11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación comeza as obras de adaptación á normativa do edificio da...

    A Deputación comeza as obras de adaptación á normativa do edificio da Escola de Cantería

    A solicitude de creación das novas titulacións de Formación Profesional diante do Instituto Nacional das Cualificacións está en marcha dende hai 3 semanas

    As obras de adaptación da Escola de Cantería para o cumprimento da normativa en materia de accesibilidade, contaminación acústica, protección contra incendios e prevención de riscos laborais comezaron esta mañá. A Deputación de Pontevedra ponse así mans á obra para solucionar a irregularidade urbanística coa que vén funcionando o centro dende a súa construción no ano 2000 e obter definitivamente a licenza municipal de actividade diante do Concello de Poio.

    A actuación está a cargo da empresa Civis Global, que conta cun orzamento de adxudicación de 440.000 euros e un prazo de execución de seis meses. O proxecto está baseado no estrito cumprimento da normativa vixente sobre edificacións nas que se imparte formación tanto no eido laboral como no educativo e supón un paso imprescindible para a homologación dos estudos actuais.

    A Deputación de Pontevedra xa está a tramitar a creación de dous títulos de Formación Profesional de grao medio e superior para os estudos de Cantería diante do Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL). O organismo intereadministrativo estatal, no que están representados o Goberno central e os autonómicos, así como as organizacións sindicais e laborais, recibiu a solicitude da Deputación o pasado día 25 de setembro, hai case tres semanas.

    A Deputación solicitou tamén ao INCUAL información sobre a posible duración deste procedemento, que inclúe varios informes, unha consulta pública e remata coa publicación dun Real Decreto coa modificación do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Paralelamente, como paso intermedio ata a creación das novas titulacións educativas, a Deputación está a solicitar da Xunta de Galicia que cree dous novos certificados de profesionalidade que avalen os estudos do alumnado que cursa os seus estudos na actualidade. Finalmente, estase a reclamar da Consellería de Educación a transferencia do centro e, ata que isto se produza, o cofinanciamento do seu funcionamento ordinario.

    A deputada Noemí Outeda destaca que en 33 anos o PP non fixo nada por regularizar os estudos e nin sequera se preocupou da licenza municipal de actividade

    A deputada Noemí Outeda, delegada da Escola, destaca que o actual equipo de goberno vese obrigado a traballar en varias frontes porque o PP, a pesar de gobernar a Deputación durante 33 anos xa coa responsabilidade sobre a Escola de Cantería, non fixo nada por homologar os estudos. Máis aínda, a sede de A Caeira, construída no ano 2000, carecía de licenza de actividade. Unhas deficiencias que atribuíu ao máis absoluto desleixo dos sucesivos gobernos conservadores, tanto na Deputación como na Xunta e no Goberno do Estado.

    O edificio da Escola de Cantería foi construído a finais dos anos 90 e, durante a súa execución, foi obxecto de sucesivas modificacións e incidencias. Está dividido en dúas áreas, comunicadas por un vestíbulo central para o espazo docente e a nave-obradoiro. Suma un total de 5.600 metros cadrados construídos.

    As obras que hoxe comezaron hoxe para adaptalo á normativa esixente para acoller estudos educativos e/ou laborais inclúen unha completa reforma interior, incluíndo tamén a apertura dun novo acceso principal dende un futuro aparcamento de 426 metros cadrados reservado para persoas con mobilidade reducida. Dentro do edificio será necesario modificar a totalidade das ramplas existentes na área docente, así como a substitución das varandas. Outra zona que vai ser obxecto dunha profunda reforma serán os vestiarios, onde estase a habilitar un aseo adaptado.

    As obras afectarán tamén á instalación eléctrica, pois ademais de modificar o cadro de alimentación e substituír os diferenciais será necesario adaptalas tomas de corrente e instalar novas tomas de terra.

    Para o cumprimento da normativa acústica será necesario substituír os falsos teitos nas aulas con maior reverberación, así como o trasdosado de varios paramentos verticais, así como das divisións entre aulas.

    Capítulo á parte é a protección contra incendios, que vai obrigar a instalar lá de roca e pintura intumescente (que ofrece maior resistencia ao lume) e a apertura de ocos con portas de saída na nave do obradoiro para o cumprimento da normativa sobre distancias de evacuación. Ademais, colocaranse portas corta-lumes, modernos sistemas de alarma, pulsadores, extintores e novos detectores de fume. Adicionalmente, as obras servirán para a sinalización dos percorridos de evacuación.

    1 Por último, o cumprimento da normativa en materia de riscos laborais obriga á instalación de “gaiolas” de protección nas máquinas de corte, así como á revisión da sinalización acústica e luminosa nas pontes-guindastre. Tamén alí haberá que pintar no solo as zonas de paso seguro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.