9.7 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaBenítez propón unha 'Tartexa Cidadá Transfronteiriza' para evitar a repetición dos problemas...

    Benítez propón unha ‘Tartexa Cidadá Transfronteiriza’ para evitar a repetición dos problemas do peche da fronteira con Portugal

    O director do AECT Rio Minho solicita aos gobernos “medidas económicas compensatorias” para reactivar o territorio miñoto con fondos europeos, estatais e rexionais

    O AECT Rio Minho, a través do seu director Uxío Benítez, propuxo hoxe a posta en marcha dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ que facilite a vida da cidadanía de ambos lados do Miño e evite que se repitan, entre outros, os problemas de mobilidade derivados do peche da fronteira con Portugal pola crise da COVID-19 para as persoas traballadoras. Benítez realizou esta proposta nunha comparecencia conxunta dos alcaldes, alcaldesas e presidentes de câmara dos concellos do territorio miñoto na que se parabenizaron da vitoria conseguida ao terse autorizado a apertura das pontes de Arbo-Melgaço, Salvaterra-Monçao e Tomiño-Cerveira con fins laborais dende o día de hoxe, tal e como viñan reclamando con protestas durante as últimas semanas.

    Segundo destacou o máximo dirixente do AECT é necesario desenvolver cara o futuro, e como iniciativa novidosa, un proxecto piloto para crear unha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ que identifique a todas as persoas que viven no territorio “e que facemos a nosa vida, traballo, o noso lecer indistintamente de que esteamos nun estado ou noutro”, para que no futuro, se se volven ter que pechar as fronteiras, o peche non sexa efectivo para esa xente e se permita a mobilidade transfronteiriza “promovendo deste xeito unha cidadanía europea real”.

    Benítez indicou tamén que a crise do coronavirus vai traer unha crise económica importante que no territorio do Miño vai a ser doble pola decisión de pechar as fronteiras o 17 de marzo. Por este motivo, instou ás autoridades rexionais, estatais, e europeas a que instrúan os procedementos económicos necesarios para que se compense ao territorio miñoto por ter tido as fronteiras fechadas igual que se tiveran centos de anos atrás. “As autoridades teñen que compensar a estes territorios porque nos impediron relacionarnos comercial e economicamente cos veciños do lado”, destacou.

    De feito, puxo sobre a mesa a demanda de que no próximo cadro de fondos comunitarios 2021-2027 se faga un Investimento Territorial Integrado (ITI) no Río Miño e se dediquen diferentes tipos de fondos -estatais, rexionais e europeos- a facer un investimento enfocado no territorio “porque entendemos que é un territorio con moitas posibilidades de desenvolvemento socioeconómico e hai que reactivalo”, dixo Benítez. Lembrou tamén que a fronteira entre Pontevedra e Portugal “é a máis dinámica social e economicamente e non se pode permitir que estea afogada durante todos estes meses co muro de Berlín que nos puxeron aquí” e subliñou que esa demanda “nos vai ocupar o tempo de aquí en diante”.

    Benítez realizou estas propostas hoxe dende o medio da ponte internacional entre Arbo e Melgaço, para facer unha valoración da apertura de pasos tanto en Arbo-Melgaço, como en Salvaterra-Monçao e Cerveira-Tomiño. O director do AECT manifestou que “para nós, o AECT e os concellos, a apertura dos pasos é unha boa noticia e unha pequena vitoria do territorio do río Miño, porque conseguimos anticipar 15 días e aliviar 15 días a economía de moitos traballadores e traballadoras que poden xa pasar por estas tres pontes e non ter que dar rodeos quilométricos”.

    Subliñou que as protestas dos alcaldes, alcaldesas e presidentes das câmaras fixeron que se puxeran de acordo dous gobernos de dous estados. “Facemos unha valoración positiva porque conseguimos poñer no mapa o territorio e na axenda dos dous estados o problema que hai para milleiros de persoas”, destacou, subliñando que a reapertura dos pasos para as persoas traballadoras non soluciona todos os problemas. “Temos a problemática do comercio transfronteirizo, negocios e comercios que están nun lado do río pero viven, teñen boa parte da súa clientela nos veciños e veciñas do outro lado do río, e non poden recibir aos seus clientes porque non lles está premitido o paso. Iso seguiremos a reivindicalo hoxe e de cara ao futuro, poñendo propostas sobre a mesa”, subliñou lembrando a ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’.

    Pola súa banda o alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou tamén a vitoria de que se reabrise ao tránsito unha ponte como a do seu concello “que tardamos tanto ás autoridades para que se construíse”. Destacou que agora volvéronse convencer da necesidade de reabrir entre os dous países con motivos laborais, pero destacou o seu convencemento de que se comprenda tanto en Madrid como en Lisboa “que o fluxo debe ser o de sempre e non se volva reproducir esta situación”.

    O presidente da Câmara de Melgaço, Manoel Batista, quixo poñer de relevo a importancia do AECT Rio Minho na consecución da reapertura dos pasos fronteirizos. Subliñou que nalgún momento houbo dúbidas sobre a efectividade da institución, “pero agora queda xa fóra de toda dúbida a súa importancia”, pola eficacia do traballo feito na problemática da fronteira, e pola existencia dun plan estratéxico estruturado e accións concretas para o territorio.

    No acto de hoxe estiveron presentes as alcaldesa de Tomiño, Sandra González; O Rosal, Ánxela Fernández; Salvaterra, Marta Valcárcel; As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; A Guarda, Antonio Lomba e Arbo, Horacio Gil; os presidentes de Câmara de Melgaço, Vila Nova de Cerveira, Valença, Monçao, así como o vicepresidente de Caminha.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.