Luns, 17 Marzo de 2025

Ponteareas solicitará 15 millóns para centros de día, unha nova biblioteca ou a rexeneración do centro histórico

O Concello de Ponteareas solicitará aos Plans EDIL (Plans de Actuación Integrados de Entidades Locais) financiado con fondos europeos FEDER, 15 millóns de euros para mellorar o acceso á vivenda, rehabilitar e revitalizar barrios, dinamizar a economía e modernizar os servizos públicos. Dez grandes proxectos que configuran un desenvolvemento máis sostible, equilibrado e inclusivo recollidos no Plan de Actuación Integrado de Ponteareas (PAI).

O goberno de Ponteareas levará ao pleno ordinario a aprobación dunha solicitude que supón máis do dobre dos fondos EDUSI e que permitirán a execución de proxectos decisivos antes do 31 de decembro de 2029. Concretamente o goberno de Ponteareas pretende destinar 3,4 millóns de euros ás rúas do centro histórico. O Plan de Actuación Integrado contempla 1,8 millóns para a rexeneración deste espazo urbano mellorando a súa accesibilidade e o seu valor patrimonial. Tamén destinará 1.590.000 euros para a adquisición e rehabilitación de vivendas para o alugueiro social recuperando vivendas baleiras tanto no centro urbano como nas parroquias.

A mellora dos servizos sociais e o incremento dos mesmos suma un total de 4.200.000€ coa construción de centros de día e socioculturais en Guláns, Padróns, Pías e Xinzo (3.000.000€); a ampliación do centro ASPRODICO e sede do servizo de Atención Temperá (600.000€) e a rehabilitación do edificio de servizos sociais da rúa Oriente (600.000€).

Os servizos tamén se verán mellorados coa construción da nova biblioteca pública municipal e a mellora da súa contorna para o que se reservan 6 millóns de euros ou coa ampliación e renovación do Museo de Ponteareas.

Outra das claves deste documento e gran reto do Concello é a modernización e transformación dixital para unha mellora do día a día das veciñas e veciños e un aproveitamento dos recursos máis eficaz e eficiente. Así, destínase 450.000€ á solucións TICs; 325.000€ á domotización e sensorización de vivendas así como asistentes de voz en fogares de maiores que vivan sós no rural e outros 325.000€ á dixitalización do mercado municipal facéndoo más competitivo.

A concelleira de Axeda 2030, Silvia Fdez Táboas resume en cinco liñas este documento: “cohesión social, dixitalización, impulso económico, rexeneración urbana e sustentabilidade ambiental son os eixos marcados nesta folla de ruta deseñada seguindo as directrices da Axenda Urbana Española e as políticas da Unión Europea así como os obxectivos da Axenda 2030. Un documento estratéxico que determinará os vindeiros cinco anos”.

Pola súa parte a alcaldesa, Nava Castro, adianta que a redacción deste documento é un exemplo máis “do compromiso deste goberno de chamar a todas as portas posibles para mellorar o presente e o futuro da vila. Motivolo polo que preparamos da man de expertos todos proxectos para estar listos para optar aos fondos doutras administracións”. Ademais engade que se trata dunha intervención con perspectiva global na que se incide nos servizos aos que máis o precisan como os maiores ou os demandantes de vivenda; á mellora do tecido comercial a través de recursos innovadores e infraestruturas renovadas pero tamén de rúas e prazas máis atractivas para vivir e para visitar.