11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación centra o debate sobre a regulación do teletraballo: "só se...

    A Deputación centra o debate sobre a regulación do teletraballo: “só se poderá facer tendo en conta ás mulleres”

    Empar Aguado, Maite Egoscozabal e Ana Belén Valiño, amais da presidenta provincial, coincidiron en alertar “sobre os enormes riscos de retroceso nos dereitos das mulleres si se lexisla sobre o teletraballo sen perspectiva de xénero”

    A reivindicación foi unánime. A regulación do teletraballo ten que realizarse con perspectiva de xénero para impedir que esta nova ferramenta tecnolóxica, que todo apunta que chegou para quedarse, poida converterse nun elemento de involución para as conquistas laborais, sociais e persoais das mulleres. O webinar da Escola de Igualdade María Vinyals, organizado hoxe pola Deputación de Pontevedra e moderado pola redactora xefa de Atlántico Diario Ana Fuentes, puxo por primeira vez enriba da mesa “un debate máis que necesario na sociedade española”, e rematou coa coincidencia das tres poñentes, Empar Aguado, Maite Egoscozabal, Ana Belén Valiño, e da propia presidenta provincial, Carmela Silva, sobre os enormes riscos de retroceso nos dereitos das mulleres se o teletraballo se lexisla sen ter en conta a perspectiva de xénero. A expectativa xerada pola xornada se demostrou no seu seguimento on line: 700 persoas en directo e máis dun millón de impactos nas redes sociais da Deputación.

    Carmela Silva: “Cando o teletraballo se confunde con conciliación a mensaxe é clarísima: é soamente para nós, esiximos corresponsabilidade nos coidados”

    Na intervención, Carmela Silva mostrou a súa preocupación. “É inquietante que non escoitemos que o teletraballo se vai regular con perspectiva de xénero, polo que é fundamental crear unha rede de mulleres que obrigue ás persoas lexisladoras a ternos en conta”. A presidenta apelou “a implementar a corresponsabilidade e abandonar a palabra conciliación porque é unha trampa. Cando o teletraballo, que é unha ferramenta do século XXI, se confunde con conciliación a mensaxe é clarísima: é soamente para nós, as mulleres”. Carmela Silva foi máis aló. “Temos que ser claras. As administracións teñen que crear unha rede de coidados pública que permita ao conxunto da sociedade, ás mulleres e aos homes, poder realizar a nosa vida con total plenitude”. A presidenta tamén destacou que durante o confinamento, que obrigou a todas as persoas a recluírse nos fogares, visibilizouse “dunha forma brutal” algo que xa afirmaba Simone de Beauvoir: o impacto das crisis nas mulleres. Así, a presidenta puxo sobre a mesa datos como que o 76% das mulleres, ademais da súa actividade profesional encárganse dos coidados, “o centro do Estado de Benestar”, que o 89% das persoas coidadoras son mulleres ou que entre o 80 e o 95% das reducións da xornada laboral para coidar son solicitadas por mulleres. Silva reivindicou a importancia de cambiar o modelo e apostar pola corresponsabilidade entre mulleres e homes, instando ás administracións “a tomar medidas e crear estruturas, dende o público, para poder responder ás mulleres que reclamamos que se nos teña en conta, que hai que contar con nós para tomar decisións”. As mulleres queremos ser nais, ter ocio, facer deporte, ter unha profesión, ter tempo para nós; queremos que as relacións informais non nos impidan poder escalar nas nosas profesións na medida en que queiramos. En definitiva: as mulleres queremos todo”, concluiu.

    Empar Aguado “As mulleres corremos o risco de converternos en elastiwoman”

    Durante o confinamento, as mulleres tiveron que facer fronte a unha dobre presenza e a unha dobre responsabilidade. Esta foi a tese principal defendida pola profesora e investigadora Teresa Empar Aguado, que puxo o foco nas testemuñas de mulleres recollidas durante o estado de alarma: “Vimos mulleres exhaustas que se adaptaban absolutamente. Atopamos unhas mulleres moito máis flexibles, o que eu chamo ‘elastiwoman’, que moitas veces tiñan que encargarse dos coidados”. Segundo a socióloga da Universitat de Valencia, “atopámonos con mulleres que teletraballaban na noite e a madrugada e que facilitaba o traballo das súas parellas”.

    Amais, como dixeron as entrevistadas da súa investigación, “as mulleres levaron moitas veces o seguimento dos nenos e nenas que tiñan tarefas complicadísimas”, o que lle deu pé para afirmar que “o verdadeiro motor da economía vive na casa e agora vímolo claramente”. Para Empar Aguado, a solución a este desequilibrio pasa por unha superación do modelo de conciliación: “Deberíamos aspirar a unha reconciliación, a unha corresponsabilidade non só coas nosas parellas, senón tamén a unha corresponsabilidade social, a unha corresponsabilidade coas nosas empresas e por parte do Estado. A reprodución da forza de traballo non debe ser unha cuestión individualizada no seo familiar”. Por outra banda, a muller debe recuperar a relevancia dentro das esferas e os espazos de poder, xa que “a nosa voz moitas veces foi pouco escoitada porque non estivemos nos espazos onde se fan as propostas”.

