Xoves, 13 Febreiro de 2025

Nigrán renova a sinalización da súa rede de sendeiros ante a aposta de multiplicar a oferta de rutas guiadas durante o verán

A cooperativa ‘Árbore Arqueoloxía e Restauración’ está a desenvolver estes traballos nos 51,5 km dos 8 sendeiros e estará a cargo de guiar 22 rutas entre xullo e agosto con cadansúa actividade didáctica posterior

O Concello de Nigrán ven de investir 8.000 € na renovación da sinalización de toda a súa rede de sendeiros forestais de cara a multiplicar este verán a oferta de roteiros guiados e descentralizar o turismo exclusivo de praia. Paralelamente, todos serán postos a punto polos catro novos contratados a través do programa Risga para realiar tarefas de rozas.

Así, a cooperativa ‘Árbore Arqueoloxía e Restauración’ (a mesma que se encargou da escavación do Castro de Chandebrito) está piques de rematar estes traballos para ofrecer a partir do día 2 de xullo un total de 22 roteiros guiados por 8 rutas entre xullo e agosto que rematarán con cadansúa actividade didáctica vinculada á historia desa contorna. O Concello anunciará as datas concretas a vindeira semana xunto con toda a programación de xullo e, en calquera caso, realizaranse baixo inscrición previa para poder cumprir en cada momento coas recomendacións sanitarias.

Sendeiro Circular de Priegue

“Neste verán optamos por multiplicar os roteiros porque temos un potencial inmenso que, nestas circunstancias sanitarias, é ideal para desenvolver con todas as garantías e tamén para mostrar a outra cara de Nigrán, que vai moito máis alá da praia. Sabemos que será un ano con especial demanda deste tipo de actividades e queremos darlle toda a cabida posible”, xustifica o alcalde, Juan González.

Sendeiro de Matos

A rede de sendeiros municipal está integrada por un total de 8 roteiros que suman 51,5 km e percorren as 7 parroquias do municipio ofrecendo ao seu paso miradoiros, natureza, patrimonio… Son o sendeiro litoral que se inicia na Ramallosa e remata en Monteferro; o sendeiro circular das Medoñas (único con dificultade alta) que discorre por Priegue; o sendeiro do Camiño Portugués pola Costa desde A Ramallosa a Saiáns; o sendeiro circular de Camos desde a Capela de San Roque; o sendeiro circular do Castro por Chandebrito; o sendeiro circular dos Matos entre Camos e Chandebrito; o sendeiro circular dos Mouros por Parada e o sendeiro circular polo río Muíños na contorna de Praia América e Porto do Molle. Todos eles serán ofrecidos como rutas guiadas no mes de xullo e tamén agosto.