12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA cultura cítase no Castelo de Soutomaior nunha xornada de debate sobre...

    A cultura cítase no Castelo de Soutomaior nunha xornada de debate sobre os retos “poscovid”

    A xuntanza celebrarase o 10 de febreiro e o prazo de inscrición está aberto cun máximo de 100 prazas

    A Deputación, xunto á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, organiza o día 10 de febreiro unha xornada no castelo de Soutomaior para debater sobre os desafíos aos que se enfronta o sector da cultura. A presidenta provincial, Carmela Silva, presentou o encontro, que leva por nome “Retos da cultura poscovid”, xunto á vicepresidenta da entidade cultural, Clara Cordeiro, e resaltou que “desde as Administracións temos que escoitar moito ás asociacións e persoas do mundo da cultura, que son as que nos marcan o camiño, e apostar máis que nunca por potenciala”. A responsable da Deputación animou “á xente da cultura a apuntarse e vir a un lugar que é ademais tan especial como o castelo”. Cordeiro, pola súa banda, destacou que a cita será “unha maneira de reencontrarnos despois dun tempo tan difícil”. A inscrición está aberta xa a través desta ligazón cun máximo de 100 prazas.

    “Todas e todos sufrimos moito coa pandemia pero particularmente as persoas que se dedican á cultura cos confinamentos, redución de público e peches. Pero esta situación tamén demostrou que a xente precisou á cultura para soportar a pandemia, e a cultura permite ademais construír sociedades avanzadas e modernas, con pensamento crítico”, expuxo Carmela Silva, quen resaltou que nas charlas e mesas “participará xente moi potente e diversa e a xornada permitirá tecer redes, sumar sinerxías e poñer en contacto aos profesionais do sector”. Ademais, destacou que se afondará nas charlas e debates “na sostibilidade, o feminismo, a necesidade de expandir a cultura a todo o territorio e nas redes colaborativas”.

    Programa

    O 10 de febreiro, a presidenta da Deputación abrirá a xornada xunto a Pilar Portela, presidenta da Asociación e exdirectora do Pazo de Congresos de Pontevedra. A continuación terá lugar a conferencia marco “Retos da cultura poscovid” a cargo de Benito Burgos, coordinador do programa Cultura e Cidadanía na Subdirección Xeral de Cooperación Cultural do Ministerio de Cultura.

    Unha hora despois dará comezo a mesa de debate sobre “Retos de futuro da xestión cultural na provincia de Pontevedra” na que participan o xornalista Alfonso Pato; a tamén comunicadora especializada no eido da cultura Marián Rodríguez; a socióloga e técnica cultural Marta Núñez; a xestora e comisaria cultural Paula Cabaleiro, directora da área de Cultura da Deputación; e Jorge Linheira, investigador sobre políticas culturais e autor do libro “La cultura como reserva india. Treinta y seis años de políticas no culturales en Galicia”.

    Proxectos inspiradores

    Finalmente pechará a xornada, ás 12.30 horas, a mesa “Proxectos inspiradores en xestión cultural na provincia de Pontevedra”. Alí presentaranse iniciativas como a colección de cinco libros “Defensoras de Dereitos”, con textos de Lara Dopazo e ilustracións de Marta Conde e Rotmlnas e no que colaborou a Deputación; ou a cooperativa “Somos Terra”, que ten por obxecto educar e sensibilizar sobre a sostibilidade, da man  dunha das súas socias, Eva López.

    Silvia Villar, activista, xestora e investigadora sociocultural, presentará “A casa colorida”, organización colectiva que axuda a desenvolver proxectos a través de software libre. Mar García, programadora da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, dará a coñecer “Achegando culturas”, proxecto social que impulsa a biblioteca e a Fundación Secretariado Gitano para fomentar a cultura e a integración.

    A xornada péchase coa intervención da presidenta da Asociación e de Carlos Lorenzo, secretario da entidade, consultor cultural e director do documental “Vértice de versos”.

    Apoio da Deputación

    Pilar Cordeiro agradeceu na presentación o apoio da presidenta Carmela Silva e da Deputación ao mundo da cultura. “É moi importante, ao igual que a forma, con esa predisposición a escoitar e a facilitar o noso traballo, que pasa por defender a cultura, e máis nestes tempos”, explicou. Cordeiro engadiu que o sector “pasa por unha situación máis fráxil que nunca, pero somos optimistas sobre que as cousas poden mellorar” Apuntou a intención de que a xornada “sexa un encontro participativo, para falar e debater, produtivo e lúdico”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.