11.8 C
Pontevedra
Luns, 6 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaOito de cada dez persoas que realizaron os cursos da Deputación de...

    Oito de cada dez persoas que realizaron os cursos da Deputación de español para inmigrantes, aprobaron o exame DELE A2

    A Deputación organizou no 2019 tres actividades formativas en Pontevedra e Vigo cara a superación da proba, requisito indispensable para a posterior obtención da nacionalidade española

    Un 87,8% do alumnado que realizou os cursos de español para inmigrantes organizados no 2019 pola Deputación de Pontevedra aprobou o exame do DELE A2, unha proba que é requisito indispensable para que poidan solicitar logo a nacionalidade española e cuxa taxa de exame tamén asumiu a institución provincial no marco destas actividades formativas. A presidenta Carmela Silva cualificou de “moi positivos” estes resultados e indicou que se está a preparar unha nova convocatoria das accións, que volverán desenvolverse ao longo deste 2020 nas súas sedes de Pontevedra e Vigo.

    Estes cursos chegaron a súa terceira edición o pasado ano e nos dous celebrados en Vigo e o desenvolvido en Pontevedra participaron un total de 55 persoas. A actividade está orientada á preparación do citado DELE A2 (Diploma de Español como Lingua Estranxeira, nivel A2), porque esta proba require unha preparación previa e ten un custo económico que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, complicando así o seu proceso de integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Deste xeito, coa celebración destas actividades formativas, que imparte persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo e que están dirixidas a inmigrantes en situación administrativa regular maiores de 16 anos, “dáse apoio na consecución da titulación a poboación de países ou territorios non hispanofalantes, favorecendo o seu proceso de integración”.

    O alumnado participante nos dous primeiros cursos celebrados en Pontevedra e Vigo foi examinado do DELE A2 por persoal do Instituto Cervantes no mes de setembro, mentres que as persoas que participaron no último de Vigo fixeron a proba a finais de novembro. Os resultados, coa citada alta porcentaxe de aprobados, son valorados moi positivamente pola Deputación, sobre todo ao ter en conta que as persoas que se presentan a estes cursos teñen que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo ou as súas cargas familiares, para as que non teñen apoio.

    No que se refire aos primeiros dous cursos desenvolvidos no pasado ano, a maioría das 40 persoas asistentes foron mulleres. No celebrado en Pontevedra, a meirande parte proviña de Marrocos, aínda que tamén houbo alumnado procedente de Brasil, Rusia, Palestina e Ghana, mentres que no primeiro curso que tivo lugar en Vigo, a maioría das persoas participantes foron de Senegal, seguidas de cidadáns e cidadás de Marrocos, Brasil, Rusia, Ucraína, Angola e Irán. Por outra banda, a maioría das persoas que realizaron o terceiro curso, celebrado en Vigo, proviñan de Marrocos, seguidas de cidadáns e cidadás de Senegal e Nixeria.

    En total, á edición destas actividades no 2019, presentáronse 132 solicitudes para as prazas existentes. As clases comezaron no mes de maio e os cursos tiveron unha duración de 40 horas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.