O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o recoñecemento da Deputación aolabor pola inclusión social das persoas que presentan algún tipo de trastorno do espectro autista (TEA) que realizan os profesionais da Asociación Autismo Bata durante unha visita á sede desta entidade en Vilagarcía. Acompañado pola deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, o mandatario provincial reafirmou o apoio do goberno provincial ás iniciativas que esta entidade ten en marcha como oprograma de apoio en contextos naturais dirixido a persoas no espectro do autismo, as súas familias e aos centros educativos. Un proxecto doque se benefician preto de 65 usuarios de xeito directo, así como as persoas do seu círculo, en todo o territorio da provincia.
Despois de percorrer as instalacións desta asociación en Vilagarcía e escoitar as explicacións sobre o traballo que realizan nestas aulas e as necesidades que presenta a entidade e os seus usuarios, o mandatario provincial deixou clara a vontade da Deputación de manter a colaboración coa Asociación Autismo Bata en todo o que sexa posible para que continúen ofrecendo un servizo que mellora non só a calidade de vida das persoas con trastorno do espectro autista, senón que tamén favorece a súa integración na sociedade e mesmo facilita a conciliación da vida familiar e laboral dos seus familiares.
Neste sentido, Luis López puxo en valor a importancia deste colectivo fundado no ano 1989 como unha “ponte” imprescindible para conectar ás persoas, neste caso TEA, cos recursos que ofrecen as distintas Administracións. Unha colaboración que presta a Deputación a entidades como Bata para contribuír a integración dos seus usuarios na sociedade e a poñer a súa disposición o servizo especializado e de calidade que requiren estas persoas e os seus familiares.
É por iso que Luis López quixo darlles os parabéns e expresar o agradecemento do goberno provincial polo seu labor a todas as persoas que dan forma ao colectivo Autismo Bata. Do mesmo xeito, reiterou o compromiso da Deputación para manter a colaboración nas súas iniciativas.
Compromiso coa inclusión
A visita do presidente da Deputación á sede deste colectivo, enmárcase nunha serie de visitas con entidades sociais que traballan a prol da inclusión social e laboral de todas as persoas. Despois de garantir o apoio ao labor de Down Pontevedra Xuntos, Luis López confirma a colaboración con Autismo Bata como reflexo do goberno provincial co tecido asociativo pontevedrés para mellorar a atención ás persoas que presenten calquera tipo de necesidade especial.