9.7 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasOs IES de Ponteareas e o CIFP A Granxa reúnense coas familias...

    Os IES de Ponteareas e o CIFP A Granxa reúnense coas familias para o deseño do futuro das súas fillas e fillos

    A FANPO e a ANPA Val do Tea en colaboración cos equipos de dirección e orientación dos centros informarán sobre a oferta educativa, itinerarios a seguir, prazos de matrícula, niveis educativos dende os que acceder á Formación Profesional, ensinanza para adultos e Escola Oficial de Idiomas

    “Que fago ao rematar secundaria ou que pasa se non me gusta o ciclo ou carreira que elexín?” é unha das preguntas máis frecuentes ás que teñen que dar resposta as familias nesta etapa. Coñecer a extensa lista de posibilidades que existen, entender que temos o dereito a equivocarnos, comprender que un estudo pode non reunir as expectativas agardadas, definir quen toma a decisión sobre o itinerario e estudos que quere cursar o alumno/a, non facer dunha decisión un conflito ou imposición ou como retomo os meus estudos son algunhas das cuestións que abordarán as/os profesionais dos nosos centros educativos na III Xornada de Itinerarios e Orientación organizada pola Asociación de Nais e Pais do IES Val do Tea de Ponteareas e o equipo de dirección en colaboración coa Federación de Asociacións de Nais e Pais (FANPO).

    O vindeiro martes 23 ás 18 horas terá lugar no salón de actos do instituto unha xornada informativa na que os equipos de dirección e de orientación dos tres institutos de Ponteareas e do CIFP A Granxa e a xefa de estudo da sección da EOI asesorán as familias dos múltiples itinerarios que pode seguir o alumnado.

    O persoal orientador informará sobre as ofertas educativas de cada centro, explicará as características máis salientables do bacharelato, da oferta de educación para maiores de 18 anos, da FP, da Escola Oficial de Idiomas e doutras posibilidades que axuden a tomar decisións sobre un itinerario académico-profesional, acorde ao alumno/a e ao seu contexto sociofamiliar.

    “Equipos directivos e de orientación do IES Val do Tea, IES do Barral, IES Pedra da Auga e CIFP A Granxa, falarán coas familias co obxectivo de resolver dúbidas, axudar na toma de decisións e ofrecer ferramentas para decidir en familia” explican dende a ANPA A Ponte do IES Val do Tea.

    Información sobre a oferta pública de ciclos, pautas para seguir diferentes itinerarios, accesos á universidade sen cursar bacharalato, educación para adultos e alternativas para alumnado con necesidades son algúns dos temas que abordarán.

    Orientadoras dos catro centros traballaron xuntas no deseño deste encontro no que ademais de ofrecer toda a información dispoñible sobre formación profesional, conversarán coas familias sobre o mellor xeito de abordar o futuro educativo do alumno/a.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.