9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaGonzalo Caballero esixe á Xunta "consensuar" o inicio do curso e non...

    Gonzalo Caballero esixe á Xunta “consensuar” o inicio do curso e non “centrifugar as súas competencias cara aos directores dos centros”

    O secretario xeral destaca o “compromiso” do goberno de España co Estado das autonomías co inicio do reparto de 16.000 millóns de euros para “reforzar a política social e os servizos públicos”

    O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe á Xunta que “consensúe” os protocolos de seguridade fronte á covid nas aulas de cara ao inicio do curso escolar, á vista do malestar xerado na comunidade educativa. “A Xunta non pode centrifugar as súas competencias cara os directores dos centros escolares”, subliñou o líder socialista en rolda de prensa, para chamar ao goberno galego a “exercer as súas competencias” no canto de tentar “evitar tomar decisións” e responsabilizarse delas.

    “Os directores dos centros escolares”, recordou, “non teñen mecanismos” para poñer en marcha as actuacións debidas para evitar contaxios nas aulas. Por iso, Gonzalo Caballero incidiu en que ten que ser a Xunta a que “se faga responsable” do asunto e acorde cos equipos directivos dos colexios e institutos as medidas a tomar.

    Iso si, o máximo dirixente do PSdeG advertiu de que as actuacións non poden ser “a custe cero”, senón que a Xunta ten que “reforzar” o sistema educativo, dotándoo de “máis profesionais e de máis medios” para impedir que se produzan contaxios nos centros escolares de Galicia.

    Estado autonómico

    En paralelo, Gonzalo Caballero destacou o “compromiso” do goberno de España co Estado das autonomías tralo acordo para iniciar o reparto dun fondo de 16.000 millóns de euros co obxecto de “reforzar a política social e os servizos públicos”.

    Nesta primeira fase, apuntou, distribuiranse 6.000 millóns de euros seguindo criterios obxectivos de índole sanitaria e poboacional, nunha liña de traballo baseada na cogobernanza e no “reforzo” das autonomías.

    Acordo europeo

    Ademais, o secretario xeral do PSdeG sinalou o “fito” do acordo do Consello Europeo para emitir débeda conxunta no camiño de dar “unha resposta europea á crise” derivada da pandemia. “Europa avanza en modelos de gobernanza máis fortes e máis inclusivos”, valorou.

    De feito, contrastou este acordo coa resposta da UE noutras crises para subliñar que, con estas medidas anticíclicas, Europa é hoxe “parte da solución” e da busca dunha recuperación “integral” que evite que a situación se converta nunha crise económica máis fonda.

    Así pois, a pesares de apuntar que o escenario inicial era “máis ambicioso” que o finalmente acadado, Gonzalo Caballero apuntou que permitirá “o relanzamento da economía” na UE.

    Ao fío disto, indicou tamén que é “unha boa noticia” que o marco financeiro 2021-2027 manteña a contía que recibe España para a PAC. Agora, dixo, o que toca é traballar para “potenciar e revitalizar” os sectores primarios.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.