Luns, 17 Marzo de 2025

O Porriño presenta un plan de 15 millóns para mellorar Torneiros e o centro urbano

O Porriño vén de presentar a súa candidatura ao Plan de Actuación Integrado (PAI), no marco da convocatoria FEDER de Desenvolvemento Urbano Sostible promovida polo Ministerio de Facenda, co que aspira a lograr até 15 millóns de euros de financiación para mellorar a calidade de vida no municipio.

“O Porriño ten unha oportunidade única para transformar e integrar de xeito sostible os seus espazos urbanos, reducindo desigualdades e fomentando a inclusión social e económica. Con esta candidatura, aspiramos a obter un financiamento de 15 millóns de euros que nos permitirá desenvolver iniciativas clave para mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía”, declarou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O PAI de O Porriño estrutúrase en tres eixos fundamentais: a mellora da calidade urbana e ambiental, a inclusión social e a dinamización económica. Dentro deste marco, contémplase a transformación do espazo público de Torneiros, mellorando a seguridade e accesibilidade, soterrando a liña de alta tensión, potenciando a mobilidade sostible e creando eixes verdes. Tamén inclúe a mellora do Centro Multiusos de Torneiros e a implementación dun programa de Formación Dual en colaboración coas empresas locais, ademais da creación dunha Aula Virtual para a inclusión dixital.

O proxecto contempla ademais a implantación dunha liña de transporte eléctrico municipal, a creación dunha app para a xestión do transporte público e a mellora da conectividade peonil entre Torneiros e O Porriño. En termos de resiliencia ambiental, prevese a creación de espazos naturais multifuncionais para a redución da vulnerabilidade fronte a inundacións, así como a recuperación do patrimonio etnográfico do río Louro.

A dinamización cultural tamén é unha prioridade, polo que se propón a ampliación do Auditorio Municipal, a creación dunha nova sala de lectura e espazo TIC, a mellora dos espazos culturais e a adaptación da Rúa José Fernández López para fomentar a mobilidade peonil.

O investimento total destas actuacións ascende a 15 millóns de euros. “Con esta proposta, O Porriño aposta por un futuro sostible, moderno e inclusivo, garantindo unha mellor calidade de vida para todos os seus habitantes”, concluíu o alcalde.

A candidatura está agora en mans do Ministerio de Facenda, que avaliará os proxectos presentados para decidir a asignación dos fondos FEDER. O goberno municipal confía en que a iniciativa de O Porriño sexa seleccionada, permitindo a execución dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible que marque un antes e un despois no municipio.