia o pasado sábado 23 de marzo “alarmou á veciñanza unha vez que comezou a correr o rumor”.

Segundo unha liña cronolóxica, a Plataforma sinala que o domingo 24, membros de dita plataforma “localizamos a zona, que se volveu tapar e está perimetrada con cinta de obra”. Ao día seguinte, luns 26 de marzo, unha das persoas compoñentes do grupo de coordinación da Plataforma, explica o seu comunicado, “visitou a sede da Comunidade de Montes e falou coa responsable de administración sobre a situación”, en dita reunión, deixouxe constancia que a Plataforma “tiña localizada a zona, que comprobamos que todo estaba tapado e que a nós como Plataforma ninguén nos avisara dende a Comunidade”.

Na reunión, a responsable da comunidade “explicou con absoluta cordialidade –puntualiza a comunicación da Plataforma– a situación, que xa se presentara un informe a Medioambiente, que incluso ían pedir análise das augas que baixan pola vaguada que hai na zona e que agardaban instrucións da Consellería”. Segundo sinalou, a terra “foi depositada pola empresa que facía a obra de saneamento, hai máis dun ano na Pereira-Contrasto”. Tamén confirmou que “ata alí se achegaron varios veciños da Pereira-Contrasto con acusacións de non actuar con dilixencia, intención de engano e ocultación da información”.

Chegados a este punto, a Plataforma Antilindano do Porriño quere recalcar que “non recriminamos nen criticamos en ningún momento a actuación da Comunidade de Montes de Torneiros”. Primeiro porque “a resposta dada resúltanos totalmente convincente” e a súa actuación, comprobada in situ, “totalmente responsable e coherente”. Segundo “porque entendemos que aceptaron, de boa fe, na súa parcela unhas terras libres de toda sospeita de contaminación pola súa parte”.

Por contra, a plataforma si que esixe “unha aclaración inmediata ao Concello como promotor das obras e contratante das mesmas á empresa que moveu as terras. Pirmeiro enterámonos dos vertidos na canteira de Xinzo e agora deste. Non se pode mirar para outro lado a ver se se esquece o tema e rezar para que non apareza máis”, conclúe a Plataforma Antilindano do Porriño.

O Concello “segue agardando polo plan de descontaminación comprometido pola Xunta”
Pola súa banda, o Concello do Porriño fixo pública unha nota de prensa na que ante a noticia do achado de novos restos de lindano en monte comunal, “a expensas da súa confirmación polos técnicos que recolleron mostras para a súa análise”, o Concello de Porriño asegura “carecer de información directa xa por parte da Comunidade de Montes de Torneiros como por parte da Xunta de Galicia”. A pesar diso, a alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre, anunciou este mediodía “que dará as instrucións necesarias para que se comprobe que non se cometeu ningunha irregularidade”.

O Concello de Porriño remítese ás actuacións realizadas tanto en 2017 como en 2018, cando apareceron restos de lindano entre as terras que foron removidas para as obras de saneamento e posteriormente de abastecemento de auga na zona.

Así mesmo o Concello de Porriño quere aproveitar esta circunstancia para lembrarlle á Xunta de Galicia “que segue agardando polo plan de descontaminación que a administración autonómica comprometeuse en 2017 a realizar para o que se mantiveron reunións con veciños, comuneiros e o propio Concello” un plan que pretendía “unha actuación integral xa que en toda esa zona do territorio porriñés, lamentablemente, constatouse a presenza de lindano no subsolo”. Tristemente o compromiso da Xunta de Galicia “non recibiu ningunha consignación orzamentaria e segue sen executarse”, conclúe o comunicado do Concello porriñés.

A Xunta propón mudar o nome oficial da Cañiza por “A Caniza”

0

A Xunta e a Real Academia Galega propoñen cambiar 2.532 denominacións de concellos, parroquias e lugares no Nomenclátor de Galicia, o rexistro oficial dos nomes das entidades de poboación da Comunidade. Así se deu a coñecer hoxe no pleno da Comisión de Toponimia, presidido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, onde destacou “a necesidade de actualizar este documento, un labor imprescindible para non perder a nosa riqueza toponímica, e que nos comprometemos a revisar cunha maior periodicidade”.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, Lingua e Xuventude, na xornada de hoxe avaliáronse as conclusións derivadas de actualizar o traballo feito no ano 2003. “En total estudáronse 4.398 topónimos ditaminando a modificación da denominación de 14 concellos, 183 parroquias e 2.335 lugares”, sinalou López Campos antes de precisar que os cambios afectan aos concellos de A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz de Castro de Ouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.

Así mesmo, o representante do Goberno galego agradeceu a implicación da Real Academia Galega e a implicación cidadá para recuperar preto de 90.000 microtopónimos e “salvagardar a identidade que nos define como pobo e difundir a relevancia de conservar a denominación dos nosos lugares como parte fundamental do que somos como galegos e galegas”. Neste senso, precisou que o traballo feito pola Comisión permitiu incorporar 1.655 novos nomes con respecto a último documento elaborado en 2003, acadando así un total de 42.909 rexistros.

Unha vez completado este traballo, López Campos amosou o compromiso da Xunta de Galicia para iniciar os trámites para elaborar un documento que recolla tamén os nomes relacionados cos mares, océanos e costas de Galicia “necesario pola gran vinculación da nosa terra e as nosas xentes co mar, e que cobra máis sentido aínda despois do traspaso á Comunidade da xestión do litoral”, especificou.

O proceso de traballo

Para realizar este traballo partiuse da base de datos do Nomenclátor de Galicia oficial desde 2003 e cruzouse coa base de datos toponímica do Instituto Nacional de Estatística, coñecido como NomenINE, ademais de contar coas aportacións da sociedade, que axudaron a xeoreferenciar a microtoponimia. Durante o proceso, analizáronse tanto cuestións lingüísticas, como é a ausencia do artigo no nome oficial, chegando a estudar 4.398 topónimos, como xeográfico-administrativas, referidas a problemas de localización ou categorización poboacional, con 13.788 revisións.

Os criterios a seguir baseáronse na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos e no uso oral e escrito que fai a veciñanza do topónimo. Na revisión tamén se tivo en conta o respecto pola forma dialectal de cada lugar e, ademais, tratouse de emendar os erros detectados no Nomenclátor do 2003, fundamentalmente no relacionado co uso dos artigos.

Xunta, Zona Franca e APV visitan as obras do Apartadoiro Ferroviario da PLISAN

A Autoridade Portuaria de Vigo, xunto co Consorcio da Zona Franca e a Xunta de Galicia, están a promover e executar a construción do Apartadoiro Ferroviario da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), co obxectivo de consolidarse como unha infraestrutura estratéxica que reforzará a conexión loxística de Galicia co eixe ferroviario Monforte–Ourense–Vigo.

Tal e como destacaron os promotores desta bolsa de solo industrial (APV, Zona Franca e Xunta de Galicia), nunha visita á zona, este proxecto ten como obxectivo posicionar a PLISAN como un nó loxístico esencial a nivel estatal e internacional. Unha vez rematada, esta obra representará un impulso clave para a economía local e rexional, reforzando o papel estratéxico de Galicia no mapa loxístico da Península Ibérica e de Europa.

Durante o acto, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Xunta vai comezar “de forma inmediata” coa Área Multifuncional Industrial (MI), que permitirá, coa licitación dos instrumentos de ordenación e planificación, dispoñer “en breve” doutros 1,1 millóns de m². Isto quere dicir, precisou, que estarán “urbanizados e a disposición das empresas” 1,5 millóns de m², que, xunto ás obras do apartadoiro, van configurar “un gran centro neurálxico” loxístico e industrial para o norte da Península. Nesa liña, pediu “a máis estrita colaboración” do Goberno central e de Adif na coordinación desta obra “tan complexa e imprescindible”, e que continúen “apoiando e vixiando” a execución do Corredor Atlántico.

A terminal ferroviaria, actualmente en desenvolvemento, é a peza clave da PLISAN: un apartadoiro de 60.000 metros cadrados de explanada ampliables e dedicados á carga e descarga de mercadorías. Trátase da maior terminal construída en décadas para dar servizo á principal superficie loxística e industrial de Galicia e o Norte de Portugal, cun total de 400 hectáreas de superficie.

A obra da terminal ferroviaria da PLISAN, adxudicada á UTE Apartadero Plisan, conta cun plan de execución de 22 meses e está a desenvolver 3 vías electrificadas de acceso á Plataforma Loxística para trens con convoyes de ata 750 metros de lonxitude, cunha praia de vías de 45.000 metros cadrados: 2 vías dedicadas a carga e descarga, e outras 3 para manobras, reparacións e conexión coa rede ferroviaria xeral que conecta Vigo e Monforte.

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou a importancia do ferrocarril como medio de transporte estratéxico. “É o modelo de transporte que defende Europa, supón impulsar a conectividade no tráfico de mercadorías coa Península e os países europeos e, ademais, enmárcase no Plan Estratéxico de Sustentabilidade da Zona Franca de Vigo porque reduce as emisións e contribúe a frear os efectos do cambio climático. O ferrocarril é o transporte do futuro”. David Regades sinalou tamén que “este modelo aumentará a competitividade da Plataforma e as vantaxes para o tecido empresarial que se instale na PLISAN”.

Alta conectividade e máxima intermodalidade

Unha vez finalizadas as obras da terminal ferroviaria, a nova estrutura de unión PLISAN–Porto de Vigo permitirá unha alta conectividade e a máxima intermodalidade no tránsito de mercadorías, o que vai impulsar a combinación do tráfico ferroviario, aéreo, terrestre e marítimo e a súa conexión directa co Porto de Vigo e o resto da Península Ibérica e Europa, a través do Corredor Atlántico.

A nova conectividade sumarase á xa existente por estrada, a través da AP-9, A-52 e A-55, que facilita o tránsito de mercadorías co resto da Península e Europa. A habilitación desta rede ferroviaria contribuirá, ademais, á reducción dos gases de efecto invernadoiro que leva asociado o tráfico por estrada.

A terminal ferroviaria da PLISAN conta cunha investimento de 33,4 millóns de euros e está financiada nun 29,5% con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) da UE–Next Generation EU (8,1 millóns de euros).

Estado actual das obras

Segundo indicou o máximo responsable portuario, Carlos Botana, as obras do Apartadoiro Ferroviario acadaron un avance físico certificado de, aproximadamente, o 50%, cunha investimento acumulada de máis de 12 M€ (sen IVE) e, durante os próximos meses, comezaranse os traballos de formigonado e preparación de vías.

“Dende o Porto, de acordo co resto dos socios, contratouse un encargo á empresa pública INECO, que será a encargada de elaborar os pregos para a licitación da xestión do Apartadoiro Ferroviario”. Estímase o lanzamento do dito concurso a principios do próximo ano. “Isto é moi importante, porque unha vez adxudicada a xestión, a empresa adxudicataria deberá realizar as obras de acondicionamento e compra de maquinaria”, informou, ao tempo que destacou “as múltiples reunións que estamos a manter con Adif para coordinar as obras de mellora da conexión entre Redondela e Guillarei, para poder traballar en paralelo”.

Entre as actuacións xa finalizadas, destacan o camiño de servizo, rematado na súa totalidade, así como a execución da mota de protección. Ao mesmo tempo, retomouse a construción do vial Norte-Sur e as estruturas principais atópanse practicamente rematadas. O paso inferior IP PK 124+725 está completamente executado e a ponte sobre a PO-400 xa está en servizo, ao igual que o paso inferior 123.2, tamén concluído.

Por outra banda, iniciáronse os traballos de execución da subestrutura de vía, tanto na zona das vías mango como nas vías de expedición dentro da explanada. Así mesmo, comezouse a execución das cimentacións de formigón para as catenarias, o formigonado de limpeza na vía 4 e a instalación de arquetas nos cruces de vía. Executouse a zapata da grúa pórtico e iniciouse o formigonado da plataforma de contedores.

