14.9 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza a 'Alianza local polos 17 obxectivos do desenvolvemento sostible'

    A Deputación lanza a ‘Alianza local polos 17 obxectivos do desenvolvemento sostible’

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Camela Silva, anunciou hoxe o lanzamento da iniciativa ‘Pontevedra Provincia Alianza Local #17ODS’ coa que se promove o aliñamento dos 61 concellos pontevedreses co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que conforman a Axenda 2030 da ONU. “Os ODS non son só unha filosofía ou un marco, son estratéxicos e desde fai dous anos marcan a nosa folla de ruta, ata o punto de que a Deputación de Pontevedra é a Administración local e provincial que máis aposta polo seu cumprimento”. “Levamos a dianteira a moitas comunidades autónomas, incluída a galega”, destacou.

    A partir de agora, a Deputación porá o foco cada mes nun dos 17 ODS e comezará este mesmo mes de outubro co último deles: ‘Alianzas para acadar os obxectivos’. Así remarcará o seu empeño para aliñar as políticas públicas de toda a provincia nesta axenda internacional. Silva adiantou que, sucesivamente, cada mes, iranse abarcando o resto dos ODS e centrando a atención en cada un deles con accións, proxectos e campañas de difusión. O primeiro paso para a creación da Alianza Local consistirá no envío dunha carta aos concellos e a creación dun apartado ODS no portal www.depo.gal no que se compartirán todas as iniciativas municipais dos concellos que se adhiran como exemplo de Boas Prácticas. “Queremos que a cidadanía as coñeza e que sirvan de inspiración para futuros proxectos polo seu respecto e promoción dos Obxectivos”, explicou a presidenta. Ademais, a ‘newsletter’ da Deputación terá un apartado permanente dedicado aos ODS no que se enxalzarán as Boas Prácticas municipais. O boletín será remitido aos concellos adheridos para mantelos informados puntualmente.

    Carmela Silva, acompañada pola deputada responsable de Transición Ecolóxica e Proxectos Europeos, Iria Lamas, adiantou que sumarse á Alianza Local significará tamén un maior financiamento para os municipios que dean o paso. Así anunciou que nos proxectos extraordinarios de concorrencia competitiva que os concellos adheridos presenten á Deputación, valorarase que teñan accións incardinadas dentro dos ODS. Ademais, comprometeuse a promover actividades como exposicións, concertos, andainas e accións no ámbito educativo e da igualdade para reforzar este gran pacto polo desenvolvemento sostible. “En definitiva, imos levar a cabo unha axenda continua, envorcaremos todos os nosos esforzos nos Obxectivos e invitamos a toda a provincia, aos concellos e á cidadanía, a sumar sinerxias , dando exemplo coas nosas accións”.

    Intensa axenda en outubro cos Días Mundiais da ONU

    A presidenta tamén adiantou que ao longo deste mes de outubro a Deputación vai celebrar 11 días mundiais evidenciando o vínculo das causas representadas nestas efemérides cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. “Traballamos todo o ano polos ODS e por iso queremos dar unha visibilidade a datas tan simbólicas, con especial protagonismo para o Día Internacional das Mulleres Rurais e o Día das Escritoras”.

    Ao fío do Día Internacional das Mulleres Rurais, a Deputación organizará en Pontevedra una xornada o día 28 de en colaboración con Fademur (Federación de Mulleres Rurais de Galicia). Levará por título “As mulleres e os efectos da covid-19 na Galicia rural” e consistirá nunha mesa redonda con relatoras, todas elas mulleres, dos sectores hortofrutícola, gandeiro, da educación pública e das entidades sociais. Trataranse temas como o impacto da pandemia nestes sectores, retos durante o confinamento e na nova normalidade, corresponsabilidade, volta ao cole, o espazo rural na era post-covid e o futuro do rural. O acto será retransmitido en streaming, polo que poderá seguirse integramente a través da web da Deputación, e nas Redes Sociais.

    En canto ao Día das Escritoras, celebrarase o día 19 en Vigo cunha lectura pública de textos de escritoras tomando como referencia o acto que celebra a Biblioteca Nacional nesta conmemoración baixo o comisariado da escritora Elvira Lindo. A lectura en Vigo correrá a cargo de varias escritoras e representantes da cultura e da educación con fragmentos de obras de autoras tan importantes como Rosalía de Castro, Dulce María Loynaz, Ana María Matutes, Pura Vázquez, Gloria Fuertes, Ida Vitale, Circe Maia ou Emilia Pardo Bazán, entre outras.

    A Deputación tamén celebrará actividades ao fío do Días Mundiais da Alimentación (16 outubro); o 17, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza; o 18 polo Día Mundial de Protección da Natureza; o 21, Día Mundial do Aforro de Enerxía; o 24, Día das Nacións Unidas, Día da Información sobre o Desenvolvemento e Día Internacional contra o Cambio Climático. Finalmente, poñerase en valor o día 31 ao fío do Día Mundial das Cidades.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.