Xoves, 27 Marzo de 2025

A Xunta declara unha nova área de rehabilitación integral nas Neves

A Xunta vén de declarar a nova Área de rehabilitación integral (ARI) no concello das Neves. A declaración ten como obxectivo facilitar a rehabilitación de vivendas e obras de urbanización, buscando unha mellora directa da cidadanía da vila.

En concreto, a delimitación abrangue dúas zonas diferenciadas que conforman un ámbito descontinuo que acada 138 vivendas, nun total de 123 edificios. A superficie total da zona é de preto de 90.000 m².

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, salientou a importancia desta ARI, que permite incrementar o parque residencial. Ademais, a Xunta xa impulsou novos fogares a través de achegas á rehabilitación ou á compra de menores de 36 en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Allegue afirmou que, non só se está a poñer o acento en crear novos inmobles, senón que o Goberno galego está a axudar a renovar fogares, para que favorecer asentar poboación en zonas non urbanas.

O obxectivo da Xunta coa declaración destas ARI é facilitar oportunidades á cidadanía para mellorar a calidade das súas vivendas, a través da posta á disposición dos concellos de fondos para a recuperación e conservación do patrimonio edificatorio dos municipios de Galicia.

Financiamento do programa de Barrios

O ámbito da ARI que se declara coincide co ERRP (Entorno residencial de rehabilitación programada) declarado polo Concello en 2022 para participar no reparto de financiamento, que se convocou a través da Xunta, do Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio.

Nese reparto, ao concello das Neves correspondéronlle 300.000 euros co obxectivo de actuar sobre 30 vivendas. O prazo para a presentación de solicitudes segue aberto ata o 26 de febreiro.