O Programa Xuntas, unha iniciativa pioneira para a atención, asesoramento, formación e intervención con mulleres de diversos perfís e idades, cumpre tres anos desde a súa posta en marcha. Este proxecto, executado de maneira conxunta polos concellos pontevedreses de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves con financiación da Xunta con fondos europeos, reafírmase como un modelo de cooperación institucional na comarca.
O programa, xa ben coñecido entre as mulleres da zona, mantén a súa aposta por unha intervención pública especializada, contando cun equipo de formadoras e profesionais da psicoloxía e o dereito. “A participación, a transversalidade, o principio de igualdade e o feminismo continúan a ser os piares fundamentais sobre os que se sustentan as actividades”, explican dende Salceda.
A oferta de Xuntas inclúe asesoramento especializado, debates, actividades culturais, formación en habilidades de comunicación e manexo da tecnoloxía, itinerarios de inserción laboral, dinámicas grupais, visitas a empresas e contacto con boas prácticas de emprendemento e autoemprego. Todas as accións están deseñadas cunha perspectiva de xénero, integrando intervencións sobre aspectos cognitivos emancipadores, autoestima, coidados do corpo e mente, así como pautas de alimentación saudable para axudar ás usuarias a definir o seu proxecto persoal.
Ademais, o programa ten en conta factores como a idade, a discapacidade, a situación como coidadoras, a situación laboral e as migracións, co obxectivo de garantir unha resposta adaptada ás necesidades específicas de cada muller.