9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aproba 1,2 millóns de euros para seguir garantindo dereitos no...

    A Deputación aproba 1,2 millóns de euros para seguir garantindo dereitos no ámbito social

    A Xunta de Goberno dá luz verde ás axudas básicas de emerxencia, ás dirixidas a entidades do ámbito social e ao expediente de contratación de “Depo en Marcha”

    “Cremos nunha provincia na que todas as persoas teñan todos os dereitos”. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación de máis de 1,2 millóns de € en Xunta de Goberno para o impulso de iniciativas de carácter social. A institución provincial, deste xeito, pon en marcha unha nova convocatoria de axudas básicas de emerxencia e tamén das axudas para actuacións no ámbito social dirixidas a entidades, así como o expediente de contratación para a realización das actividades incluídas no programa “Depo en Marcha”.

    As axudas básicas de emerxencia están dotadas de 551.700 € e destinadas aos 51 concellos cuxa poboación non supera os 20.000 habitantes  “para atender as persoas que máis o precisan”. Con estas axudas a Deputación dá apoio aos servizos sociais dos concellos (que recibirán entre 7800 e 17.800 € en función da súa poboación e porcentaxe de desemprego) para atender as demandas de necesidade urxente e puntual da cidadanía en situación ou risco de exclusión social, con especial atención ás que teñan menores ao seu cargo e a situacións de grave emerxencia.

    Estas axudas permiten afrontar gastos de alimentación, vivenda, pagamento de recibos, produtos farmacéuticos ou necesidades básicas de roupa e calzado, e produtos de protección fronte á Covid. Tamén se lles axuda a evitar a perda de subministracións básicas da vivenda e a paliar situacións de empobrecemento enerxético. Este ano, como novidade, tamén se financiarán tres novos conceptos: as cotas de comunidade ou derramas, os recibos de telefonía e Internet cos obxectivos de reducir a fenda dixital e garantir o acceso igualitario á información e, por mor das dificultades de transporte público nestes concellos, tamén se sufragarán as reparacións e mantemento de vehículos para facilitar o acceso a recursos educativos, asistenciais, sanitarios, sociais e laborais.

    A Deputación aprobou tamén 470.000 € para as bases das axudas ás entidades para desenvolver actuacións cara a colectivos en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social por circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas. En anteriores convocatorias, esta liña permitiu financiar programas de estimulación cognitiva, musicoterapia, promoción da autonomía persoal, emprego no rural, atención especializada a pacientes con artrite, prevención do abandono e promoción do éxito educativo de adolescentes migrantes ou fisioterapia especializada para persoas diagnosticadas de linfedema e lipedema. No pasado exercicio recibiron financiamento 103 entidades de 21 concellos.

    A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao expediente de contratación para licitar os 130 obradoiros do programa “Depo en Marcha”, cun importante incremento do investimento respecto á convocatoria de 2019 (este foi un dos programas adiados por mor da situación sociosanitaria): un 20% máis de recursos, chegando aos 186.800 €. “Estamos ao carón da sociedade maior, que precisa que as administracións lles garantamos un final de vida amable, agradable e en convivencia”, asegurou a presidenta provincial. Ata 3000 persoas maiores de 50 anos, 25 prazas por acción, poderán participar nesta iniciativa de fomento do envellecemento activo, no que crearemos espazos de encontro e intercambio que impulsarán a súa independencia, a inclusión, o acceso a formación non regrada e evitarán situacións de illamento e soidade. Poderán solicitalos as asociacións de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia. Máis de 11.000 persoas teñen participado nos obradoiros entre os anos 2016 e 2019.

    Boas novas nos cursos de español para migrantes: 95% de exames do Cervantes aprobados

    A presidenta Carmela Silva tamén aproveitou para informar das “boas novas” que chegan respecto ao alumnado dos cursos de español para persoas migrantes procedentes de países non hispanofalantes. O 95% das persoas que cursaron as accións da edición do 2021, destinadas á obtención do diploma DELE A2 (indispensable para optar á nacionalidade), aprobaron o exame do Instituto Cervantes en Vigo.

    “Síntome moi orgullosa e emocióname, especialmente nestes días nos que temos que escoitar a indecencia de quen cuestiona as persoas migrantes que veñen buscando unha mellor vida, fuxindo de guerras e da pobreza”, sinalou a presidenta provincial, que avogou por “poñernos en fronte e pór enriba da mesa o seu enorme esforzo, participando nos cursos e aprobando. Síntome orgullosa delas e deles, da Universidade de Vigo con quen organizamos os cursos e desta administración”. Carmela Silva non esqueceu que “desta provincia saían barcos cheos de xente de todo o Estado escapando da miseria, e como galega orgullosa da nosa xente migrante tamén o estou de poder contribuír a que a xente que agora migra cara ao noso país o faga nas mellores condicións”. A presidenta provincial deulles a benvida e agradeceunas por “todo o que contribúen á nosa economía: dan moito máis do que reciben”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.