No que respecta aos viais, finalizouse o camiño de servizo no lado de As Neves, mentres continúan os traballos na zona de Salvaterra. Concluíu a reposición do tramo afectado da PO-400, que xa se atopa aberto ao tráfico. Comezouse a execución do camiño de servizo para a vía mango en dirección a Vigo (pendente a capa de zahorra) e doutro vial paralelo ao colector D-4 para dar servizo a extraviais. A estrutura principal do tanque de tormentas foi executada na súa totalidade.

Peche do tráfico en dúas rúas de Redondela debido as obras de humanización

0

A concellería de Urbanismo do Concello de Redondela informa que, por mor dos traballos de asfaltado, as rúas Salgueiral e Cardosas estarán pechadas ao tráfico de xeito temporal. No caso da rúa Salgueiral, no tramo desde a rotonda ata o número 11 da rúa, o peche será o vindeiro luns, día 14, desde as 07.00 horas, ata o martes día 15 ás 17.00 horas. O corte de tráfico na rúa Cardosas será o mércores día 17 desde as 07.00 ata as 17.00 horas.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que o obxectivo fundamental das obras de humanización desta zona é “a revitalización dun espazo público deteriorado e que é fundamental na vida da vila”. As obras van permitir que esta céntrica zona de Redondela sexa “máis accesible para todas as persoas, dando prioridade aos peóns e facilitando os desprazamentos das persoas con mobilidade reducida”. Instáronse beirarrúas máis amplas de pedra, novo mobiliario urbano, zonas verdes e iluminación máis eficiente. A actuación contempla tamén un novo escenario na zona sur, nun espazo que actualmente se emprega para actuacións no Festival Internacional de Títeres. O proxecto, de case un millón de euros, foi acordado no anterior mandato co plan da Deputación PON2030.

Para minimizar as posibles afeccións destas obras á circulación, recoméndase como alternativa para os non residentes o desvío dos vehículos pola praza de Ponteareas.

Iniciadas as obras de mellora dos accesos na Abelenda, en Arbo

0

A pasada semana, deron inicio as obras destinadas á ampliación, mellora e pavimentación da estrada municipal na localidade de Abelenda. Esta iniciativa xorde en resposta ás solicitudes dos residentes da zona, que reclamaban mellores condicións de acceso e seguridade as súas vivendas.

O importe da actuación ascende a 100.148,63 € (IVE 21% incluido) e está financiada pola Deputación provincial.

A intervención na vía responde a múltiples necesidades da comunidade. Entre elas, a mellora das condicións de acceso ás vivendas, o cal facilitará a mobilidade e seguridade de quen vive na zona, ademais de contribuír á modernización da infraestrutura rural do municipio.

A obra contempla non só o asfaltado e a ampliación da vía, senón tamén adecuacións destinadas a mellorar a accesibilidade, incluíndo medidas específicas para facilitar a circulación de vehículos e peóns, con especial atención a residentes con dificultades de mobilidade.

Espérase que, unha vez concluídos os traballos, a vía facilite unha circulación máis fluída e segura, fomentando ademais o tránsito peonil e a integración da comunidade. O proceso de execución da obra contempla un cronograma que busca minimizar as molestias aos residentes, garantindo ademais a calidade na execución e o cumprimento dos estándares de seguridade e medio ambiente estipulados.

Maceira repetirá un ano máis a súa particular “Festa do Colesterol”

0

O sábado 9 de agosto de 2025, a praza de Maceira (Covelo) convértese no epicentro do sabor e do bo humor coa celebración da III Festa do Colesterol por un Día, unha festa gastronómica tan irreverente como deliciosa, organizada pola Comisión de Festas da Virxe da Guía de Maceira.

Nesta terceira edición rendemos homenaxe, sen complexos, a un dos praceres gastronómicos máis queridos por maiores e pequenos: ovos fritos, patacas fritas e chourizo á brasa, servidos ben quentiños e con pan e sobremesa incluída por tan só 8 € e menú infantil con chistorra a 4 €. Porque para un día que nos deixamos levar… que sexa á galega e con sabor auténtico! E ademais da comida, non faltará a troula!

Haberá animación musical en directo con DJ Pitty e Cynthia & Rose, inchable para nenos e nenas e ata un sorprendente sorteo de premios “saudables” que de seguro van sacar máis dun sorriso.

A cita será a partir das 14:00 h na praza de Maceira, onde vos agardamos con mesas, ambiente, boa comida e mellor compañía. E para rematar o día como merece, podes achegarte á praia fluvial de Maceira e darte un bo chapuzón!

Desde a comisión animamos a toda a veciñanza e visitantes de todos os recunchos a que se acheguen a compartir esta festa gastronómica tan nosa. Porque aquí… o colesterol só dura un día, pero a lembranza dura todo o ano!

Luis López salienta a mellora da accesibilidade de edificios públicos que impulsa o +Provincia

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta a mellora de edificios públicos nos que se prestan importantes servizos á veciñanza, coma a casa consistorial de Baiona, que se executan grazas aos recursos do plan +Provincia. Acompañado polo deputado e alcalde Jesús Vázquez Almuíña, o mandatario provincial comprobou o remate dunha obra valorada en preto de 250.000 euros e que foi posible grazas á colaboración entre as administracións municipal e provincial. Trátase dunha obra pensada para mellorar os servizos prestados á veciñanza, ao poñer solución aos problemas de accesibilidade á casa de toda a veciñanza de Baiona, explicou o presidente Luis López..

As actuacións, xa rematadas e executadas ao abeiro da anualidades do 2024 do plan +Provincia cunha achega da Deputación de 176.000 euros, centráronse na instalación dun ascensor e dunha escaleira para dar acceso aos distintos niveis do edificio. Unha actuación provisional que será completada no futuro cunha renovación integral do inmoble, pero que serviu para colocar o elevador no seu lugar definitivo ao tempo que resolve unha necesidade urxente.

Un compromiso da Deputación co Concello de Baiona non se limita unicamente á colaboración neste proxecto. Nestes dous primeiros anos de mandato de Luis López como presidente provincial, o investimento da Deputación en Baiona supera os 3,2 millóns de euros. A través dos Plans +Provincia dos anos 2024 e 2025, realízanse investimentos valorados en máis de 2M€, entre os que sobresaen a mellora de numerosos camiños ou a humanización da praza Victoria Cadaval; sobresae o investimento de 240.000 euros ao abeiro dos PEID I e II, destinados á reforma do campo de fútbol do Aral ou aos pavillóns municipal e o do CEIP Fontes; e a través do novidoso plan Extra, reurbanizarase a contorna de Santa Liberata cun investimento de 900.000 euros. Neste sentido, o mandatario provincial puxo en valor o labor do alcalde Vázquez Almuiña e o seu equipo para poñer en marcha tanto grandes obras como proxectos máis humildes.

Unha visita, na que tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, na que o presidente da Deputación reafirmou o compromiso do seu goberno cos 61 concellos da provincia e a súa vontade de seguir transformando e modernizando o espazo público para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

O Rosal énchese de voces e emoción cun encontro coral na igrexa de Santa Mariña

0

As paredes centenarias da igrexa de Santa Mariña do Rosal converteranse este domingo 13 de xullo nun escenario vivo onde a música coral, cargada de emoción e harmonía, fará vibrar cada recuncho. A partir das 20.00 horas, O Rosal acollerá un encontro coral que reunirá tres formacións chegadas de diferentes puntos da provincia para ofrecer un serán inesquecible.

Organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello, con esta cita búscase seguir fomentando a cultura e o goce da música no municipio. Durante o encontro, o público poderá gozar das interpretacións da Coral Máximo Gorki, de Vigo; da Coral Novos Aires, de Nigrán; e da anfitrioa, a Coral da Agrupación Musical do Rosal, que se unirán nunha tarde pensada para deixar pegada nos sentidos e no corazón. A entrada será totalmente gratuíta para todas as persoas que desexen achegarse a descubrir ou redescubrir a beleza da música coral nun marco incomparable.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliña que “será unha oportunidade marabillosa para deixar que a música nos una e nos emocione, nun espazo tan especial coma a nosa igrexa de Santa Mariña. Animamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos queiran visitar a participar e vivir con nós esta experiencia”.

Baiona acolle a VII edición do Día das Vilas Mariñeiras

0

A Asociación Villas Marineras, á que pertence Baiona dende a súa creación, celebra este sábado 10 de maio a sétima edición do Día das Villas Marineras, unha festa anual que nesta ocasión terá como vila anfitrioa a propia Baiona.

A asociación, formada polos municipios de Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo e Santoña, promove este evento co obxectivo de dar a coñecer as súas vilas, poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos, e reforzar a súa identidade común entre os distintos municipios.

As actividades programadas constitúen unha oportunidade para favorecer o achegamento entre a veciñanza das seis localidades cántabras, galegas e asturianas, representadas polas súas principais autoridades municipais e diversos colectivos sociais e culturais.

Unha comitiva de cada vila participará nesta xornada festiva e de irmandade. Baiona, que foi a primeira vila en organizar este evento no ano 2014, acollerá nesta edición de 2025 un formato máis dinámico, no que todos os grupos participantes actuarán durante 15 minutos nas principais prazas da vila. As actuacións non serán simultáneas, para facilitar que o público poida gozar de todas elas.

O programa comezará ás 11:30 horas cun pasarrúas no que participarán todos os grupos, entre eles o “Grupo Ardelume Baíña, Grupo de Integración”, en representación de Baiona. A saída será dende o Porto Pesqueiro e rematará na Praza do Concello, onde terá lugar a primeira actuación.

Dende a súa fundación no ano 1998, o obxectivo principal da Asociación Villas Marineras é poñer en valor e aproveitar os recursos marítimos e pesqueiros dos seus municipios para promover un turismo sostible durante todo o ano.

 

Ponteareas instala 16 cámaras de vixilancia no centro urbano

O Concello de Ponteareas conta xa con 16 cámaras instaladas en oito puntos diferentes do centro urbano grazas ao apoio da Deputación que a través do Plan +Provincia subvencionou con 26.378€ este avance na mellora da seguridade no tráfico.

Ata as oficinas da Policía Local desprazáronse este xoves a alcaldesa Nava Castro, o tenente de alcaldesa Juan Carlos González Carrera. No encontro tamén estivo o tenente xefe do Posto Principal da Guardia Civil en Ponteareas, Santiago Rodríguez, acompañado de efectivos do posto local. Para González Carrera as cámaras supoñen un novo recurso para o control de tráfico en zonas de colexios públicos e moito tránsito. A oficial xefa destacou que tamén amplia as posibilidades na resolución de conflitos de tráfico.

Mellora da seguridade e redución de sinistros

As cámaras disuaden aos condutores de exceder os límites de velocidade ou utilizar o teléfono mentres conducen, explicou González Carrera ademais de contribuír na redución de situacións que comunmente causan accidentes, como o exceso de velocidade ou os xiros indebidos.

“A instalación de cámaras de vixilancia do tráfico é unha medida que pode axudar a incrementar a seguridade nas rúas do centro urbano. A mera instalación destas terá efecto disuasorio e non me cabe dúbida que reducirán as infraccións e axudarán a esclarecer contratempos de tráfico”, adiantaba o tenente xefe da Guardia Civil.

Na mesma liña, González Carrera sinalou que, en caso de accidente, as gravacións poden ser fundamentais para determinar responsabilidades legais e aclarar os feitos. “Ademais as cámaras permiten monitorear en tempo real o fluxo de tráfico e responder rapidamente a conxestións, desvíos ou incidentes.

Tamén axudarán en termos de sensibilización e educación xa que os rexistros poden utilizarse en campañas educativas para mostrar os efectos reais de condutas irresponsables.

