Domingo, 4 Maio de 2025

O río Miñor rexistra un incremento significativo do seu caudal ao paso pola localidade de Gondomar

Nas últimas horas, o río Miñor presentou valores de caudal por riba dos limiares establecidos, polo que, desde o 112 Galicia, foron informados os servizos de emerxencias da zona para que adoptaren as medidas de prevención correspondentes.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Inungal co fin de realizar un seguimento e control sobre os distintos cursos fluviales, que nas vindeiras horas poden experimentar aumentos de caudal e provocar, polo tanto, desbordamentos puntuais.

De feito, o 112 Galicia tivo coñecemento, durante esta noite, de incidencias nos concellos de Gondomar, O Porriño e Oia, que estiveron relacionadas coa suba dos niveis de auga en regatos e ríos coa consecuente inundación de zonas lindeiras. Así, pasada a unha desta madrugada, o persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) interveu para aliviar un anegamento da estrada PO-552, ao paso polo concello de Oia, concretamente en San Xiao.

Ademais, en Mañufe, Gondomar, houbo un desbordamento que provocou a inundación da ponte romana sen causar danos.

Máis recente esta mañá, desde O Porriño, chegaron ao 112 Galicia avisos por anegamentos na estrada que une Pontellas con Torneiros. Segundo explicaron as persoas particulares que comunicaron os feitos ao servizo de emerxencias, o río Louro puido desbordarse e iso está a provocar dificultades na circulación por esta vía. Con todo, están informados os voluntarios de Protección Civil e axentes da Policía Local.