21.8 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaNovos Valores 2020, unha aposta pola xente moza e pola calidade fronte...

    Novos Valores 2020, unha aposta pola xente moza e pola calidade fronte á cantidade

    O Museo abriu hoxe a mostra cunha benvida do vicepresidente César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey ás 21 persoas seleccionadas para expoñer

    A exposición temporal derivada do Certame Novos Valores 2020 abriuse hoxe ao público no Museo de Pontevedra onde permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de novembro coas propostas de 21 artistas emerxentes entre as que están as obras das catro persoas bolsadas: Andrea Dávila Rubio, Nuria Rodríguez Figueiredo, María del Mar Ramón Soriano, e Alejandro Rego Díaz.

    No acto, no que estiveron presentes as e os artistas seleccionados polo xurado para a exposición, o vicepresidente César Mosquera, a concelleira Carme Fouces e o director do Museo Xosé Manuel Rey, este último quixo lembrar a tradición do certame como “mecenado e apoio á formación artística que a Deputación de Pontevedra ven desenvolvendo desde finais do século XIX, e da que se beneficiaron con anterioridade extraordinarios artistas como Sobrino, Souto, Torres, Colmeiro ou Laxeiro… e máis recentemente Lamazares, Patiño ou Silverio Rivas”.

    Destacou Rey que “gozar dunha bolsa desta contía, e expor no Museo de Pontevedra é un orgullo e un privilexio”, motivos polos que xustificou os cambios que tiveron as bases da convocatoria deste ano. Subliñou que se limitou a idade de participación a un máximo de 35 anos para reforzar a vertente máis formativa, de aprendizaxe e de proxección das novas creadoras.

    Así mesmo, Rey fixo fincapé en que outro dos obxectivos era o de “primar a calidade fronte á cantidade” polo que se reduciu a obra seleccionada para a mostra a un máximo de 25 propostas o que, ao tempo, “redunda nunha montaxe expositiva máis atractiva e potenciadora das obras seleccionadas”. Neste sentido, fixo unha chamada de atención sobre o feito de que nesta ocasión o xurado tan só seleccionou 21 obras, algo que dixo, debe ser entendido polas persoas participantes nos vindeiros anos.

    O director do Museo lembrou que o certame celebrouse baixo unhas condicións moi especiais que se deixaron sentir de forma clara en moitas das obras presentadas: “A sensación de fraxilidade ante a pandemia, a presencia da dor, a renuncia á universalidade e unha volta ao próximo, a revalorización do traballo artesán, a reciclaxe e a necesidade de aproveitar os limitados materiais existentes na casa”, destacou. Porén, pese a esas limitacións, transmitiu a satisfacción do xurado coas obras seleccionadas “e o seu recoñecemento da existencia de notables traxectorias profesionais que xa comezan a agromar”.

    Pola súa parte, o vicepresidente Mosquera quixo ensalzar a súa admiración e recoñecemento polas persoas que se dedican ao mundo das artes, un mundo que cualificou de “case sobrehumano”. Destacou que ‘Novos Valores’ é un alicerce para potenciar as habilidades da xente moza, destacando que as administracións públicas deben facer os máximos esforzos por axudar ao sector da creatividade. “No eido artístico non é fácil sobrevivir sen o impulso das administracións, e por iso sostemos o Museo e este tipo de iniciativas”, subliñou, ao tempo que deu os parabéns ás artistas premiadas coa bolsa.

    Artistas gañadoras

    As artistas gañadoras participaron da apertura da mostra no día de hoxe explicando brevemento a súa obra e tamén os obxectivos aos que destinarán a bolsa con 7.500 euros para a ampliación dos seus estudos artísticos, que as obrigará dentro dun ano a participar noutra nova exposición no Museo amosando o resultado do seu traballo. Todas elas manifestaron a súa satisfacción e alegría por ter sido seleccionadas.

    Andrea Dávila Rubio explicou que a súa peza ‘I wish you’d rub your quills against my stomac’ sitúase dentro do seu proxecto de investigación doutoral na Universidade de Vigo de estudo do corpo e a súa percepción e da “pel como lugar de encontro co outro, co estraño”. Afirmou, así mesmo, que utilizará a bolsa de estudos para a súa estadía como ‘Visiting Junior Scholar’ no Boston College durante os meses de xaneiro a xuño de 2021.

    Nuria Rodríguez Figueiredo asegurou, pola súa banda, que a súa obra ‘Voltar’ é unha homenaxe á infancia, definíndose a si mesma como “unha persoa nostálxica cuxas narrativas son oníricas e fragmentadas”. A súa bolsa de estudos estará destinada a participar nos cursos monográficos da Escola de Cerámica La Bisbal en Girona, así como a financiar a produción de obra.

    María del Mar Ramón Soriano falou de ‘Homeworks. 58h 35 min’ como un proxecto que fala do tempo e as relación dos obxectos de uso doméstico e do corpo. “Os obxectos que hai no formar son estéticos, calquera cousa por pequena que sexa é un campo de posibilidades”, subliñou. Afirmou, así mesmo, que durante a corentena mudou o concepto de tempo que se manexa socialmente ao estar recluídos no fogar, un lugar no que manifestou traballar a gusto por ser para ela “un espazo de refuxio”. En canto á finalidade da bolsa, asegurou que servirá para financiar varias exposicións apalabradas e para seguir desenvolvendo o seu proxecto baseado no diálogo da cerámica cos obxectos cotiás.

    Finalmente, Alejandro Rego Díaz, destacou que ‘Representación nº3. La mano del artista’ é a continuación dunha serie que estuda a pintura e a fotografía como medios de representación da realidade e como disciplinas que se relacionan entre si. Subliñou o seu interese en descontextualizar detalles de obras que toma como referencia para recontextualizados cun novo significado ao xuntalas entre si. Rego destinará a bolsa a continuar os seus estudos de fotografía “probablemente on-line” pola situación da pandemia, pero tamén manifestou o seu interese en financiar unha viaxe formativa que lle permita un cambio de rexisto ao variar a súa contorna.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.