9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaGonzalo Caballero cabeza de lista na candidatura socialista "para saír a gañar...

    Gonzalo Caballero cabeza de lista na candidatura socialista “para saír a gañar o 5-A”

    David Regades: “O socialismo pontevedrés é o músculo do socialismo galego, polo que temos que involucrarnos ao máximo nesta campaña para volver ser a forza máis votada na provincia e ser decisivos para levar a Gonzalo ata a Presidencia da Xunta”

    O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia de Pontevedra para as próximas Eleccións Autonómicas. Así figura na proposta que o Comité Executivo Provincial acordou hoxe comunicar á Comisión Nacional de Listas para o seu ditame antes de ser aprobada mañá, xoves, polo Comité Nacional. As listas finais das catro provincias galegas terán o referendo final polo Comité Federal do próximo venres.

    O secretario xeral provincial, David Regades Fernández, subliñou que a proposta da Executiva Provincial elaborouse, por unanimidade, despois dunha análise polo miúdo das votacións realizadas estes días nas agrupacións locais á que se engadiron criterios de representación social e territorial. “O resultado é unha proposta que, partindo do respecto á vontade expresada pola militancia, está tamén ben pegada ao territorio e á sociedade que queremos representar no Parlamento galego”. Criterios que se complementaron coa valoración dos resultados electorais do Partido Socialista nos distintos municipios e comarcas da provincia nos últimos procesos electorais e sempre de acordo co Regulamento Federal de Desenvolvemento dos Estatutos.

    Despois de Gonzalo Caballero integran os 10 primeiros postos as seguintes persoas: 2, María Isaura Abelairas Rodríguez (Vigo); 3, Julio Torrado Quintela (Vilagarcía); 4, María Luisa Pierres López (Pontevedra); 5, Leticia Gallego Sanromán (Vigo); 6, Daniel Chenlo Padín (Pontecesures); 7, Olga Rodríguez Puga (Redondela); 8, Paula Fernández Pena (Silleda); 9, José Antonio Dono López (A Estrada) e 10, Francisco de Asís Candeira Mosquera (Ponteareas).

    David Regades remarcou, durante a súa intervención diante da Executiva, que a provincia de Pontevedra “é o músculo electoral do PSdeG-PSOE, polo que hai que esforzarse ao máximo durante a campaña electoral para levar a Gonzalo Caballero ata a Presidencia da Xunta de Galicia”. O secretario xeral anunciou que será unha campaña moi propositiva, na que os socialistas pontevedreses esforzaranse por trasladar á sociedade que Galicia merécese outro xeito de gobernar, en sintonía cos problemas reais da xente e os retos pendentes para impulsar o desenvolvemento socioeconómico da nosa terra.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.