Domingo, 16 Marzo de 2025

Peche de fronteiras. AECT Río Miño lanza o documental ‘Confinados no río Miño’

Traballadores, empresas e poboación en xeral do territorio do río Miño continúan a sufrir un dobre impacto na súa rotina diaria: o da Covid-19 e o peche de fronteiras entre o Alto Miño e Galicia. Detrás das perdas económicas, das viaxes de centenares de quilómetros de máis para traballar e dos gastos en combustíbel e de tempo, hai emotivas historias persoais que son o exemplo do que acontece aos cerca de 6.000 traballadores e traballadoras afectadas por esta medida.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño dálles voz, a través dun documental denominado ‘Confinados no Río Miño’, e que será lanzado nas próximas semanas aínda que neste momento xa circula un avance nas redes sociais da Deputación de Pontevedra, do Smart Miño e dos gobernos autónomos do AECT.

Con esta iniciativa preténdese atribuír un rostro e un nome ás distintas dificultades causadas pola existencia de só un punto de paso autorizada en réxime permanente (24 horas) entre o Alto Miño e Galicia. O obxectivo é difundir e compartir o documental para chegar ao maior número de persoas e autoridades de Portugal e de España, así como coa Comisión Europea, polo que será subtitulado en portugués, galego e inglés.

O documental ‘Confinados no Río Miño’, producido polo AECT foi elaborado polo director, realizador, guionista e actor Suso Pando. Cunha duración aproximada de 60 minutos e, con imaxes do territorio transfronteirizo, recolle testemuñas en primeira persoa de quen viviu o impacto do peche da fronteira no primeiro confinamento debido á Covid-19. Presenta unha visión económica e institucional das reivindicacións pola apertura das varios pasos fronteirizos, insistindo na máxima de que o Miño é un territorio moi dinámico economicamente, cunha interdependencia secular enorme entre ambas ámbalasdúas beiras do río, e cunha fronteira que representa 5 % do total de quilómetros entre Portugal e España e que asume 50 % do tráfico de vehículos.

O trailer agora lanzado presenta tres testemuños en dous minutos. Noélia Salgueiro, residente en Valença e traballadora en Tui, explica que, durante o primeiro confinamento e peche de fronteiras, tivo que deixar a súa residencia en Portugal co fillo máis novo para se instalar na casa dos pais, en Tui, durante un mes e medio, separándose do resto da familia, unha vez que problemas administrativos non lle permitían pasar o control fronteirizo. “Españois e portugueses estamos todos mesturados, involucrados. As autoridades non saben como se vive nesta zona”, criticou.

Outro dos casos narrados é o da peiteadora Cecilia Puga, que vive en Arbo e ten o seu salón en Melgaço. Un percorrido diario normal de só 8 kms transformouse en centenares de quilómetros co peche de fronteiras, ao ter que pasar obrigatoriamente en Valença-Tui. “Só pido que me deixen traballar. Que os traballadores poidan pasar polos pasos habituais. Que poñan máis medios de control porque, se soubese isto, nunca montaría o meu negocio do outro lado”, sinala.

Finalmente, Andreia Costa, residente en Ponte de Lima e traballadora en Tomiño, expón que a interdependencia de ambas as marxes do río Miño é moi grande e que “o tecido económico que existe nestas vilas da raia está a ser destruído” co peche de fronteiras.

O documental será presentado oficialmente, en formato presencial, no territorio do Miño cando se alivien as restricións vixentes pola actual situación de pandemia e os peches de fronteiras. Non obstante, nas redes sociais xa está a ser difundido o antedito avance.

‘Confinados no río Miño’ resulta da acción-piloto do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas –ODT–, que pretende ser un instrumento de apoio á decisión, co obxectivo de estruturar información e mellorar o coñecemento da realidade socioeconómica do territorio do AECT Río Miño, no ámbito do proxecto REDE_ Lab_Miño, cofinanciado polo Interreg V A.