Comezan as obras para a nova escola infantil de Mos no Rebullón

0

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, na colocación da primeira pedra da que será a nova escola infantil do Rebullón, que contará con 41 prazas públicas e gratuítas. Na súa intervención, destacou que a Xunta de Galicia financia este proxecto cunha achega económica de máis de 700.000 euros.

A conselleira puxo en valor que esta nova escola infantil é unha mostra máis da colaboración entre a administración local e autonómica e que “permitirá crear un centro de referencia na comarca e na provincia” co que seguir potenciando a conciliación familiar na comarca.

A escola infantil contará con 41 prazas na primeira fase, que poderán ampliarse nun futuro ata chegar ás 82.

Na contorna deste novo centro educativo infantil se situará un complexo sociosanitario único e que entre outros servizos acollerá o segundo centro de coidados intermedios de Galicia.

A nova depuradora de Ponteareas entra en fase de posta en marcha

As obras da nova EDAR de Ponteareas (estación depuradora de augas residuais) acadaron un grao de execución global do 91 por cento, aínda que a porcentaxe elévase ao 96 % na actuación correspondente á depuradora, que xa iniciou a fase de posta en marcha, a cal se prolongará ata o mes de setembro.

A nova depuradora terá unha capacidade de tratamento de 8.894 m³/día e dará servizo a unha poboación de 22.522 habitantes equivalentes. Co inicio da posta en marcha das novas instalacións, deixáronse fóra de servizo as instalacións antigas, mantendo a obra civil do decantador e do biolóxico e renovando completamente os seus equipos electromecánicos. Procederase á demolición das partes que quedan fóra de servizo (principalmente o edificio de control e a liña de tratamento de lodos). Todos estes traballos na antiga EDAR finalizarán antes do mes de setembro de 2025.

Investimento entre Goberno, Xunta e Concello

A actuación está cofinanciada nun 50 % con fondos FEDER polo Goberno de España, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, que achegou 2,3 millóns de euros e o resto será asumido polo Concello (4,5 millóns), pero será anticipado por ACUAES e o Concello poderá pagar a súa parte nun prazo de 25 anos.

A infraestrutura, clave para garantir un tratamento eficiente das augas residuais e cumprir coa normativa europea, conta cun investimento total de preto de 14 millóns de euros. Deste importe, ACUAES anticipará arredor de 4,5 millóns de euros correspondentes ao 32% da obra, que son responsabilidade municipal.

A partir da entrega das obras en setembro, o Concello comezará a devolución deste importe mediante anualidades de aproximadamente 268.000 euros, prolongándose ata o ano 2050.

A alcaldesa Nava Castro destacou que “este compromiso é unha mostra da responsabilidade e da visión de futuro do goberno municipal. A EDAR é unha infraestrutura imprescindible”.

Digna Rivas plantea unha moción de confianza tras a negativa do Pleno aos orzamentos

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, logo de que a oposición rexeitase apoiar o orzamento municipal no pleno celebrado onte, presenta unha cuestión de confianza. A rexedora expón ao Pleno esta cuestión vinculada á aprobación dos orzamentos municipais porque entende que estas contas “son as mellores para os veciños e veciñas de Redondela”. A próxima semana anunciarase a data do pleno extraordinario.

Rivas advirte que non ten “ningún apego ao cargo” e que se debe unicamente á cidadanía deste municipio “que foi a que me escolleu democraticamente como alcaldesa”.

Os orzamentos ascenden a 22.655.106 e son os máis altos da historia de Redondela, cun incremento de case 2,5 millóns con respecto ao anterior. Rivas destaca que se trata dun orzamento “para as persoas e, sobre todo, sostible e xerador de riqueza e actividade económica”. Estas contas dedican a Políticas Sociais 2.819.000 euros, cun incremento no servizo de Axuda no Fogar de 300.000 euros, e manteñen actividades con moito éxito como as de envellecemento activo en todas as parroquias.

Unha das novidades do orzamento de 2025 é a Tarxeta Social, para canalizar axudas asistenciais a persoas e familias en situación de risco. Tamén se duplica a partida para os comedores escolares e mantense o servizo de transporte aos institutos para alumnado de Bacharelato que non bus escolar da Xunta. Respondendo ás demandas dos colectivos parroquiais a contía para os orzamentos participativos sobe dos 180.000 aos 260.000 euros, e tamén as inversións para saneamento, cun 60% máis, e mantéñense as axudas ás Comunidades de Augas.

Ante a negativa dos grupos municipais do PP e o BNG o orzamento xeral foi rexeitado. Desde o goberno local lamentan que a oposición rexeiten as contas “cando PP e BNG coñecían o orzamento desde hai semanas e non fixeron ningunha propostas”. A alcaldesa sinala que o que busca a oposición con esta negativa “é afogar a este goberno, e o único que fan é prexudicar a Redondela”. Rivas explica que estas contas municipais son necesarias “para seguir avanzando, para poñer en marcha proxectos de futuro como o litoral de Cesantes, e para dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas”. Digna Rivas avanza que desde o goberno local “imos seguir traballando con máis forza ca nunca, e non imos perder nin un minuto”. “Creo no noso proxecto e vou esgotar o mandato, traballando por e para Redondela como fixen sempre”, conclúe a alcaldesa.

O Rosal organiza visitas guiadas en Semana Santa para coñecer o seu patrimonio

0

Natureza e patrimonio camiñan da man para desfrutar dunha Semana Santa diferente no Rosal. Sen aglomeracións, nunha contorna única e cun destino que aposta polo turismo sostible e a posta en valor do patrimonio natural e cultural, o Concello prepárase para ofrecer un ano máis visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón, un enclave emblemático do municipio no que historia e paisaxes se fusionan.

O Concello organiza dúas visitas guiadas durante os días centrais da Semana Santa para percorrer a ruta PRG-94, cun percorrido circular de arredor de 3,5 quilómetros. Acompañadas dunha guía experta, durante dúas horas as persoas participantes poderán coñecer o funcionamento dos muíños, así como os principais valores históricos, culturais e paisaxísticos do lugar.

A pesar de ser un percorrido curto, trátase dunha ruta con dificultade moderada debido á presenza de fortes pendentes, chan irregular e tramos con pedras e chanzos. Por este motivo, recoméndase levar calzado deportivo e roupa axeitada ás condicións meteorolóxicas.

As visitas serán o venres 18 de 17.00 a 19.00 horas e o sábado 19 de 11.00 a 13.00 horas. Haberá prazas limitadas, polo que para participar é imprescindible inscribirse previamente a través do teléfono 618029916 ou enviando un correo electrónico [email protected].

Para completar a actividade turística do Rosal durante esta Semana Santa, o Concello abrirá durante toda a semana a Oficina de Información situada no muíño número 1 do Folón, onde todas as persoas interesadas poderán afondar no que ver o do que gozar durante estes días no municipio ou na contorna.

A oficina estará aberta ao público, os días 14, 15, 16 e 17 de abril de 11.00 a 14.00 horas; o venres 18 de 16.00 a 17.00 h, antes da visita guiada; o sábado 19 de 13.00 a 14.h, xusto ao rematar a visita guiada; e o domingo 22 de 11.00 a 14.00 horas.

A Alcaldía de Redondela acusa a BNG e PP de buscar o bloqueo político do municipio

0

A falta de acordos entre o goberno local de Redondela e os grupos da oposición impide, desde o pasado novembro, a aprobación da retribución do concelleiro Alberto Álvarez, responsable das áreas de Medio Ambiente, Sanidade, Transición Enerxética, Participación Cidadá e Parroquias. Unha situación que a alcaldesa, Digna Rivas, lamentou publicamente este martes.

Rivas cargou contra a negativa do grupo municipal do BNG de negociar o salario do edil, acusando aos nacionalistas de condicionar calquera acordo á continuidade do seu cargo de confianza. Desde o executivo local aseguran que os informes técnicos determinan que o único xeito legal de manter dito cargo sería a través da súa inclusión nos orzamentos municipais, unha opción que o BNG tamén rexeita.

Durante os últimos meses, Rivas asegura que tentou achegar posturas co BNG en diferentes ocasións, sen éxito. Un dos episodios clave produciuse en decembro coa Axenda Urbana, que recolle proxectos como o paseo litoral de Cesantes, a reforma do Mercado Municipal ou o edificio sociocomunitario de Chapela. Porén, os socialistas aseguran que o BNG rexeitou apoiar o documento, condicionando o seu voto a favor con medidas que incluían á compra de “ducias de exemplares de Nós Diario”.

No pleno de xaneiro, o Bloque votou en contra tanto da Axenda Urbana 2030 como da retribución de Álvarez, coincidindo co PP nestes puntos. A comunicación oficial da ruptura das negociacións non chegou ao goberno ata o 12 de febreiro, malia que xa fora anunciada publicamente polos nacionalistas. Mesmo así, dende o executivo insisten en que se seguiron tentando vías de diálogo ata mediados de marzo, sen resultados positivos.

A alcaldesa declarou que “non se pode negociar con quen unicamente utiliza a chantaxe política”, e anunciou o cesamento inmediato do cargo de confianza do BNG no Concello, por considerar insostible a situación. “Non vou permitir que un compañeiro que fai unha labor exemplar leve cinco meses traballando sen cobrar”, sentenciou.

Pola súa banda, as conversas co grupo municipal do PP tampouco deron froitos. O voceiro popular, Javier Bas, puxo como condición para apoiar a retribución de Álvarez a eliminación da nova ordenanza sobre a recollida do lixo, unha proposta que o goberno local cualificou de “inasumible”. A alcaldesa defendeu que a actualización da taxa foi avalada por un informe técnico e aprobada polo pleno, e acusou ao PP de “pura demagoxia” por opoñerse a unha medida que tamén aplican nos Concellos onde goberna.

O executivo de Redondela insiste en que continúa aberto ao diálogo con todas as forzas políticas, sempre no marco do interese xeral da cidadanía.

Sete restaurantes súmanse á Festa do Meixón de Tui este mes de abril

0

Tui reivindica o meixón coma produto singular e con gran tradición na cidade dende este venres, 11 de abril, até o luns 28 de abril, luns de San Telmo. Sete establecementos ofrecerán, previa reserva, este prezado produto na Festa do Meixón 2025

Este evento gastronómico foi presentado este mediodía no Mercado de San Antonio por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, os representantes dos sete establecementos participantes, os dous viveiros que subministrarán o produto, Angulas Río Miño e Delicias del Miño, e da adega Quiñóns da Insua.

A concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, destacou na súa intervención que “o meixón é memoria, sabor, tradición, é a nosa identidade. Aínda hoxe é escaso, e iso fai que os prezos no mercado acaden valores elevados, segue sendo un símbolo da nosa cultura”. Explicou amais coma a imaxe deste ano da festa, plasmada nos carteis anunciadores, continúa a “recuperar a esencia dos carteis dos anos 70”.

En representación dos viveiristas tomou a palabra Uxío Benítez, de Angulas Río Miño, para destacar que este tipo de eventos “son moi importantes para visibilizar este recurso que temos. Que o meixón é un produto que xerou, xera, e aspiramos que poida continuar xerando moita riqueza ao redor do río Miño”. Por iso lanzaba unha mensaxe ás autoridades “que rexen no noso querido río Miño para que  tomen decisións valentes para a preservación deste recurso”.

Tamén Miguel Rodríguez, cociñeiro do Parador de Turismo, que tomou a palabra en nome dos restauradores, afirmaba que o “meixón é un produto que deberiamos coidar, e para coidalo temos que coidar o río”, engadía que “esta festa é un xeito de reivindicar que todos deberiamos coidar máis o Miño”.

