Xoves, 27 Marzo de 2025

Redondela busca salvar árbores históricas da súa Alameda con ancoraxes “non invasivas”

Un estudo biomecánico e fisiolóxico das árbores de gran porte da Alameda de Castelao, en Redondela, recomenda intervencións en varios exemplares co obxectivo de mellorar o seu estado e evitar posibles riscos por roturas ou desprendementos. Así o defendeu este martes o Concello de Redondela, para sinalar que o informe, encargado a unha empresa especializada, subliña a necesidade de medidas concretas en determinadas árbores para garantir a súa estabilidade.

Nun dos exemplares analizados, un cedro de case 30 metros de altura, os expertos recomendaron a instalación de ancoraxes en varias ramas mediante sustentación artificial. Trátase dunha solución de seguridade non invasiva para a árbore e necesaria, segundo os especialistas, dado que se atopa nunha zona de tránsito moi concorrida pola cidadanía. Hoxe comezaron estes traballos en altura, polo que se acordoou unha área da alameda para garantir a seguridade durante a intervención.

Outra das actuacións previstas levarase a cabo noutro cedro de gran tamaño, onde se realizará a descompactación do solo co fin de mellorar a vitalidade da árbore.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou que o obxectivo destas accións é garantir a conservación da Alameda de Castelao “nas mellores condicións posibles, xa que se trata dun espazo fundamental como pulmón verde e lugar de lecer para a veciñanza”. Todas as intervencións contan co respaldo de informes técnicos e teñen como finalidade preservar este patrimonio natural con todas as garantías de seguridade.