O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou o colexio CEIP de Seara (Moaña), onde anunciou que a Xunta vén de formalizar o seu compromiso de duplicar as axudas destinadas a asociacións de nais e pais (ANPAs) que xestionan comedores escolares, elevándoas ata os 1,2M€. A finalidade destas axudas é sufragar parte dos gastos nos que incorreron estas entidades na prestación do servizo durante o pasado curso.
Cómpre lembrar que o Goberno galego xa blindou o pasado ano as axudas ás ANPAs para este fin, concedendo o seu importe íntegro (553.000€), malia que en boa parte do curso 2019/20 non se prestou o servizo por mor da suspensión das clases presenciais. O incremento desta partida, cuxo prazo de solicitudes xa está aberto, foi un compromiso adquirido pola Consellería, Educación e Universidade.
Román Rodríguez avanzou, ademais, a reunión do Consello Escolar de Galicia o vindeiro luns para analizar o inicio do curso escolar. Neste sentido explicou que, tras a xuntanza do Comité Educativo o pasado venres, con esta nova convocatoria avánzase nos contactos con todos os membros da comunidade escolar para preparar a volta ás aulas.
Aberto o prazo ata o 27 de setembro
A convocatoria de axudas a ANPAs que xestionan comedores presta especial atención aos sobrecustos que supuxo a pandemia. Neste sentido, o orzamento total divídese en dous conceptos: un dirixido ao custo diario do menú, mantemento, persoal e limpeza e aos gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguro para a prestación do servizos; e outro destinado a sufragar gastos relacionados coa covid-19 (máscaras, material de desinfección e protección, etc).
Para o cálculo da axuda terase en conta, en ambos casos, a media de usuarios diarios do comedor escolar, e o seu importe poderá sufragar o 100% do gasto xustificado. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para a mesma finalidade.
Poderán ser beneficiarias desta convocatorias as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor dos centros escolares públicos.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 27 de setembro e deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Rehabilitación integral
Respecto da rehabilitación integral do CEIP de Seara, cun orzamento de preto de 1M€, o conselleiro explicou que o obxectivo principal é mellorar a eficiencia enerxética do colexio.
Esta obra enmárcase no paquete de 84 actuacións que o Goberno galego está a licitar antes de fin de ano, cun importe de case 40M€, e que se suman ás 557 obras que se están a realizar este verán, cun orzamento de case 30M€ e ás outras 41 (17,3M€) que se culminan estes meses.