Por último o alcalde, Enrique Cabaleiro, na súa intervención indicou que este evento gastronómico é “singular e especial” o que dicía “entronca co carácter singular e especial da cidade”. Referíndose aos representantes dos establecementos de restauración participantes afirmou que “hoxe está aquí a elite da cociña tudense e por tanto da cociña galega”. Engadiu que “Tui sempre tivo unha tradición culinaria moi especial, e moi arraigada”. O meixón “é un produto moi identitario da nosa cultura”, polo que sinalou que este ten que ser un acto tamén reivindicativo da nosa identidade, da hostalería local, que leva aportado moito, aporta e seguirá aportando moito ao desenvolvemento económico de Tui, é un acto tamén de reivindicación e posta en valor dos produtores e dos pescadores”.  Sumouse tamén o rexedor tudense ao discurso reivindicativo de “protección  e defensa do río Miño dende todos os puntos de vista”.

A Festa do Meixón comezará este venres 11 de abril. Este suculento e prezado manxar do Miño poderase degustar até o 28 deste mes, Luns de San Telmo, en sete establecementos tudenses – 4Elementos, Casa Pote, El Molino, Emma Tapas & Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado e o Parador de Tui – previa reserva, a un prezo de 80 euros.

Redondela humanizará a estrada de Porto Cabeiro cunha nova calzada e beirarrúas

0

O Concello de Redondela mellorará a seguridade viaria no tramo da estrada de Porto Cabeiro comprendido entre a N-555 e o camiño do Campiño, nas inmediacións do cruce onde se atopa o CEIP Porto Cabeiro. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que no marco que segue o Concello para crear contornas urbanas “máis accesibles e adaptadas ás persoas”, a humanización deste treito ten un dobre obxectivo, “por unha banda ordenar os espazos de forma máis equilibrada, dando prioridade ao peón, e por outra parte renovar e mellorar os servizos urbanos que se atopan en mal estado”.

A situación actual da rúa caracterízase por un estado de conservación deficiente debido
ao paso do tempo e ás sucesivas reformas parciais. A ausencia case total de beirarrúas, os parches e as intervencións illadas realizadas ao longo dos anos fan recomendable a renovación integral dos acabados. Tamén é necesario renovar a rede de drenaxe.

Esta renovación integral da estrada permitirá incluír un paso peonil seguro para facilitar o acceso ao CEIP Porto Cabeiro desde a N-555, cunha beirarrúa dunha das marxes da vía. A estrada ten un ancho variable, de entre 6,50 m e 9,00 m. A nova calzada terá 5,8 metros, con carrís de 2,75 metros cada un. A beirarrúa terá un ancho variable, de entre entre 1,1 metros e 3 metros. Tamén se incluirán elementos vexetais ao longo do itinerario. Os traballos licitaranse por un importe superior aos 530.000 euros dentro do plan +Provincia financiado pola Deputación de Pontevedra.

Renovación pista polideportiva CEIP Porto Cabeiro

A pista polideportiva ao aire libre do CEIP Porto Cabeiro conta actualmente cun firme de asfalto en malas condicións. Neste espazo, de máis de 900 metros cadrados, construirase unha nova pista de formigón pulido, que levará un tratamento para evitar esvaróns. Esta nova pista permitirá unha práctica do deporte máis cómoda e segura, tanto para o alumnado do centro como para a veciñanza da contorna que utiliza este espazo deportivo municipal. Estes traballos, que tamén se inclúen no plan +Provincia, contan cun orzamento de 48.000 euros, e unha parte será financiada con fondos municipais.

Ponteareas pon en marcha a renovación da nave de Aceros del Tea como praza de abastos

O Concello de Ponteareas licita o proxecto de rehabilitación da nave de Aceros del Tea para convertela na nova praza de abastos. O orzamento base de licitación é de 799.999,99€ e as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 21 de abril ás 23:59 horas, sendo a apertura de sobres o 22 de abril ás 14:00 horas.

O deseño interior da nova Praza de Abastos de Ponteareas na Nave Aceros do Tea responde, segundo explica o Goberno local, á necesidade de modernizar e potenciar o mercado municipal, dotándoo de mellores condicións de accesibilidade, funcionalidade e atractivo comercial. A actual praza de abastos presenta diversas carencias estruturais e organizativas que dificultan a súa eficiencia como espazo de venda e encontro cidadá.

Entre os principais obxectivos desta intervención atópanse a optimización do espazo dispoñible, a mellora da distribución dos postos comerciais para garantir a súa visibilidade e accesibilidade, así como a integración do mercado coa contorna urbana mediante a apertura da fachada posterior. Ademais, a rehabilitación permitirá crear unha praza máis sostible e eficiente enerxeticamente, reducindo o seu impacto ambiental e facilitando a súa adaptación aos novos hábitos de consumo.

Para poder financiar esta obra, o Concello de Ponteareas asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia na que comprometen unha achega económica de 800.000,00 euros destinada á execución destas obras.

Música, gastronomía e tradición protagonizan o programa das Festas de San Telmo 2025

0

Tui comezou a conta atrás para as Festas de San Telmo coa presentación da programación festiva que se vai desenvolver do sábado 19 ao luns 28 deste mes de abril. Dez días intensos de actividades culturais, musicais, gastronómicas, deportivas, e festivas pensadas para disfrutar en distintos espazos tanto por parte da veciñanza coma por todas aquelas persoas que visiten o municipio nestas datas.

A presentación do programa festivo correu hoxe a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, da concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, xunto a outros membros do goberno municipal, os representantes das catro bandas de gaitas tudenses e do artista G-Face.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, sinalou como as festas dunha cidade histórica coma Tui son un expoñente claro da riqueza patrimonial, cultural, …que a cidade e as súas xentes foron atesourando ao longo dos séculos. Destacou tamén importancia que teñen no desenvolvemento económico e social da cidade. Por outra parte Enrique Cabaleiro, indicou estas son unas festas plurais polos distintos espazos onde se celebran e que se poñen en valor nestas datas. Son unhas festas diversas, afirmaba, pola variedade de manifestacións culturais que teñen lugar, reafirmando a aposta municipal porque as festas de San Telmo “sexan un expoñente claro da riqueza cultural que hai no noso concello”. Pero tamén, dicía, teñen que ser unhas festas que respondan ao criterio de sostibilidade económica.

No mesmo senso pronunciouse a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, que foi a encargada de repasar polo miúdo a programación prevista ao longo de dez días nos que haberá, dicía, “cultura, deporte, gastronomía, teatro, música, tradición…”. O obxectivo, explicaba a concelleira, é “que as persoas disfruten das festas e dar a coñecer a riqueza inmensa que ten Tui”.

Mentres a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, reflexionou sobre a dinamización do comercio, da hostalaría e do turismo que se consegue grazas ás festas de San Telmo nas que a gastronomía estará tamén presente. Así avanzou unha nova edición do Encontro de Viños da Raia que “reforza os lazos que nos unen” coa presenza de pequenos produtores das dúas beiras do Miño, e tamén a Festa do Meixón que comezará xa o venres 11 e que será presentada o próximo luns.

Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, avanzou os eventos deportivos que terán lugar nos festexos. Así explicou que a Carreira Popular de San Telmo pasará a ser Memorial Xosé Martínez Tato, en recoñecemento á implicación que tivo ao longo de todas as edicións desta proba xa consolidada que agardar reunir a preto de 1000 persoas de todas a idades. Tamén destacou a importancia da Concentración Cabalar en San Bartolomeu que nos últimos anos se converteu en referente no mundo da hípica.

Na presentación participaron tamén os representantes das Bandas de Gaitas Arume de Malvas, Guillarei, a Insua de Caldelas e San Xoán de Paramos. No seu nome tomou a palabra Diego Alonso para agradecer ao concello o apoio ao Encontro de Bandas de Gaitas que se celebrará o sábado 19 ás 21 h no Espazo Feiral. Esa mesma noite, a continuación, actuará G-Face no primeiro concerto das festas xunto a súa banda, integrada por 25 persoas. Un dos temas que interpretará esa noite será “Mi luna” que vén de lanzar esta madrugada e que hoxe ofreceu en acústico na presentación.

O primeiro domingo de festas contarase con Herdeiros da Cruz que iniciarán en Tui a xira presentación do seu novo traballo “Trankimasin” tamén no Espazo Feiral. Mentres no espazo sociolcultural da rúa Camilo José Cela actuarán os grupos Good God!, Wondercovers, Movilla y Los Irrepetibles…e para público infantil ao Teatro Municipal chegará A Gramola Gominola.

Non faltarán as bandas de música coa Popular de Tui, a Xuvenil de Xinzo, o Ateneo Musical de Bembrive, a Xuvenil de Tui e a Militar de Marín, ou as corais Ponte das Febres, San Telmo e do Centro Sociocomunitario. Coma novidade contarase cunha demostración de danza da Escola de Danza Paula Cobián.

O alumnado do Conservatorio, e as charangas Cantos Somos, A Tu Ritmo, porán tamén música a estas festas. A animación para público familiar chegará con Kote Malabar, Brais das Hortas, Barafunda, Troula Animación, Asacocirco … E celebrarase do Tui Mix con dj Enter e Dj Bacardit

A XV Semana do Teatro Amador reunirá os grupos tudenses de Caldelas, Pazos de Reis, Randufe, e Rebordáns. As verbenas correrán a cargo de Olympus, Los Players, Kubo e Los Satélites.

Non faltarán o tradicional desfile-exhaltación do traxe de Tui, a procesión de San Telmo e a tirada de fogos piromusicais.

 

Redondela opta aos fondos europeos para mellorar o acceso ao CEIP Laredo

0

O Concello de Redondela opta aos fondos europeos con grandes proxectos que se inclúen no PAI (Plan de Acción Integrado) un instrumento clave para abordar algúns dos retos destacados na Axenda Urbana. Pensando nos peóns, e especialmente na rapaza, inclúese no PAI o proxecto “Camiños escolares seguros”.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata de crear espazos para favorecer a autonomía infantil. A actuación abarcará aproximadamente 3.000 m² de superficie, co obxectivo de transformar a Rúa Manuel Rodríguez Casal nunha contorna “máis segura, accesible e amable para os peóns, especialmente para os nenos e nenas que estudan no CEIP Laredo”. Para iso crearase unha plataforma única, con medidas de redución de velocidade para o tráfico. Nun tramo dus 300 metros de lonxitude realizarase un cambio funcional, estético e ambiental. Este proxecto non só garantirá un acceso máis seguro ao CEIP Laredo de Chapela, “senón que tamén servirá como modelo para futuras intervencións de humanización noutros colexios do municipio, promovendo contornas urbanas adaptadas a colectivos vulnerables como a infancia”.

Como complemento á humanización levarase a cabo un proceso de naturalización da contorna para mellorar a calidade ambiental da zona e a integración paisaxística. Incorporarase vexetación autóctona para reducir o impacto ambiental, favorecer a absorción de CO2 e mitigar o efecto do calor. Instalarase novo mobiliario urbano e iluminación led eficiente, “co que se mellora tanto a seguridade nocturna como a habitabilidade do espazo”, apunta Rivas. Con este enfoque “non só se mellora a seguridade e comodidade dos camiños escolares, senón que tamén creamos grandes refuxios climáticos públicos”, conclúe a alcaldesa. O proxecto está orzamentado en 776.820 euros, dos que 466.092 corresponden á creación do camiño escolar e o resto, 310.000 728, para a mellora ambiental e mobiliario urbano.

O proxecto definiuse logo de reunións con diferentes axentes implicados e sesións de traballo coas áreas municipais. A través destes encontros, identificouse a perdida de autonomía da infancia hoxe en día e a necesidade de mellorar a seguridade e accesibilidade en contornas escolares, o que levou á incluír esta intervención no PAI da Axenda Urbana de Redondela.

O obxectivo deste PAI é “revitalizar e mellorar a calidade de vida , a accesibilidade e a sostibilidade urbana”. Entre os proxectos están o novo Centro Sociocultural de Chapela, a reforma do Mercado Municipal, o Museo Etnográfico Ángel Barros e obras de humanizacións e eficiencia enerxética. No casco histórico contémplanse actuacións para eliminar barreiras arquitectónicas e habilitar espazos de convivencia entre os cidadáns.

