Sábado, 3 Maio de 2025

Quince persoas desempregadas de Nigrán poderán participar nun curso de acompañante de comedor e de transporte escolar

O curso está dirixido a 15 persoas en busca activa de emprego e está promovido polo Concello de Nigrán, Deputación e Fundación Érguete

A Fundación Érguete-Integración, Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán presentaron esta mañá no Centro Antena o curso ‘Acompañante de transporte escolar e comedor escolar’ de mellora da empregabilidade para 15 en paro. Ao acto acudíu o alcalde de Nigrán, Juan González; a presidenta da fundacion, Carmen Avendaño; e o deputado provincial Carlos López Font.

O proxecto Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra, e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán, está pensado para mellorar a empregabilidade das persoas situación de desemprego, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa, e Itinerarios Individualizados de Inserción, que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral. Precisamente, este curso foi programado atendendo a unha maior demanda destes perfís laborais motivado polo Covid-19.

No curso, de 210 horas, aprenderán a realizar as tarefas de coidado e atención dos alumnos usuarios do servicio de comedor, inculcando bos hábitos alimenticios e ensinando ós nenos a comer de xeito saudable, e o control das saídas e entradas dos alumnos para que ningún abandone o recinto sen permiso. Na parte de acompañante de transporte escolar: o coidado dos menores durante o transporte e as operacións de acceso e abandono do vehículo, así como, no seu caso, da recollida e acompañamento dos/das alumnos/as dende e ata o interior do recinto escolar.

Paralelamente, Concello, Érguete e Zona Franca están a desenvolver un curso de auxiliar de comercio en Porto do Molle dirixido tamén a mellorar a empregabilidade entre persoas en busca activa de emprego.