10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaSara Rey, gañadora do ‘II Premio de Microteatro da Memoria’

    Sara Rey, gañadora do ‘II Premio de Microteatro da Memoria’

    A peza ‘A patente do sol’ destacou “pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente e a súa viabilidade escénica”

    A directora de escena e dramaturga Sara Rey vén de gañar o ‘II Premio de Microteatro da Memoria’ convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) coa peza ‘A patente do sol’. O xurado destacou a obra entre os traballos presentados pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente, a súa carga emocional e tamén a súa viabilidade escénica.

    O galardón foi comunicado á autora pola deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quen quixo subliñar a calidade da peza, que supón unha boa continuación para traxectoria do certame, que este ano cumple a súa segunda edición. Rey explicou que xa se tivera presentado ao Premio na pasada edición, polo que agradeceu o recoñecemento ao seu traballo.

    ‘A patente do sol’ foi presentada baixo o lema ‘Un terrón de azucre pintado de rosa’. Destaca “un aspecto histórico descoñecido, como é o da epidemia da polio, así como as marcas físicas da posguerra desde a perspectiva da poboación civil”. Segundo a propia autora, trátase dunha peza de “autoficción” posto que xurde a raíz da reflexión sobre as secuelas da enfermidade que tivera o seu pai cando era cativo e da análise da xestión da epidemia durante a ditadura, que non prestou atención ás persoas enfermas.

    O Premio, dotado con 500 euros, foi concedido por un xurado formado pola escritora Eva Mejuto; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; e o Xefe do Departamento de Dirección escénica e dramaturxia da ESAD de Galicia, Dani Salgado. Valorouse que “a peza axuda a reflexionar sobre a memoria cunha ollada desde o presente. Establece unha conexión coa actualidade. Alterna partes de narración directa e outras de diálogo e na parte máis narrativa o discurso implica unha carga emocional, sen caer no sentimentalismo”.

    Tamén se destacou que desde o contexto da actual pandemia “se lembre outra situación semellante, que foi neglixentemente xestionada e silenciada”, ademais da súa viabilidade escénica, xa que tanto o tema como o seu tratamento permiten múltiples solucións.

    A gañadora Sara Rey, é unha coruñesa afincada en Vigo que comezou moi pequena no mundo do teatro. O seu futuro encamiñouse na adolescencia grazas á Compañía de Teatro Noite Bohemia da Coruña, onde ademáis de actuar, tivo a posibilidade de escribir e dirixir a súa primeira peza, unha adaptación do mito do xuízo de Paris, que quedou finalista no X Concurso Nacional de Teatro Clásico Grecolatino (MEC) cando tiña apenas 19 anos.

    Estudou Historia da Arte pola Universidade De Santiago de Compostela e ao rematar fixo as probas para a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia, na que actualmente cursa o 4º e último ano. Nestes anos de formación traballou como axudante de producción na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) e este ano como axudante de dirección de Tito Asorey (Fariña, o Empapelado amarelo…) na montaxe “A lúa vai encuberta”, das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante (gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais). Está, neste momento, rematando os seus estudos superiores de arte dramática en Vigo e iniciándose na traxectoria profesional cun proxecto que non lanzará ata xuño de 2022.

    O ‘Premio de Microteatro da Memoria’ da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á Memoria Histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeneracional. Segundo afirma a deputada María Ortega “é fundamental promover a sensibilidade e  dar a coñecer os feitos acontecidos no noso pasado dunha maneira crítica, que mozos e mozas saiban como o golpe do 36 truncou todo un porvir de apertura e modernidade, e facelo sendo innovadores e visuais: o microteatro é unha vía non moi explorada aínda”. Unha vez fallado o certame, a Deputación e a Esad teñen previsto facer a entrega do galardón a comezos do vindeiro mes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.