A alcaldesa sinala que son proxectos “estratéxicos para o futuro de Redondela” e asegura que sairán adiante “malia que os grupos da oposición votaron en contra en dúas ocasións, prexudicando así os intereses dos veciños e veciñas de Redondela”.

Rivas destaca “a madurez” dos proxectos seleccionados, que é un dos requisitos para poder optar aos fondos europeos. As propostas incluídas no PAI contan xa cos traballos técnicos avanzados para facilitar a licitación das obras. Son proxectos “realistas e moi necesarios para facer realidade nun prazo de entre 2 e 4 anos”, afirma a rexedora. Os fondos FEDER financiarían un 60% do custe dos traballos, e o 40% restante o propio Concello.

A DXT activa un “súper radar” entre Tui e Gondomar para controlar a velocidade

0

A Dirección Xeral de Tráfico incluíu na lista de radares e puntos de control de velocidade o coñecido como “súper radar”, instalado na PO-340, entre Tui e Gondomar. Trátase dun dispositivo que controla a velocidade nun tramo desta estrada pontevedresa. En concreto, controla a que velocidade circulan os vehículos que pasan en ambos sentidos entre os puntos quilométricos 4.3 e 6.28.

Como funciona o súper radar?

Este dispositivo especial de control do tráfico non só vixía se os condutores superan a velocidade permitida, 60 quilómetros por hora, nese tramo de case dous quilómetros desta estrada. Tamén revisa se os condutores que circulan pola PO-340 incumpren outras normas de circulación. Este “súper radar” controla posibles adiantamentos en zonas de liña continua, o uso do móbil ao volante ou se o condutor leva posto o cinto de seguridade.

Os dous dispositivos colocados nos quilómetros 4.3 e 6.28 da PO-340 instaláronse o pasado ano e ata este mes de marzo non foron incluídos na lista de radares e puntos de control de velocidade da DXT. Un súper radar situado nunha zona con diversas curvas, onde non se poden superar os 60 quilómetros por hora. Estes novos dispositivos obrigarán os condutores a circular con aínda máis precaución e a cumprir escrupulosamente as normas de tráfico indicadas.

Fogos artificiais e a Catedral de Tui, protagonistas do cartel das Festas de San Telmo

0

O ilustrador tudense Carlos Lago é o autor do cartel anunciador das Festas de San Telmo deste ano, unha obra que representa a Catedral de Tui iluminada e acompañada por fogos artificiais. O deseño foi presentado oficialmente, marcando o inicio da conta atrás para os festexos que terán lugar do 19 ao 28 de abril.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, felicitaron a Carlos Lago polo seu traballo, destacando a importancia de apostar por creadores locais para dar imaxe a estas festas tan emblemáticas.

Carlos Lago confesou que, ao recibir o encargo do Concello, sentiu unha mestura de sorpresa, alegría e responsabilidade. No proceso de creación, elaborou unha decena de borradores antes de decidirse polo deseño final, onde recolle a esencia das festas patronais de Tui. A súa elección final centrouse na figura de San Telmo saíndo da Catedral, combinada coa propia Catedral iluminada e os espectaculares fogos de artificio.

O cartel foi realizado con técnica mixta, empregando lápis pastel e rotulador sobre cartolina, para despois ser dixitalizado e completado coas letras e logotipos. O autor expresou a súa satisfacción co resultado, asegurando que cumpre a súa función de anunciar as festas con carácter festivo e chamativo. Ademais, espera que a cidadanía reciba a súa obra con entusiasmo.

Carlos Lago, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, é actualmente profesor de Educación Plástica no IES Pino Manso do Porriño. Ademais, conta cunha traxectoria destacada no mundo da ilustración e a animación, participando en proxectos como videoclips para artistas como Guadi Galego e Xabier Díaz, e ilustrando libros de Emma Pedreira e Marta Lado. Recentemente, regresou ao debuxo analóxico, destacando polos seus traballos en lápis pastel que comparte a través das súa redes sociais baixo o nome “O Terser home”, onde documenta escenas cotiás, paisaxes e retratos cunha tónica persoal e un reto diario de creación visual.

Esta é a segunda ocasión na que o Concello de Tui encarga o cartel das Festas de San Telmo a artistas locais, despois do deseño realizado en 2024 por Víctor Coyote. Con esta iniciativa, o Concello reafirma a súa aposta por visibilizar e recoñecer o talento tudense, vinculando a identidade visual dos festexos a creadores da vila.

O Baxio Miño aposta polo agro como nova atracción turística

Galicia Suroeste adxudicou a licitación para a creación do “Club do Produto do Agro do Baixo Miño”, unha iniciativa enmarcada na planificación estratéxica da comarca co obxectivo de converter este territorio nun referente turístico innovador e diferenciado a nivel nacional. O proxecto busca integrar o sector primario dentro da oferta turística, promovendo as explotacións agrarias como un elemento central de atracción para visitantes e turistas.

A creación deste club do produto dá continuidade aos traballos iniciados en decembro en colaboración co sector primario, impulsando unha estratexia que garante a excelencia no proceso de desenvolvemento turístico do territorio. O obxectivo principal é estruturar unha oferta turística baseada nos recursos agrarios locais, de maneira que visitantes e turistas poidan coñecer de primeira man o funcionamento das explotacións, os métodos de produción e os produtos autóctonos.

O club do produto consistirá nunha estratexia colaborativa que reunirá produtores, comercializadores e outros actores vinculados ao territorio para mellorar a calidade, sostibilidade e competitividade dos produtos agroalimentarios da zona. Ademais, establecerase un sistema de regulación interno que garantirá ás persoas consumidoras e turistas uns servizos organizados e de calidade. Esta iniciativa busca, así mesmo, fortalecer a identidade do territorio como un espazo de referencia na produción agraria, promovendo o consumo responsable e a valorización dos recursos autóctonos.

A posta en marcha deste proxecto supón unha aposta pola diversificación da actividade turística, incorporando o agro á cadea de valor do turismo no Xeodestino. Ademais, prevese que o club fomente a colaboración entre diferentes actores, como planificadores turísticos, prestadores de servizos, institucións e entidades xestoras dos recursos naturais da comarca. A intención é desenvolver unha oferta turística con garantías de calidade, centrada na terra, no seu aproveitamento e nas persoas que viven e traballan nela.

A iniciativa enmárcase dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation. A súa implementación permitirá poñer en valor novos recursos turísticos, contribuíndo á desestacionalización do turismo e á redistribución dos fluxos de visitantes no territorio. Ademais, este proxecto busca xerar un retorno económico positivo noutros sectores xa asentados, favorecendo un desenvolvemento equilibrado e sostible.

Outro dos obxectivos clave do club do produto é impulsar a creación de novos postos de traballo tanto no sector primario como noutros sectores complementarios, promovendo actividades que reforcen a dinamización económica da zona. Con esta aposta polo turismo agroalimentario, espérase que o proxecto contribúa a fixar poboación no rural, garantindo oportunidades de emprego e fomentando a conservación e promoción dos recursos naturais e produtivos do Baixo Miño.

Arrancan as obras de mellora na residencia de maiores Santa Ana en Ponteareas

As obras de rehabilitación e mellora da residencia de maiores Santa Ana xa están en marcha. Esta intervención, cun orzamento de 800.608,73 euros, está financiada a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

A actuación permitirá mellorar a eficiencia enerxética do edificio e garantir un espazo máis confortable para as 32 persoas residentes. Entre as melloras previstas destacan a optimización da envolvente térmica mediante a renovación de fachadas, cuberta e carpintería exterior, o que permitirá reducir perdas de calor e mellorar a climatización do inmoble. Ademais, substituirase a iluminación existente por un sistema máis eficiente, reducindo o consumo eléctrico.

Tamén se acometerán reformas na accesibilidade da entrada principal pola rúa Santa Ana e ampliarase o número de aseos accesibles na planta baixa, pasando de un a varios, para mellorar o servizo dispoñible para os residentes.

Estas obras representan un paso máis na mellora da calidade de vida das persoas maiores que residen en Santa Ana, asegurando un entorno máis adecuado, funcional e eficiente.

O Porriño será capital do mel en Galicia cun Bee Happy Market, obradoiros e catas

O Porriño prepárase para acoller, o vindeiro sábado 5 de abril, a XXXVII Feira Apícola Rías Baixas, un evento organizado pola Agrupación Apícola de Galicia en colaboración coa Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e o Concello do Porriño. Durante toda a xornada, que se desenvolverá na Praza do Cristo de 10:00 h a 20:00 h, o mel converterase no gran protagonista nunha celebración que mestura tradición, gastronomía e innovación apícola.

Hoxe tivo lugar a presentación oficial, na que participaron o alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, membros da Agrupación Apícola de Galicia, da IXP Mel de Galicia e da Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, así como autoridades municipais.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “é un orgullo para o Porriño ser punto de encontro de expertos nacionais e internacionais que comparten coñecementos e experiencias en beneficio do sector apícola”. Tamén destacou “a importancia de atraer visitantes e dinamizar a economía local mediante eventos que poñen en valor a nosa tradición e cultura apícola”.

A feira comezará ás 10:00 e durará ata as 20:00 horas, cunha programación que combinará actividades de divulgación e gastronomía. Entre as actividades destacadas, estarán as Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura, nas que se reunirá a expertos para abordar os retos do sector. Na Praza do Concello, tamén se celebrará un showcooking a cargo de Xulio Mato, do programa da TVG A voltas co prato, no que o mel será o ingrediente protagonista.

Ademais, haberá catas comentadas dos meles da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria, xunto cunha cata de queixos galegos con DOP premiados nas Catas de Galicia 2024. “Queremos que todos os asistentes vivan unha experiencia sensorial, degustando produtos de alta calidade e coñecendo de cerca o seu proceso de elaboración”, destacou o rexedor.

A parte máis lúdica incluirá o Bee Happy Market, un espazo de venda de meles e produtos artesanais, así como obradoiros infantís para achegar aos máis pequenos ao mundo da apicultura. Pola súa banda, o venres pola mañá terá lugar unha actividade didáctica para os centros educativos da vila, onde os escolares aprenderán sobre as abellas e a súa importancia na polinización.

Outra das propostas máis agardadas é a tradicional degustación do Pan do Porriño, que se celebrará ás 18:30. Tamén se organizará unha ruta de tapas nos establecementos locais e un sorteo de tres caixas con produtos galegos entre os asistentes á feira ou os clientes das tascas adheridas.

O evento converterá, un ano máis, ao Porriño no epicentro da apicultura en Galicia, demostrando o traballo colectivo e o compromiso co desenvolvemento sostible do sector.

Diana Vilas ofrece unha charla sobre o Castelao debuxante e a infancia en Redondela

0

Redondela está a celebrar este 2025 o Ano Castelao, co gallo do 75º aniversario do seu pasamento con conferencias, homenaxes e teatro. Desde o Servizo de Normalización Lingüística, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, organizaranse actos “para poñer en valor o relevante papel de Castelao como político, intelectual, escritor e debuxante”, explica a rexedora.

Logo das conferencias do catedrático Ramón Villares e a do escritor Emilio Ínsua, esta semana teremos en Redondela á escritora e investigadora Diana Vilas. A autora de varios libros sobre Castelao estará mañá xoves, ás 19.30 na Oficina de Turismo para ofrecer a conferencia “O álbum dos nenos de Castelao”. Nesta charla Vilas fará unha aproximación á representación que fai Castelao da infancia. As súas ilustracións de nenos e nenas son moi célebres polo seu trazo, a súa mensaxe e a retranca tan características deste galego universal. A entrada é libre ata completar o aforo.