    Egoscozabal “As medidas para enfrontar os coidados están penalizando ás mulleres na súa carreira profesional”

    Desde o club “Malas Madres” e a Asociación “Yo no renuncio”, Maite Egoscozabal sinalou que as mulleres viven en conviccións dunha aparente igualdade pero a medida que entran no mercado laboral, e aínda máis cando se converten en nais ou se achegan á idade para selo, empezan a destacar os roles de xénero e vanse apartando progresivamente do mercado laboral e penalizándose. Deste xeito, queda en evidencia un sistema que non é igualitario e no que, no século XXI, aínda hai que traballar moito. Egoscozabal relatou que en 2014, cando se uniu ao Club Malas Madres, o problema da conciliación estábase a vivir de xeito individual e non se entendía como un problema social con consecuencias graves.

    Por iso, un ano despois, lanzouse a enquisa “Concilia 13f” con datos como que 8 de cada 10 mulleres non poden equilibrar a súa vida laboral, persoal e familiar. Amais, tamén saíu á luz o dato de que as mulleres teñen unha media de 54 minutos de tempo libre ao día. Outro estudo realizado por este colectivo amosou que 6 de cada 10 mulleres están renunciando á súa carreira profesional, entendendo a renuncia como acollerse a unha redución de xornada, unha excedencia ou, directamente, apartarse do mercado laboral, “medidas que están apartando e penalizando ás mulleres na súa carreira profesional”. Egoscozabal destaca que o primeiro paso é entender que os roles tradicionais de xénero tamén están impactando no modelo laboral e na estrutura que presenta esta sociedade. Subliña que é esencial o reparto de tarefas, non só no fogar senón tamén a nivel social, así como e incluír unha reciprocidade entre homes e mulleres, un “eu coido de ti e ti coidas de min”.

    Valiño: “Pasamos directamente de ser superwoman a ser extraterrestres”

    Finalmente, Ana Belén Valiño, Secretaria Xeral de UGT-FICA, advertiu que “se o teletraballo non se regula é unha trampa para as mulleres” e amosou a súa preocupación porque “corremos o risco de que a muller volva a encerrarse no fogar como estivo anos atrás”. Neste eido, coincidiu coa presidenta da Deputación en que a muller segue a ter un grado de responsabilidade excesivo no ámbito laboral e familiar porque “é quen se acolle maioritariamente ás medidas de conciliación e asume todas as tarefas do fogar e dos coidados”, e engadiu que “as mulleres pasamos de ser superwoman a ser extraterrestres”. Amais, insistiu na importancia de diferenciar teletraballo e conciliación. “Conciliación é destinar o teu tempo libre aos coidados e non realizar as dúas funcións á vez: coidados e teletraballo”, subliñou. Na súa intervención, Valiño tamén fixo fincapé noutro dos riscos que ten o teletraballo para o sector feminino, a invisibilidade. “Se non estamos presentes perdemos a oportunidade de promocionar e ascender, e isto afecta prioritariamente ás mulleres cunha formación específica e profesional. Non podemos permitir que se nos invisibilice”. “É certo que o teletraballo vén para quedarse” e por iso é necesaria unha lexislación que o regule, “entre todas e todos, administracións, persoas traballadoras, axentes sociais, empresarios e empresarias, temos que deseñar regras, condicións e límites”. Para rematar, fixo un chamamento ás mulleres para loitar polo empoderamento e alzou a voz dicindo que “as mulleres querémolo todo e vamos a loitar conxuntamente para conseguilo”.

    Tras un debate de máis de dúas horas, a presidenta da Deputación comprometeuse a facerlle chegar ao goberno, á FEMP, e comunidades autónomas as propostas, reflexións e datos sobre os que se afondou na xornada virtual da Escola de Igualdade María Vinyals, porque “non imos pasar por ningunha lexislación que non conte coa realidade que vivimos as mulleres. Sen nós non se pode regular o teletraballo”.

    Silva asegurou que “o máis importante é dar resposta á pregunta ¿estamos creando novos modelos de desenvolvemento da actividade profesional onde de novo as mulleres imos ter un papel terciario ou invisible? Estamos xogándonos moito, porque as mulleres saímos do privado ao público con moita dor e sufrimento e agora estamos nun momento crucial con claros riscos de involución que temos que combater”. Tamén amosou a vontade de que a rede de coidado sexa unha competencia local pero “con recursos, con financiamento. Os coidados costan moito diñeiro pero xeran a posibilidade de ter sociedades cohesionadas, avanzadas, intelixentes, do século XXI onde sexamos cada vez mellores”, rematou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.