O pasado sábado, 11 de decembro, Galicia mobilizouse masivamente a prol das montañas e do rural galego e en contra da actual invasión eólica que ameaza o territorio. Máis de 5000 persoas participaron nas 22 mobilizacións convocadas por toda Galicia pola coordinadora galega “Eólica Así Non” para este Día mundial das Montañas co gallo de reivindicar diante das administracións públicas a preservación destes ecosistemas fronte a actual vaga eólica, baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”.
Como xa acontecera o pasado 5 de xuño na Praza do Obardoiro de Santiago de Compostela, a resposta da sociedade galega foi contundente. A multitude congredada desta volta en diferentes localidades do país volveu reclamar a paralización urxente, real e efectiva dos case 300 parques eólicos que se atopan actualmente en tramitación e que se prevén instalar. Máis de 170 entidades que fan parte da coordinadora, entre colectivos e plataformas veciñais, de afectados, ecoloxistas, culturais, sociais ou políticas, rexeitan a falaz e inútil moratoria anunciada polo goberno, por non ter ningún efecto sobre os actuais proxectos en tramitación e que só pretende confundir a opinión pública e desmobilizar a sociedade.
Desde a coordinadora “Eólica así non” enténdese que o éxito desta gran mobilización debe obrigar a reconsiderar un cambio no modelo de implantación eólica e, por extensión, un cambio de modelo enerxético, no que se aposte polas enerxías renovables, pero non co fin de satisfacer as ansias especulativas do lobby enerxético e á costa de sacrificar o territorio, senón pensando no interese xeral. O novo modelo de implantación da enerxía eólica debería estar fundamentado na soberanía enerxética, no fomento do aforro e da eficiencia enerxética, no autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.
Tamén fíxose fincapé sobre o irreparable impacto que estes preto de 300 proxectos eólicos, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, terían sobre a rede de montañas galegas. Estes ecosistemas, que constitúen o principal obxectivo de ocupación das promotoras eólicas, representan un papel fundamental no desenvolvemento e resiliencia da nosa sociedade. As montañas son a principal fonte de auga e de alimento, son refuxio das especies e hábitats de maior interese para facer fronte ao quecemento global, regulan o clima e controlan a erosión do solo, son paisaxe e reservorios do noso patrimonio cultural,… En definitiva, son unha peza clave para o equilibrio ecolóxico de Galicia, polo que a súa destrución estaría poñendo en risco o futuro e o das vindeiras xeracións.
Diversidade de actos na defensa das montañas
Nesta xornada de defensa das montañas, a coordinadora “Eólica así non” convocou a sociedade galega en 22 enclaves xeográficos repartidos nas catro provincias galegas: Bembibre-Val do Dubra, Carral, Coristanco, Ferrol, Mazaricos (provincia A Coruña); Antas de Ulla, Becerreá, Chantada, O Courel, Foz, Lugo, Meira, Vilalba (provincia de Lugo); A Lama, Bueu, Cerdedo, Gondomar, Marín, Pontevedra, Vila de Cruces (provincia de Pontevedra); Castro Caldelas e Laza (provincia de Ourense).
Algunhas das consignas máis proclamadas nesta xornada de concentracións foron “Eólicos si, pero non así”, “Montañas sagradas, aldeas habitadas”, “O Capital bótanos do rural”, “Non, non, non a esta invasión; non, non, non á colonización”, “Que nos escoiten, queremos vivo o monte” ou “Non ao espolio do noso Patrimonio”.
A meirande parte dos actos celebrados nesta xornada discorreron en forma de concentración reivindicativa na que se leu o manifesto “Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non”. Porén, nalgúns casos, como o de Bembibre (Val do Dubra), Ferrol, Cerdedo ou Antas de Ulla houbo manifestacións ou percorridos a pé que cortaron o tráfico de varias estradas. Nas mobilizacións convocadas para A Lama, Mazaricos, Marín e Gondomar realizáronse subidas aos montes ou montañas máis emblemáticos destas áreas en cuxos cumios se prodeceu á lectura do manifesto. As mobilizacións máis concorridas foron as de Bembibre (Val Do Dubra), Ferrol, Marín, Gondomar, seguidas de Pontevedra, Lugo, Foz, Vila de Cruces, Cerdedo, Carral e Meira.
En Lugo, Foz e Vilalba os actos estiveron acompañadas polo son das gaitas tradicionais e tamén se fixeron recitais poéticos, e en Castro Caldelas amenizouse a xornada reivindicativa cunha chocolatada. Na concentración de Becerreá leu o manifesto o veciño da Fonsagrada e protagonista de “O que Arde”, Amador Arias, e en Pontevedra sumouse á mobilización o alcalde da cidade. Na andaina polo monte de Gondomar hoube unha especial presenza dos clubes de montaña. Na península do Morrazo, os actos terán lugar ao longo de toda a xornada, completándose a andaina de pola mañá no concello de Marín, cunha palestra e magosto pola tarde en Bueu. E no concello de Laza celebraranse en sesión de tarde, a partir das 16 horas. A última hora, tívose que desconvocar a concentración en Seoane do Courel por motivos de prevención fronte a incidencia da Covid-19.
Ao longo desta semana tamén amosaron o seu apoio ás mobilizacións convocadas pola Coordinador Eólica Así Non persoas recoñecidas da cultura galega como Miguel de Lira, Xurxo Souto, a Banda da Loba, Adela Figueroa, Lois Pérez ou Benedita Sánchez, entre outras.