10.5 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA webinar do investigador Xosé García Bustelo abrirá o 17 de setembro...

    A webinar do investigador Xosé García Bustelo abrirá o 17 de setembro o ciclo de conferencias científicas ‘Aída Fernández’

    A primeira webinar, organizada coa Real Academia Galega de Ciencias, abordará o cancro e as persoas interesadas poden inscribirse a partir deste martes, 1 de setembro, a través da web da Deputación

    A webinar sobre o cancro a cargo do profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Xosé Ramón García Bustelo abrirá o día 17 de setembro o primeiro Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias. Este ciclo ten como obxectivo principal achegar a ciencia á sociedade e, debido á pandemia da Covid-19, será on line en formato webinar e precisará inscrición previa. Deste xeito, para esta primeira sesión as persoas interesadas en participar poden apuntarse a partir deste martes 1 de setembro na web da Deputación (www.depo.gal).

    A charla de García Bustelo que, como o resto das previstas, está aberta a todos os públicos que desexen informarse sobre temas de actualidade, leva por título ‘Cancro: dos fundamentos ás novas terapias’ e nela abordará de forma sinxela cales son as bases moleculares desta enfermidade. Tamén falará de como ese coñecemento se está a traducir no desenvolvemento de novas terapias dirixidas contra as células tumorais e que teñen efectos colaterais cada vez máis pequenos nos tecidos sans do noso organismo. Así mesmo, estes avances están a cambiar a forma na que as e os pacientes con cancro teñen que ser diagnosticados e seleccionados para poderen ser tratados efectivamente por esas terapias. Doutra banda, abordaranse tamén os retos que quedan aínda por diante para acadar mellores taxas de curación.

    Xosé Ramón García Bustelo é profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e vicedirector do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca. Así mesmo, é coordinador do Programa Científico de Investigación Biomédica en Rede de Cancro e presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA).

    O ciclo Aida Fernández Ríos continuará a partir de outubro con outras seis webinars, que abordarán temas como a Intelixencia Artificial e o cambio de hora e o fuxo horario, así como cuestións relacionadas coa sanidade, con especial incidencia na Covid-19, o ciclo económico ou a acuicultura e biotecnoloxía, e que estarán impartidas por outras nove destacadas persoas científicas.

    Na presentación deste ciclo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacara a importancia deste tipo de actividades de divulgación, “xa que temos moito camiño que percorrer, temos que achegar a ciencia ao conxunto da sociedade, xa que o mundo depende da ciencia para poder avanzar”. Amais, a cita servirá tamén “para visibilizar a mulleres deste eido, como Aida Fernández Ríos”. Pola súa banda, a vicepresidenta da Real Academia de Ciencias e coordinadora do ciclo de conferencias, Alicia Estévez, destacara que ten como obxectivo “aumentar a cultura científica na sociedade, xa que unha sociedade máis culta é moito máis difícil que sexa manipulada”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.