14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Sergas publica a relación provisional de admitidos e excluídos nas probas...

    O Sergas publica a relación provisional de admitidos e excluídos nas probas para o acceso a diversas categorías de persoal sanitario

    O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, os anuncios polos que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio da lingua galega, nas probas selectivas para o acceso a 42 categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario e 6 de persoal técnico sanitario, para cubrir un total de 1.311 prazas, correspondentes ás ofertas acumuladas de 2018-2019 e 2020.

    Destas 1.311 prazas, 996 corresponden a 42 categorías de persoal licenciado sanitario, das cales 89 pertencen á categoría de médico de urxencias hospitalarias, 10 a médico asistencial do 061, 5 a médico de admisión e documentación clínica e 892 ás seguintes 39 especialidades de facultativo de área: alergoloxía, análises clínicas, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía torácica, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, dermatoloxía médico cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría.

    As 315 prazas restantes corresponden a persoal técnico sanitario das especialidades de farmacia (86), laboratorio de diagnóstico clínico (104), imaxe para o diagnóstico (63), hixiene bucodental (10), anatomía patolóxica e citoloxía (41) e radioterapia (11).

    Na mesma resolución publicada no Diario Oficial de hoxe tamén se nomean os membros dos tribunais, titulares e suplentes, que xulgarán tales procesos selectivos. Na súa designación respectáronse os criterios acordados pola Dirección Xeral de Recursos Humanos coas organizacións sindicais no ámbito da Mesa Sectorial de Sanidade. Así, incorpóranse profesionais con distintos niveis de antigüidade no sistema, pertencentes a distintos centros de xestión e a súa composición respecta a paridade e a especialización dos seus membros.

    Nestas probas resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 8.579 aspirantes e foron excluídos o 5,5 % dos profesionais inscritos.

    O 22,16 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio, por non estar en posesión do celga ou certificado acreditativo do coñecemento de galego correspondente.

    Cómpre destacar que o 12,97% das inscricións para este proceso formalizáronse por persoas residentes en concellos de fóra da nosa Comunidade Autónoma. O 61 % dos admitidos teñen menos de 40 anos e o 80 % son mulleres.

    Exercen o seu dereito á promoción interna, solicitando participar por esta quenda de acceso, un total de 284 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación.

    As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

    Os aspirantes excluídos, non exentos do exercicio de lingua galega ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 7 de abril) contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.

    Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

    Está previsto que os exercicios da fase de oposición para o acceso a estas categorías se realicen a partir da segunda quincena de setembro. Para o desenvolvemento de tales probas nas máximas condicións de seguridade no actual contexto de crise sanitaria, elaborouse pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas un protocolo de actuación covid que conta co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública. Entre outras medidas, este protocolo contempla:

        • Suprímese o chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas.

            • O acceso realizarase de forma escalonada, por tramos horarios.

        • A través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e no momento en que se publique no Diario Oficial de Galicia a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos fixando a data de exame, e que deberá imprimir para a súa presentación no lugar de desenvolvemento dos exercicios.

       • A cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame.

        • Todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, logo de finalizados os tempos de exame.

        • Habilitaranse, no lugar de realización das probas, espazos diferenciados de especial vulnerabilidade, con medidas de protección e seguridade reforzadas, para os aspirantes inmunodeprimidos, embarazadas, aqueles que por razóns médicas xustificadas non poidan usar máscara ou deban inxerir alimento durante o desenvolvemento dos exercicios así como nos supostos de lactación materna.

    Medidas organizativas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.

    Ademais, no apartado de medidas hixiénico-sanitarias, en execución deste protocolo garantirase unha separación entre aspirantes en cada un dos postos de exame de entre 3 e 5 metros, facilitarase a cada aspirante e persoal colaborador que interveña nos labores de vixilancia un kit de 3 máscaras cirúrxicas, de uso obrigatorio, co obxecto de que procedan á súa renovación antes do inicio das probas, así como se porá á súa disposición xeles hidroalcohólicos para unha correcta desinfección das mans.

    As normas de funcionamiento dos tribunais acordadas pola Mesa Sectorial de Sanidade así como o protocolo de medidas organizativas e hixiénico-sanitarias, derivadas da pandemia, estarán a disposición das persoas interesadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde, na sección de emprego público.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.