A Xunta de Galicia e o Concello de Mos colaboran nun proxecto de remodelación urbana que transformará as avenidas de Puxeiros e do Rebullón cun investimento conxunto de 1,3 millóns de euros. O obxectivo desta actuación é crear un espazo máis accesible, verde e sostible, mellorando a calidade de vida da cidadanía.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron este martes o convenio para levar a cabo estas obras. A Xunta achegará 600.000 euros para cofinanciar a intervención, mentres que o Concello de Mos será o responsable da licitación dos traballos, que se espera que estean rematados o vindeiro ano.
O proxecto contempla a renovación dun tramo de 170 metros da avenida de Puxeiros, outros 125 metros da avenida do Rebullón e a totalidade da superficie da rotonda dos Bois. Esta remodelación incluirá a creación de máis espazos para peóns, novas zonas de estancia e esparexemento, xardíns, mobiliario urbano renovado e unha nova iluminación.
A conselleira Martínez Allegue destacou que esta intervención forma parte dunha estratexia máis ampla para a mellora urbana en Mos. Neste sentido, lembrou a recente humanización da contorna de San Eleuterio, unha actuación levada a cabo ao abeiro do Plan Hurbe. Ademais, subliñou que xa están adxudicadas as obras para a construción de 20 vivendas públicas en San Eleuterio, que se prevé que estean finalizadas o próximo ano.