As actividades continuarán o 30 de maio coa conferencia de Iria Friné sobre “A cartelaría do Estatuto do 36. Castelao”. Xa no mes de xuño, o día 4, o Concello colaborará co CEIP Alexandre Bóveda (Angorén-Chapela), na celebración do aniversario de Alexandre Bóveda, coa participación das fundacións Castelao e Bóveda. Tamén se celebrará un acto de homenaxe ao redor das orixes da escultura de Castelao que preside a alameda. A estatua erixiuse en Redondela en 1987 por subscrición popular, e foi a primeira de corpo enteiro que se realizou do insigne galeguista

O PP critica a falta de investimentos na conservación das vías municipais

0

O grupo municipal do Partido Popular da Cañiza solicitou formalmente no Rexistro Xeral do Concello o plan de mellora de pistas municipais. Esta solicitude xorde despois de que o executivo municipal empregase este documento como xustificación para rexeitar o debate dunha moción presentada polo PP, que propoñía medidas para o mantemento da rede viaria local.

Desde o grupo municipal popular lamentaron que o goberno socialista presentase unha enmenda á totalidade á súa moción, o que, segundo manifestan, impide o seu debate en pleno. Os populares consideran que esta práctica limita a discusión política e afirman que non se produce noutros concellos da provincia.

O PP da Cañiza tamén manifestou o seu desacordo coas argumentacións do executivo municipal, que sostén que a rede viaria está a ser adecuadamente atendida. Segundo os populares, esta percepción non se corresponde coa realidade e aseguran que moitas das vías municipais presentan un estado de conservación deficiente.

Ante as declaracións do alcalde, Luis Piña, nas que afirmou que existe un plan de actuación en materia viaria, o PP local solicitou o acceso ao devandito documento. A voceira municipal da formación, Pilar Vicente, expresou dúbidas sobre a existencia e execución deste plan, argumentando que o investimento en infraestruturas viarias nos últimos anos foi escaso.

No último pleno municipal, o goberno local indicou que xa conta cun diagnóstico da situación das pistas e que os recursos destinados ao seu mantemento están asignados en función da capacidade económica do Concello. Non obstante, desde o PP consideran que a situación actual da rede viaria require un maior investimento. A formación política anunciou que continuará solicitando melloras para garantir unha mobilidade e seguridade viaria adecuadas no municipio.

A procesión da Oración, no Xoves Santo, novidade na Semana Santa tudense

0

 A Semana Santa tudense presenta novidades neste 2025 coa incorporación dun novo acto procesional na xornada do Xoves Santo. Así se deu a coñecer esta mañá na presentación programación da Semana Santa 2025 na casa do concello que contou coa participación do alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a presidenta da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, Begoña Martínez Lorenzo, o presidente da Asociación de Exvoluntarios de Protección Civil de Tui – Cristo da Agonía, Juan Juan Sío Castro, e o prior da Irmandade, párroco de Tui e cóengo da Catedral, D. Santiago Freire Comesaña.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou as dimensión da Semana Santa tudense “na posta en valor do noso patrimonio cultural” e no feito de ser “un  elemento de potenciación do noso sector turístico, sen esquecer que a finalidade primeira da celebración da Semana Santa e a súa dimensión espiritual”. Enrique Cabaleiro referiuse tamén ao lugar preeminente e de liderato que a Semana Santa de Tui ten.

Pola súa banda a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, salientaba a importancia e singularidade da Semana Santa tudense. Do mesmo xeito que o alcalde referiuse ao compromiso inequívoco do Concello con esta celebración, coma se reflicte na edición dun libro de 16 páxinas no que se recollen non so os distintos actos previstos senón tamén a historia da Semana Santa tudense. Así coma na organización, por parte do Concello, da procesión do Santo Enterro o Venres Santo.  Agradeceu a colaboración de todas as entidades e persoas que fan posible levar a cabo esta programación, salientando precisamente a importancia desta colaboración.

O programa da Semana Santa abrirase este domingo, 6 de abril, ás 18 h na capela das Reliquias na Catedral coa lectura do pregón a cargo do bispo emérito da diocese de Tui-Vligo, D. Luis Quinteiro Fiuza. Hoxe na presentación Dolores Balseiro, representante da Asociación Amigos da Catedral, referíase a este pregón e ás singularidades da Semana Santa tudense.

Mentres o presidente da Asociación de Exvoluntarios de Protección Civil de Tui – Cristo da Agonía, José  Juan  Sío Castro, manifestaba a súa satisfacción por portar, dende hai 32 anos a imaxe do Santo Cristo da Agonía, para o que precisan 24 voluntarios polas dimensións e peso do paso.

A presidenta da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, Begoña Martínez Lorenzo, foi a encargada de anunciar a novidade deste ano que será a celebración da Procesión da Oración do Señor na horta das Oliveiras , que terá lugar o Xoves Santo, ás 21.30 horas.

Por último o prior da Irmandade, párroco de Tui e cóengo da Catedral, D. Santiago Freire Comesaña, destacaba a colaboración existente entre as distintas entidades organizadoras da Semana Santa e adiantaba que todas as celebracións litúrxicas van ser presididas ou polo bispo titular, Don Antonio Valín ou polo bispo emérito, Don Luis Quinteiro.

O programa da Semana Santa en Tui comeza este domingo, ás 18 h na capela das Reliquias na Catedral,  co pregón da Semana Santa a cargo do bispo emérito, D. Luis Quinteiro Fiuza. O acto, organizado pola Asociación Amigos da Catedral, contará cun pequeno concerto a cargo do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

O domingo 13 de abril, Domingo de Ramos, ás 11 h terá lugar a beizón de ramos na Praza de San Fernando con procesión e misa na Catedral. O mércores, 16 de abril, ás 12 h na Catedral o bispo D. Antonio Valín, presidirá a misa crismal.

O Xoves Santo, 17 de abril, de 19 a 23 h realizarase a tradicional visita aos monumentos cun percorrido pola Catedral,  a igrexa das Monxas Clarisas, a igrexa de San Telmo, a capela da Residencia San Telmo, a igrexa de San Domingos e a igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación do Horto das Oliveiras.

Coma novidade este ano ás 21.30 h celebrarase a procesión da Oración do Señor no Horto das Oliveiras que sairá dende a Capela da Misericordia para percorrer as rúas do conxunto histórico baixo a organización da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia.

O Venres Santo, 18 de abril, o programa abrirase ás 11 h coa saída dos pasos dende a Capela da Misericordia até a praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro a cargo de D. Santiago Freire, coengo e párroco de Tui, para continuar a procesión dos Pasos polas rúas da cidade. Estes actos están organizados pola Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia contando coa colaboración Asociación de Exvoluntarios de Protección Civil de Tui – Cristo da Agonía.  Mentres ás 20 h, na igrexa de San Domingos terá lugar o Sermón do Desencravo a cargo de D. Santiago Freire. Logo comezará a procesión do Santo Enterro, organizada polo Concello de Tui coa colaboración da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, que rematará na igrexa de San Francisco.

O sábado, ás 8 h, sairá da igrexa de San Francisco até a Catedral a procesión de Nosa Señora da Soidade.  Por último o domingo ás 12 h o bispo da diocese presidirá na Catedral a Misa Pascual.

A Semana Santa tudense conta cunha tradición secular existindo referencias á mesma en textos do século XIII.

BNG e PSOE únense no Porriño en defensa da sanidade pública

O Bloque Nacionalista Galego e o PSdeG-PSOE do Porriño veñen de presentar unha moción conxunta para trasladar ao pleno municipal as reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública. A iniciativa busca dar visibilidade ás demandas do colectivo, que leva tempo tentando sen éxito concertar unha reunión coa Xunta de Galicia para abordar a actual situación sanitaria.

Na sesión plenaria celebrada este luns, os grupos propoñentes solicitaron unha maior dotación de persoal no Centro de Saúde do Porriño para garantir a cobertura dos servizos básicos. Ademais, reclamaron a incorporación de especialidades como pediatría, atención temperá e radioloxía, así como a ampliación da carteira de servizos con saúde mental, fisioterapia, farmacia e ambulancia en ruta.

A moción tamén incluíu unha petición para que o Concello financie un autobús co fin de facilitar a participación cidadá na manifestación en defensa da sanidade pública que terá lugar en Santiago de Compostela o 6 de abril. “O alcalde ten a oportunidade de posicionarse do lado dos intereses da cidadanía”, sinalaron os impulsores da proposta.

A iniciativa non contou co apoio do Partido Popular, que votou en contra da moción. A concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, afirmou que a saturación do sistema sanitario se debe á alta demanda da poboación, declaracións que foron cualificadas pola oposición como “surrealistas e lamentables”. A oposición considera que o problema radica na falta de recursos e na redución do investimento en sanidade pública.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública animan ás persoas afectadas a rexistrar as súas queixas nos centros de saúde e hospitais, así como a participar na mobilización do 6 de abril en Santiago de Compostela. Para facilitar o desprazamento, a plataforma habilitou un autobús con parada no Porriño, permitindo a reserva de praza a través do número de teléfono 986 610 465.

Máis de 1.200 persoas de 15 comparsas participarán no Entroido de Tui

Un total de 1.223 persoas pertencentes a 15 comparsas van participar o próximo martes, 4 de marzo, no XXXVI Concurso Desfile de Entroido en Tui enchendo de corido, animación, música,.. as rúas novas da cidade.

O desfile comezará ás 17.30 horas para realizar un percorrido polo circuíto establecido nas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. Dentro da lista de 15 comparsas inscritas haberá participación da cidade anfitrioa, Tui, e tamén de Tomiño, Salceda, O Porriño, Vigo, Gondomar, Soutomaior, Nigrán e Pontecaldelas. Agárdase que miles de persoas se dean cita nestas rúas para gozar co espectáculo do Entroido tudense.

A representante de Tui será o Club Locos por las Bicis, coa súa comparsa “Ave Tui-Valença”; dende Salceda, a Asociación Cultural e Deportiva Amigos do Carnaval de Salceda con “Amigos do Carnaval”, a Asociación Cultural En Loureiro coma Sempre con “Entroido Picoña”, e a Asociación Cultural Talismán con “Comparsa Talismán”; de Tomiño Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño con “A realeza de luces”; de Vigo participarán a Asociación Os da Casa coa carroza “The visual dome”, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares con “Valla school” e a Asociación Os Festeiros de Bembrive con “Festeiros en festas”; de Gondomar serán a Asociación Cultural O Millor de Cada Casa con “Destino entroido”, a Asociación Politicamente Incorrectos con “Eterna Venecia”, e a Asociación Carnavales de Mañufe e a súa carroza “Relativiverso”; de Nigrán participará a Asociación Centro Cultural Parada do Miñor con “Os tribu-hos”; de Pontecaldelas será a Asociación A Pandilla con “Pandilla pirata”; e, pechando a lista, dende O Porriño a Asociación Cultural de Pontellas con “O día e a noite”.

Mentres o xurado delibera actuará o grupo “Unión y Fuerza”. Destínanse a premios 5.400€ en 9 categoría nas categorías Xeral, Carroza, Parodia, Coreografía e Música, que oscilarán entre os 900 € do primeiro premio na categoría xeral e os 300€ de acompañamento musical. Amais o Concello de Tui destina 11.400 € en concepto do importe fixo por participación que será de 700€ para as comparsas que participen con carroza e de 300€ se van sen carroza.

O 33% dos membros tanto de grupos coma de comparsas deberán participar o domingo 9 de marzo, ás 19.30 horas, no Enterro do Bacallau, para despedir o Entroido cunha gran festa en Tui.
A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, destacaba as miles de persoas que de toda a contorna se achegan cada ano o Martes de Entroido a Tui para asistir ao desfile cheo de cores, luces, música e parodia. Convidaba a concelleira a participar o próximo martes en Tui desta festa de Entroido.

Salvaterra, Salceda e As Neves presentan por terceiro ano o Programa Xuntas, pioneiro na xestión de igualdade

O Programa Xuntas, unha iniciativa pioneira para a atención, asesoramento, formación e intervención con mulleres de diversos perfís e idades, cumpre tres anos desde a súa posta en marcha. Este proxecto, executado de maneira conxunta polos concellos pontevedreses de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves con financiación da Xunta con fondos europeos, reafírmase como un modelo de cooperación institucional na comarca.

O programa, xa ben coñecido entre as mulleres da zona, mantén a súa aposta por unha intervención pública especializada, contando cun equipo de formadoras e profesionais da psicoloxía e o dereito. “A participación, a transversalidade, o principio de igualdade e o feminismo continúan a ser os piares fundamentais sobre os que se sustentan as actividades”, explican dende Salceda.

A oferta de Xuntas inclúe asesoramento especializado, debates, actividades culturais, formación en habilidades de comunicación e manexo da tecnoloxía, itinerarios de inserción laboral, dinámicas grupais, visitas a empresas e contacto con boas prácticas de emprendemento e autoemprego. Todas as accións están deseñadas cunha perspectiva de xénero, integrando intervencións sobre aspectos cognitivos emancipadores, autoestima, coidados do corpo e mente, así como pautas de alimentación saudable para axudar ás usuarias a definir o seu proxecto persoal.

Ademais, o programa ten en conta factores como a idade, a discapacidade, a situación como coidadoras, a situación laboral e as migracións, co obxectivo de garantir unha resposta adaptada ás necesidades específicas de cada muller.

Salceda presenta “o mellor Entroido da Provincia” co seu enfrontamento entre A Feira e Castro Barreiro

O Concello de Salceda de Caselas presentou esta mañá a súa festa máis tradicional e imporante: o Entroido. Fai máis de 135 anos que os barrios do Castro Barreiro e da Feira se enfrontan na súa particular batalla por ter o mellor entroido. O concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez e a alcaldesa, Loli Castiñeira, expuxeron os diferentes actos organizados ao longo de toda a fin de semana, falando de “tres Entroidos en un”, en referencia aos tres grandes desfiles que se organizan en Salceda: o desfile escolar con máis de 1500 persoas de 0 a 18 anos o venres, máis de 1200 no XXVI desfile de carrozas e comparsas o domingo, para o cal aínda está aberto o prazo de inscrición, e cerca de 400 persoas no enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira.

Eva e María de Castro Barreiro, e Sofía e Benito da Feira encargáronse de poñer a parte de enfrontamento na presentación, sen soltar a máis mínima información sobre todo o que están a preparar en ámbolos dous barrios para o luns e martes de Entroido, os seus días grandes. Non será ata a noite do xoves cando se faga público o pesquín de cada un dos barrios, no que ademais de recollerse a información sobre as verbenas e a programación, se adica tamén un espazo importante aos “chistes” ou “sainetes” sobre acontecementos que acontecen durante o ano á veciñanza do barrio rival.

O concelleiro de Cultura definiu precisamente a Castro Barreiro e A Feira como o “motor” do Entroido salcedense, dos que partiron moitos outros entroidos nas últimas décadas. O Concelleiro quixo ademais destacar que este é un traballo en equipo, no que agradeceu o traballo das catro persoas que forman o equipo de goberno, así como do persoal municipal e o voluntariado preciso para levar a cabo a programación.

A rexedora local, Loli Castiñeira, informou ademais do traballo que se está a rematar estes días para completar a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico, con incorporación dos últimos pasos dados na recuperación do Entroido tradicional co rancho e os cabaleiros por parte do barrio da Feira. A alcaldesa amosou o orgullo do Entroido centenario de Salceda, así como do dinamismo social e cultural do Concello que fai que cada evento sexa un éxito de participación, especialmente no Entroido que definiu como “o mellor da provincia”.

Por vez primeira este ano instalarase un punto violeta na verbena do luns, nesta ocasión no torreiro do barrio da Feira, e que cada ano estará nun dos torreiros de xeito rotativo. O punto contará con persoal especializado que atenda posibles incidencias, dúbidas e todas as cuestións que poidan xurdir sobre casos de violencia machista, acoso sexual ou similares.

A Alcaldesa de Salceda destacou o apoio do Concello ao Entroido ano tras ano, amosándose convencida de que “estea quen estea no goberno en cada momento, sen dúbida o Entroido seguirá sempre a recibir o apoio do Concello, non tería sentido non facelo”.

Mos investirá 1,3 millóns na remodelación das avenidas de Puxeiros e do Rebullón

A Xunta de Galicia e o Concello de Mos colaboran nun proxecto de remodelación urbana que transformará as avenidas de Puxeiros e do Rebullón cun investimento conxunto de 1,3 millóns de euros. O obxectivo desta actuación é crear un espazo máis accesible, verde e sostible, mellorando a calidade de vida da cidadanía.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron este martes o convenio para levar a cabo estas obras. A Xunta achegará 600.000 euros para cofinanciar a intervención, mentres que o Concello de Mos será o responsable da licitación dos traballos, que se espera que estean rematados o vindeiro ano.

O proxecto contempla a renovación dun tramo de 170 metros da avenida de Puxeiros, outros 125 metros da avenida do Rebullón e a totalidade da superficie da rotonda dos Bois. Esta remodelación incluirá a creación de máis espazos para peóns, novas zonas de estancia e esparexemento, xardíns, mobiliario urbano renovado e unha nova iluminación.

A conselleira Martínez Allegue destacou que esta intervención forma parte dunha estratexia máis ampla para a mellora urbana en Mos. Neste sentido, lembrou a recente humanización da contorna de San Eleuterio, unha actuación levada a cabo ao abeiro do Plan Hurbe. Ademais, subliñou que xa están adxudicadas as obras para a construción de 20 vivendas públicas en San Eleuterio, que se prevé que estean finalizadas o próximo ano.

O Trail Adventure Muíños do Folón reúne a máis de 600 deportistas

O Rosal prepárase para vivir unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón, unha proba que non só desafía a resistencia das e dos corredores, senón que mergulla a todas e todos os participantes nunha contorna natural de espectacular beleza. Este domingo 23 de febreiro máis de 600 deportistas chegados de 12 provincias de España e do norte de Portugal disputarán esta esixente carreira de montaña. Como novidade, nesta oitava edición, o percorrido incluirá un tramo inédito polo miradoiro do Niño do Corvo, un enclave cunha impresionante panorámica da comarca.

Unha combinación de esforzo, natureza e solidariedade, coa que O Rosal reafírmase como un referente do trail running en Galicia. A carreira comezará ás 10.00 horas coa saída dende a Praza do Calvario da proba longa, a Advance, de 21 km e 1.000 metros de desnivel polos montes do Rosal. Un pouco máis tarde, ás 10.45 horas sairá dende o mesmo punto a versión Adventure, de 12 quilómetros e 500 metros de desnivel.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia “dunha proba xa consolidada coa que cada ano poñemos en valor a natureza e o patrimonio ligados ao turismo deportivo. Esta proba polos muíños do Folón non só pon en valor estas xoias patrimoniais, senón que reflicten tamén o noso compromiso cunha actividade sostible que favoreza a calidade de vida e que potencie o noso paisaxismo”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou “o rotundo éxito desta carreira, que cada ano supera o seu teito de persoas inscritas e bate récords de participación. Aos seus inicios a proba contaba con apenas 300 corredores e corredoras, e hoxe, na súa oitava edición, duplicamos esa cifra. Iso demostra a paixón crecente polo trail e pola nosa contorna natural e a grande importancia desta proba na práctica do deporte ligado á montaña”.

Alcaldesa e concelleiro participaron no acto de presentación do trail, no que estiveron acompañados polo director técnico da proba, así como por representantes da Comunidade de Montes do Rosal, dos voluntarios e voluntarias que cada ano participan na celebración da proba e da Asociación Española Contra o Cancro. E é que, como cada ano, o Trail Adventure Muíños do Folón amosará a súa cara máis solidaria recadando fondos a favor da AECC a través da venda de merchandising nun stand aberto ao público durante a celebración da carreira.

Dende o Concello quere agradecerse unha vez máis a colaboración da Comunidade de Montes do Rosal, de Protección Civil e aos veciños e veciñas e afeccionados e afeccionadas ao sendeirismo que forman parte do grupo de voluntariado activo que percorren os montes para crear novas rutas e que cada ano o trail sexa diferente e un pouco mellor.

Redondela busca salvar árbores históricas da súa Alameda con ancoraxes “non invasivas”

0

Un estudo biomecánico e fisiolóxico das árbores de gran porte da Alameda de Castelao, en Redondela, recomenda intervencións en varios exemplares co obxectivo de mellorar o seu estado e evitar posibles riscos por roturas ou desprendementos. Así o defendeu este martes o Concello de Redondela, para sinalar que o informe, encargado a unha empresa especializada, subliña a necesidade de medidas concretas en determinadas árbores para garantir a súa estabilidade.

Nun dos exemplares analizados, un cedro de case 30 metros de altura, os expertos recomendaron a instalación de ancoraxes en varias ramas mediante sustentación artificial. Trátase dunha solución de seguridade non invasiva para a árbore e necesaria, segundo os especialistas, dado que se atopa nunha zona de tránsito moi concorrida pola cidadanía. Hoxe comezaron estes traballos en altura, polo que se acordoou unha área da alameda para garantir a seguridade durante a intervención.

Outra das actuacións previstas levarase a cabo noutro cedro de gran tamaño, onde se realizará a descompactación do solo co fin de mellorar a vitalidade da árbore.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou que o obxectivo destas accións é garantir a conservación da Alameda de Castelao “nas mellores condicións posibles, xa que se trata dun espazo fundamental como pulmón verde e lugar de lecer para a veciñanza”. Todas as intervencións contan co respaldo de informes técnicos e teñen como finalidade preservar este patrimonio natural con todas as garantías de seguridade.

Ponteareas solicitará 15 millóns para centros de día, unha nova biblioteca ou a rexeneración do centro histórico

O Concello de Ponteareas solicitará aos Plans EDIL (Plans de Actuación Integrados de Entidades Locais) financiado con fondos europeos FEDER, 15 millóns de euros para mellorar o acceso á vivenda, rehabilitar e revitalizar barrios, dinamizar a economía e modernizar os servizos públicos. Dez grandes proxectos que configuran un desenvolvemento máis sostible, equilibrado e inclusivo recollidos no Plan de Actuación Integrado de Ponteareas (PAI).

O goberno de Ponteareas levará ao pleno ordinario a aprobación dunha solicitude que supón máis do dobre dos fondos EDUSI e que permitirán a execución de proxectos decisivos antes do 31 de decembro de 2029. Concretamente o goberno de Ponteareas pretende destinar 3,4 millóns de euros ás rúas do centro histórico. O Plan de Actuación Integrado contempla 1,8 millóns para a rexeneración deste espazo urbano mellorando a súa accesibilidade e o seu valor patrimonial. Tamén destinará 1.590.000 euros para a adquisición e rehabilitación de vivendas para o alugueiro social recuperando vivendas baleiras tanto no centro urbano como nas parroquias.

A mellora dos servizos sociais e o incremento dos mesmos suma un total de 4.200.000€ coa construción de centros de día e socioculturais en Guláns, Padróns, Pías e Xinzo (3.000.000€); a ampliación do centro ASPRODICO e sede do servizo de Atención Temperá (600.000€) e a rehabilitación do edificio de servizos sociais da rúa Oriente (600.000€).

Os servizos tamén se verán mellorados coa construción da nova biblioteca pública municipal e a mellora da súa contorna para o que se reservan 6 millóns de euros ou coa ampliación e renovación do Museo de Ponteareas.

Outra das claves deste documento e gran reto do Concello é a modernización e transformación dixital para unha mellora do día a día das veciñas e veciños e un aproveitamento dos recursos máis eficaz e eficiente. Así, destínase 450.000€ á solucións TICs; 325.000€ á domotización e sensorización de vivendas así como asistentes de voz en fogares de maiores que vivan sós no rural e outros 325.000€ á dixitalización do mercado municipal facéndoo más competitivo.

