O Concello de Nigrán ven de licitar a remodelación da Alameda da Ramallosa de cara a mellorar a calidade de ocio da veciñanza neste lugar de especial interese paisaxístico e co obxectivo de por en valor este núcleo neurálxico. As empresas interesadas dispoñen dun prazo de 20 días para presentar as súas ofertas e o orzamento base é de 962.204 euros incluídos no ‘Programa Pon2030’ da Deputación de Pontevedra (programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da axenda 2030) o que implica que a Deputación achegará 769.757 € e o Concello 192.439 €, debendo estar rematadas as obras no prazo máximo de 2 meses desde a súa adxudicación.
“A superficie actual está en malas condicións, provocando tropezos, e o carril bici resulta inseguro e xera confluencias conflictivas, polo que se redeseña toda a zona para que resulte un lugar máis amable e accesible para todas as persoas”, explica o alcalde, Juan González, quen incide no obxectivo de “revitalizar” todo o núcleo da Ramallosa, como xa se fixo co gran mural de Lula Goce ao carón da piscina e antes co rescate do parking municipal e gratuíto.
A rehumanización inclúe todo este espazo de 10.888 m² ao carón do esteiro do Miñor e do carril bici, plantexando fundamentalmente un redeseño deste último e dos itinerarios peonís, actualmente ambos moi inseguros en tramos como o do Centro da Terceira Idade, onde se produce un corte e unha confluencia conflictiva entre os diferentes usuarios. Por iso, o tránsito de bicicletas se trasladará íntegramente ao paseo litoral para facelo seguro e atractivo, permitindo ademais que o parque medre eses metros gañados ao carril e quedando así a zona infantil perimetrada por barreiras vexetais e novas vallas, o que o fará máis seguro e autónomo para as crianzas . “Este cambio potenciará o uso da bicicleta e beneficiará tanto a usuarios do parque como os da senda peonil e aos ciclistas, trátase de gañar en accesibilidade universal e seguridade viaria”, considera González.
A mellora de toda a Alameda comprende tamén a rehabilitación de toda a súa superficie, moi danada na zona da Capela de San Campio (onde é pedra) e a reposición de céspede e mellora das zonas axardinadas, incluíndo máis arbolado e vexetación en consonancia coa existente e plantas de medio porte que funcionen como elementos de protección. Adicionalmente, substituírase moito do pavimento duro por céspede e dotarase de perímetros de caucho aos elementos de xogo infantil existentes para outorgarlles máis seguridade, cambiase o mobiliario urbano, dotarase de máis bancos e instalaranse aparcabicis na contorna.
Finalmente, o parque infantil está deseñado seguindo un enfoque inclusivo para que todas as crianzas (con ou sen discapacidade) gocen dunha experiencia sensorial, lúdica e social, polo que o principal atractivo será a instalación dun gran conxunto musical único na comarca e que inclúe campás tibetanas, marimba, campás tubulares, xogos de percusión… A maiores, outro elemento diferenciador será un gran faro escalable que consta de zonas de corda para trepar, tobogán, pontes ou pasarelas.