Sábado, 2 Novembro de 2024

Areeiro advirte do perigo que supón para o buxo da provincia a proliferación dunha bolboreta asiática

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de emitir un aviso extraordinario ante a presenza xeneralizada de bolboreta do buxo, un insecto invasor orixinario do leste de Asia que se alimenta exclusivamente de buxo. A proliferación deste animal, cuxo nome científico é Cydalima perspectalis, é debida á evolución das eirugas desta bolboreta por efecto das temperaturas tan elevadas da pasada fin de semana, que chegaron a superar os 30 ºC.

Deste xeito, tal e como informa a xefa da Unidade de artrópodos e control integrado de Areeiro, Rosa Pérez Otero, as sebes e plantas illadas comezaron a presentar síntomas cuxa evidencia depende da comarca. Así, na parte sur da provincia a notoriedade dos sinais é máis alta, aínda que isto tamén depende das condicións particulares de cada exemplar.

Eiruga da bolboreta asiática do buxo alimentándose

Un aviso fitopatolóxico extraordinario alerta da proliferación da Cydalima perspectalis por causa das altas temperaturas da pasada fin de semana

Consecuentemente, é imprescindible levar a cabo un proceso de revisión dos arbustos na procura de síntomas para valorar a necesidade de aplicación dun tratamento inmediato ou de intervención. Esta revisión debe ser exhaustiva, dado que os indicios poden pasar inadvertidos se se concentran na zona baixa das plantas.

Así, a eiruga é de cor verde e mide entre 35 e 45 milímetros. A bolboreta nocturna, pola súa banda, posúe ás de cor branca, pode chegar a acadar entre os 26 e os 45 milímetros de envergadura e séntese atraída pola luz. Ademais, as bolboretas poden percorrer longas distancias a través do aire, o que, unido á súa capacidade de reprodución e os seus hábitos alimentarios, é perxudicial para a flora galega.