A concelleira de Axeda 2030, Silvia Fdez Táboas resume en cinco liñas este documento: “cohesión social, dixitalización, impulso económico, rexeneración urbana e sustentabilidade ambiental son os eixos marcados nesta folla de ruta deseñada seguindo as directrices da Axenda Urbana Española e as políticas da Unión Europea así como os obxectivos da Axenda 2030. Un documento estratéxico que determinará os vindeiros cinco anos”.

Pola súa parte a alcaldesa, Nava Castro, adianta que a redacción deste documento é un exemplo máis “do compromiso deste goberno de chamar a todas as portas posibles para mellorar o presente e o futuro da vila. Motivolo polo que preparamos da man de expertos todos proxectos para estar listos para optar aos fondos doutras administracións”. Ademais engade que se trata dunha intervención con perspectiva global na que se incide nos servizos aos que máis o precisan como os maiores ou os demandantes de vivenda; á mellora do tecido comercial a través de recursos innovadores e infraestruturas renovadas pero tamén de rúas e prazas máis atractivas para vivir e para visitar.

A humanización da rúa Miño en Salvaterra entra na súa fase final

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, realizaron este luns unha visita ao inicio da obra de humanización da rúa Miño, que está a punto de rematar coa mellora das beirarrúas, calzada, rede de saneamento, alumeado público e arboredo.

A representante autonómica destacou que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, rematará o vindeiro mes de marzo a obra “Conexión da ponte internacional coa PO-510 (Salvaterra de Miño)”. “Está actuación é moi necesaria polo tráfico tan denso, sobre 10.000 vehículos diarios, e ten como obxectivo de dispoñer de estradas e rúas máis seguras, accesibles e funcionais neste municipio e así avanzar na ordenación da rede viaria autonómica, que ten a singularidade de canalizar a conexión con Portugal”, sinalou Ana Ortiz. As obras teñen un custe de conta cun orzamento de 381.500,03 euros.

Pola súa banda, Marta Válcarcel sinalou que “estamos moi contentos co ritmo que leva a obra, xa que se trata dunha reforma moi necesaria para mellorar a mobilidade nunha zona complicada”. A actuación céntrase nun treito de algo máis de 350 metros, o que vai desde a rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura, cun prazo de execución dos traballos de seis meses.

As obras consisten na pavimentación dos viarios cunha mellora do firme, que inclúe unha capa de regularización; construción das beirarrúas unificando os seus anchos e mellorando e unificando o deseño dos accesos aos garaxes. Tamén levarase a cabo a construción de sumidoiros e rede de alumeado, así como a sinalización horizontal da estrada e a reposición do arboredo.

Nigrán investirá case un millón de euros na remodelación da Alameda da Ramallosa

O Concello de Nigrán ven de licitar a remodelación da Alameda da Ramallosa de cara a mellorar a calidade de ocio da veciñanza neste lugar de especial interese paisaxístico e co obxectivo de por en valor este núcleo neurálxico. As empresas interesadas dispoñen dun prazo de 20 días para presentar as súas ofertas e o orzamento base é de 962.204 euros incluídos no ‘Programa Pon2030’ da Deputación de Pontevedra (programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da axenda 2030) o que implica que a Deputación achegará 769.757 € e o Concello 192.439 €, debendo estar rematadas as obras no prazo máximo de 2 meses desde a súa adxudicación.

“A superficie actual está en malas condicións, provocando tropezos, e o carril bici resulta inseguro e xera confluencias conflictivas, polo que se redeseña toda a zona para que resulte un lugar máis amable e accesible para todas as persoas”, explica o alcalde, Juan González, quen incide no obxectivo de “revitalizar” todo o núcleo da Ramallosa, como xa se fixo co gran mural de Lula Goce ao carón da piscina e antes co rescate do parking municipal e gratuíto.

A rehumanización inclúe todo este espazo de 10.888 m² ao carón do esteiro do Miñor e do carril bici, plantexando fundamentalmente un redeseño deste último e dos itinerarios peonís, actualmente ambos moi inseguros en tramos como o do Centro da Terceira Idade, onde se produce un corte e unha confluencia conflictiva entre os diferentes usuarios. Por iso, o tránsito de bicicletas se trasladará íntegramente ao paseo litoral para facelo seguro e atractivo, permitindo ademais que o parque medre eses metros gañados ao carril e quedando así a zona infantil perimetrada por barreiras vexetais e novas vallas, o que o fará máis seguro e autónomo para as crianzas . “Este cambio potenciará o uso da bicicleta e beneficiará tanto a usuarios do parque como os da senda peonil e aos ciclistas, trátase de gañar en accesibilidade universal e seguridade viaria”, considera González.

A mellora de toda a Alameda comprende tamén a rehabilitación de toda a súa superficie, moi danada na zona da Capela de San Campio (onde é pedra) e a reposición de céspede e mellora das zonas axardinadas, incluíndo máis arbolado e vexetación en consonancia coa existente e plantas de medio porte que funcionen como elementos de protección. Adicionalmente, substituírase moito do pavimento duro por céspede e dotarase de perímetros de caucho aos elementos de xogo infantil existentes para outorgarlles máis seguridade, cambiase o mobiliario urbano, dotarase de máis bancos e instalaranse aparcabicis na contorna.

Finalmente, o parque infantil está deseñado seguindo un enfoque inclusivo para que todas as crianzas (con ou sen discapacidade) gocen dunha experiencia sensorial, lúdica e social, polo que o principal atractivo será a instalación dun gran conxunto musical único na comarca e que inclúe campás tibetanas, marimba, campás tubulares, xogos de percusión… A maiores, outro elemento diferenciador será un gran faro escalable que consta de zonas de corda para trepar, tobogán, pontes ou pasarelas.

O Porriño presenta un plan de 15 millóns para mellorar Torneiros e o centro urbano

O Porriño vén de presentar a súa candidatura ao Plan de Actuación Integrado (PAI), no marco da convocatoria FEDER de Desenvolvemento Urbano Sostible promovida polo Ministerio de Facenda, co que aspira a lograr até 15 millóns de euros de financiación para mellorar a calidade de vida no municipio.

“O Porriño ten unha oportunidade única para transformar e integrar de xeito sostible os seus espazos urbanos, reducindo desigualdades e fomentando a inclusión social e económica. Con esta candidatura, aspiramos a obter un financiamento de 15 millóns de euros que nos permitirá desenvolver iniciativas clave para mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía”, declarou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O PAI de O Porriño estrutúrase en tres eixos fundamentais: a mellora da calidade urbana e ambiental, a inclusión social e a dinamización económica. Dentro deste marco, contémplase a transformación do espazo público de Torneiros, mellorando a seguridade e accesibilidade, soterrando a liña de alta tensión, potenciando a mobilidade sostible e creando eixes verdes. Tamén inclúe a mellora do Centro Multiusos de Torneiros e a implementación dun programa de Formación Dual en colaboración coas empresas locais, ademais da creación dunha Aula Virtual para a inclusión dixital.

O proxecto contempla ademais a implantación dunha liña de transporte eléctrico municipal, a creación dunha app para a xestión do transporte público e a mellora da conectividade peonil entre Torneiros e O Porriño. En termos de resiliencia ambiental, prevese a creación de espazos naturais multifuncionais para a redución da vulnerabilidade fronte a inundacións, así como a recuperación do patrimonio etnográfico do río Louro.

A dinamización cultural tamén é unha prioridade, polo que se propón a ampliación do Auditorio Municipal, a creación dunha nova sala de lectura e espazo TIC, a mellora dos espazos culturais e a adaptación da Rúa José Fernández López para fomentar a mobilidade peonil.

O investimento total destas actuacións ascende a 15 millóns de euros. “Con esta proposta, O Porriño aposta por un futuro sostible, moderno e inclusivo, garantindo unha mellor calidade de vida para todos os seus habitantes”, concluíu o alcalde.

A candidatura está agora en mans do Ministerio de Facenda, que avaliará os proxectos presentados para decidir a asignación dos fondos FEDER. O goberno municipal confía en que a iniciativa de O Porriño sexa seleccionada, permitindo a execución dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible que marque un antes e un despois no municipio.

Ponteareas instala marquesiñas nos accesos aos pavillóns do complexo Álvaro Pino

A concellería de Deportes, que dirixe Luis Rodríguez, informa que se veñen de instalar cinco marquesiñas que cobren os accesos aos pavillóns deportivos do complexo Álvaro Pino.

Estas estruturas, ademais de permtir resgadarse da choiva, buscan protexer a entrada de auga hacia o interior e sinalizar os accesos nunhas instalacións de alto tránsito de persoas usuarias.

Despois do investimento realizado na primeira fase das obras de mantemento e conservación do pavillón 1 do complexo deportivo que ascenderon a 48.397,58 euros, o Concello inviste agora 10.700 euros nestes elementos. Ademais, tamén se habilitou un espazo para conserxería e oficina do futuro técnico deportivo, un perfil profesional que o Concello prevé incorporar.

“Ofrecer instalacións de calidade en espazos de alto tránsito de nenas e nenos e de xuventude que adestra e que configura esa masa social do deporte base é unha das nosas prioridades”, sinalou Luis Rodríguez.

Estas instalacións acollen numerosos partidos e torneos ao longo do ano. “O complexo deportivo Álvaro Pino, cos seus dous pavillóns, piscina e pistas de pádel, é un servizo indispensable para a cidadanía, especialmente para a infancia e a mocidade, ademais de ser un punto de referencia para equipos doutras localidades que visitan Ponteareas en diferentes competicións,” explicou Rodríguez.

A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, visitaron as instalacións e supervisaron a colocación destes elementos. O edil de Deportes suliñou que dende no pasado ano se deu resposta a demandas históricas como a dos vestiarios do Club de Tenis na Freixa e adiantou que continuarán as melloras nas infraestruturas deportivas municipais. En 2025, realizaranse as obras de renovación do campo de fútbol de San Mateo, substituiranse os cabezales da piscina municipal e impulsarase a práctica deportiva mediante actividades para explorar as novas sendas circulares, ademais da recolocación da pista de voleibol

A Xunta declara unha nova área de rehabilitación integral nas Neves

0

A Xunta vén de declarar a nova Área de rehabilitación integral (ARI) no concello das Neves. A declaración ten como obxectivo facilitar a rehabilitación de vivendas e obras de urbanización, buscando unha mellora directa da cidadanía da vila.

En concreto, a delimitación abrangue dúas zonas diferenciadas que conforman un ámbito descontinuo que acada 138 vivendas, nun total de 123 edificios. A superficie total da zona é de preto de 90.000 m².

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, salientou a importancia desta ARI, que permite incrementar o parque residencial. Ademais, a Xunta xa impulsou novos fogares a través de achegas á rehabilitación ou á compra de menores de 36 en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Allegue afirmou que, non só se está a poñer o acento en crear novos inmobles, senón que o Goberno galego está a axudar a renovar fogares, para que favorecer asentar poboación en zonas non urbanas.

O obxectivo da Xunta coa declaración destas ARI é facilitar oportunidades á cidadanía para mellorar a calidade das súas vivendas, a través da posta á disposición dos concellos de fondos para a recuperación e conservación do patrimonio edificatorio dos municipios de Galicia.

Financiamento do programa de Barrios

O ámbito da ARI que se declara coincide co ERRP (Entorno residencial de rehabilitación programada) declarado polo Concello en 2022 para participar no reparto de financiamento, que se convocou a través da Xunta, do Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio.

Nese reparto, ao concello das Neves correspondéronlle 300.000 euros co obxectivo de actuar sobre 30 vivendas. O prazo para a presentación de solicitudes segue aberto ata o 26 de febreiro.