19.9 C
Pontevedra
Mércores, 7 de Xuño de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaAreeiro convértese en laboratorio oficial para detectar as pragas corentenais fitosanitarias en...

    Areeiro convértese en laboratorio oficial para detectar as pragas corentenais fitosanitarias en Portugal

    O centro de investigación da Deputación de Pontevedra racha fronteiras e alertará sobre os patóxenos vexetais regulados pola Unión Europea en todo o territorio luso

    O prestixio da Estación Fitopatolóxica Areeiro, referencia para a sanidade vexetal en Galicia, rachou fronteiras chegando ata Portugal. A partir de agora o centro científico dependente da Deputación de Pontevedra convértese en laboratorio oficial de detección de pragas corentenais, é dicir, reguladas pola Unión Europea, en todo o territorio luso. Así queda establecido no convenio que a entidade provincial vén de asinar coa Direcão Geral de Alimentação e Veterinária do Goberno de Portugal.

    O convenio entre a Deputación e o Goberno portugués terá vixencia ata finais deste ano, con posibilidade de sucesivas prórrogas. Deste xeito Areeiro asume a responsabilidade de detectar e certificar a entrada das pragas non presentes na Unión Europea e que obrigan a medidas específicas para a súa erradicación. Este acordo internacional é posible porque o artigo 37 do Regulamento 2017/625 do Parlamento e do Consello “relativo a controis para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, de normas de saúde e benestar dos animais, de sanidade vexetal e de produtos fitosanitarios”, autoriza aos estados membros da Unión a designar como laboratorio oficial aos que estean situados fóra do seu territorio e noutro estado membro.

    O acordo xurdiu a raíz do interese da Direção Geral De Alimentação e Veterinária para que o centro de investigación en materia de sanidade vexetal da Deputación lle prestase os servizos fitopatolóxicos para as análises especializadas necesarias para o desenvolvemento do seu programa nacional de Prospección Fitosanitaria. A raíz disto estableceuse un protocolo para a recollida das mostras en orixe, manipulación, envío, recepción e tratamento para a detección e identificación de organismos nocivos de corentena de material vexetal.

    Está previsto que de aquí ao remate do ano se realicen un total de 653 análises para a detección de diferentes organismos causantes das pragas corentenais. O procesamento das mostras por parte da Estación Fitopatolóxica realizarase no marco dos métodos analíticos recollidos na lexislación específica da Unión Europea, os procedementos específicos da Organización Europea e Mediterránea de Protección das Plantas (OEPP) ou, para o caso da súa falta, por procedementos internos da finca Areeiro, sempre que así se acorde previamente coas autoridades portuguesas.

    Analíticas para os axentes causantes de 19 pragas

    As primeiras mostras chegaron esta semana e proceden das cinco direccións rexionais de Agricultura e Pesca de Portugal. De acordo co convenio, a finca Areeiro será a encargada de detectar as pragas reguladas e de obrigada declaración pola normativa comunitaria. A este respecto, a Comisión Europea ten publicada unha listaxe das pragas que obrigan ao establecemento de medidas corentenais a partir da avaliación do Centro Común de Investigación da Comisión e da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, tendo en conta as probabilidades de propagación e as súas posibles consecuencias. A listaxe recolle tamén as observacións de expertos/as e as suxestións cidadás realizadas a través do portal web “Lexislar mellor”. A Estación Fitopatolóxica Areeiro ocuparase das analíticas das 19 pragas que preocupan ás autoridades portuguesas e que están causadas por artrópodos, principalmente insectos, pero tamén por fungos, fitoplasmas, virus e bacterias. Estes patóxenos afectan á saúde de nogueiras, vide, tomate, cerdeiras, coníferas, cítricos, pataca, gramíneas, moreiras, maceiras, rosáceas, plantas ornamentais e froiteiras en xeral.

    A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia dedicado á investigación e ao diagnóstico en materia fitosanitaria forestal e agraria. Ao tempo traballa na introdución e conservación de especies froiteiras e ornamentais, así como na área de análise edafolóxica (do solo) de cara á mellora da fertilización. Nos seus laboratorios hai especialistas en entomoloxía, acaroloxía, nematoloxía, bacterioloxía, viroloxía e patoloxía.

    COLABORACIÓNS

    Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana.

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    84 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS